Falece Xabier P. Docampo, referencia na literatura galega infantil e xuvenil
Morre, aos 72 anos de idade, Xabier P. DoCampo. Nado en Rábade no 1946, foi mestre, escritor, contacontos, actor de teatro, guionista e promotor da lingua e a cultura galega, ademais de animador á lectura e experto en bibliotecas escolares. Voz de referencia na literatura galega infantil e xuvenil, da que foi un dos grandes narradores. En 1995 obtivo o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil por Cando petan na porta pela noite, seleccionada así mesmo como unha das cen mellores obras do século XX no estado español, segundo a Fundación Germán Sánchez Ruipérez.