Día das Letras Galegas, 50 anos cultivando a palabra
A Real Academia Galega conmemorou o sábado pola tarde o 50 aniversario do Día das Letras Galegas co cultivo da palabra nunha horta simbólica que daba forma ao legado literario de Galicia.
Ao son de Negra Sombra, Unha noite na eira do trigo e Lenda de Montelongo, os alcaldes das localidades de orixe dos homenaxeados no último medio século o Día das Letras foron rendendo tributo aos creadores.
Mentres, escolares de Padrón, Celanova, Cambados, Rianxo, Mondoñedo e O Courel foron depositando pétalos da casa de Rosalía de Castro; terra da horta de Curros Enríquez; auga do mar do Rianxo de Castelao, Rafeal Dieste e Manuel Antonio; herbas da casa de Novoneyra; arume recollido xunta da casa Pondal e auga da a fonte vella do Mondoñedo de Cunqueiro para dar forma á horta simbólica.
O acto celebrado esta tarde na Coruña foi o punto culminante da programación especial organizada pola Academia para conmemorar o acto aniversario do Día das Letras Galegas.
“Un dos grandes acertos da Real Academia Galega foi a creación do Día das Letras Galegas”, subliñou presidente da entidade, Xosé Luís Méndez Ferrín, durante o seu discurso.
O presidente da RAG reivindicou o labor realizado polos pioneiros da Academia que, coa creación do Día das Letras Galegas, fomentaron o “orgullo de ser galegos” e axudaron a crear a identidade de Galicia como “pobo único” entre as nacións da Terra.
Mendez Ferrín destacou a aceptación que o Día das Letras Galegas tivo sempre na sociedade galega que atopou nel un exemplo da súa identidade como pobo.
O acto estivo presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen á súa chegada foi apupado por unha decena de traballadoras do servizo de orientación que solicitaban unha reunión co mandatario.
Fonte: Galiciaé