Entradas

O profesorado da concertada subiu un 9 % nos últimos 7 anos

As sentenzas do Tribunal Supremo que rexeitan que os colexios de educación diferenciada -que separan a nenos e nenas- sexan concertados pola Administración reabriron un debate que en Galicia tivo o seu momento máis crítico no 2009, cando o bipartito intentou sen éxito retirar a subvención aos cinco centros deste tipo que hai nesta comunidade.

En xeral a educación concertada tivo sempre defensores e detractores. Nos últimos sete anos este tipo de centros, que escolarizan ao redor dun terzo do alumnado, experimentaron un incremento de profesorado de máis do 9,5 %, pasando de 4.859 a 5.321 segundo os datos da Xunta. A pública, que por primeira vez en anos perdeu docentes o pasado curso, creceu no mesmo período un 2,4 %. Desde a Consellería de Educación achacan esta evolución a que a etapa de infantil comezou a concertarse neses anos e a que unha porcentaxe dos docentes que figuran nas estatísticas da privada teñen xornadas a tempo parcial.

Posible incidencia do Supremo

A Xunta reiterou onte que o servizo xurídico analizará as dúas sentenzas para comprobar a posible incidencia nos cinco casos galegos, pero recorda que as sentenzas do Tribunal de Xustiza de Galicia ratifican a legalidade dos concertos galegos. Insisten en que o ensino mixto non é un factor necesario para acceder a un concerto senón que é un criterio de preferencia «pero non unha esixencia para o acceso a este réxime».

Negocio «integrista»

Socialistas e nacionalistas reclamaron a supresión dos cinco concertos que hai en Galicia, cos que se aforrarían tres millóns de euros. O socialista Abel Losada indicou que Feijoo trata de manter o negocio «para os grupos integristas católicos», lamentando que para o PP «o Opus Dei mande máis que o Tribunal Supremo».

Fonte: La Voz de Galicia

Foto: 20minutos

A Xunta eliminará 199 postos de Educación Infantil e Primaria

O goberno de Feijóo decidiu publicar no mes de agosto os recortes que realizará para o curso 2012-2013 en Educación Infantil, Primaria e Educación Especial. O mesmo día en que aseguraba aos medios de comunicación que a situación de Galiza non era a doutras zonas do Estado español e que a súa política económica era a ideal para non caer no rescate, o DOG  publicaba a Orde do 20 de xullo de 2012 pola que se modifican as unidades e os postos de traballo docentes dos centros públicos de educación infantil, primaria e educación especial.As ratios de alumnado poderán chegar até 20 alumn@s por aula

Supresión de 132 unidades
A CIG-Ensino xa denunciara hai uns días a supresión de profesorado en Secundaria. Agora informa de que a Consellaría de Educación publicou agravou aínda máis a situación ao suprimir 132 unidades e 199 postos de traballo en educación infantil, primaria e educación especial.
Como resultado deste brutal recorte modificarán as rateos máximas de alumnado por aula e obrigarán a realizar agrupamentos de alumnado de diferentes idades até 20 alumn@s por aula, como xa denunciara o sindicato nacionalista en xuño pasado. Agora son 113 as unidades que van escolarizar alumnado de diferentes idades por mor deses agrupamentos.

Feijóo seguirá co apoio ao ensino privado
Desde a CIG-Ensino tamén denuncian que os recortes só afectan ao ensino público e o ensino privado, en boa parte en mans da Igrexa, continuará coas axudas. “Mantenlles os concertos aos centros privados, entre eles centros que segregan o alumnado por sexo e son vinculados ao Opus Dei”, asegurou Anxo Louzao, Secretario nacional da CIG-Ensino. Para o lider sindical “esta é a política do actual goberno: o deterioro e a privatización dos servizos públicos esenciais”.

Unidades suprimidas         Postos de traballo suprimidos

A Coruña           26                                          37

Lugo                    40                                          54

Ourense             38                                          68

Pontevedra        28                                         40

Galiza                  132                                       199

Fonte: CIG-Ensino.

Fonte da noticia: Sermos Galiza