Entradas

Publicada a ORDE que convoca axudas para a adquisición de libros de texto para 1º, 2º, 4º e 6º de Ed. Primaria e 1º e 3º de ESO ou educación especial

O pasado 1 de xuño sae publicada a ORDE do 22 de maio de 2015 pola que se convocan axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria ou educación especial, en centros sostidos con fondos públicos, para o seu uso no curso escolar 2015/16.

Segundo a ORDE: “A presente orde regula a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto para 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria e educación especial no curso escolar 2015/16.

A gratuidade solidaria dos libros de texto ten o seu complemento no fondo solidario dos centros docentes sostidos con fondos públicos, que inicia o seu funcionamento no curso escolar 2015/16, cos recursos procedentes da devolución dos libros de texto adquiridos coa axuda do curso pasado Orde do 28 de maio de 2014 (DOG do 30 de maio), así como os procedentes de calquera outra doazón.

Polo tanto, os cursos non incluídos na presente orde, 3º e 5º de educación primaria e 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria, xestionaranse a través do fondo solidario de libros de texto dos centros, como consecuencia do calendario de implantación da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, de mellora da calidade educativa (LOMCE), no curso 2015/16.

Publicada a ORDE que regula o fondo solidario de libros de texto para 3º e 5º de Ed. Primaria e en 2º e 4º de ESO

O pasado 1 de xuño sae publicada a ORDE do 21 de maio de 2015 pola que se regula o fondo solidario de libros de texto destinado ao alumnado matriculado en 3º e 5º de educación primaria e en 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria, en centros docentes sostidos con fondos públicos no curso escolar 2015/16.

Segundo a orde: “Esta consellería convocou, a través da Orde do 28 de maio de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 102, do 30 de maio), as axudas para adquirir libros de texto no curso escolar 2014/15, dirixidas ao alumnado de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial que reunisen os requisitos nela establecidos; así mesmo, puxo as bases para formar os fondos solidarios de libros de texto nos centros docentes sostidos con fondos públicos, ao delimitar no seu artigo 14.d) os supostos en que hai a obriga de devolver os libros de texto recibidos. O funcionamento destes fondos permitirá reutilizar os libros, fomentando aptitudes de respecto, bo uso e conservación dos bens comúns e favorecendo a adquisición de hábitos cívicos e de convivencia, valores que contribúen dunha forma positiva ao proceso educativo do alumnado.

En consonancia co calendario de implantación da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, de mellora da calidade educativa (LOMCE), no curso 2015/16 xestionaranse a través do fondo solidario dos centros os libros de texto dos cursos de 3º e 5º de educación primaria e os de 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria.

Ademais, no curso 2015/16 estará dispoñible a aplicación informática Fondolibros para facilitarlles aos centros docentes a xestión do fondo solidario de libros de texto.

Finalmente, á vista do importante labor desenvolvido polas ANPAS nos últimos anos vinculado á creación e ao funcionamento dos bancos de libros, e coa finalidade de potenciar a súa participación no proceso educativo e na tramitación deste procedemento, a norma prevé a posibilidade da súa colaboración na xestión do fondo solidario de libros de texto.”

Cultura e Educación entrégalles os premios de literatura dramática da Agadic a Santiago Cortegoso, Antón Cortizas, Andrea Bayer e Xavier Lama

Santiago Cortegoso, coa obra ‘Raclette’, é o gañador do XXII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes da dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón foi comunicada hoxe canda a do VIII Premio Manuel María de literatura dramática infantil, que recaeu en Antón Cortizas por ‘Xogando con gatos’, e a do XI Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que foi para ‘O lobo e a lúa’, de Andrea Bayer, na categoría de teatro para rapaces; e para ‘Ela, piedade dos suicidas’, de Xavier Lama, na modalidade para adultos.

Os nomes dos catro gañadores foron desvelados polo dramaturgo e director teatral Roberto Salgueiro, presidente do xurado da edición 2014 destes tres galardóns de literatura dramática, que Cultura e Educación convoca a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais). O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presidiu este acto de comunicación e entrega dos premios que contou tamén coa participación do director da Agadic, Jacobo Sutil, e dos catro autores galardoados.

“O sistema literario galego sae reforzado en cada nova edición destes premios literarios”, afirmou o secretario xeral, que se referiu aos galardóns como “unha iniciativa de referencia na promoción e consolidación da nosa literatura dramática actual, arredor da cal se congregan numerosas propostas innovadoras e nomes que veñen expresando a súa forza como figuras destacadas da nosa creatividade”. Anxo Lorenzo tamén se amosou convencido de que as obras gañadoras serán referentes na estética, na percepción e na concepción da literatura dramática, ao tempo que servirán de estímulo para o gusto do público lector e para abrir novas posibilidades de proxección escénica.

Posta en valor da literatura dramática

O director da Agadic destacou que estes recoñecementos comparten como obxectivo incentivar a escrita teatral en Galicia “como xeito de enriquecer os escenarios con montaxes producidas a partir de propostas textuais galegas, orixinais e contemporáneas”, así como impulsar a súa posta en valor e proxección social. Neste sentido, ademais dunha dotación económica de 6.000 euros para cada premio e modalidade, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Consellería mantén en colaboración con varias editoriais galegas.

O xurado, do que tamén formaron parte como vogais Xosé Manuel Fernández Castro, Inacio Vilariño, Dani Salgado, Artur Trillo e Dolores Vilavedra, seleccionou os catro textos vencedores entre os 69 orixinais recibidos: 28 para o Álvaro Cunqueiro, 17 para o Manuel María, 12 para a modalidade de teatro para adultos do Barriga Verde e outros 12 para a modalidade de teatro para rapaces deste último galardón.

No caso de ‘Raclette’, o texto vencedor do Álvaro Cunqueiro, a decisión do tribunal baseouse tanto na solidez da súa estrutura dramática, cun logrado equilibrio entre a ironía e o humor, como no “sabiamente dosificado” dramatismo co que transmite a realidade narrada. Partindo do concepto orixinal da ‘raclette’ como a comida en comunidade ideada polos pastores suízos para escorrentaren o frío e a soidade, Santiago Cortegoso preséntanos aquí un mosaico de cinco personaxes arredor dunha cea, a modo de ‘raclette’ urbana e contemporánea. En palabras do seu autor, os seus cinco universos “reflicten as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes”, chamando a atención sobre problemas como a hipercompetitividade, a incomunicación ou a sobreprotección.

Traxectorias de recoñecementos

Autor, director de escena e dramaturgo, Santiago Cortegoso suma este premio á súa xa ampla nómina de recoñecementos como autor de textos teatrais, que foron levados a escena tanto pola súa compañía, Ibuprofeno Teatro, como por outras formacións galegas. Pola súa banda, Antón Cortizas, mestre de profesión e gañador desta oitava edición do Manuel María, é un dos escritores máis premiados e traducidos da literatura infantil e xuvenil galega.

De ‘Xogando con gatos’, o xurado destaca como a obra enfía o rico acervo popular de transmisión oral no que o protagonista é un gato (cancións, contos, adiviñas, lengalengas…) nunha trama que pon de manifesto a desaparición gradual de toda esa literatura relacionada co xogo e coa vida social da infancia. Sobresae, así mesmo, a rica teatralidade deste texto, na que teñen cabida o musical, a danza, o mimo, as marionetas e o teatro de sombras, de xeito que –tal e como expón o ditame do premio– constitúe un magnífico material para un traballo multidisciplinar nas escolas, así como para un espectáculo escénico de gran formato.

Intriga e suspense no imaxinario infantil

A actriz, guionista e directora teatral Andrea Bayer conseguiu o Barriga Verde na modalidade de teatro para rapaces con ‘O lobo e a lúa’, unha historia que adapta as chaves da intriga e do suspense ao imaxinario dos máis pequenos. Segundo a  propia autora, trátase dunha “peza teatral tenra, divertida e intrigante na que os seus personaxes –Nina, a tartaruga; Duarte, o elefante, e Miñao, un gato malhumorado– conviven a pesar das súas diferenzas”. Trátase dunha historia de amizade, superación dos propios medos e amor, na que ninguén é tan bo como aparenta, nin tan malo como parece.

Así mesmo, dela subliña o xurado a súa “innegable vontade escénica”, na que se reflicte a experiencia da súa autora á fronte da súa compañía Baobab Teatro e doutras formacións anteriores: “imaxes suxestivas e precisas, xogos dinámicos ben inseridos na situación dramática, personaxes de caracterización definida e unha temática axeitada para a franxa de idade á que vai dirixida a peza”.

Técnica orixinal

Tamén destaca o tribunal as posibilidades escénicas de ‘Ela, piedade dos suicidas’, a obra coa que o xornalista e escritor Xavier Lama obtivo o XI Barriga Verde de textos para monicreques na modalidade de teatro para adultos. De acordo coa súa valoración, esta peza contén as claves dun proxecto escénico moi ambicioso, conseguido mediante o recurso aos obxectos, ademais dunha elevada calidade lírica dos personaxes, que “dá moita profundidade a unhas figuras dramáticas deseñadas cunha técnica moi rendible e pouco vista hoxe”.

O seu autor, quen en 2010 foi recoñecido co Manuel María de literatura dramática infantil por ‘Os reloxos preguiceiros de Néboa’, define este novo texto como “unha historia órfica de descenso aos infernos na procura da muller idealizada” cuxo protagonista é un trasunto de Orfeo na procura do amor ou dun “espellismo do amor”. Segundo se recolle na acta, o autor materializa aquí “aquel vello soño de Rafael Dieste de atopar o sublime estilo oral das estatuas, recuperando a paradoxal estratexia das derradeiras montaxes de Teatro Antroido, onde unha opulenta disposición de aparellos se batía contra o desposuimento reinante no seu contorno”.

Fonte: Xunta

Juan Carlos Fasero deixa o cargo para ser o novo director de SGAE Noroeste

O Consello da Xunta aprobou hoxe o cese de Juan Carlos Fernández Fasero como director da Axencia Galega da Industrias Culturais (Agadic). O seu cese será efectivo tan pronto como saia publicado no DOG e permitiralle incorporarse ao seu novo posto, como director de SGAE Noroeste. Será a partir do vindeiro primeiro de novembro cando substitúa a Javier Vidal, que foi nomeado director corporativo de Relacións Sociais da SGAE en Madrid. Do seu paso por Agadic, Fasero destacou a súa intención de “optimizar o gasto e procurar, coas ferramentas que había nestes tempos difíciles, que todas as redes e mecanismos continuasen funcionando”.

“Unha das cousas que valoro máis positivamente deste tempo foi que hai catro anos eran poucas as voces que falaban da cultura desde un punto de vista económico, en termos de PIB, e hoxe en día, despois do traballo realizado xa estamos nesa liña” explica Fasero tras confirmar o seu cese e o seu posterior destino. Na súa opinión, queda por conseguir a implicación real de todas as consellarías no proxecto cultural porque “hai unha consellaría de cultura, pero hai moitas outras que teñen moito que ver e deben continuar nese proxecto”.

Fasero incorporarase o vindeiro mes de novembro como director da sede do noroeste da SGAE, á que chega logo de sufrir unha profunda remodelación. Substitúe no cargo a Javier Vidal nomeado director corporativo de Relacións Sociais. O futuro director xa tiña relación previa coa SGAE, da que formaba parte como creador, alén de que en 2011 foi o presidente dun grupo de traballo que se encargou da reforma do seu sistema electoral. A delegación do noroeste da SGAE abrangue Galicia, Asturias e Cantabria e conta con arredor de 5.000 creadores.

Fonte: Culturagalega

Foto: Juan Carlos Fasero. Iñaki Osorio.