Artigos

BAÍA EDICIÓNS gana o Premio a OBRA EDITORIAL DO ANO polas GUÍAS DA NATUREZA Baía Verde

Este recoñecemento nos Premios Irmandade do Libro á colección Guías da natureza Baía Verde ten unha especial importancia para nós porque describe case a nosa traxectoria vital, como empresa e como proxecto cultural desde os seus inicios no ano 1990, un ano antes da publicación da primeira edición da Guía de aves de Galicia.

Parécenos importante que o premio recoñeza o esforzo realizado por Baía Edicións coa publicación dos 25 títulos das GUÍAS DA NATUREZA Baía Verde nas súas distintas variantes dedicadas:

  • á divulgación de espazos naturais,
  • ao aproveitamento sustentable dos nosos recursos (falo das guías prácticas de cultivo, ás que incorporamos este último ano a pesca),
  • á descrición e catalogación das especies galegas tanto de flora como fauna, aínda incompleta.

Por iso moitas grazas á Federación de Librarías de Galicia ao recoñecer indirectamente o valor de dúas máximas que guiaron o noso traballo:

          unha do saber popular:

«só se valora e se pode conservar aquilo que se coñece»

          e a outra de Álvaro Cunqueiro:

«[…] dicir rula e abidueira e dorna e fonte […] fanme dono da rula e da abidueira, da dorna e da fonte».

Grazas tamén, a todas as autoras e autores que fixeron posible, co seu saber e traballo, que chegaran a nós a rula, a bidueira, a zarrota, o lavacú, o leirón, a leituga de mar, a herba dourada, a sacabanta, pero tamén o mergullo, o engado, a barbuda etc., nun esforzo non só por catalogaren senón tamén por daren nome ás distintas especies.

E un agradecemento moi especial a Carlos Silvar, que puxo imaxe a todos eses nomes e aos 25 títulos da colección, converténdose, á vez, no mellor e máis recoñecido debuxante naturalista galego e da península.

A TODOS ELES, A TODAS ELAS DEDICAMOS ESTE PREMIO.

Con gran éxito de público botou andar o sábado o Outlet do Libro Galego de Compostela

Con gran éxito de público botou andar o sábado o Outlet do Libro Galego de Compostela. Durante a fin de semana un gran número de público de todas as idades abarrotou as instalacións da Fundación Nova Caixa Galicia, na rúa do Vilar de Santiago. Con 10 euros unha familia pode levar cinco libros de agasallo para os pequechos. Ademais de fondos de literatura infantil e xuvenil, a tenda outlet dispón de guías da natureza, libros de arte, ensaios etnográficos, novelas, gastronomía, historia etc. A variedade de xéneros e de títulos foi destacada polos visitantes. As obras que se puxeron á venda, procendentes de 17 editoras están xa descatalogadas.

As instalacións permanecerán abertas até o día 14 de abril ás 9 da noite.

Calendario dos outlets

A  maior parte dos fondos estarán dispoñibles aos seguintes prezos: 1 libro a tres euros, 2 volumes a cinco euros e 5 a dez euros. Ademais, as edicións especiais e as obras de grande formato poderán adquirirse a prezos de 10 e 15 euros.

  • Santiago de Compostela. 6 ao 14 de abril.
  • Pontevedra. 20 ao 28 de abril.
  • Ourense. 4 ao 12 de maio.
  • O Barco de Valdeorras. 18 ao 26 de maio.

 

Fonte: AGE

Calros Silvar presenta na SGHN a exposición de pintura ‘UNHA OLLADA NATURAL’

Hoxe venres, día 18, ás 20:00 horas no salón de actos do Museo de Historia Natural da SGHN, preséntase a conferencia “Dous anos de Fragas do Mandeo, o fondo de conservación da natureza de As Mariñas” a cargo de Fernando Bandín, membro da Fundación Fragas do Mandeo, da que forma parte a SGHN. Nesta conferencia falarase dos avances de Fragas do Mandeo na preservación da biodiversidade de As Mariñas mediante a custodia do territorio.

Previo a esta conferencia presentarase a exposición de pintura “Unha ollada natural”, obra do artista ferrolán e membro da SGHN, Calros Rodríguez Silvar, licenciado en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid e deseñador industrial, traballa como ilustrador no mundo editorial, no que son ben coñecidas as súas guías da natureza de Galicia. A exposición permanecerá aberta no noso espacio expositivo ata finais de marzo.

O PICAPEIXE

O río estaba tranquilo, as árbores e o seu teito verde de follas quedo, só o son  tímido do esvarar das augas bañando pedras e brións quebraban o delicado silencio da paisaxe. Entón foi de súpeto primeiro soou un agudo “tiit” como un asubío frenético e a continuación algo se disparou a rente polo río. Apareceu da nada e perdeuse ao longo da canle a unha velocidade de vertixe; só se podía afirmar que era azul. Esta escena pode ser moi habitual nos nosos ríos, é o paso voando do paxaro máis fermoso do bosque das augas,o picapeixe. É unha mágoa que tanta fermosura pase como un lostrego azul e se perda máis aló da nosa vista. Pero nunha debemos perder a esperanza de que algún día decida pousarse nunca póla do río, preto de nós, e por fin podemos ver con detalle aquel trasno azul que chiou  tantas veces  correndo sobre o río.

O picapeixe (Alcedo atthis) é un ave realmente pequerrecha, pode coller nun puño pechado. O seu colorido é inconfundible xa que abarca unha gran variedade de cores rechamantes. As súas partes superiores son azul verdosas apencadas de branco e o ventre dunha rechamante cor alaranxada que o chegar á gorxa se troca en branco, as ás e a cola son curtas, as patas moi pequenas son dunha cor vermella viva. Pero o que máis nós sorprende e o seu peteiro, que se fai enorme comparado o seu corpo. Esta é a súa arma esencial para a súa caza no interior das augas do río en procura de peixes. O peteiro e escuro, pero no caso das femias pode observarse na parte inferior unha liña arrubiada.

Nos nosos ríos o picapeixe é un ave pouco abondosa se o comparamos con outros ríos da Península. Este aniña á beira dos nosos ríos, en augas someras e transparentes, parcialmente sombreadas e que non resulten turbulentas. É tamén importante que teña próximo o lugar de cría árbores que lle proporcionen pólas longas para lanzarse á auga e pescar.

O niño do picapeixe é moi curioso,trátase dun buraco feito en cámaras verticais de terra, a entrada que ten de 5 a 7 cm de diámetro comeza a ser escavada a peteirazos, para iso a ave ten que peneirarse e usar o seu forte peteiro para comezar as obras, logo cando xa ten o oco para apoiarse na terra continúa coas patas, e segue escavando sen deterse ata lograr unha galería de case un metro de lonxitude que remata nunha cavidade esférica onde a femia de picapeixe terá a súa intimidade para por os ovos. Os ovos soen ser de 6 a 8, brancos, redondos e moi brillantes, estes o deposita directamente no solo aínda que máis tarde os cobre coas espiñas dos peixiños que caza do río.

A parella de picapeixes traballa á par para incubar os ovos xa que son o redor de 20 días dándolle calor para que poidan chocar, despois deste tempo saen os pitos e comeza outro traballo, o de alimentalos, para iso os seus pais teñen que escoller ben a comida  e cazar peixes que non superen 1 cm de lonxitude, para que poidan tragalos con facilidade. A medida co pito vaia medrando o peixe pode ter maior talla. Os polos  non tardaran en voar, pasado un mes xa teñen a súa propia vida no río, unha vida que comeza sendo solitaria pero que rematará en febreiro cando teña que buscar parella.

Texto: Miguel Anxo Fernández Martínez

Loita contra o cambio climático: A Xunta, entre a inacción e a propaganda

Entre o 26 de novembro e o 7 de decembro celébrase en Doha (Catar) a XVIII conferenza das partes (COP18) para establecer (ou non) os compromisos do vindeiro periodo do protocolo de Quioto que comeza en 2013. Poucos días antes do inicio da conferenza, a Xunta facía pública a súa intención de “conxelar” mesmo denantes de apresentalo, o seu Plano de Acción contra o Cambio Climático 2011-2020 e sometelo a revisión, coa excusa da crise. Iso sí, a Xunta aproveitou a ocasión para apresentar un “informe” sobre o cambio climático en Galiza, un corta-apega de datos e conclusións de investigacións xa coñecidas, adubado coa correspondente propaganda en formato ristra de actuacións do máis heteroxéneo. Exemplo: Un estudo (9440€) para coñecer o impacto do cambio climático… nos vellos e vellas das residencias! Iso sí, de facer algo por reducir as emisións das térmicas galegas, verdadeiras fábricas de cambio climático e que supoñen o gordo das emisións… CERO.

Neste I Informe sobre o Cambio Climático en Galiza, amáis de facer inventario dos datos de emisóns durante os últimos anos dos sectores regulados por Quioto (industrias) e dos difusos (transporte e domicilios), por certo con informacións maioritariamente achegadas polo Ministerio aos que calquera pode acceder na rede, chama a atencción algún sonado esquecemento. Por exemplo, a ausenza de datos de 2011, ano no que voltaron a aumentar as emisións en Galiza, fundamentalmente debido ás térmicas e ao transporte. Este esquecemento vén moi ben á Xunta para “vender” a redución nun 6,74% das emisións en 2010 con respeito a 1990 como se fora froito das súas políticas e non da crise. Aliás, a información sobre as emisións de GEIs (gases de efeito invernadoiro) de Galiza neste periodo preséntanse por sector e non desagregadas por complexo, como sí acontece coas asignacións. Deste xeito, podemos coñecer o límite máximo de GEIs que podía emitir cada industria, con nomes e apelidos, pero non verificar si o cumpríu ou non! Casualidade?

E polo que atinxe ás actuacións, a terceira parte do “informe” debruza unha ristra de actuacións do máis variopinto levadas a cabo  pola administración para supostamente combater o cambio climático, acompañadas do correspondente investimento (35,1 millóns de € en 2011). Deste xeito e sen ter planificado nada específicamente destinado a combater o cambio climático, xa que o documento marco -Plano de Acción- está paralisado pola Xunta, a administración “vende” unha serie de medidas heteroxéneas froito doutras planificacións (conservación, infraestruturas, administración…) que asegura “orientadas” a loitar contra o cambio climático.

Analisando estas 84 “medidas” por un importe conxunto de 35,1 millóns de € e peneirando aquelas que non teñen relación directa coa loita contra o cambio climático, suprimindo os investimentos non executados, e deducindo aqueles cartos achegados pola UE, temos que o montante total adicado á loita contra o cambio climático pola Xunta son apenas 13 millóns de €, maioritariamente achegados polo INEGA para promover o aforro e a eficiencia a nível doméstico (placas solares, caldeiras de biomasa, illamento, plano “Renove” de electrodomésticos, etc). A conclusión: para a Xunta, a loita contra o cambio climático é responsabilidade da cidadanía. De actuar contra as emisións das térmicas, as responsábeis de que sigamos tento as taxas máis altas de emisión de gases por habitante de Europa… Nada. CERO euros.

Fonte: ADEGA

DOUS ANOS DE FRAGAS DO MANDEO

A Sociedade Galega de Historia Natural e a Fundación Fragas do Mandeo ofreceremos unha conferencia en Santiago sobre a custodia do territorio titulada “Fragas do Mandeo: O fondo de conservación da natureza de As Mariñas”, que impartirá o Presidente da Fundación, Fernando Bandín, o mércores 28 de novembro ás 7 da tarde na sala da Galería Sargadelos.

A custodia do territorio é unha fórmula de conservación da natureza que busca preservala biodiversidade mediante acordos cos propietarios de fincas. A Fundación Fragas do Mandeo – constituida por Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Naturalista Hábitat e a asociación cultural O Rabo do Galo – é unha entidade non lucrativa declarada de interese galego que practica a custodia do territorio na comarca coruñesa de As Mariñas.

Na conferencia vaise falar das características da custodia do territorio, da súa eficacia como fórmula para protexe-la natureza, da súa implantación no estranxeiro e no conxunto do Estado, das fórmulas legais para aplicala (compra-venda, doazón, legado testamentario, cesión, etc.) e das actividades de Fragas do Mandeo nos seus dous primeiros anos de vida.

ADEGA-Lugo inicia o seu programa de roteiros

Este domingo, 11 de novembro, ADEGA-Lugo inicia o seu programa de roteiros, adicado á Galiza Máxica, co seu xa tradicional roteiro inaugural pola Serra do Courel. O Apalpador será a figura mítica sobre a que se vertebre a ruta, xa que andaremos polos camiños que o carboeiro transita polo Nadal, cando baixa dos cumes da súa serra nai até os vales para apalpar as barrigas das crianzas.

Roteiro de 10 quilómetros, de dificultade media para a xente habituada a andar. Comeza en Savane (Seoane) e remata na aldea de Ferreirós de Abaixo, no bar O Pontón, onde celebraremos o magosto. O treito máis difícil, de 3 quilómetros de longo, estará entre o paso do río Pequeno (km 2) e o Castro de Brío (km 4); que salva unha diferenza de altitude de 300 metros. Aínda así, subiremos moi amodiño e axudándonos entre todas e todos. Logo do castro, o roteiro é todo cara baixo até as inmediacións de Ferreirós.

RESERVA DE PRAZA.As persoas interesadas en participar deberán reservar praza chamando con antelación ao 679113718 ou 9822402299.
 O bus sairá de diante da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 horas da mañá.

PREZOS

Xeral: 15 €

Estudantes/ parados/as: 12 €

Socios/as: 10 €

Menores de 17 anos: 5 €

Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de todos/as.

Descarga aquí o PROGRAMA DE ROTEIROS 2012-2013

Presentación da Guía das Libélulas en Ponteareas

O próximo sábado día 23 de xuño realizarase a presentación da Guía de libélulas de Galicia, de Miguel A. Fernández-Martínez e ilustraciós de Calros Silvar. O acto terá lugar ás 11:30h na Sala de Conferencias do Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas e contará coa presenza do autor, Miguel A. Fernández Martínez.

Despois da presentación realizarase unha visita ao río Tea para, se hai sorte!, aprender algo sobre a identificación de libélulas en situ. A actividade está aberta a todos e todas de xeito gratuíto!

Baía Edicións presenta en Viveiro A ARTE DO BO PESCAR

Baía Edicións presenta en Viveiro A ARTE DO BO PESCAR, de José María Vilar Varela.

O acto de presentación da Guía Práctica da colección Baía Verde, A arte do bo pescar: robaliza, sargo e outras especies, de José María Vilar Varela, terá lugar na Libraría Porta da Vila (Rúa Pastor Díaz, 31) Viveiro o xoves día 31 de maio, ás 20:00 horas, en que intervirán, ademais do autor, Eduardo Míguez López (Director do Porto de Celeiro) e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

A arte do bo pescar, en definitiva, é unha obra que pon en valor esta actividade que forma parte tamén da cultura das nosas vilas e cidades mariñeiras. Esta guía representa, por unha banda, a plasmación dos coñecementos adquiridos polo autor ao longo da súa dilatada experiencia e, por outra, o seu desexo de transmitirllos aos apenas iniciados nesta práctica e a quen aínda non se deixaron atraer por ela.

Jose María Vilar Varela fala de A arte do bo pescar en Actualizad@s.

Anabam organiza en xuño un curso sobre insectos

Organizado por Anabam, os días 2 e 9 de xuño celebrarase na Guarda un Curso de Odonatos, cuxas inscricións, para un ou os dous días, formalizaranse enviando un correo electrónico a anabam.anabam@terra.es.

O curso, de carácter gratuíto, estará impartido por Miguel A. Fernández Martínez e Adolfo Cordeiro Rivera. O primeiro é autor de Guía das libélulas de Galicia, publicada por Baía Edicións, un experto coñecedor dos odonatos de Galiza. Impartiu varios cursos sobre este e outros temas relacionados coa natureza.

Adolfo Cordeiro Rivera é profesor e investigador na Universidade de Vigo, onde dirixe o Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación. Profesor de Ecoloxía Forestal na EUET Forestal da citada Universidade, actualmente traballa sobre Selección sexual, utilizando os odonatos como organismos modelo. Ten varios traballos publicados sobre este grupo de invertebrados.

O vindeiro sábado, 2 de xuño desenvolverase a parte teórica, a partir das 11 da mañá, co seguinte programa: ‘libélulas de Galicia-introdución e bioloxía’, e ás 12 horas, taller de identificación. Desde as 16 horas terá lugar a parte práctica, coordinada por Miguel A. Fernández Martínez, cunha saída á Valla (Oia).

O sábado 9 de xuño o relator será Adolfo Cordeiro Rivera.

Fonte: Atlántico