Listaxe de publicacións da autoría ou ilustración Pereiro, Xosé Luís (Martínez Pereiro)

Nace na Coruña en 1959. Dramaturgo, narrador e debuxante, o seu polifacético labor creativo abranxe desde o debuxo e relato humorísticos ata a seriedade obrigada das pezas dramáticas.

É diplomado en maxisterio coa especialidade en idiomas modernos. Exerce como funcionario de Administración Local.

Ten colaborado nas revistas de humor Can sen dono, XO! A voz que para as bestas, O Farelo e nos periódicos “A Peneira” e “A Nosa Terra”. Varias antoloxias recollen a sua obra: “Os humoristas e a reconversión”, “Humor galego ao 88”, “Antoloxía Internacional de Humor Antirracista” con multiedición nas linguas da Comunidade Europea (Université René Descartes, Paris, Prize Evens Foundation, 1999), así como o Boletin Sapoconcho e o Catálogo Curuxas editados polo Museo do Humor de Fene.

Ten formado parte da embaixada que representou ao humorismo gráfico galego na VIII Bienal Internacional do Humor celebrada en Cuba (La Habana e San Antonio de los Baños, 1993).

No ano 2000 convence ao xuri internacional dos Prémios “Castelao” de Humor Gráfico (Pontevedra) que prémia seis dos seus chistes.

Desde o ano 2001 participa no Salão Luso-Galaico de Caricatura que ten lugar en Vila Real (Portugal) e Ourense (Galiza) da man da Humorgrafe Editora.

No 2002 coloca chistes na I Bienal Internacional de Humor Raiano (Idanha-a-Nova) e na Festa Internacional da Caricatur (Lousã e outras localidades do centro de Portugal), catálogos editados pola Humorgrafe.

No 2003 colabora coa iniciativa itinerante “Humor Crú”, exposición sobre a marea negra verquida polo petroleiro “Prestige” nas costas galegas (Museo do Humor de Fene, Casa Dopeso en As Pontes, Carballo, Narón, Malpica e Salvaterra do Miño), na exposición internacional “O humor na música” artellada polo Centro Socio-cultural de Sober (Lugo), no Salón Internacional de Humor Gráfico Oscar Abín “Gaucher”, Museo Julio E. Suárez “Peloduro”, Fundación Lolita Rubial, Minas (Uruguay), na 3ª Biennal Internacional d´Humor de Catalunya (Col-lectiva de Dibuixants Gallecs, Humoràlia, Lleida), Salão de Humor do Piauí (Teresina, Brasil), Salão Internacional de Humor de Caratinga (Minas Gerais, Brasil) e tamén en “Os humoristas gráficos galegos e a Guerra Civil” (Museo do Humor, Fene).

No 2004 ingresa nas páxinas Humoralia virtual, Karikaturevi, Vagao do humor, Tebeosfera, Irancartoon e Portalelcan e colabora na Humourfest (Italia), Obeid Zakani Cartoon Festival (Irán), Humodaeva (Romania), Uluslararasi Karikatur Festivali (Ankara, Turquía), Jaka bede (Polonia), Biennale Internationale “Humour et vigne” (Fráncia), Deveti Medunarodni Salon Karikature ZEMUN (Serbia & Montenegro), Seoul World Cartoon (Corea), Grafikatur (Alemánia), The international Cartoon Salon Cvorak (Croácia) e no Humor Kompaniet “Nytt Europa-nya gränser” (Suécia).

Tamén no 2004 expón colaxes, caricaturas e chistes na Fatih University de Istanbul (Turquía), no Estúdio de Artes do Cassino (Rio Grande do Sul, Brasil) e na International Nairobi Cartoon Exhibition (Kenya). Acabando o ano aparece o seu humor nas revistas Al-Pharaennah Magazine (Exipto), Nosorog (Bosnia & Herzegovina) e Merhaba Gazetesi (Konya, Turquía).

Xa no 2005 colabora en diversas iniciativas da Don Quichotte (revista satírica xermano-turca editada en Sttutgart); no 1º Espraiar do Cartum Gaúcho (Rio Grande do Sul, Brasil), no International Cartoon Festival “Strumica”(Rep. de Macedónia), na exposición simultánea Cartunistas pelo trabalho (UNIVATES, Universidade do Vale do Taquari e FURG, Fundação Universidade Federal do Rio Grande, Brasil)e en várias exhibicións virtuais que sobre a figura do “Papiez Jan Pawell II” se instalan na Internet.

Publicacións

Revistas e periódicos

  • Can sen dono, XO!
  • Sapoconcho e O Farelo.
  • A Peneira.
  • A Nosa Terra e varias antoloxías (“Os humoristas e a reconversión”, “Humor galego no 88”, “Antoloxía Internacional de Humor Antirracista”, Universidade René Descartes, París).
  • Tres crimes en busca dunhas labazadas (1985, Cadernos da Escola Dramática Galega, peza incluída na antoloxía Teatro nas aulas de Ed. Vía Láctea).
  • Un día na vida de Vladimiro e o seu can Trotsky (1987, teatro infantil feito en colaboración co seu irmán Carlos Paulo, Ed. Sotelo Blanco, Biblioteca do Arlequín, nº 1).
  • Traxicomedia do Pai Ternoster e unha pastora lusitana chamada Viriata (1989, IX Premio de teatro breve da E.D.G.).
  • Monólogo con oito pausas e un falso espectador (1990, Cadernos da E.D.G.).
  • Panexírico da lapa (2000, Revista Casahamlet, nº 2, Deputación de A Coruña).

Narración

  • A muller mariña. A Nosa Terra, 2003.
  • A embaixada do vinagre. Sotelo Blanco, 2002.
  • Carne de Estatua. Baía Teatro, Baía Edicións, 2001.
  • Medición definitiva do limbo (“II Premio Cidade da Coruña de literatura fantástica”, Espiral Mayor, 2000.
  • Breviario de calamidades. Espiral Maior, 1999.
  • As irmás bastardas da ciencia (Antoloxía de sedes clandestinas, 1999), distinguido co “VIII Premio de narración Carvalho Calero. Concello de Ferrol”. Ed. Laiovento.
  • Amálgama de Desquiciados. Baía Edicións, 1992.

Correo electrónico

Xosé Luís Pereiro

O produto engadiu a lista de desexos

Utilizamos cookies propias e de terceiros con finalidades analíticas. Podes aceptar todas as cookies pulsando o botón “Aceptar”. Para máis información podes visitar a nosa política de cookies.