Entradas

BAÍA ACTUALIZA OS MATERIAIS DA AULA VIRTUAL PARA O CURSO 2015-2016

No ano 2012, co obxectivo de complementarmos os materiais didácticos e textos dirixidos aos niveis educativos de secundaria e bacharelato, Baía Edicións crea a AULA VIRTUAL, proxecto que nace coa idea de facilitarmos tanto ao profesorado como ao alumnado todos os recursos didácticos e materias educativos dos que se dispón de cada un dos libros de texto publicados na actualidade.

Desde esta plataforma pódense descargar materiais para o uso do profesorado, Proxecto curricular establecido e a Programación proposta para cada unha das disciplinas como materiais complementarios de axuda ao profesorado no seu labor didáctico e pedagóxico diario nas aulas tan só co seu REXISTRO.

Debido aos cambios que se están a producir neste momento, convivimos con dúas leis: LOE e LOMCE. Dependendo do curso o libro de texto terá que rexirse pola LOE ou pola LOMCE, e aí os diferentes apartados que se presentan na nosa Aula Virtual. Actualmente contamos con:

Ciencias SociaisLOE

Matemáticas

Economía

Valores éticos

Filosofía Bach.LOMCE

Xeografía e Historia LOMCE

Física e Química

Lingua e literatura

Grego

En cada un dos títulos se especifica o material dispoñible e como descargalo así como información do que se atopará despois de realizar a descarga. Actualmente e, debido a que o currículo definitivo aínda non está dispoñible, contamos con varias mostras dos diferentes proxectos que ofertamos para o próximo curso escolar 2015-2016, que poderán descargarse gratuitamente para a súa visualización.

Baía segue traballando na creación de novos materiais interactivos! En breve… na  AULA VIRTUAL!

A AGE recoñece que as editoriais están pasando por temos difíciles

A Asociación Galega de Editores recoñece que o ano que acaba de terminar foi un periodo difícil, aínda que con matices. “Hai que diferenciar entre as editoriais que publican só libros en galego e as que non, debido ás axudas da Xunta, porque os orzamentos son cada vez máis baixos”, apunta a súa presidenta, Laura R. Herrera.

Desde a asociación consideran, con todo, que o 2015 vai ser mellor que o anterior. “Pese a todo, en 2014 mantivémonos, non habemos ir a peor”, subliña Herrera.

Os editores galegos destacan que o xénero que mellor resiste a crise é a literatura infantil e xuvenil. “Baixou menos que, por exemplo, a novela, e o seu éxito débese, en parte, a que as editoriais decidimos apostar polos máis pequenos para inculcarlles a lectura e que así te coñezan e consuman cando sexan adultos”, comenta a presidenta da entidade.

Doutra banda, as editoriais galegas aínda ven con algo de escepticismo a implantación do libro electrónico. “De momento as vendas son anecdóticas, polo que nos resultaría moi difícil subsistir só diso”, sinala a presidenta da Asociación Galega de Editores. Aínda así, Laura R. Herrera asegura: “Estamos impulsando a Plataforma do libro dixital en galego, porque queremos que haxa un escaparate da literatura da nosa comunidade reunido nunha plataforma web”.

Fonte: La Opinión

Hai un 37,5% de mulleres dentro do sector TIC de Galicia

As mulleres representan o 37,5% do total de traballadores do sector TIC (Tecnoloxías de Información e Comunicación) galego, superando o promedio europeo, que se sitúa por baixo do 36%. A porcentaxe de mulleres empregadas no sector TIC de Galicia mantense estable nos tres últimos anos, aínda que cun boquete de 25 puntos porcentuales entre os homes e as mulleres.

A presenza das mulleres nas empresas tecnolóxicas galegas varía segundo a actividade desenvolvida. O dato máis positivo corresponde ás empresas de telecomunicaciones, nas que as mulleres representan o 46,4% do total de traballadores.

No outro lado da balanza están as comerciais TIC e as autónomas, que en ambos casos están nunha porcentaxe de ao redor do 30% respecto aos homes con este perfil profesional no sector TIC galego.

Foto

Fonte: El Correo Gallego

Aula Virtual, subidos novos recursos para o profesorado

Damos a benvida ás profesoras e profesores que se incorporaron esta semana á nosa Aula Virtual, onde estamos nun continuo proceso de “subida” de recursos educativos e rexistro de usuari@s.

Onte informamos das novidades incorporadas ao longo do verán: O aproveitamento do cine na materia de Historia do mundo contemporáneo, e as Programacións de Linga galega e Literatura e Economía.

Hoxe informamos de que están á vosa disposición o Libro virtual Documentos para o estudo da Historia 2º e as Actividades de Lingua Galega e Literatura 2 (unidades 1 a 5), estas últimas para acceso exclusivo do profesorado autorizado mediante rexistro.

Agardamos que vos  sexan de utilidade!

 

 

O 68% dos españois que ‘baixan’ libros de Internet non paga por iso

Só o 32% dos españois que descargan libros de Internet paga por iso. Ou, visto desde o outro lado, o 68% báixase os textos gratis da Rede. Así o sostén o Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros en España 2012, divulgado hoxe pola Federación de Gremios de Editores de España. “Crebouse a dinámica nunha parte da cadea do consumo cultural”, denunciou na presentación o presidente da entidade, Javier Cortés.

“O grave é que queda clara a ineficiencia do modelo oficial contra a piratería”, engadiu Cortés. Segundo calcula a industria editorial, o diñeiro que se deixa de ingresar debido a descargas non autorizadas ascende a 70 millóns de euros anuais, un 13% dos beneficios totais do sector, de 2.900 millóns: “É en grao sumo problemático, especialmente para os creadores e os pequenos autores que non poderían vivir sen unha remuneración xusta pola súa obra”.

Entre tramas policiais e fantasías sexuais anda o xogo dos lectores españois que si pagan os seus textos. E non cun libro senón con tres do mesmo autor e tema: Millenium e 50 Sombras de Grey. As dúas triloxías de Stieg Larson (editorial Destino) e E. L. James (Grijalbo) son as máis lidas e compradas polos españois, respectivamente, segundo o barómetro. Un estudo que sinala que a lectura de libros aumentou ao 63% dos españois (1,6% máis que en 2011), aínda que a media europea é do 70%. Os motivos que argumentan para non ler son principalmente a falta de tempo (48,8%) e porque non lles gusta ou non lle interesa (29,9%).

Esas son as preferencias literarias dun público cuxos índices de lectura xeral aumenta: o 92% (1,6% máis que en 2011) di ler, polo menos unha vez ao trimestre, nalgún medio, chámese libros, xornais, revistas, cómics ou en webs, blogs, foros en Internet e demais medios do ciberespacio. E o 58% xa o fai en soporte dixital, cun aumento do 5,5% respecto de 2011.

O que máis din ler os españois son periódicos (79,4%); séguenlle os libros (63%), logo revistas (47,6%), despois webs, blogs e demais espazos de Internet (46,9%) e finalmente cómics (13,2%). A lectura aumenta en todos estes medios pero especialmente no que ten que ver co ciberespacio onde creceu un 4,5%, respecto de 2010, cando era do 42,4%. Nesta liña de tecnoloxías emerxentes hai que destacar que o número de lectores de ebooks chega xa ao 11,7% entre os maiores de 14 anos.

A enquisa, que se realizou por teléfono a 6.700 persoas maiores de 14 anos, indica que no apartado de libros o 59,1% di ler no seu tempo libre e o 47,2% faio cunha frecuencia semanal ou diaria. Todas as cifras nas súas diferentes categorías aumentan e o único estable, pero tamén en ascenso, é o perfil do lector español: “É unha muller con estudos universitarios, nova e urbana que prefire a novela, le en castelán e faio por entretemento”.

Fonte: El País

Culturgal acubillará dez propostas, dúas mesas redondas e catro obradoiros sobre TIC

Como avanzamos hai uns días, a nova edición da feira Culturgal, centrada en amosar o potencial e os novos camiños do noso sector das industrias culturais, vai dar acubillo a un amplo programa de actividades, moitas das cales estarán centradas directamente nas novas tecnoloxías da información. En total, estamos a falar a dez propostas, dúas mesas redondas e catro obradoiros sobre as TIC a desenvolver no marco de Culturgal 2012, que se celebra un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra, desta volta do 30 de novembro ao 2 de decembro. Segundo nos lembrou este luns 12 de novembro a organización deste importante encontro, “ninguén dubida xa da importancia que teñen na nosa vida cotiá as novas tecnoloxías, así que resulta obvio dicir que tamén teñen cada vez máis peso no eido da cultura e na súa difusión, de aí que as experiencias TIC tiveran que ter o seu espazo relevante no Culturgal 2012”.

As accións tecnolóxico-dixitais de Culturgal centraranse na zona de Garaxe, onde se convidará aos asistentes a comprobar por si mesmos a utilidade das aplicacións e o seu funcionamento práctico.

Entre estas propostas, cóntanos a organización da feira galega, atópanse aplicacións lingüísticas para móbiles como GalApps e unha nova guía social de tabernas, Imos, das que temos falado en Código Cero con motivo da posta a disposición dos internautas da primeira e máis das vantaxes da segunda. Tamén haberá aplicacións para podermos carrexar no iPad os nosos cómics favoritos (Galaxia Cómic) e plataformas para a xestión de públicos culturais (Culcities). Orama presentará unha canle de móbil gratuíta para a promoción de actividades socioculturais e Galaxia Tales unha plataforma de contos en rede. Own the Way amosará en Culturgal en que consiste un sistemas de atención a usuarios en tempo real chamado RTUS e os asistentes á feira terán a oportunidade de coñecer, tamén, os detalles dunha nova plataforma para a difusión de proxectos culturais no rural, RuralActual. Nasas Social & Media, pola súa parte, enumerará os beneficios da difusión de produtos e proxectos culturais a través das redes sociais, “e con Guifi.net teremos a oportunidade de afondar no que implica unha rede cidadá sen fíos que facilita a interconexión dos computadores no ámbito rural ou urbano”, engadiu a organización.

Todas estas presentacións son abertas ao público e gratuítas.

Asemade, os profesionais que se apunten ao Foro Culturgal terán unha oportunidade única de coñecer experiencias na aplicación das novas tecnoloxías e o multimedia nas aulas, a través de proxectos que se están a desenvolver na actualidade en Galicia. Comezará a xornada coa conferencia do pedagogo e experto en novas tecnoloxías Manuel Area, para despois coñecer experiencias como educaBarrié, Escolas á Nube ou Tadega, asociación dedicada ao fomento do uso das TIC na atención á diversidade nas aulas. Para rematar haberá catro obradoiros dirixidos por integrantes de Imaxin, Tagen Ata, Galinus e Algueirada, onde se traballará sobre o uso nas aulas de videoxogos, redes sociais, museos interactivos e das ferramentas máis accesibles.

As dez propostas TIC están dentro das máis de 140 actividades que ofrece a Feira das Industrias Culturais do 30 de novembro ao 2 de decembro. “Unha intensa e completa fin de semana para poder aprender, conversar e compartir. Música, teatro, danza, audiovisual, presentación de libros, conversas con autores, obradoiros. Todo en vivo en directo no Culturgal 2012”, comentan os organizadores.

Fonte: Codigocero

O presidente dos editores reclama una saída da cooperativa para o sector do libro

O Presidente dos editores manifesta en Brétemas a súa compartida preocupación con Joaquín Rodríguez  polo futuro do sector do libro. Manuel Bragado reflexiona sobre as consecuencias da enorme crise de consumo que está afectando dun xeito desolador ás vendas de toda a cadea de valor do libro. Esa coxuntura incrementa a dependencia dos resultados da campaña de libro de texto e das lecturas prescritas polos centros escolares.

O director de Xerais explicita a súa preocupación polas previsións da campaña de Nadal, pola desparición da paga extra dos  funcionarios, máis de dous millóns de persoas que son boa parte dos lectores; subliñando ademais que é un feito incuestionable “que o ecosistema de lectura dixital muda os protagonistas na cadea do libro, ao tempo que o mercado da distribución dixital se concentra nun 85 % arredor dos dous xigantes estadounidenses que operan en España (Amazón co 38 % e Apple co 20 % xa hexemonizan o mercado de e-books) e das tres cadeas de librarías (FNAC, Casa del Libro e El Corte Ingles), deixando apenas un 15 % ao resto de plataformas dixitais e iniciativas de editores e libreiros independentes”.

“Nese entorno de mudanza e incerteza” concorda coa apelación de Joaquín Rodríguez na necesidade dunha saída cooperativa poñendo en valor o procomún dos sectores do libro, destacando que as estratexias individuais e mesmo sectoriais amósanse insuficientes para facer fronte aos novos retos e indicando que cómpre unha experiencia cooperativa de todos os sectores que integran a cadea de valor do libro.

Fonte: AGE

Desproporción entre a oferta e a demanda de libros electrónicos

O sector editorial está facendo un esforzo moi importante por dixitalizar a produción dos seus libros. No ano 2011 a industria editou 40.328 títulos, un 243% máis, en relación ao ano 2010. A comercialización non tivo os resultados agardados polas editoriais, producíndose un desfase entre a oferta e a demanda.

No sector preocupa tamén a subida do ive do libro dixital, que pasa do 18% ao 21%. Ese incremento de tres puntos van supoñer unha diminución da demanda e non animan aos lectores a compatibilizar a lectura dixital e a do soporte tradicional.  A medida tamén dificulta a comercialización na etapa na que máis esforzos se están a facer para incorporar os contidos a soportes electrónicos.

Os editores europeos reivindican o ive reducido do libro dixital.

Fonte: AGE

Libro electrónico do alumnado de Sociais de 2º da ESO

Baía Edicións, pioneira entre as editoriais de ámbito galego no desenvolvemento do libro de texto virtual, dentro da integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia, presenta o 1º Tema de SOCIAIS de 2º da ESO.

Co inicio do curso, Baía Edicións poñerá á disposición da comunidade educativa o libro electrónico do alumnado.

Descarga o primeiro tema do libro de Sociais de 2º da ESO desde AQUÍ!

Android vai camiño de acaparar a práctica totalidade do mercado estatal

O sistema operativo de Google para móbiles, Android, abrangue arestora o 87,1% da cota de mercado estatal, segundo se sinala nos máis recentes informes de Kantar World e reflicten os medios na Rede. Para entendermos mellor o que representa esta cifra, cómpre ter en conta que o ano pasado, en España, a devandita cota era do 47,9%. De continuar medrando así, a este ritmo, calcúlase que en breve estará presente na gran maioría dos trebellos, beneficiándose de tres acontecementos decisivos e fundamentais: o retroceso de Symbian, a caída de vendas de Apple e a suba dos trebellos da marca Samsung, que son hoxe en día os principais valedores de Android.

De feito, Samsung acapara case a metade das vendas a nivel europeo, chegando ao 60% en países como España.

Na outra cara da moeda temos ao xigante Apple, que perdeu até un 11% do mercado en determinadas áreas xeográficas, e a Symbian, que en España pasou de ter un 30% do mercado a contar con unicamente un 2,7%.

Fonte: Codigocero