A AGE recoñece que as editoriais están pasando por temos difíciles
A Asociación Galega de Editores recoñece que o ano que acaba de terminar foi un periodo difícil, aínda que con matices. “Hai que diferenciar entre as editoriais que publican só libros en galego e as que non, debido ás axudas da Xunta, porque os orzamentos son cada vez máis baixos”, apunta a súa presidenta, Laura R. Herrera.
Desde a asociación consideran, con todo, que o 2015 vai ser mellor que o anterior. “Pese a todo, en 2014 mantivémonos, non habemos ir a peor”, subliña Herrera.
Os editores galegos destacan que o xénero que mellor resiste a crise é a literatura infantil e xuvenil. “Baixou menos que, por exemplo, a novela, e o seu éxito débese, en parte, a que as editoriais decidimos apostar polos máis pequenos para inculcarlles a lectura e que así te coñezan e consuman cando sexan adultos”, comenta a presidenta da entidade.
Doutra banda, as editoriais galegas aínda ven con algo de escepticismo a implantación do libro electrónico. “De momento as vendas son anecdóticas, polo que nos resultaría moi difícil subsistir só diso”, sinala a presidenta da Asociación Galega de Editores. Aínda así, Laura R. Herrera asegura: “Estamos impulsando a Plataforma do libro dixital en galego, porque queremos que haxa un escaparate da literatura da nosa comunidade reunido nunha plataforma web”.
Fonte: La Opinión