Entradas

Xa é posible descargar o Firefox 16 en galego

Unha vez máis, antes do seu anuncio oficial chega aos servidores de Mozilla a nova versión en galego do seu navegador web Firefox, que xa podemos descargar de balde para Windows, OS X e Linux. Entre as novidades do Firefox 16 temos soporte de VoiceOver para OS X (que vén agora activado de xeito predeterminado, soporte inicial de aplicacións web en Windows, Mac e Linux e incorporación dunha nova lingua (o acholi, propia de Uganda).

A nova versión de Firefox tamén mellorou a recolección de lixo incremental para Javascript, incorporou unha nova barra de ferramentas para desenvolvedores (que tamén agradecerán novas funcionalidades CSS3) e corrixiu erros detectados en versións anteriores á oficial.

Fonte: Codigocero

UN FONDO DE GARANTíA PARA PEMES CENTRA AS NOVIDADES DE EUROPA CREATIVA

Concretar o programa de garantía financeira para que as pequenas e medianas empresas teñan acceso a liquidez para os seus proxectos; incorporar moda e gastronomía na definición de industria cultural… estas son algunhas das propostas que representantes da cultura trasladaron a dous eurodeputados nunha xornada organizada pola oficina en España do Parlamento Europeo. As súas conclusións farán parte do debate parlamentario que arrinca hoxe en Bruxelas e de cuxo resultado dependerán as políticas culturais europeas de 2014 a 2020.

Non é unha cuestión baladí, Europa Creativa é o nome do proxecto que fixará os principios, obxectivos e accións dos vindeiros sete anos de políticas culturais. Os seus cálculos estiman que axudará a 300.000 artistas, a distribuír 1.000 filmes e traducir 5.500 libros. Por iso, a oficina do Parlamento Europeo en España convocou en Cuenca (4-5 de outubre) aos representantes de institucións, entidades e axentes culturais a que achegaran as súas propostas para o debate parlamentario que rematará coa aprobación do texto o vindeiro 27 de novembro. Os eurodeputados Santiago Fisas (PPE) e Emilio Menéndez del Valle (S&D) foron os encargados de explicar e recoller as premisas dun centenar de creadores e xestores culturais, que defenderán no trámite parlamentario que comeza hoxe (15:00 horas e pode seguirse en directo a través do web). Canda eles tamén estaba a directora xeral de Políticas e Industrias Culturais e do Libro da Secretaría de Estado de Cultura, Teresa Lizaranzu, para representar a opinión do goberno.

Crear en Europa
Son varias as novidades que Europa Creativa achega sobre a actual política cultural. A primeira, un interese do actual presidente da Comisión Europea, Durao Barroso de simplificar o programa cultural. “No fondo trátase dun proxecto que agrupa baixo a denominación de Europa Creativa os programas actuais xa existentes: o Cultura e o MEDIA, máis a creación dun mecanismo de garantía financiera” explicou o socialista Emilio Menéndez del Valle.

Un informe (do ano 2008) máis o Libro Verde das Industrias Culturais e Creativas (2010) radiografaron a realidade cultural e sustentan a base do que agora se presenta. Neses estudos previos constatouse que o tecido empresarial do sector cultural son micropemes e pemes, que teñen serias dificultades de acceder ao crédito, polo que o fondo de garantía que pretende crear a Unión Europea para solventar este problema, foi moi ben recibido por todos os presentes. “Resulta vital” afirmou Primitivo Rodríguez, Presidente da Federación de Entidades de Empresarios de Cine de España ao tempo que pedía aclarar a capacidade do estado na instrumentación de cada política. Canda el, numerosos representantes do sector quixeron coñecer máis en detalle sobre este proxecto que contará cun financiamento de 200 millóns. “Isto é o que lle imos solicitar á Comisión, porque a proposta resulta moi vaga e inconcreta” explicou Santiago Fisas, que deu leccións de coñecer moi ben ao sector cultural, tralo seu paso como conselleiro de Cultura da Comunidade de Madrid.

Tamén se esixiron máis concrecións sobre o criterio de reparto dos 1.801 millóns de Euros que se solicitan para o programa. É un 37% máis que o que se vén orzamentando actualmente. “Cómpre lembrar que é unha cifra para sete anos e para todos os estados membros, co que a cifra non é tan suculenta” lembrou Fisas. Con todo, a cifra tampouco é segura porque aínda que a cultura só representa un 1.08% do total do orzamento europeo, Gran Bretaña, Holanda e Alemaña opóñense a este incremento. “De non producirse o aumento, asevera Fisas, sería unha mala noticia porque ao crearse o fondo de garantía financeira, acabaría por reducirse a contía actual que se destina a cada programa”.

Ademais, outro sentir común entre os presentes estaba na orientación última do programa. Malia que o sector cultural supón o 4.5% do PIB europeo e emprega de xeito directo a 8,5 millóns de persoas, os asistentes ao seminario pediron que non se motive unicamente por cuestións mercantís. Houbo discrepancia nesta cuestión, aínda que predominou o interese de que a cultura se mida por criterios estritamente cualitativos e non só os cuantitativos.

“Falamos de símbolos” apuntalou o deseñador Modesto Lomba que acudiu a xornada como presidente da Asociación de Moda de España e lembrou que “a moda nace en Europa como unha das nosas industrias e, ante tanta deslocalización cómpre apoiar o I+D”. Canda el, unha investigadora solicitou tamén que se incorporase a gastronomía como parte do patrimonio europeo. Son axustes da definición do que é unha industria cultural que haberá que incorporar ao texto que a Comisión Europea remite agora ao Parlamento.

O audiovisual
O audiovisual, sector maioritario presente no seminario organizado en Cuenca, levará o peso específico do programa Europa Creativa, cun orzamento de 900 millóns de euros. Non en van, o programa cuxa ponente á a socialista italiana Silvia Costa considera que fomentará a distribución dun total de 1.000 películas. O programa MEDIA goza de moi boa reputación tal e como constataron alí directores, produtores e distribuidores que solicitaron a súa continuidade. Algo que ratificaron os dous eurodeputados que aseguraron o mantemento das oficinas e as antenas Media en España. Nesa liña tamén intervíu Joan AntónGonzález presidente de Proa,asociación de Productores Audiovisuales Federados que alertou da importancia de “manter as axudas a desenvolvemento, como unha parte fundamental do sector audiovisual”.Fernando Lara, Presidente da Federación de Entidades de Empresarios de Cine de España, foi un paso máis alá ao incluír no proceso de financiamento das producións audiovisuais as televisión para poder difundir eses proxectos.

A incorporación de mecanismos de revisión dos programas a medio prazo; a creación dunha base de datos de festivais e artistas para poder incrementar a exportación e colaboración; a referencia do creador e definir fórmulas de achegamento e fidelización dos públicos completaron as conclusións dun programa cuxos pasos definitivos arrincan hoxe.

Fonte: Culturagalega

Ana María Galego Gen recibe o V Premio Meiga Moira coa novela ‘Bandeiras Negra’

A novela Bandeiras Negra, presentada baixo o lema “Mago Chalupa” que resultou ser da autoría de ANA MARÍA GALEGO GEN, recebeu por unanimidade do xurado “V Premio Meiga Moira” de Literatura Infantil e Xuvenil por:

1)  Supor a recuperación do xénero clásico de aventuras e máis en concreto, das narracións de piratas.

2) Incorporar unha perspectiva novidosa na voz narrativa feminina dunha escrava negra, reutilizando o recurso clásico da muller travestida de home.

3) Darlle nova vitalidade ás personaxes da Illa do Tesouro e, en especial, por completar os contornos e a personalidade da Figura de J. Silver.

4) Empregar unha lingua axustada, expresiva e rica no desenvolvemento da historia.

5) Servirse dos mellores recursos da modalidade “page turner”, ao facilitar unha lectura continuada e implicar aos lectores no narrado.

Desproporción entre a oferta e a demanda de libros electrónicos

O sector editorial está facendo un esforzo moi importante por dixitalizar a produción dos seus libros. No ano 2011 a industria editou 40.328 títulos, un 243% máis, en relación ao ano 2010. A comercialización non tivo os resultados agardados polas editoriais, producíndose un desfase entre a oferta e a demanda.

No sector preocupa tamén a subida do ive do libro dixital, que pasa do 18% ao 21%. Ese incremento de tres puntos van supoñer unha diminución da demanda e non animan aos lectores a compatibilizar a lectura dixital e a do soporte tradicional.  A medida tamén dificulta a comercialización na etapa na que máis esforzos se están a facer para incorporar os contidos a soportes electrónicos.

Os editores europeos reivindican o ive reducido do libro dixital.

Fonte: AGE

SAÍDA á SERRA DO XISTRAL

A Delegación de As Mariñas da Sociedade Galega de Historia Natural vén organizando dende hai varios anos saídas a lugares de interese ambiental. O próximo 10 de xuño será a Serra do Xistral o obxectivo da andaina. Manuel Rodríguez Guitián, pofesor de botánica da USC vai ser o monitor que desvele os segredos deste contorno de alto valor ecolóxico.

A saída efectúase dende Sada (á porta do IES Isaac Díaz Pardo) ás 10 a.m. E a data tope para se apuntar é o próximo xoves 7. Pódese facer vía sms no 686 143 143 ou no enderezo-e asmarinhas@sghn.org.

Máis información no PDF

Foto: Turgalicia

A selectividade comeza en Galicia con textos sobre o libro electrónico e a afección ao fútbol

As probas de acceso á universidade (PAU) en Galicia arrancaron este mércores co exame de Lingua Castelá e Literatura II, no que os alumnos se atoparon con varios textos para analizar que trataban sobre o libro electrónico e a afección ao fútbol.

Preto de 10.000 alumnos enfrontaranse ata o venres aos exames de selectividade como primeiro paso á súa entrada á educación superior galega, segundo os datos facilitados pola Comisión interuniversitaria de Galicia. O ano pasado, a convocatoria de xuño rexistrou un 86 por cento de aprobados.

Deste modo, a opción A desta primeira proba ofrecía un texto asinado por Arturo Pérez Reverte, no que o escritor reflexiona sobre a implantación do libro electrónico e o debate sobre o formato papel.

Ademais de redactar un comentario crítico, os alumnos tiñan que responder a unha serie de cuestións gramaticais e léxicas, ademais de varias preguntas de teoría centradas no tratamento do tempo e o espazo en ‘Plenilunio’, e na obra de narrativa peninsular que leron durante o curso. A pregunta final versaba sobre as características xerais do Modernismo.

Por outro lado, na Opción B da proba, incluíase un texto de John Carlin en El País no que aborda a afección e a popularidade do fútbol e a súa instauración na sociedade.

Así mesmo, entre outras cuestións, preguntábase polo valor de varias formas verbais subliñadas no texto ou un texto breve de cinco liñas en rexistro formal-culto. Finalmente, cuestionábase sobre a obra ‘A Fundación’ e preguntábase por lugar, tempo e acción da obra teatral lida durante o curso, xunto coas características xerais e autores máis destacados do Romanticismo.

XORNADA

Tras un descanso duns 45 minutos, a xornada continuarase con Historia de España e Historia da Filosofía (12.15 horas), e continuará pola tarde con Lingua Galega e Literatura (16.00 horas) e Lingua Estranxeira (18.15 horas).

AULAS DE TODA GALICIA

Desde hoxe, mércores, e ata o venres, máis de 9.000 alumnos ocupan as aulas dos centros de toda Galicia para afrontar as probas de selectividade na convocatoria de xuño, O ano pasado participaron un total de 10.160 alumnos nas Probas de Acceso á Universidade (PAU) de xuño, que rexistrou un 86 por cento de aprobados. A falta da matrícula extraordinaria para alumnado que aprobe 2º de Bacharelato na convocatoria deste mes tras a resolución das reclamacións, polo momento cuantifícanse un total de 9.895 estudantes para a realización das probas.

A xornada deste mércores das PAU comezou coa presentación ás 9.00 horas, Lingua Castelá e Literatura (10.00 horas), Historia de España e Historia da Filosofía (12.15 horas), Lingua Galega e Literatura (16.00 horas) e Lingua Estranxeira (18.15 horas).

Ao día seguinte, o xoves, haberá Matemáticas II, Grego II e Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica (9.00 horas); Ciencias da Terra e Ambientais, Literatura Universal, Ciencias Sociais, Deseño (11.15 horas); Química, Latín II, Debuxo Artístico II (13.30 horas); Bioloxía, Historia da Arte (16.30 horas); Electrotecnia e Matemáticas aplicadas ás Artes Escénicas (18.45 horas).

Finalmente, o venres serán as probas de Física, Xeografía e Análise Musical II (09.00 horas); Tecnoloxía Industrial II, Economía de Empresa (11.15 horas); e Debuxo Técnico II e Historia da Música e a Danza, ás 13.30 horas.

Fonte: GaliciaHoxe

Foto: Pili Prol

Antón Reixa vence nas eleccións da SGAE

A candidatura encabezada polo galego Antón Reixa impúxose nas eleccións da Sociedade Xeral de Autores e Editores. Autores Unidos pola refundación obtivo unha maioría simple nas votacións que celebrou onte a entidade, sumando 14 asentos para a xunta directiva, mentres outras dúas formacións reparten os 16 postos restantes. Reixa deberá agora negociar coas outras candidaturas para artellar unha directiva unitaria. O galego conseguiu estes resultados cunha campaña na que chamaba á rexeneración da principal entidade de xestión de dereitos do Estado.

Fonte: AGE

Os libreiros ven o relevo xeracional en perigo

A crise económica está a impactar tamén no sector do libro galego, onde cada ano se editan tiraxes medias con menos exemplares ante a diminución das vendas e onde os libreiros alertan de que o seu relevo xeracional está “en perigo” pola baixada na rendibilidade dos negocios.

Así o asegurou a Europa Press o presidente da Federación Galega de Libreiros, Xurxo Patiño, quen apuntou que o libro “non é alleo” á situación xeral de crise, aínda que cuns parámetros diferentes na súa influencia.

“Non é un negocio para facerse rico”, sentenciou Patiño, ao tempo que fixo fincapé en que o sector de venda de libros “non é en xeral de grandes subas nin grandes baixadas”, o que fai que os efectos da crise sexan máis suaves.

Neste sentido, sinalou que “a xente limita o seu gasto” en libros, aínda que “os lectores seguen lendo” e o fan en máis medida en lugares como bibliotecas, que “crecen” como “competencia libre e gratuíta”.

Ante isto, as vendas decreceron nos últimos dous anos e “resentíronse”, aínda que a influencia é menor que “noutros sectores” máis “especulativos”. “A venda baixou, pero non na mesma proporción que noutros sectores, é un sector máis resistente e estamos acostumado a non ter necesidades especialmente fortes”, recordou Patiño.

Non obstante, o presidente dos libreiros galegos si recoñeceu que as baixadas na rendibilidade destes negocios provocan que o relevo xeracional “estea en perigo”, dado que os mozos emprendedores non o ven como un sector rendible.

O LIBRO TÉCNICO, O MÁIS AFECTADO

En canto aos volumes máis afectados pola crise económica, Xurxo Patiño evidenciou a baixada nas vendas do “libro técnico”, relacionado cos estudios universitarios ou con áreas xurídicas, dado que os lectores recorren en maior medida a bibliotecas, “fotocopias ou PDF”.

Ao mesmo tempo, recordou como outros volumes, como as enciclopedias en papel, “desapareceu directamente” do mercado nos últimos tempos, dado que quedan “desfasadas en pouco tempo” e son substituídas pola información en Internet.

No outro lado da balanza, o libro que “mellor resiste” é “indubidablemente” a narrativa, sinala Patiño. En canto ao formato, o presidente dos libreiros galegos asegura que as tendencias se “polarizan” entre as vendas de dous tipos de libros, o de peto –o mais barato– ou o que está “ben editado” e cun “formato consistente”.

TIRAXES MÁIS PEQUENAS

Dentro do sector do libro, tamén os editores sofren as consecuencias á crise e o seu “ámbito adverso para o consumo e a lectura”, tal e como recordou o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado.

Unido ao proceso de “cambio de paradigma” coa introdución do libro electrónico, os editores sofren a baixada nas vendas e, no caso do libro en galego, o “impacto de determinadas medidas do actual Goberno da Xunta” no ámbito educativo, coa “redución de recursos destinados ao fomento da lectura” e á edición.

A causa desta situación, Manuel Bragado asegurou que os editores, en lugar de reducir o número de títulos publicados, “o que se reduce máis é o número de exemplares na tiraxe media” que se realizan na Comunidade.

En canto ás debilidades do sector, o presidente da AGE asegurou que o libro galego está “sometido a un grande proceso de concentración da súa oferta arredor do ámbito infantil e xuvenil” e en relación co ámbito escolar, que supuxo en 2010 o 47 por cento dos títulos editados e o 63 por cento da facturación.

Por iso, recordou, os recortes en investimento público en libro de texto afectaron negativamente aos editores, que ven diminuídos os seus ingresos “non só pola crise económica”.

Fonte: GaliciaHoxe

Un engadido facilita a consulta do dicionario da RAG desde Firefox

A publicación do dicionario da Real Academia Galega na súa páxina web levou a que certos axentes que promoven a nosa lingua nas TIC apostasen por esta nova ferramenta de consulta, de xeito que dende GalApps actualizaron o seu dicionario para dispositivos móbiles Android e iOS, mentres que a xente do proxecto Trasno (concretamente Antón Méixome) publicou un engadido para o navegador Firefox que permite configurar a caixa de busca da aplicación informática para realizar consulta no dicionario en liña da RAG.
Unha vez instalado o novo engadido podemos realizar a caixa de busca do Firefox para realizar consultas no noso buscador web favorito ou en servizos como o dicionario da Real Academia Galega, o que facilita a súa consulta, podendo sempre conmutarse entre os distintos buscadores configurados no navegador web segundo as nosas necesidades en cada momento.

Fonte: Codigocero