Poderiamos estar ante a extinción do carballo anano en Galicia?
A grande importancia botánica do Monte Pindo reside na existencia dunha poboación relicta de Quercus lusitanica (antigo Q. fructicosa) descrita por Lamarck e que recibe o nome de carballo anano ou caxigo. Esta especie ten unha curiosa distribución, na metade sur de Portugal, SO de Andalucia e N de África e conta cunha única poboación en Galicia, nos montes do Pindo. Constutúe polo tanto, un endemismo ibérico occidental norafricano
Conseguirá sobrevivir á queima? deixamos neste artigo a descripción de Henrique Niño Ricoi e os debuxos de Calros Silvar para o coñecemento da especie, todo un símbolo nun monte que tamén o é.
Quercus lusitanica Lam. Quercus fruticosa Brot., Quercus humilis Lam.carballo anano, caxigo lusitanicus: de Lusitania, porque abunda en Portugal.
Arbusto estolonífero monoico que non pasa de 1 m de altura. Raíces estoloníferas. Caules delgados e flexuosos. Cortiza cinsenta-abrancazada e lisa. Copa irregular. Follas de 2,5-12 x 1,2-5 cm, marcescentes, simples, alternas, case coriáceas, obovadas ou elípticas, provistas dun curto pecíolo de 1,5-3 mm, co bordo lobulado-dentado na parte superior, enteiro na inferior, cor verde escura e lustrosas na face, cinsentas e tomentosas no envés.
Flores unisexuais, coa envolta floral sepaloide de lóbulos obtusos e pubescentes, as masculinas cun número variábel de estames (6-12), agrupadas en amentos de 3-5 cm, colgantes e interrompidos. As femininas con ovario ínfero provisto de estilos curtos e erectos e estigmas grosos, situadas no interior dun involucro formado por numerosas escamas.
Florece entre abril e maio. A polinización é anemógama.O froito é un aquenio de 10-16 x 8-12 mm, sentado ou con pedúnculo de até 15 mm, cor castaña. Cúpula de 7-12 x 10-18 mm, con escamas lousadas. Madura en outono.
Orixinaria da Península Ibérica e Marrocos. Habita en piñeirais e matogueiras sobre solos areosos en climas temperados. As citas galegas refírense todas a un pequeno grupo atopado no Monte do Pindo (Carnota).
(Fonte: Guía das árbores de Galicia, Baía edicións)