Os libreiros ven o relevo xeracional en perigo
A crise económica está a impactar tamén no sector do libro galego, onde cada ano se editan tiraxes medias con menos exemplares ante a diminución das vendas e onde os libreiros alertan de que o seu relevo xeracional está “en perigo” pola baixada na rendibilidade dos negocios.
Así o asegurou a Europa Press o presidente da Federación Galega de Libreiros, Xurxo Patiño, quen apuntou que o libro “non é alleo” á situación xeral de crise, aínda que cuns parámetros diferentes na súa influencia.
“Non é un negocio para facerse rico”, sentenciou Patiño, ao tempo que fixo fincapé en que o sector de venda de libros “non é en xeral de grandes subas nin grandes baixadas”, o que fai que os efectos da crise sexan máis suaves.
Neste sentido, sinalou que “a xente limita o seu gasto” en libros, aínda que “os lectores seguen lendo” e o fan en máis medida en lugares como bibliotecas, que “crecen” como “competencia libre e gratuíta”.
Ante isto, as vendas decreceron nos últimos dous anos e “resentíronse”, aínda que a influencia é menor que “noutros sectores” máis “especulativos”. “A venda baixou, pero non na mesma proporción que noutros sectores, é un sector máis resistente e estamos acostumado a non ter necesidades especialmente fortes”, recordou Patiño.
Non obstante, o presidente dos libreiros galegos si recoñeceu que as baixadas na rendibilidade destes negocios provocan que o relevo xeracional “estea en perigo”, dado que os mozos emprendedores non o ven como un sector rendible.
O LIBRO TÉCNICO, O MÁIS AFECTADO
En canto aos volumes máis afectados pola crise económica, Xurxo Patiño evidenciou a baixada nas vendas do “libro técnico”, relacionado cos estudios universitarios ou con áreas xurídicas, dado que os lectores recorren en maior medida a bibliotecas, “fotocopias ou PDF”.
Ao mesmo tempo, recordou como outros volumes, como as enciclopedias en papel, “desapareceu directamente” do mercado nos últimos tempos, dado que quedan “desfasadas en pouco tempo” e son substituídas pola información en Internet.
No outro lado da balanza, o libro que “mellor resiste” é “indubidablemente” a narrativa, sinala Patiño. En canto ao formato, o presidente dos libreiros galegos asegura que as tendencias se “polarizan” entre as vendas de dous tipos de libros, o de peto –o mais barato– ou o que está “ben editado” e cun “formato consistente”.
TIRAXES MÁIS PEQUENAS
Dentro do sector do libro, tamén os editores sofren as consecuencias á crise e o seu “ámbito adverso para o consumo e a lectura”, tal e como recordou o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado.
Unido ao proceso de “cambio de paradigma” coa introdución do libro electrónico, os editores sofren a baixada nas vendas e, no caso do libro en galego, o “impacto de determinadas medidas do actual Goberno da Xunta” no ámbito educativo, coa “redución de recursos destinados ao fomento da lectura” e á edición.
A causa desta situación, Manuel Bragado asegurou que os editores, en lugar de reducir o número de títulos publicados, “o que se reduce máis é o número de exemplares na tiraxe media” que se realizan na Comunidade.
En canto ás debilidades do sector, o presidente da AGE asegurou que o libro galego está “sometido a un grande proceso de concentración da súa oferta arredor do ámbito infantil e xuvenil” e en relación co ámbito escolar, que supuxo en 2010 o 47 por cento dos títulos editados e o 63 por cento da facturación.
Por iso, recordou, os recortes en investimento público en libro de texto afectaron negativamente aos editores, que ven diminuídos os seus ingresos “non só pola crise económica”.
Fonte: GaliciaHoxe