Entradas

Día da Galiza Mártir na Coruña

O vindeiro luns, día 16 de agosto, ás 19.30 h celebraremos o Día da Galiza Mártir na Coruña.

Logo de vernos na obriga de adiar, por mor da COVID, esta actividade o ano pasado retomámola este 2021 e realizaremos o acto de homenaxe diante do monumento a Bóveda na rúa que leva o seu nome (na zona de Catro Camiños).

Este ano queremos facer algo especial que sexa homenaxe máis tamén momento para estar xuntas e por iso queremos festexalo e así contaremos con Susana Seivane que nos ofrecerá un pequeno concerto.

Teremos tamén con nós a  Mercedes Queixas que elaborou  o folleto dedicado a Elvira Bao, mestra represariada e con Ana Romero que elaborou o folleto dedicado a María Barbeito, mestra e pedagoga tamén represariada.

Aquelas persoas que nos acompañedes recibiredes de agasallo os dous últimos números do folleto de Mulleres de Palabra: o dedicado a Elvira Bao Maceiras e o dedicado a María Barbeito.

Ao ser ao aire libre non é necesario inscribirse.

Fonte: : Asociación Cultural Alexandre Bóveda

Exposición NÓS SOMOS ELAS

A exposición NÓS SOMOS ELAS, organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, xunto coa Área de Igualdade da Deputación da Coruña, e a colaboración do Concello de Laxe, permanecerá na Mariña desde o 1 ata o 30 de agosto.

Son 24 fotografías do fondo do Arquivo Fotográfico Vidal que forma parte da colección permanente do Museo do Mar de Laxe e vinte e catro voces poéticas para servir de elo coa imaxe:

  • Ana Romaní
  • Antía Otero
  • Berta Dávila
  • Chus Pato
  • Clara Vidal
  • Dores Tembrás
  • Eli Ríos
  • Emma Pedreira
  • Estíbaliz Espinosa
  • Eva Veiga
  • Helena Villar Janeiro
  • Lucía Aldao
  • Lucía Novás
  • Luz Pozo Garza
  • María do Cebreiro
  • Marica Campo
  • Marta Dacosta
  • Medos Romero
  • Mercedes Queixas
  • Miriam Ferradàns
  • Olga Patiño
  • Pilar Pallarés
  • Rosalía Fernández Rial
  • Yolanda Castaño

 

NÓS SOMOS ELAS quere ser a memoria do futuro. Se as fotos de Xosé Vidal son a memoria do pasado, a poesía é a memoria do futuro, é o plano para ollar, para volver a remirar.

Contra a desmemoria e o silenciamento do mundo rural e mariñeiro, a forza das mulleres que miran (nos) e semellan tamén escoitar o que temos que dicir.

NÓS SOMOS ELAS é o eloxio desde mundo rural e mariñeiro que dá visibilidade a certo vínculo emocional entre esa fotografía de mulleres e a palabra poética. Palabra poética que abre portas a entender, mais tamén que respecta o misterio, a beleza, o deleite nu…

Vinte e catro fotografías e vinte e catro poetas, desde as novísimas ás consagradas… para prestar vida a través da palabra, para descubrir sutilezas, praceres, significados, historias fracturadas…

Esta exposición Nós Somos Elas quere ser tamén unha mensaxe de esperanza, a certeza de que o futuro será mellor.

 

A miña Patria natural é Galiza

Alexandre Bóveda diante do tribunal que o condenaría a morte: “Ámoa fervorosamente como pode amar un fillo a súa nai. Endexamais a traizonaría aínda que se me concedesen séculos para vivir. Adóroa ata máis aló da miña morte. Se entende este tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis pola miña Terra. Fixen canto puiden por Galiza e faría moito máis se puidera. Se non podo seguir traballando máis por ela, gustaríame morrer pola miña Patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado”.

Recordo de Baía Edicións a Alexandre Bóveda, ASASINADO, Ninguén debería morrer por defender a súa Terra.

Foto: Imaxe da Revista Murguía.

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organiza “Historias da Coruña. A memoria da cidade”

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organiza “Historias da Coruña. A memoria da cidade”, un ciclo de conferencias que inclúe ademais a celebración dun roteiro pola cidade:

PROGRAMA:

  • Sábado 27 de xaneiro ás 11:30 h:  Roteiro “As mulleres das Irmandades da Fala”, no que se lembrará a Micaela Chao Maciñeiras, Elvira Bao Maceiras, María Miramontes, Amparo López Jean… Guían o roteiro Mercedes Queixas Zas, secretaria da AELG, e Mª Xosé Bravo, presidenta da A. C. Alexandre Bóveda.
  • Mércores 31 de xaneiro ás 19:30 h.: charla María Barbeito, unha vida dedicada, a cargo de Ana Romero Masiá, historiadora, investigadora e ensinante.
  • Luns 5 de febreiro ás 19:30 h.: charla “Unha historia urbana da Coruña”, a cargo de José María Cardesín Díaz, sociólogo, profesor da UDC e investigador do Grupo Estudos Territoriais.
  • Xoves 8 de febreiro ás 19:30 h: charla  “Umha panorámica geral da história do movimento obreiro na cidade e as greves”, a cargo de Carlos Velasco, historiador, investigador e profesor da UDC.

Asociación Cultural Alexandre Bóveda e Baía Edicións presentan ‘O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza’.

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda e Baía Edicións convidan ao lanzamento do libro O falar das fadas Lingua, música e toponimia da Galiza, de Xosé Manuel Sánchez Rei, que terá lugar nos locais da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa dos Olmos, 18-1º, A Coruña) na próxima sexta feira, 20 de xaneiro ás 20:00 horas.

Intervirán, para alén do autor, Belén López Vázquez, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto.

Ao remate do acto, o músico Anxo Lois Pintos interpretará uns temas coa zanfona.

17 de agosto: PREMIO GALIZA MÁRTIR

A Fundación “Alexandre Bóveda” instituíu o PREMIO GALIZA MÁRTIR a partir do ano 2006 co fin de lle recoñecer a unha persoa, grupo de persoas ou entidades o labor de recuperación da memoria histórica no noso país.

17 de agosto, Día da Galiza Mártir, é un día para a memoria de todas as mártires e os mártires do país que morreron asasinados por defenderen os seus ideais. O 17 de agosto é o día no que os galegos e galegas conmemoramos a figura de Alexandre Bóveda, ao que Castelao definiu como motor do Partido Galeguista. E é que aquel fatídico 17 de agosto de 1936, Bóveda, un dos fíos que teceu o anteproxecto de Estatuto, era fusilado no monte da Caeira despois de ser detido o 20 de xullo de 1936 por traizón e condenado a morte nun xuízo que tivo lugar o 13 de agosto do mesmo ano.

Para recoñecer a figura e traxectoria política de Bóveda e para recuperar a memoria do noso pobo, Pontevedra e Poio acollen na data do seu asasinato diversos actos de homenaxe. Nesta ocasión, a xornada comezará ás 13h no Monumento á Galiza Mártir, na Caeira (Poio) cun acto institucional organizado polo Concello de Poio que contará coas intervencións de Silvia Díaz (concelleira de Cultura), Xosé María Álvarez Cáccamo (Regaduxa), Uxío-Breogán Diéguez (presidente da Fundación Alexandre Bóveda), Amelia Bóveda (representante da familia) e de Luciano Sobral (alcalde de Poio). Durante o xantar da Fundación Alexandre Bóveda terá lugar a entrega do X Premio Galiza Mártir a título póstumo a Francisco Carballo.

A continuación, desenvolveranse os tradicionais xantares da Fundación Alexandre Bóveda e de Galiza Nova. Durante o xantar da Fundación Alexandre Bóveda terá lugar a entrega do X Premio Galiza Mártir a título póstumo a Francisco Carballo.

Na xornada da tarde, a partir das 19h, celebrarase unha homenaxe cívica no cemiterio pontevedrés de Santo Amaro, coas intervencións do escritor Suso de Toro e do vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, David Otero. Ás 20.30h comezará o acto político organizado, como cada ano, polo BNG e por Galiza Nova na praza de Curros Enríquez (Pontevedra). Intervirán Sabela Bará, responsábel comarcal de Organización de Galiza Nova, e César Mosqueira, vicepresidente da Deputación de Pontevedra.

Fonte: Sermos Galiza