Entradas

Cultura e Educación organiza, a través do programa ‘Letras Vivas’, 435 actividades de animación e promoción da lectura en 105 bibliotecas públicas de toda Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro das políticas de promoción do libro e da lectura, vén de presentar o informe anual do programa Letras Vivas. Tal e como se informou hoxe no Concello da Xunta, a Secretaría Xeral de Cultura organizou ao longo deste ano 2012 un total de 435 actividades de animación e promoción da lectura e a lingua galega en 105 bibliotecas públicas.

O programa Letras Vivas, que este ano chega á súa quinta edición, promove o papel da biblioteca como punto de encontro cultural e como centro para a formación e a información dos individuos a través do libro. Deste xeito, a través desta iniciativa, conséguese, por unha banda, que as bibliotecas públicas poidan elaborar unha programación anual estable de fomento da lectura, e doutra banda, promociónase o traballo dos creadores galegos con actividades como obradoiros creativos, contacontos, mesas redondas, actuacións teatrais, recitais literarios, sesións de maxia, etc.

A gran maioría das actividades que se ofrecen a través do programa Letras Vivas caracterízanse por procurar un achegamento á lectura desde un enfoque interactivo e lúdico, que axude a transmitir a paixón polos libros como fonte de gozo e de coñecemento. As propostas atenden os distintos sectores de usuarios da bibliotecas, se ben a meirande parte delas están dirixidas aos nenos e nenas, por conformaren unha franxa chave na formación lectora das persoas. De igual forma, prográmanse accións tanto destinadas a un público carente do hábito lector e outras específicas para os afeccionados á lectura.

Letras Vivas

A través do portal web da Rede de Bibliotecas de Galicia, a Xunta creou un espazo aberto no que axentes e animadores culturais ofrecen as súas propostas anuais de actividades para favorecer a lectura e a creación literaria entre o espectro amplo da sociedade. Calquera das bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia pode solicitar participar neste programa.

Deste xeito, os propios axentes sociais activos (empresas e entidades con actividade dinamizadora, escritores, ilustradores, contacontos, actores, etc.) os que introducen no catálogo as súas propostas de actividades, favorecendo así un extenso abano de opcións en permanente actualización, a partir das cales cada biblioteca planifica a súa propia programación segundo as súas necesidades e públicos específicos

En canto ao tipo de actividades, o programa Letras Vivas divídese en dúas áreas: Letras Vivas-Animación, actividades de achegamento aos libros a través do teatro, dos monicreques, da maxia, de contacontos e un amplo abano de obradoiros creativos; e Letras Vivas- Creación, obradoiros, presentación de libros, conferencias, recitais literarios e literario-musicais… desenvolvidos por autores, ilustradores e, en xeral, profesionais de referencia vinculados á creación literaria. Das 435 actividades que se organizaron este ano 330 foron de animación e 105 de creación.

Excelente acollida

Na súa quinta edición, o programa Letras Vivas continúa tendo moi voa acollida tanto por parte dos programadores das bibliotecas como do público asistente. Esta iniciativa permite que as bibliotecas públicas podan planificarse a longo prazo, fidelizar públicos e crear hábitos de asistencia a este centros. Ademais, a través dos obradoiros artísticos, de música, teatro… favorécese un diálogo entre as distintas vertentes creativas, que permite tamén espertar intereses diversos nos participantes así como favorecer a entrada na lectura positiva da man doutras afeccións.

Outro aspecto positivo do programa Letras Vivas é que se da coherencia a finalidade da propia biblioteca, promocionando a lectura, a lingua e a cultura galegas ao mesmo tempo, obxectivos principais do sistema bibliotecario de Galicia. Asemade, a maior parte das actividades ofertadas están dirixidas aos máis pequenos, conseguindo crear un hábito lector nas xeracións que representan o futuro.

Outras actividades de animación á lectura

A Consellería de Cultura e Educación, ademais das actividades do programa Letras Vivas, tamén promoveu outras moitas iniciativas nas bibliotecas nodais galegas, como son os contacontos, clubs de lectura, conferencias, visitas guiadas e de formación para dar coñecemento dos servizos do centro, mostras bibliográficas e exposicións, entre outras.

Doutra banda, o longo deste ano 2012, co fin de difundir a vida e a obra dos autores e principais efemérides literarias, a Xunta de Galicia levou este ano ás bibliotecas nodais a exposición interactiva sobre Celso Emilio ferreiro, a quen o Parlamento Galego acordou dedicarlle este 2012 no centenario do seu nacemento, e a exposición audiovisual sobre Valentín Paz-Andrade, homenaxeado nas Letras Galegas.

Fonte: Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia presenta en Santiago de Compostela o novo corrector de galego Imaxín Galgo 2.0

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe na Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia a nova versión do corrector de galego Imaxín Galgo 2.0.

Durante a súa intervención o conselleiro lembrou que o corrector Galgo é un dos máis eficaces e completos do mercado, do que dixo que “facilita enormemente a escrita no noso idioma”. Ademais, mostrouse satisfeito de poder presentar unha ferramenta que facilita a aprendizaxe e progresiva autonomía no uso correcto do noso idioma e axuda a superar as inseguridades de quen aposta por escribir en galego no ámbito público e profesional.

No acto participaron tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira Álvarez; a concelleira de Educación de Normalización Lingüística de Santiago, Rebeca Domínguez Iglesias; Manuel González González, membro da Real Academia Galega e director científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) e Diego Vázquez Rey, representante da empresa que desenvolveu o corrector, Factoría de Software e Multimedia, S.L.

Lingua TIC

Vázquez Abad indicou que o corrector Imaxín Galgo 2.0 é unha contribución máis da Xunta de Galicia a conseguir as metas marcadas no Plan xeral de normalización da lingua galega con relación ás tecnoloxías da información e da comunicación. Sobre isto o conselleiro dixo que fomenta a presenza do galego nas TIC, ao tempo que logra unha oferta máis ampla e competetitiva de produtos e recursos informáticos en galego, e que favorece a opción positiva polo galego no mercado da información e da comunicación e mais a libre circulación do galego nos sistemas avanzados da vida moderna.

Outros proxectos

Así mesmo, lembrou outros proxectos do seu departamento que inciden nos mesmos fins, coma o Dicionario de pronuncia da lingua galega en liña; os cursos de galego a distancia; o Dicionario xurídico, que estará proximamente en internet a disposición da cidadanía; todo o traballo en lingüística informática do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e o apoio á candidatura para o dominio puntoGal.

No relativo ao puntoGal a directora da Amtega, Mar Pereira, indicou desde a Axenda Dixital 2014.gal, se está apoiar a construción dunha comunidade con identidade de seu na era dixital. De aí o apoio do Goberno galego a iniciativas como punto.gal, para conseguir un dominio galego en Internet ou á Campaña por un twitter en galego.

Ademais noutra liña de actuacións, Mar Pereira destacou que a Amtega vén colaborando económicamente e prestando apoio, nos derradeiros anos as Asociacións de Usuarios de Software Libre, na tradución de Software Libre ao galego e se está a traballar tamén na posta a disposición das administración públicas galegas dun sistema de tradución automática galego-castelán.

En definitiva, iniciativas que aproveitan a tecnoloxía para facilitar o uso do galego e contribuír a súa dinamización.

Por outra banda, Xesús Vázquez Abad aproveitou a ocasión para animar a cidadanía a sumarse á campaña da Xunta de Galicia Redes sociais en galego e á iniciativa cidadá Twitter en galego XA! En relación con isto, congratulouse de que no ámbito das tecnoloxías en lingua galega conflúan os esforzos da cidadanía, cos do goberno de Galicia e de entidades privadas coma Factoría de Software e Multimedia, S.L.

Imaxín Galgo 2.0.

O corrector Imaxín Galgo 2.0, que pode descargarse da páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/galgo, é unha actualización do corrector Galgo que presenta, con respecto á versión anterior, tres novidades fundamentais: está adaptado á normativa da Real Academia Galega de 2003, está actualizado para as novas versións de Microsoft Word para Windows e conta con versión para Mac.

A diferenza doutras ferramentas semellantes, ofrece a vantaxe de solucionar, a canda erros de carácter tipográfico e ortográfico, outros de carácter léxico e mais a de que as correccións e suxestións de vocabulario ante unha palabra incorrecta están especialmente pensadas para a lingua galega e a súa situación de contacto co castelán.

Fonte: Xunta de Galicia

A Xunta prevé máis recortes pola caída de fondos estatais e recadar menos

Galicia é a comunidade que menos tivo que recortar nos seus Orzamentos para que o Ministerio de Facenda aceptase o seu plan para deixar este ano o déficit no 1,5% do Produto Interior Bruto. O axuste aprobado o xoves pasado en Madrid no Consello de Política Fiscal e Financeira foi de 69 millóns, mínimo fronte aos 18.350 millóns que recortarán todas as comunidades. Pero o documento no que se detalla o recorte arroxa sombras sobre o futuro. A Xunta recoñece que haberá novos recortes. “Espéranse axustes adicionais unha vez se confirme a repartición dos fondos finalistas” do Estado, admite, á espera de que se vaia desvelando a que comunidades van parar as partidas aínda non desglosadas dos Orzamentos Xerais do Estado, notablemente reducidas con respecto a anos anteriores. A pesar diso, o Goberno galego indica que no informe aprobado o xoves “consignáronse as cantidades recibidas o pasado exercicio” e admite que “en caso de variar á alza ou á baixa unha vez se concrete a repartición de fondos finalistas, será axustada nos Orzamentos” galegos.

O documento presentado en Madrid detalla de onde sae o novo recorte de 69 millóns sen ter que tomar medidas como o incremento de alumnos por aula proposto polo Goberno central. Uns 40 millóns son redución de gasto e outros 29 aumento de ingresos con respecto aos Orzamentos aprobados fai cinco meses. O aforro de 40 millóns –a Xunta insistía onte en que o recorte en “gasto non produtivo” é de 26 millóns, polo que os outros 14 si afectarán ao gasto produtivo– repártese así. O capítulo II dos Orzamentos, de servizos e bens correntes, cae en 12,24 millóns, coa Consellería de Traballo e Benestar, con 2 millóns, como principal afectada. Neste apartado, no que se reduce gasto en publicidade, protocolo e conferencias, rebáixanse as indemnizacións por razón de servizo, en principio o único efecto do actual recorte sobre os traballadores públicos.

A Xunta recorta outros 13,78 millóns do capítulo IV, de transferencias a outras entidades, reducindo subvencións e convenios. Aquí a consellería máis afectada é Cultura e Educación, con 3,1 millóns menos. Para rematar, outros 13,67 millóns saen dos capítulos VI e VII, de investimentos, que a Xunta centra en estudos e proxectos, sendo a Consellería do Medio Rural e do Mar a máis afectada, con 3 millóns menos.

En canto ao aumento de ingresos, Facenda admite que “estase levando a cabo” unha subida de prezos públicos e inclúe “novas taxas creadas en leis aprobadas a finais de ano e que non figuraban na lei de Orzamentos (apostas, residencias de tempo libre, instalacións xuvenís, servizos de reprodución en arquivos…)”. Son 10,35 millóns máis, di a Xunta, que fía o resto de ingresos ao comportamento mellor do previsto no que vai de ano dalgúns impostos. Aínda así, Facenda admite que as súas previsións de recadación fallaron no Imposto de Transmisións Patrimoniais. “foron inferiores ás previstas”, di, “debido á atonía do sector inmobiliario”.

Fonte: El País

Foto: Misterio Facenda Vigo

Igualdade evita criticar despidos de embarazadas na Xunta

Unha condena “en termos xerais” ao despedimento de mulleres por estar embarazadas, pero sen valorar os tres que nos últimos meses producíronse na Fundación para ou Fomento da Calidade Industrial, é o que asinaron a medias onte a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro. “En ningún caso é xustificable”, comezou Abella, que, preguntada polos casos da fundación pública, dependente da Consellería de Economía, puntualizou que non podía dar explicacións respecto diso. “Non estamos seguros de que o despedimento sexa por estar embarazada”, completou, ao seu lado, Piñeiro. A xustiza obrigou á Fundación para o Fomento da Calidade Industrial a readmitir a dúas traballadoras ás que deixou na rúa estando embarazadas ou de baixa por maternidade, a última en marzo, pero a pesar das sentenzas, o pasado mes o organismo despediu a cinco persoas, unha delas a unha empregada embarazada de cinco meses. As destitucións xustificáronse por “razóns obxectivas de produtividade e económicas”.

As secretarias presentaban un estudo sobre discapacidade e muller que pretende identificar as liñas de actuación necesarias para mellorar a inclusión dun colectivo que representa o 6,2% da poboación galega. O informe identifica unha “tripla discriminación” que suma ás condicións de muller e discapacitada, o lugar de residencia. Aínda que non hai datos, as conclusións de equipos de debate con persoas relacionadas con este ámbito sinalan que vivir no rural “inflúe no acceso á información e á formación”. As enquisadas, con todo, non consideran a violencia de xénero psicolóxica como tal, se non como un ?”comportamento inapropiado” e perciben a desigualdade como algo secundario. As mulleres, que supón o 61% dos discapacitados, consideran que mellorar a accesibilidade e a colocación laboral son os alicerces da súa autonomía. Nas taxas de emprego e paro, as porcentaxes das mulleres están sempre varios puntos por baixo do dos homes. Fronte ao 32,8% de traballadores con discapacidade hai un 22% de empregadas, máis de 10 puntos menos. Na taxa de paro, contabilízase un 14,5% de homes mentres que non atopa traballo o 19,4% das mulleres. Coro Piñeiro indicou que en 2011 contratouse a 421 persoas con discapacidade en 311 empresas a través do programa específico que ten a Consellería de Traballo.

As zonas rurais precisan de medidas específicas para a detección e atención de casos de violencia de xénero, conclúe tamén o estudo, así como un protocolo de prevención e intervención adecuado a persoas con discapacidade que poidan utilizar as asociacións. A pesar de que o estudo sinala estes como puntos a mellorar, Abella apuntou que xa “se está traballando para romper esa dobre barreira” desde os centros de información comarcais. O pasado ano, 27 mulleres “un 9% do total” recibiron axudas por ser vítimas de violencia de xénero, mentres que outras cinco era nais de menores con discapacidade. Piñeiro, pola súa banda, anunciou que o anteproxecto de lei de accesibilidade camiñará “cara á excelencia” e incorporará ámbitos non recollidos ata agora na norma, como a comunicación, as telecomunicacións “unha das principais demandas das mulleres con discapacidade” ou o acceso a bens e servizos das institucións públicas. Tamén elaborou o seu departamento un borrador de decreto de atención temperá para o ámbito sanitario.

Fonte: El País

Foto: Miguel Muñiz

O alumnado galego parará mañá as clases para defender o idioma

O alumnado galego parará a actividade este xoves. Aulas baleiras e concentracións en todas as cidades galegas é o que propoñen diversas organizacións de estudantes para mostrar o seu rexeitamento contra as políticas da Xunta no relativo ao idioma. “En tres anos do Goberno de Alberto Núñez Feijóo non se fixo nada positivo pola lingua”, asegura en declaracións a DIOIVO a  responsable de lingua en Mocidade Nacionalista Galega (MNG), María do Mar Lopes González.

Este parón, apoiado pola Mocidade Nacionalista Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Liga Estudantil Galega, os Comités e o Sindicato de Estudantes coincide co terceiro aniversario da chegada do presidente Feijóo á Xunta e afectará aos alumnos do segundo ciclo da ESO, aos ciclos formativos e as ensinanzas artísticas. Ademais, as organizacións apuntan que simultaneamente se producirán concentracións en todas as cidades galegas.

“O mal chamado decreto plurilingüe” continua a ser o maior foco de descontento, segundo apuntan desde MNG. “A situación do galego é nefasta”, explica Lopes, pois a aplicación desta medida produciu unha “redución do galego nas aulas” nos dous últimos anos, chegado ao caso de que en moitos colexios, “menos do 20% das horas lectivas son en lingua galega”.

Deste xeito, a organización denuncia que esta norma emprega á lingua inglesa coma “coartada” para suprimir o idioma propio do ensino. Ademais, engaden, “Galiza é actualmente o único territorio do estado español con lingua propia que ten prohibido por lei impartir determinadas materias de ciencias en galego no seu sistema educativo”, sinalan destacando que Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía deben ser impartidas obrigatoriamente en castelán”.

Esta protesta servirá para quentar motores de cara á manifestación que prepara a plataforma Queremos Galego con motivo do Día das Letras, segundo explica María do Mar Lopes, e que espera “recuperar” a mobilización cidadá despois de que o ano pasado non se celebrara por mor das eleccións municipais.

Foto: El País

Fonte: Dioivo