O galego recibe menos dun terzo das axudas que tiña hai 20 anos
5,4 millóns. Iso é o que a Xunta destinará para a promoción do galego no 2014. Unha cantidade que en 1993 era de 17,2 millóns. É dicir, que en 20 anos as axudas ao galego reducironse en máis dun 62%.
Así, e mentres o goberno presidido por Manuel Fraga lle dedicaba ao galego o 0,43% do orzamento da Xunta, o de Núñez Feijóo dedícalle 20 anos despois unha sétima parte, isto é, o 0,06%. É dicir, máis ou menos a metade dunha décima; menos da oitava parte de medio punto; a dezaseteava parte do 1%. Ese é o prezo que o galego ten para o Goberno de Feijóo.
Reducións do 40 ao 90%
E nesta reducción, practicamente todas as accións sofren brutais recortes, que nalgúns casos acadan o 40% con respecto aos xa baixos orzamentos de 2013 e o 95% con respecto aos de 2005 –os últimos elaborados polo Goberno Fraga–. Así, por exemplo, con respecto a 2013 redúcense notablemente partidas como as destinadas ao apoio á edición en galego (-40%), a accións formativas (-21%) –coa que se financian os cursos e exames de galego Celga, necesarios para o acceso laboral–, a campañas de normalización (-17%), a actividades desde os concellos (-25%), etc.
Precisamente, as actividades de promoción do galego nos concellos sufren unha gran caída. Se se comparan os datos cos do 2005, as axudas ao galego baixan un 87% en apoio á edición; 62% en accións formativas; 71% en campañas de normalización; 60% na partida dos concellos ou -95% para o apoio de entidades sen fin de lucro.
“Cifras demoledoras”
“Son cifras insultantes e demoledoras. A Xunta non pode dicir que non ten nada en contra da lingua, en contra do noso maior ben común“, denuncian desde a CTNL. Por iso, pídenlle ao Goberno galego que “modifique” este proxecto de orzamentos durante o trámite parlamentario, “para que non se desmantele o xa precario traballo a prol do galego”.
E é que esta asociación denuncia que esta drástica reducción nos orzamentos “suporá a anulación de proxectos, a redución de servizos á cidadanía, a paralización de actividades, a destrución de emprego ou a redución da formación cidadá”.
Fonte: Galicia Confidencial