Entradas

Coñecemos un pouco máis a Calros Silvar

Nace en Ferrol e reside en Sada (A Coruña). É diplomado en Interiorismo e Licenciado en Belas Artes (Madrid) e, actualmente, exerce de ilustrador. É debuxante, ilustrador e autor especializado en natureza, interpretación do patrimonio e divulgación ambiental. Imparte charlas, cursos e obradoiros de banda deseñada, debuxo, ilustración da natureza e divulgación ambiental. Comeza o seu periplo profesional como ilustrador editorial, humorista gráfico e autor de banda deseñada, aínda que o seu labor centrouse, durante case trinta anos, no deseño de produto, especialmente de pezas decorativas, para unha emblemática fábrica de porcelana galega. Nesta etapa exerce tamén, durante varios anos, como coordinador e co-monitor en cursos de cerámica en alta temperatura, tanto para nenos como adultos. Natureza, debuxo, escrita, lectura, fotografía e medios audiovisuais son as súas paixóns e o eixo do seu labor actual. MÁIS INFORMACIÓN

  • Bos días Calros Silvar, cóntanos… cando empezaches a ilustrar?

Empecei polos anos 78 ou 79, sendo aínda estudante de Belas Artes, con dúas obras case simultaneamente, unha era un folleto sobre as aves de Galicia, para ser usado polos seus autores (Patiño e Pedreira) nas escolas onde impartían clases… e que acabou sendo a primeira Guía das Aves de Galicia, editada por Galaxia no 1980. A outra foi o primeiro libro dunha colección que chegou a dez tomos, baixo o título de “Historia do Pobo de Xesús”, autoría de Xosé Chao Rego, editado por Edicións do Castro, e que deu pé a que entrara en contacto coa empresa coa que cheguei a traballar máis de 29 anos.

  • Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?

Pois a verdade é que non, seguín o meu propio xeito de facer, aínda que si gustaba da obra de certos ilustradores, coma Goñi, por nomear algún sobranceiro daqueles tempos.

  • Cales son as túas ilustradoras e/ou ilustradores favoritas/os?

Hai moitos autores dos que gusto, pero por cinguirme ao eido da ilustración da natureza nomearei algúns deles: Richard Lewington, Keith Brockie, Mitchell Beazley, Bruce Pearson, Christine Hutson, Darren Woodhead, Juan Varela, Diego Ortíz, Dranae, Francisco J. Hernández, Sandra Blair, J. A. Sencianes Ortega… fican moitos no tinteiro.

  • Que é o máis che gusta do teu traballo?

Poder facelo.

  • Algo que sempre me interesou foi o tema da inspiración: como fas? No momento de creación de ilustracións para libros infantís, narrativa, novela… acodes a algún dos teus referentes?

Non: leo o libro, escollo as escenas a ilustrar, maxínoas, emborrancho papel e vou depurando a composición e concretando a técnica e estilo máis acaídos (son un tanto camaleónico neste aspecto).

  • A cal das personaxes que creaches lle tes máis cariño?

Polo tipo de ilustración que fago non teño creado persoaxes, excepto na curta etapa na que fixen humor e banda deseñada. O primeiro e único personaxe que creei foi un neno (Xurxo) que dialogaba e interactuaba co seu amigo, un caracol agudo e sabichón (Balbino).

  • Con Baía nace a colección de Guías da natureza de Baía Verde con 25 títulos xa… entre títulos divulgativos sobre espazos naturais e guías de especies de fauna e flora galega.  Con cal das guías te quedarías? Por que?

Sinto un especial orgullo e aprecio por esta colección, pois foi a proposta miña que Baía a iniciou. A máis emblemática é a Guía de Aves, pero quedei máis satisfeito co resultado final (e falo exclusivamente do meu traballo) das Guía de mamíferos e de libélulas.

  • Con estas guías acadaches o 1º Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado pola Guía dos mamíferos no ano 2007, xunto co Premio Irmandade do Libro, na categoría de Mellor Obra Editorial en 2012. Que sentiches cando te informaron dos premios?

Pois loxicamente grande satisfacción, especialmente por ser unha das miñas guías favoritas. Alén diso, gustoume que se premiara un libro dunha colección emblemática para o noso país, e sen parangón no resto do Estado, pois non hai que esquecer que foi colección pioneira que non ten par en ningunha das outras linguas peninsulares.

  • A maioría dos teus títulos son guías de natureza, verdade?  Que guía foi a que máis traballo che dou?

A Guía de aves e máis a de cogomelos foron especialmente traballosas: a grande cantidade de especies e de detalles a ter en conta abondaron niso.

  • Tiveches algún problema con algún dos autores/as dos libros que ilustraches?

Non, con algún traballei máis comodamente ou con máis sintonía, pero non podo dicir que tivera problemas con ninguén.

  • Poderías explicarnos cales son os pasos a seguir cando realizas unha ilustración dunha ave ou unha árbore, por exemplo?

A primeira fase é a de documentación e, neste senso, procuro ter a miña propia documentación: bosquexos feitos pola miña man e directamente dos exemplares; se non queda outra utilizo outro material de referencia, empezando por fotos que eu mesmo poda ter feito ou material que o autor forneza.

Logo ven a fase de bosquexar no papel o exemplar ou a escena e, unha vez concretado, paso á fase de dar cor. Como traballo con acuarela, ás veces fago varias ilustracións ao tempo, aproveitando os tempos de secado dunhas para avanzar nas outras.

Unha terceira fase é, logo de escaneada a ilustración final, limpala e retocala dixitalmente.

  • E, en cuestión, de tempos… canto che leva facer unha ilustración para unha guía?

Pois depende moito do tema que se trate e no número de ilustracións que haxa que facer por cada especie, ou mesmo o nivel de detalle ou estilo que o autor do texto prefira. Algúns queren ilustracións máis soltas, tipo bosquexo, outros prefírenas moi detalladas… por termo medio digamos que entre 8 e 16 horas, pois as editoriais tamén marcan un ritmo e non podes durmir nos loureiros.

  • En 2012 nace a colección Aventura de vivir e, con esta colección, O carballo… Que pretendes con este libro?

Foquei o libro na dificultade que os seres vivos teñen para sobrevivir na natureza… e, a maiores, enfrontados co máis temible dos predadores: os humanos. Alén diso, o libro destaca, e tenta divulgar, a importancia ecolóxica, económica e cultural desta especie na nosa sociedade e no noso contorno natural.

  • A que público vai dirixido? Poderías explicarnos que podemos atopar neste libro?

Vai dirixido a nenos a partires de 10 anos e rapaces e adultos que non teñan especiais coñecementos no ámbito das ciencias naturais. É un libro de divulgación, interdisciplinar, no que tanto se fala de como dexergar as diferentes especies do xénero Quercus que habitan na nosa contorna, do seu hábitat e ecoloxía, como da súa importancia económica ou mitolóxica nas diferentes culturas europeas.

  • Visitaches moitos centros educativos presentando o teu libro, verdade? Que reacción atopaches no alumnado?

Si, xa levo varios Centros visitados e, polo xeral, despértase a curiosidade logo dun inicio tinxido de certa incredulidade… iso de que che vaian “soltar o roio” sobre unha árbore, así de primeiras, non soa moi ben!.

  • E falando nun ámbito máis global, como ves o papel da ilustración galega neste momento?

No mellor momento da súa historia, cun importante número de autores dunha calidade excepcional. Hai moita creatividade e calidade no país, mesmo recoñecida a nivel mundial.

  • E a situación no mercado editorial hoxe en día?

Pois nun dos peores momentos, hoxe a situación é case de parálise, e só nos salva a diversificación ou traballo no exterior. Supoño que os ilustradores de “Infantil-xuvenil” aínda van zafando, pois é o eido que mellor terma, pero o descenso radical das vendas e o estrangulamento da produción propia é letal para o ilustrador.

  • Se queres comentarnos algo máis sobre ti ou sobre a túas obras deixamos este oco…

Sobre min pouco máis podo dicir do que aireo na miña web, que logo todo se sabe!, e da miña obra, pois é o público quen a xulgará como mellor lle preste. A min só me resta centrarme nos meus proxectos e tentar facer o que máis me gusta o mellor que sei.

Grazas Calros polas túas respostas! Foi un pracer!

Poderiamos estar ante a extinción do carballo anano en Galicia?

A grande importancia botánica do Monte Pindo reside na existencia dunha poboación relicta de Quercus lusitanica (antigo Q. fructicosa) descrita por Lamarck  e que recibe o nome de carballo anano ou caxigo.  Esta especie ten unha curiosa distribución, na metade sur de Portugal, SO de Andalucia e N de África e conta cunha única  poboación en Galicia, nos montes do Pindo. Constutúe polo tanto, un endemismo ibérico occidental norafricano

Conseguirá sobrevivir á queima? deixamos neste artigo a descripción de Henrique Niño Ricoi e os debuxos de Calros Silvar para o coñecemento da especie, todo un símbolo nun monte que tamén o é.

Quercus lusitanica Lam. Quercus fruticosa Brot., Quercus humilis Lam.carballo anano, caxigo lusitanicus: de Lusitania, porque abunda en Portugal.

Arbusto estolonífero monoico que non pasa de 1 m de altura. Raíces estoloníferas. Caules delgados e flexuosos. Cortiza cinsenta-abrancazada e lisa. Copa irregular. Follas de 2,5-12 x 1,2-5 cm, marcescentes, simples, alternas, case coriáceas, obovadas ou elípticas, provistas dun curto pecíolo de 1,5-3 mm, co bordo lobulado-dentado na parte superior, enteiro na inferior, cor verde escura e lustrosas na face, cinsentas e tomentosas no envés.

Flores unisexuais, coa envolta floral sepaloide de lóbulos obtusos e pubescentes, as masculinas cun número variábel de estames (6-12), agrupadas en amentos de 3-5 cm, colgantes e interrompidos. As femininas con ovario ínfero provisto de estilos curtos e erectos e estigmas grosos, situadas no interior dun involucro formado por numerosas escamas.

Florece entre abril e maio. A polinización é anemógama.O froito é un aquenio de 10-16 x 8-12 mm, sentado ou con pedúnculo de até 15 mm, cor castaña. Cúpula de 7-12 x 10-18 mm, con escamas lousadas. Madura en outono.

Orixinaria da Península Ibérica e Marrocos. Habita en piñeirais e matogueiras sobre solos areosos en climas temperados. As citas galegas refírense todas a un pequeno grupo atopado no Monte do Pindo (Carnota).

(Fonte: Guía das árbores de Galicia, Baía edicións)

A divulgación e ilustración da natureza, da man de Calros Silvar

Mércores 7, ás 18:00 horas, Calros Silvar falará de O carballo, na colección “A aventura de vivir”, á vez que nos guiará na ilustración naturalista, que poñeremos en práctica.

Sabedes diferenciar os tipos de carballo polas follas? Sabedes a cantas especies dan acubillo os carballos? Cales pensas que son os perigos que ten que afrontar un carballo para chegar a vello? Cal é o peor?

Sabías que as formigas son gandeiras e crían pulgóns nas cortizas das árbores?

Estas e outras moitas cousas poderás aprender con Carlos. ACOMPÁÑANOS!

O carballo, símbolo de vitalilade e forza!

Nas culturas tradicionais, os carballos eran algo máis cunha árbore, simbolizaban a vitalidade e forza (de ahí ser forte como un carballo) e a eles se atribuían poderes máxicos.

A palabra latina Quercus, deriva das celtas Kaer, que significa “fermoso” e Quez, “árbore”. Para os celtas, o caballo era Kaerquez,  “Árbore fermosa” e considerábase unha árbore sagrada e as carballeiras tiñan un significado especial: nelas celebrábanse os ritos relixiosos. Estes bosques sagrados chamábanse Lubre, palabra celta que se conserva intacta na toponimia galega e tamén na francesa: Louvre.

Foi tal a veneración dos galos a algúns carballos que se consideraban tótems (protector e representante) do Clan.

Desas e doutras moitas cousas fálase en O carballo, de Carlos Silvar

Martes 6 agosto, 19:horas presentación da novela gótica A neve e o lume

Ás 19:00: A neve e o lume

A escritora coruñesa Chelo Suárez e a tamén escritora e prologuista da obra, Marica Campo, farán unha introdución a esta singular novela dirixida ao público xuvenil e ilustrada moi certeiramente por Calros Silvar,

Comentario:

Vén Chelo Suárez guiada por Alejandra Pizarnik cuxos versos son a epígrafe de cada capítulo, con ecos do mundo de Erzébet (Elisabeth ou Elizabeth) Báthory, a condesa sanguenta, aquela que fixera do sadismo máis brutal o seu emblema até se converter en paradigma da crueldade sen límites ao servizo do pracer sexual. Mais aquí non hai outra tortura que o alento axeado do misterio, o rostro da morte cando esta é violada, os poderes do Maligno desencadeados como a tormenta perfecta. O perigo axexa, docísimo, tras a porta. Traspasala é chegar ao mundo dos mortos viventes, aboiar para sempre entre o ser e o non ser.

Vén, sen pudores nin eufemismos, porén delicada, cunha historia imposíbel, mais verdadeira por coherente, co seu sentido alén da realidade.

[Do Prólogo de Marica Campo]

Baía Edicións presenta en Vigo o poemario RESINA DE POLIÉSTER e O CARBALLO

Baía Edicións presenta o luns día 1 de xullo, ás 18.15 horas, o libro O carballo, de Calros Silvar.  Neste acto, que terá lugar no marco da Feira do Libro de Vigo, intervirán, ademais do autor, Miguel Ángel Fernández Martínez, grupo naturalista Vacaloura e autor da Guía de libélulas de Galicia e Belén López Vázquez, directora editorial de Baía Edicións.

Ese mesmo día, ás 21:00 horas, preséntase  o poemario Resina de poliéster, de Correa Corredoira, en que intervirá, ademais do autor, Francisco Fernández Naval “Chisco” e Belén López Vázquez, directora editorial de Baía Edicións.

Calros Silvar presenta este venres O CARBALLO

O próximo venres 10 de Maio no Colexio Sada e Contornos de Sada presentará Calros Silvar O Carballo, editado por Baía Edicións.

Previamente acompañará aos alumnos nunha visita didáctica ao humidal d´As Brañas. E para completar a xornada, ás 19:00 da tarde, participará na presentación d´O Carballo na Libraría Carricanta de Betanzos.

O CARBALLO segue dando que falar

O blogue de Proxecto Voz Natura (Custodia do territorio e biodiversidade) do CEIP de Sada e Contornos recomenda o libro d´O Carballo, de Calros Silvar.

“O carballo é unha árbore emblemática de Galicia. Neste libro de Calros Silvar, o Carballo cóntanos como é a súa vida e as relacións cos demais seres vivos do seu ecosistema, con quen se leva mellor e quen o amola. Tamén nos recorda o importante que foi e é para as persoas, e como estas son na actualidade o seu maior inimigo. Alerta dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza.

Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén, e de forma moi especial, o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.

Calros Silvar é integrante da Fundación Fragas do Mandeo e neste curso agasallounos cos magníficos cromos que ilustran o álbum “Custodiamos a biodiversidade da natureza de As Mariñas” dentro do proxecto Voz Natura no que participa o noso centro.

O Carballo é un libro para ver, ler e compartir”.

Podedesde velo no ricón de Voz Natura da biblioteca.

http://voznaturasada.blogspot.com.es/

O CARBALLO, COMPENDIO DE HERBAS MÁXICAS e MIGUEL STROGOFF libros finalistas dos Premios da Edición 2012

O vindeiro 15 de Marzo a cidade de Vigo acollerá a VIII Noite da Edición 2012, que se celebrará no restaurante Mar de Vigo. Os Premios da Edición, convocados pola Asociación Galega de Editores, pretenden recoñecer e distinguir a excelencia do traballo editorial realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2012 en Galicia.

As distincións, sen dotación económica, distribúense en dez categorías diferenciadas, que premiarán distintos aspectos da produción literaria.

Candidaturas propostas polos editores 

As candidaturas foron presentadas polos membros asociados da AGE, ata un máximo de tres por categoría, tralo que pasaron unha primeira fase de votación realizada polos socios, na que deberon votar a un máximo de dúas obras por categoría agás as obras editadas por eles.

Xurado

As obras finalistas están xa na fase do Xurado, composto por cinco profesionais do ámbito do libro e os medios. O fallo será dado a coñecer na mesma velada de entrega, o  15 de Marzo en Vigo.

FINALISTAS

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE FICCIÓN DO ANO 2012

  • OUTONO AQUÍ, de Mario Regueira, editado por Sotelo Blanco.
  • MORGANA EN ESMELLE, de Begoña Caamaño, editado por Galaxia.
  • AS VOCES BAIXAS, de Manuel Rivas,  editado por Xerais.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE POESÍA OU TEATRO DO ANO 2012

  • RUÍDO DE FONDO, de Daniel Salgado, editado por Xerais.
  • TIGRES DE TERNURA, de Claudio R. Fer, editado por Toxosoutos.
  • O SILENCIO, de Mario Regueira, editado por Xerais.
  • BREIZH, de Miro Villa, editado por Toxosoutos.
  • OS ÁNGULOS DA BRASA, de Manuel Martínez Torneiro, editado por Kalandraka.
  • FRASE DE TREMA, de Lorena Souto, editado por Espiral Maior.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE NON FICCIÓN DO ANO 2012

  • OS SEÑORES DA MENTIRA. Política e Cultura en Galicia, de José Carlos Bermejo Barrera, editado por Lóstrego.
  • HERDEIROS POLA FORZA, de Manuel Gago e Xurxo Ayán, editado por 2.0 Editora.
  • COMPENDIO DE HERBAS MÁXICAS, de Montse Rubio, editado por Baía Edicións.
  • O CARBALLO, de Carlos Silvar, editado por Baía Edicións.
  • COMO FALAR E ESCRIBIR EN GALEGO CORRECTAMENTE E CON FLUIDEZ, de Carlos Callón, editado por Xerais.
  • O RASTRO QUE DEIXAMOS, de Agustín Fernández Paz, de Xerais.

PREMIO LOIS TOBÍO Á TRADUCIÓN DO ANO 2012

  • DIARIO DE INVERNO, de  traducido por  Eva Almazán , editado por  GALAXIA.
  • MIGUEL STROGOFF, traducido por Ánxela Gracián, editado por Baía Edicións.
  • ALÉN DA FRONTEIRA: SETE POETAS VASCOS,  traducido por  Isaac Xuvin, editado por Kalandraka Editora.

PREMIO ISAAC DÍAZ PARDO AO LIBRO ILUSTRADO DO ANO 2012

  • PAXARO DE MAR E VENTO,  ilustraso por  Xosé Cobas, editado por Biblos.
  • COMPENDIUM DE HERBAS MÁXICAS,  ilustrado por Montse Rubio, editado por Baía Edicións.
  • ALMANAQUE MUSICAL,  ilustrado por  David Pintor, editado por Kalandraka Editora.
  • O  CARBALLO,  ilustrado por  Carlos Silvar, editado por Baía Edicións.
  • OSO ATRAPABOLBORETAS, de Susanna Isern & Marjorie Pourche, editado por OQO Editora
  • VERDEDADES, ilustrado por  Xosé Tomás, editado por Biblos.
  • CARTAS DE INVERNO,  ilustrado por  Antonio Seixas, editado por Xerais.

PREMIO NEIRA VILAS AO MELLOR LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2012

  • PAXARO DE MAR E VENTO, de Tucho Calvo, editado por BIBLOS
  • O CORAZÓN DE XÚPITER, de Ledicia Costas, editado por Xerais.
  • A VERDADEIRA HISTORIA DA  MOSCA DA TELE, de María Solar, editado por Galaxia.
  • TITIRICIRCUS, de Miguel Borines, Tatán, Tanxarina, editado por Kalandraka Editora   CARRABUÑAS, de  CharlottePardi, e   editado por OQO Editora.
  • MARÍA FUMAÇA, de Uxía Senlle, editado por Galaxia.
  • A  PUNTA DE PISTOLA, de Fran Alonso, editado por Xerais.
  • CARTAS DE INVERNO,  de Agustín F. Paz,  editado por Xerais.

PREMIO XOSEFA IGLESIAS VILLAVERDE AO MELLOR LIBRO EDUCATIVO DO ANO 2012

  • PEIXES.COCIÑA INFANTIL, de varios, editado por Ouvirmos.
  • INVENTARIO ILUSTRADO DE ANIMAIS, de Virginie Aalakjidi, editado por Kalandraka.
  • ROSA CARAMELO, de Adela Turín, editado por Kalandraka.
  • O CARBALLO, de Carlos Silvar, editado por  Baía Edicións.      

 PREMIO ROSALÍA DE CASTRO Á INICIATIVA EDITORIAL DO ANO 2012

COLECCIÓN XORNALISTAS, de  2.0 EDITORA;  OQO FILMES, de OQO Editora, GALAXIA TALES, de Editorial Galaxia; e John Balan, un yanqui en la Corte de Breogán, de Teófilo Edicións.

PREMIO XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ AO AUTOR/AUTORA OU COLECTIVO DE AUTORES EN LINGUA GALEGA DO ANO 2012

Manuel Gago,  Xornalistas de Galicia (VVAA), Fina Casalderrey e  Marcos Calveiro.

Fonte: AGE

O carballo, de Calros Silvar

Con esta obra, Baía Edicións pon en marcha unha nova colección (en formato grande e encadernación en capa dura) de divulgación de elementos singulares do noso medio natural, dirixida, fundamentalmente, a nenas e nenos de ensino primario, baixo o lema xenérico de A aventura de vivir.

Nesta primeira entrega, Calros Silvar, cun texto moi sinxelo e de fácil comprensión para as lectoras e os lectores aos que vai dirixido e mesmo cunha presentación do protagonista, humanizado ao modo dos contos clásicos e tradicionais dos animais falantes, como guía do seu ecosistema para os visitantes que acoden a coñecelo. Asemade, vai explicando quen son as árbores e, concretamente, os Quercus e as  diferenzas máis singulares entre as distintas especies,  como nacen, se desenvolven e como evolucionan durante o seu longo período de vida. Alerta tamén dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza. Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén e de forma moi especial o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.

Nova sobre a presentación do libro no Culturgal

Nova sobre a presentación do libro na Galería Sargadelos

AGPI fala do novo libro de Calros Silvar na súa web

Calros Silvar tamén no Diario de Ferrol falando da nova colección ‘Aventura de vivir’

Brabádegos. Portal de literatura infantil e xuvenil analiza O CARBALLO

Máis información