Presentación de A ARTE DO BO PESCAR no Decathlon de Oleiros

Baía Edicións presenta A arte do bo pescar, de José María Vilar Varela no Decathlon de Oleiros.

O acto terá lugar hoxe venres 22 de xuño ás 18:00 h no Decathlon de Oleiros. Esta presentación se inclúe nas actividades gratuítas que propón, sobre a pesca, o Decathlon. Dentro da Semana da Pesca, o Decahlon de Oleiros realiza a presentación de A arte do bo pescar hoxe pola tarde e o sábado 23 un vendedor especializado ensinará aos presentes os tipos de nudos, os seus usos, e características especiais.

A arte do bo pescar, en definitiva, é unha obra que pon en valor esta actividade que forma parte tamén da cultura das nosas vilas e cidades mariñeiras. Esta guía representa, por unha banda, a plasmación dos coñecementos adquiridos polo autor ao longo da súa dilatada experiencia e, por outra, o seu desexo de transmitirllos aos apenas iniciados nesta práctica e a quen aínda non se deixaron atraer por ela.

Unha xuíza de Vigo rexeita unha demanda por estar escrita “en galego”

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou este mércores “un novo e grave caso de discriminación” contra o galego na Xustiza, posto que unha xuíza de Vigo rexeitou unha demanda por estar escrita no idioma oficial de Galicia e instou á demandante a presentala de novo en castelán e a utilizar esta lingua para “os sucesivos escritos”.

A través dun comunicado, o presidente da Mesa, Carlos Callón, subliñou que a maxistrada “pide nin máis nin menos que unha tradución xurada”. “Parece feito para facer escarnio da lexítima e legal opción de usar o noso idioma ante a Administración de Xustiza”, reprobou.

Dito isto, Callón lamentou que “non é a primeira vez” que se produce “unha situación tan absurda e discriminatoria como esta”, de modo que pediu ás distintas administracións que “abran dunha vez os ollos e tomen medidas” para combater este “racismo lingüístico”.

“Non podemos ser menos por querer usar o noso idioma”, advertiu, tras avanzar que remitirá cartas de queixa á Xunta, o Goberno central, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e o Consello Xeral do Poder Xudicial. “Non pode ser que a administración que debe velar polos nosos dereitos, tamén os nosos dereitos lingüísticos, sexa a primeira en vulneralos”, sentenciou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Fonte: Europapress

O Congreso E-duca centrarase nas “aprendizaxes invisibles”

O Congreso E-duca é unha actividade formativa organizada polo Centro de Estudos de Tecnoloxía Avanzada( CITA) e vaise desenvolver ó longo dos días 2, 3 e 4 de xullo. É un espazo de econtro, de intercambio e de aprendizaxe que este ano vai centrar os seus esforzos nas aprendizaxes invisibles.

A actividade vaise desenvolver a través de obradoiros, que estarán dedicados a poñer en práctica diversas técnicas de aprendizaxe invisible, utilizando diferentes disciplinas, que irán dende a música á robótica. Os obradoiros teñen unha duración de 10 horas, o que obriga aos inscritos a optar pola realización dun deles.

Fonte: AGE

Obradoiros

Inscrición

Día das Letras Galegas, 50 anos cultivando a palabra

A Real Academia Galega conmemorou o sábado pola tarde o 50 aniversario do Día das Letras Galegas co cultivo da palabra nunha horta simbólica que daba forma ao legado literario de Galicia.

Ao son de Negra Sombra, Unha noite na eira do trigo e Lenda de Montelongo, os alcaldes das localidades de orixe dos homenaxeados no último medio século o Día das Letras foron rendendo tributo aos creadores.

Mentres, escolares de Padrón, Celanova, Cambados, Rianxo, Mondoñedo e O Courel foron depositando pétalos da casa de Rosalía de Castro; terra da horta de Curros Enríquez; auga do mar do Rianxo de Castelao, Rafeal Dieste e Manuel Antonio; herbas da casa de Novoneyra; arume recollido xunta da casa Pondal e auga da a fonte vella do Mondoñedo de Cunqueiro para dar forma á horta simbólica.

O acto celebrado esta tarde na Coruña foi o punto culminante da programación especial organizada pola Academia para conmemorar o acto aniversario do Día das Letras Galegas.

“Un dos grandes acertos da Real Academia Galega foi a creación do Día das Letras Galegas”, subliñou presidente da entidade, Xosé Luís Méndez Ferrín, durante o seu discurso.

O presidente da RAG reivindicou o labor realizado polos pioneiros da Academia que, coa creación do Día das Letras Galegas, fomentaron o “orgullo de ser galegos” e axudaron a crear a identidade de Galicia como “pobo único” entre as nacións da Terra.

Mendez Ferrín destacou a aceptación que o Día das Letras Galegas tivo sempre na sociedade galega que atopou nel un exemplo da súa identidade como pobo.

O acto estivo presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen á súa chegada foi apupado por unha decena de traballadoras do servizo de orientación que solicitaban unha reunión co mandatario.

Fonte: Galiciaé

A USC conta cun centro que promove e apoia a diversidade das culturas do mundo

CampUSCulturae é unha aposta da Universidade de Santiago polas culturas do mundo, pola diversidade e o pluralismo cultural. O centro susténtase en catro piares: Biblioteca Internacional especializada en Literatura Infantil e Xuvenil, o Museo Internacional da Ilustración, o Centro da InterCulturalidade  e Centro Internacional da Creatividade.

Os catro piares

O Museo Internacional da Ilustración manterá unha colección permanente da obra dos autores ilustradores de todo o mundo, realizará exposicións itinerantes e temporais e organizará obradoiros formativos. A institución tamén contará cun Museo virtual, un espazo de experimentación interactiva coa arte. O Centro da Interculturalidade funcionará como un banco de ideas e tempo, espazo on line para o intercambio de experiencias e proxectos sobre multiculturalidade. Este espazo contará con outros instrumentos de traballo como IRE.net, para intercambio de recursos en rede entre distintas comunidades virtuais. Os promotores deseñaron un plan (ADAN) que traballará para asociar a Diferenza á Normalidade e que se implicará na integración na cultura de persoas con necesidades especiais.

CampUSCulturae tamén contará con medios de comunicación, a Radio TV campUSCCulturae, canle on line sobre diversidade cultural. O Centro Internacional de Creatividade pretende ser unha plataforma entre linguaxes infantís e a arte contemporánea, un espazo de creación músico-literaria e un laboratorio de autoedición e de libros únicos e de artista.

Ilustramundos

O centro organizou no mes de febreiro a exposición Ilustramundos, mostra que estivo exposta no Pazo de Fonseca e na que participaron ilustradores de recoñecido prestixio internacional. Tamén organizou o congreso ‘Ilustrando a diversidade’, encontro no que participaron 150 expertos e investigadores de nove países europeos e americanos para explorar as posibilidades da ilustración como canle para a diversidade, a interculturalidade e o pluralismo.

Á fronte deste proxecto está Xosé A. Neira Cruz, profesor da Facultade de CC da Comunicación da USC, escritor, xornalista e promotor de proxectos culturais.

Fonte: AGE

As pinturas rupestres máis antigas puideron ser realizadas por neandertales

As pinturas rupestres máis antigas do mundo puidéronas facer os neandertales. É a tese que suxire un grupo internacional de investgación arqueolóxica que mañá se publica na revista Science un estudo que demostra que algunhas representacións de arte paleolítico presentes en covas de Asturias e Cantabria posúen unha orixe máis remota do que se cría. Ata agora se pensaba que este tipo de pinturas non tiñan máis de 32.000 anos. Con todo, grazas a métodos de medición máis certeiros que o carbono 14 chegouse á conclusión de que algunhas representacións, concretamente un disco vermello na cova do Castelo (Cantabria), data de polo menos 40.800 anos.

Ese gran punto vermello foi pintado, xa que logo, uns 7.000 anos antes que as pinturas da cova francesa de Chauvet, que ata agora retiñan a marca de antigüidade no que arte rupestre se refire.

O descubrimento foi posible grazas ao emprego das series de uranio-torio, que permitiron a análise de mostras de calcita de apenas un milímetro de grosor.

A datación de uranio-torio supera á do carbono 14, coa que só se poden datar pinturas realizadas con materia orgánica. Por riba, as series de uranio-torio posibilitan extraer mostras moi pequenas sen danar as pinturas.

De acordo con Marcos García Díez, profesor de Prehistoria da Universidade do País Vasco e un dos membros do equipo que efectuou o achado, todos os datos se alian para manter a hipótese de que as primitivas pinturas foron obra dos neandertales. «Sábese que os neandertales, fai máis de corenta mil anos, facían adornos corporles, xa sexa por estética ou distinción social».

Estes grupos de poboación que precederon ao homo sapiens gravaban en pequenos ósos e pedras liñas paralelas e outras que se cruzan entre elas. Trátase de motivos alleos por completo á arte figurativo e que adoitan ser puntos, figuras xeométricas ou representacións do contorno da man. Este tipo de representacións de arte xeométrico tamén se atopan nas once covas estudadas, localizadas todas elas en Asturias e Cantabria. «Casualmente, todas as figuras que se documentaron no proxecto son iguais ás desas pezas de arte moble».

«Homo sapiens»

Segundo García Dez, é «altamente probable» que as pinturas obxecto do estudo fosen executadas por neandertales, sen prexuízo de que algunhas delas fosen realizadas por homo sapiens. «Hai 30.000 ou 35.000 anos empeza esa explosión da arte decorativo. A data de hoxe, o figurativo só se pode relacionar con poboacións de homo sapiens», argumenta García Díez. As datas, polo demais coinciden. Na península ibérica a transición entre neandertales e homo sapiens prodúcese precisamente hai 40.000 anos.

Tamén na cova do Castelo hai unhas figuras moi significativas, unhas mans, cunha antigüidade estimada de 37.300 anos. E en Altamira uns signos de forma triangular datáronse en 35.600 anos atrás.

Coa conclusión a que se chegou rompe un paradigma de orde antropolóxica. Non en balde se desfaría o lugar común que asocia aos neandertales con espécimes só interesados en procurarse alimento e asegurarse a subsistencia. Deste xeito, os neandertales, coa arte decorativa e corporal, estarían demostrando unha inquietude pola interacción social que desde o punto de vista da conduta é moi relevante.

Os investigadores cifraron entre 35.500 e 29.6oo anos a idade da representación dunha figura humana que se acha na cova de Tito Bustillo (Asturias). Con iso é posible arriscar unha data ao redor da eclosión da arte figurativo rupestre, cuxa irrupción se situaría nesa pinza temporal. Esta datación é coherente coa antigüidade do motivo figurativo máis antigo de arte moble, que se remota a 32.000 anos.

O grupo de científicos está formado por británicos, españois, portugeses e un alemán, todos eles dirixidos por Alistair Pike, da Universidade de Bristol. Os investigadores dataron ata 51 figuras de once covas e os resultados máis destacados proveñen de Altamira, O Castelo e Tito Bustillo, os tres mellores conxuntos de arte rupestre do mundo e declarados pola Unesco Patrimonio Mundial.

Fonte: La Voz de Galicia

Galicia agrupará na mesma aula a nenos de 6 a 12 anos para aforrar

Galicia retorna ao modelo educativo das escolas rurais: un mestre para todos. E para todo. A partir do próximo curso, os docentes impartirán, en Primaria, clase a 20 alumnos de entre 6 e 12 anos. Desde os que empezan a ler ata os que se preparan para a ESO. Mentres vixía de esguello as manualidades dos máis pequenos, o profesor deberá elevar o ton para captar a atención dos maiores á súa exposición sobre a materia de Coñecemento do Medio, ou a de Matemáticas, que deberá explicar en distintos niveis de complexidade, segundo idades. A Consellería de Educación decidiu –incumprindo o acordo que o mesmo conselleiro asinou cos sindicatos en 2009– recortar por aquí.

A coordinadora de CC OO en Ourense, Ana Barrios, alertou este mércores de que o Goberno de Feijóo intenta “cargarse os servizos públicos e dar prioridade aos privados”. O sindicato decatouse pola publicación dun anuncio da Consellería no DOG sobre supresión de prazas. Na provincia de Ourense desaparecerán 67 aulas de preto de 60 centros. Con elas suprímense 83 profesores funcionarios e preto de 20 interinos. Isto é, un centenar de empregos. O portavoz de Educación de CC OO en Ourense, Álex Portela, alerta do “golpe de morte” que o Gabinete de Jesús Vázquez inflinxiu con este acordo “unilateral” á educación no medio rural, onde cando se matriculan dous alumnos “é unha auténtica festa”.

O “grave atentado” á educación pública será máis notorio nas provincias do interior, Ourense e Lugo. As cifras de cursos que se reagruparán nesta última son similares ás de Ourense, segundo CC OO. A menor dispersión xeográfica da Coruña e Pontevedra pon a salvo a estas dúas. Nas vilas pequenas “é difícil chegar ao cociente de 25 con alumnos da mesma idade ou grupo” polo que “agruparase a alumnado de diferentes idades, grupos e niveis”, explica o representante de CC OO. Só en Ourense, 20 Concellos están tocados de morte cun único profesor para Infantil e un só para Primaria. Outros 24 centros quedarán cun só mestre para os tres cursos de Infantil e dous mestres para os seis de Primaria. Na capital, e fronte ao recente concerto de centros privados, perden unidades cinco centros de Infantil e Primaria. E, xunto a eles, os do Barco, Bande, Rairíz de Veiga, Amoeiro e A Rúa pechan tamén aulas.

Un “retroceso de 40 anos”, en palabras do portavoz de CC OO e un obxectivo claro do Goberno de Feijóo que, apenas recuperada a Xunta, decidiu estender o modelo do reagrupamiento de unidades. En 2009, unha mestra víase a diario con seis alumnos de tres cursos diferentes e dous ciclos educativos distintos. En Galicia había entón 429 escolas con algunha unidade reagrupada. Para estrearse no seu mandato, o conselleiro Jesús Vázquez decidiu estender o modelo que habería de afectar a entre 4.500 e 5.000 nenos.

Cando, en maio dese mesmo ano, Vázquez ordenou agrupar nunha mesma clase ata 20 alumnos de distintos cursos, os sindicatos saltaron. A Xunta resolveu o conflito asinando un acordo con eles que agora incumpre.

Fonte: El País

Foto: Escola con alumnos de distintas edades en Teo. / OSCAR CORRAL

Preescolar na casa cesa a súa actividade

A Fundación Preescolar na Casa ten os días contados. O 30 de xuño bota o peche a fundación cuxa filosofía aséntase “na mellora da educación en bebés de cero a tres anos”, desde que en xaneiro de 1977 se fundara en Lugo baixo o padrinazgo do que se coñecía como cura da bicicleta, o altruísta Antonio Gandoy.

Uns 3.000 nenos e 32 traballadores sufrirán a ausencia do programa que deixa de financiar a Xunta de Galicia e os Concellos que colaboraban. A fundación, en suspensión de pagos, non podía seguir recibindo axudas, segundo explica a súa presidenta, entre bágoas. Marisol Fernández non oculta a súa pena porque en setembro non se fagan cargo do mesmo a administración.

“Eu non creo tanto na igualdade de oportunidades, senón en que hai que darlle a volta a isto e ofrecer á xente oportunidades para a igualdade”, resume Fernández que apela ao sentido que durante estes anos tivo Preescolar na Casa, “atender as necesidades que as administracións públicas non atenden”, coma se dunha ONG se tratase, sintetiza. De nada serviron as campañas na rúa ou a recollida de firmas. Terá que liquidar ao persoal, cun custo de 400.000 euros.

Fonte: El País

Foto: Milagros Candal, orientadora da Fundación Preescolar na Casa

A Fundación Premios da Crítica celebra os 35 anos de cultura galega

Un xantar de irmandade na Bodega Martín Codax de Cambados reunirá o sábado 16 de xuño a  boa parte dos premiados pola Fundación no transcurso de 35 anos. Un encontro agarimoso de boa parte das figuras que axudaron a construír durante máis de tres décadas a cultura galega nos eidos da creacion literaria, a música, as artes plásticas ou
as artes escénicas e visuais.

Desde 1978

A entidade lembra que dende o ano 1978 e de forma ininterrompida, os Premios da Crítica Galicia viñeron  recoñecendo cada ano a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. Xerados dende a iniciativa da sociedade civil, anticipándose ao inicio da Autonomía, os Premios da Crítica Galicia -unha plataforma plural, independente e interxeracional- asumiron como o seu obxectivo sobranceiro o de tomar o pulso do latexo da nosa creación cultural. Un traballo en man común e en clave de país cuxa continuidade contribúe a acrisolar a tradición galega.

A Fundación Premios da Crítica Galicia recoñece a traxectoria da Bodega Martín Códax, a anfitrioa deste importante e único encontro da cultura galega contemporánea, como modelo de empresa social con raíces ben chantadas na terra e na lingua de noso, ao tempo que capaz de desenvolver un importante proxecto de internacionalización dun produto de calidade vencellado á cultura galega.

35 anos da cultura galega nun libro

Os Premios da Critica Galicia 2012 ditaminaranse o 20 de outubro na cidade de Vigo. A esta altura estanse formando os xurados de cada unha das categorías (Creación literaria, Investigación, Musica, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais). Así mesmo, prepárase a edición dun libro, 35 anos de Cultura galega, e a celebración de sete mesas redondas en cada unha das cidades galegas nas que se pretende facer balance do estado de cada un dos ámbitos da creación cultural en Galicia nas tres útimas décadas.

Fonte: AGE

Foto: Cartaz utilizado nos Premios da Crítica 2011.

A galega Cilenis lanza as versións para móbil dos seus conxugadores verbais de español e portugués

A firma galega Cilenis, especializada no procesamento da linguaxe natural e a enxeñaría lingüística, atopou definitivamente nas TIC o aliado perfecto para axudarlle á sociedade a falar a nosa lingua con propiedade: conxugando os verbos con corrección e segundo as normas establecidas polos organismos oficiais.

Iso xa foi en novembro do pasado ano, cando a firma nos sorprendeu cun conxugador de verbos en galego para usar comodamente dende o ordenador, que non só permitía conxugar tódalas formas verbais dos verbos existentes na nosa lingua, senón tamén conxugar verbos inventados tales como “twittear” ou mesmo “facebooquear” que aínda non son oficiais (pero que todo se andará).

Porén o gran salto á fama do Conxugalego, que así se chama a ferramenta, chegou co lanzamento da súa aplicación para móbiles a Google Play, deseñada especificamente para usar onde máis falta facía: na rúa.

Agora Cilenis, na súa teima por mellorar a nosa forma de expresarnos en calquera lingua, vén de lanzar á tenda Android dúas curmáns do Conxugalego: un conxugador de español e un conxugador de portugués, que se poden descargar totalmente de balde para usar ámbolos dous idiomas con propiedade e corrección.

As ferramentas, moi intuitivas e doadas de usar, foron desenvolvidas pola empresa GalApps para Cilenis, e xa se poden descargar e instalar en terminais de última xeración con sistema operativo Android, para darlle uso de inmediato sen temor a atopar publicidade.

Conjugador Português e Conjugador Español permiten consultar tanto verbos normativos como calquera outro verbo que se nos ocorra: neoloxismos, tecnicismos, localismos, verbos de xerga ou mesmo inventados, tal como permitía a anterior aplicación en galego.

No caso do conxugador de español, recolle todos os verbos recoñecidos pola Real Academia Española (RAE) e, asemade, os verbos polisémicos que teñen dúas conxugacións diferentes en función do seu significado.

O portugués, pola súa banda, permite conxugar verbos segundo a normativa brasileira ou portuguesa, e en ámbolos dous casos, antes e despois do Acordo Ortográfico.

Segundo afirman os seus desenvolvedores, “as dúas aplicacións son as máis completas, fiables e versátiles do seu ámbito”, ao que engaden que “non teñen competencia no mercado Android, onde só existen outros tres conxugadores para español, todos eles incompletos, con erros lingüísticos e incluso con interfaces noutros idiomas”, afirman.

No tocante ao portugués, indican que só existe un similar, que unicamente permite consultar verbos dunha listaxe predefinida e, polo tanto, limitada. Estamos a falar, por outra banda, dos primeiros conxugadores para móbiles de español e portugués deseñados con software libre, o que lle aporta un importante valor engadido ao usuario.

Fonte: Codigocero