Entradas

Parabéns aos gañadores dos XXI Premios María Casares

Os XXI Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadores. O Teatro Rosalía Castro da Coruña vén de acoller esta noite unha cerimonia de entrega na que un total de 13 espectáculos competían nas catorce categorías nas que se dividen os galardóns do teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Á gala, que se retransmitiu en streaming polo web da TVG e por diferido na TVG, acudiron máis de 500 convidados, entre autoridades, profesionais do sector, asociados, xornalistas e convidados en xeral. Todos eles asistiron a unha gala ideada e conducida por Pepo Suevos, que neste ano propuxo un espectáculo guiado polo humor e o desenfado que xirou ao redor das relacións entre a administración e a cultura, dous mundos condenados a entenderse. O elenco estivo conformado por Roberto Leal, Alberto Rolán, Marta Lado, Patricia Torres, Silvana Sestelo e Josito Porto. Ademais, a música púxoa unha banda (conformada polos percusionistas Amaury Quintero e Marcos Jaramillo, o pianista Josep Ruiz; o baixista Juan Perez e o trompetista Daniel Polo) que achegou aos Premios o son cubano. Pola súa banda, Eduardo Alonso recibiu o Premio de Honra Marisa Soto e Imma António leu o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Read more

Acto poético-musical sobre a exposición de Xabier Correa Corredoira ‘Os días pintados’

No marco da exposición retrospectiva da pintura de Xabier Correa Corredoira, Os días pintados, organizada pola Fundación Luís Seoane, e que permanecerá aberta nas súas salas até o 21de maio de 2017, co obxectivo primordial de mostrar por vez primeira a súa produción pictórica, integrada por preto dun centenar de obras, e de poñer en valor a figura e obra dun artista fundamental para comprendermos o desenvolvemento da cultura e da arte en Galicia e, máis concretamente, na súa cidade natal, o vindeiro venres 31 de marzo, a partir das 19:30 horas, terá lugar un acto poético-musical.

O acto, presentado pola poetisa Yolanda Castaño, dará paso á actuación do grupo Uka Maial Banda (grupo do concello de Oza-Cesuras, composto por percusión, baixo, guitarra e saxo), que musicará poemas dos libros de Correa Corredoira, Resina de poliéster (Baía Edicións) e Os días adiados (Espiral Maior), e será pechado polo propio autor, que recitará un dos seus poemas a xeito de colofón.

A Librería Couceiro da Praza do Libro, será a encargada da exposición da obra literaria de Correa Corredoira: Pintor por Italia, Rubaiyat e Resina de poliéster (Baía Edicións) e Os días adiados.

A páxina web de Baía quedará inhabilitaba do 16-22 de marzo para presentarvos a NOVA WEB .GAL

Estimadas amigas e amigos,

Debido aos traballos de actualización de contidos e cambios na páxina web durante os días 16-22 de marzo, esta deixará de estar operativa. Baía Edicións con estes cambios únese aos apoios ao dominio galego .gal, no seu convencemento de que o mesmo é un contributo ao esforzo común de lograrmos unha maior visibilidade na rede ao galego e á nosa cultura.

Despois de sermos unha das primeiras editoras galegas en crear unha páxina web interactiva, onde, ademais de proporcionar información sobre os títulos publicados e a visualización das súas novidades mesmo antes da súa distribución e comercialización, Baía moderniza a súa web incorporando a posibilidade de comprar os seus fondos a través dunha nova TENDA WEB, moito máis áxil, de fácil acceso, interactiva e moderna. Terá un deseño web adaptable (responsive), sendo unha filosofía de deseño e desenvolvemento cuxo obxectivo é adaptar a aparencia das páxinas web ao dispositivo que se estea utilizando para visitalas. Hoxe en día as páxinas web vense en multitude de dispositivos como tabletas, teléfonos intelixentes, libros electrónicos, portátiles, PCs, etc.

Nesta tenda pódense visualizar as distintas coleccións e os libros que as compoñen, obter información básica de cada un dos títulos: autoría, ilustración, ISBN, páxinas, PVP, comentario da obra, imaxe da capa do libro etc. No caso específico das obras de creación literaria, tanto de adultos como infantil-xuvenil, inclúese un capítulo do libro en formato dixital, co fin de axudarmos aos usuarios da rede e futuros lectores e lectoras a facérense unha idea clara do conxunto da obra, como se se estivese remexendo nas obras que se atopan nas librarías, bibliotecas, espazos de lectura etc. Incluiremos tamén en cada un dos títulos un enlace á venda do libro en formato dixital dispoñibles en diferentes plataformas.

En breve, WWW.BAIAEDICIONS.GAL! 🙂

Baía Edicións presenta ‘O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza’ na libraría Brañas

Baía Edicións convidan ao lanzamento do libro O falar das fadas Lingua, música e toponimia da Galiza, de Xosé Manuel Sánchez Rei, que terá lugar na Libraría Brañas (Rúa Doctor Fleming, 43 – Carballo) na próxima terceira feira, 7 de marzo ás 20:00 horas.

Intervirán, para alén do autor, Xosé Cotelo, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Belén López Vázquez.

Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2017, texto de Ledicia Costas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai público o seu manifesto do Día de Rosalía de Castro de 2017, que foi encomendado a Ledicia Costas, quen foi tamén a encargada de darlle lectura o domingo 19 de febreiro, no acto central co que a AELG conmemorou a data de nacemento da nosa autora no Panteón de Galegos Ilustres.

Este manifesto será tamén lido en todos os actos que esta entidade celebrará por todo o país entre hoxe domingo e o propio Día de Rosalía de Castro, o vindeiro venres 24 de febreiro.

O manifesto pode descargarse aquí: Manifesto do Día de Rosalía 2017 AELG, por Ledicia Costas.

A Asociación Veciñal da Agra do Orzán e Baía Edicións presenta ‘O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza’

A Asociación Veciñal da Agra do Orzán e Baía Edicións convidan ao lanzamento do libro O falar das fadas Lingua, música e toponimia da Galiza, de Xosé Manuel Sánchez Rei, que terá lugar nos locais da Asociación (Rúa Entrepenas, 38 soto, A Coruña) na próxima quinta feira, 26 de febreiro ás 20:00 horas.

Intervirán, para alén do autor, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Belén López Vázquez.

Ao remate do acto, actuación musical de Ricardo, Noa e Sonia Seixo.

A Deputación de Ourense convoca o XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” de ilustración

O vindeiro 31 de marzo remata o prazo para presentar traballos para o XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de ilustración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O obxectivo do certame é recoñecer a calidade artística de traballos creados para nenos e mozos, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez.

Os participantes deberán presentar os traballos tomando como base o texto gañador na modalidade de narración, que foi a obra “Do meu nome e outras trapalladas” do escritor Antonio Yáñez Casal. Os interesados en participar na modalidade de ilustración poderán solicitar o texto persoalmente, por correo electrónico ao enderezo: publicacions@depourense.es, ou a través do teléfono 988317790.

Os traballos de ilustración deberán remitirse ao Negociado de Publicacións tendo en conta as seguintes bases:

1.- Poderán concorrer ao premio ilustradores de calquera nacionalidade que presenten as súas ilustracións e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración xuvenil.

2.- As ilustracións deberán adaptarse ao tamaño do libro, que será o seguinte:

a. Ilustración de portada: 145 x 210 mm, tamaño visible da portada co libro pechado, sen sangue. 513,6 x 216 mm, tamaño total incluído solapas, contraportada e sangue.

b. Ilustracións interiores: 296 x 216 mm, sobre páxina con sangue.

3.- A presentación dos orixinais poderá realizarse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, conforme coas seguintes normas:

Os concursantes remitirán seis exemplares da obra nun sobre pechado, indicando no exterior do paquete “PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE ILUSTRACIÓN”, á seguinte dirección:

 As obras remitidas irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico, unha fotocopia do DNI e breve recensión bío-bibliográfica.

4.- O prazo de admisión de orixinais remata o 31 de marzo, admitíndose, non obstante, aqueles que foran entregados nas oficinas de Correos ese mesmo día.

5.- Para esta modalidade de ilustración establécese un premio de 1.500 €.

6.- O xurado estará composto polos seguintes membros: o presidente da Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, en que el delegue) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretaria a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue (con voz e sen voto). Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Cultura, Deportes e Mocidade da Deputación Provincial, a proposta dos grupos políticos da Corporación.

7.- A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente, e este emitirá o seu ditame antes do 30 de abril de 2017.

8.- O acto de entrega do XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” nesta modalidade de ilustración será o día, no lugar e á hora que se comunicarán oportunamente.

9.- O premio poderá ser declarado deserto, no caso de que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.

10.- A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os ditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.

11.- Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ao veredicto. Unha vez rematado ese prazo, os que non se retiren, serán destruídos.

A participación nesta convocatoria require a aceptación das normas contidas nestas bases.

EDICIÓN E DISTRIBUCIÓN DA OBRA:

A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais), e disporá de exemplares para a súa distribución venal, nas condicións establecidas na ordenanza reguladora de publicacións publicada no BOP do día 19 de novembro de 2013.

María Xosé Queizán e Sarabela Teatro, entre outras, reciben o Premio da Cultura Galega

A escritora viguesa María Xosé Queizán recibiu o Premio da Cultura Galega 2016 na categoría de Letras pola súa traxectoria como narradora, poeta e ensaista na que defendeu os valores do feminismo. Obras como “Amantia”, “Metáfora da Metáfora” e “Recuperemos as mans” son exemplo diso. Queizán, que dirixe agora a revista Festa da Palabra Silenciada, é membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Indicamos os premios das oito modalidades para distinguir a excelencia no traballo nos diferentes ámbitos culturais.

  • Premio Cultura Galega de Letras: María Xosé Queizán .
  • Premio Cultura Galega de Artes Plásticas: Miguel Fernández-Cid.
  • Premio Cultura Galega de Artes Escénicas: Sarabela Teatro.
  • Premio Cultura Galega de Música: Maximino Zumalave .
  • Premio Cultura Galega de Audiovisual: cooperativa Numax .
  • Premio Cultura Galega de Lingua: Irmandade Xurídica Galega .
  • Premio Cultura Galega de Patrimonio Cultural: Museo de Pontevedra .
  • Premio Cultura Galega de Proxección Exterior: Elena Zernova .

Parabéns as todas e todos!!!

Asociación Cultural Alexandre Bóveda e Baía Edicións presentan ‘O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza’.

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda e Baía Edicións convidan ao lanzamento do libro O falar das fadas Lingua, música e toponimia da Galiza, de Xosé Manuel Sánchez Rei, que terá lugar nos locais da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa dos Olmos, 18-1º, A Coruña) na próxima sexta feira, 20 de xaneiro ás 20:00 horas.

Intervirán, para alén do autor, Belén López Vázquez, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto.

Ao remate do acto, o músico Anxo Lois Pintos interpretará uns temas coa zanfona.

Palestra-coloquio sobre “As irmandades da fala” na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela

Baía Edicións e a Agrupación Cultural o Galo convidan á palestra-coloquio As Irmandades da Fala. 100 anos despois que terá lugar na Libraría Couceiro (Santiago de Compostela) o xoves día 19 de xaneiro ás 20:00 horas.

Nela intervirán Emilio Xosé Ínsua, profesor, escritor e ensaísta, autor de A Nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931) e Pepe Carreiro, debuxante, historiador e autor de As irmandades da Fala. Nin provincianismo, nin rexionalismo, nin galeguismo: nacionalismo!