Coñecemos un pouco máis a Calros Silvar
Nace en Ferrol e reside en Sada (A Coruña). É diplomado en Interiorismo e Licenciado en Belas Artes (Madrid) e, actualmente, exerce de ilustrador. É debuxante, ilustrador e autor especializado en natureza, interpretación do patrimonio e divulgación ambiental. Imparte charlas, cursos e obradoiros de banda deseñada, debuxo, ilustración da natureza e divulgación ambiental. Comeza o seu periplo profesional como ilustrador editorial, humorista gráfico e autor de banda deseñada, aínda que o seu labor centrouse, durante case trinta anos, no deseño de produto, especialmente de pezas decorativas, para unha emblemática fábrica de porcelana galega. Nesta etapa exerce tamén, durante varios anos, como coordinador e co-monitor en cursos de cerámica en alta temperatura, tanto para nenos como adultos. Natureza, debuxo, escrita, lectura, fotografía e medios audiovisuais son as súas paixóns e o eixo do seu labor actual. MÁIS INFORMACIÓN
- Bos días Calros Silvar, cóntanos… cando empezaches a ilustrar?
Empecei polos anos 78 ou 79, sendo aínda estudante de Belas Artes, con dúas obras case simultaneamente, unha era un folleto sobre as aves de Galicia, para ser usado polos seus autores (Patiño e Pedreira) nas escolas onde impartían clases… e que acabou sendo a primeira Guía das Aves de Galicia, editada por Galaxia no 1980. A outra foi o primeiro libro dunha colección que chegou a dez tomos, baixo o título de “Historia do Pobo de Xesús”, autoría de Xosé Chao Rego, editado por Edicións do Castro, e que deu pé a que entrara en contacto coa empresa coa que cheguei a traballar máis de 29 anos.
- Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?
Pois a verdade é que non, seguín o meu propio xeito de facer, aínda que si gustaba da obra de certos ilustradores, coma Goñi, por nomear algún sobranceiro daqueles tempos.
- Cales son as túas ilustradoras e/ou ilustradores favoritas/os?
Hai moitos autores dos que gusto, pero por cinguirme ao eido da ilustración da natureza nomearei algúns deles: Richard Lewington, Keith Brockie, Mitchell Beazley, Bruce Pearson, Christine Hutson, Darren Woodhead, Juan Varela, Diego Ortíz, Dranae, Francisco J. Hernández, Sandra Blair, J. A. Sencianes Ortega… fican moitos no tinteiro.
- Que é o máis che gusta do teu traballo?
Poder facelo.
- Algo que sempre me interesou foi o tema da inspiración: como fas? No momento de creación de ilustracións para libros infantís, narrativa, novela… acodes a algún dos teus referentes?
Non: leo o libro, escollo as escenas a ilustrar, maxínoas, emborrancho papel e vou depurando a composición e concretando a técnica e estilo máis acaídos (son un tanto camaleónico neste aspecto).
- A cal das personaxes que creaches lle tes máis cariño?
Polo tipo de ilustración que fago non teño creado persoaxes, excepto na curta etapa na que fixen humor e banda deseñada. O primeiro e único personaxe que creei foi un neno (Xurxo) que dialogaba e interactuaba co seu amigo, un caracol agudo e sabichón (Balbino).
- Con Baía nace a colección de Guías da natureza de Baía Verde con 25 títulos xa… entre títulos divulgativos sobre espazos naturais e guías de especies de fauna e flora galega. Con cal das guías te quedarías? Por que?
Sinto un especial orgullo e aprecio por esta colección, pois foi a proposta miña que Baía a iniciou. A máis emblemática é a Guía de Aves, pero quedei máis satisfeito co resultado final (e falo exclusivamente do meu traballo) das Guía de mamíferos e de libélulas.
- Con estas guías acadaches o 1º Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado pola Guía dos mamíferos no ano 2007, xunto co Premio Irmandade do Libro, na categoría de Mellor Obra Editorial en 2012. Que sentiches cando te informaron dos premios?
Pois loxicamente grande satisfacción, especialmente por ser unha das miñas guías favoritas. Alén diso, gustoume que se premiara un libro dunha colección emblemática para o noso país, e sen parangón no resto do Estado, pois non hai que esquecer que foi colección pioneira que non ten par en ningunha das outras linguas peninsulares.
- A maioría dos teus títulos son guías de natureza, verdade? Que guía foi a que máis traballo che dou?
A Guía de aves e máis a de cogomelos foron especialmente traballosas: a grande cantidade de especies e de detalles a ter en conta abondaron niso.
- Tiveches algún problema con algún dos autores/as dos libros que ilustraches?
Non, con algún traballei máis comodamente ou con máis sintonía, pero non podo dicir que tivera problemas con ninguén.
- Poderías explicarnos cales son os pasos a seguir cando realizas unha ilustración dunha ave ou unha árbore, por exemplo?
A primeira fase é a de documentación e, neste senso, procuro ter a miña propia documentación: bosquexos feitos pola miña man e directamente dos exemplares; se non queda outra utilizo outro material de referencia, empezando por fotos que eu mesmo poda ter feito ou material que o autor forneza.
Logo ven a fase de bosquexar no papel o exemplar ou a escena e, unha vez concretado, paso á fase de dar cor. Como traballo con acuarela, ás veces fago varias ilustracións ao tempo, aproveitando os tempos de secado dunhas para avanzar nas outras.
Unha terceira fase é, logo de escaneada a ilustración final, limpala e retocala dixitalmente.
- E, en cuestión, de tempos… canto che leva facer unha ilustración para unha guía?
Pois depende moito do tema que se trate e no número de ilustracións que haxa que facer por cada especie, ou mesmo o nivel de detalle ou estilo que o autor do texto prefira. Algúns queren ilustracións máis soltas, tipo bosquexo, outros prefírenas moi detalladas… por termo medio digamos que entre 8 e 16 horas, pois as editoriais tamén marcan un ritmo e non podes durmir nos loureiros.
- En 2012 nace a colección Aventura de vivir e, con esta colección, O carballo… Que pretendes con este libro?
Foquei o libro na dificultade que os seres vivos teñen para sobrevivir na natureza… e, a maiores, enfrontados co máis temible dos predadores: os humanos. Alén diso, o libro destaca, e tenta divulgar, a importancia ecolóxica, económica e cultural desta especie na nosa sociedade e no noso contorno natural.
- A que público vai dirixido? Poderías explicarnos que podemos atopar neste libro?
Vai dirixido a nenos a partires de 10 anos e rapaces e adultos que non teñan especiais coñecementos no ámbito das ciencias naturais. É un libro de divulgación, interdisciplinar, no que tanto se fala de como dexergar as diferentes especies do xénero Quercus que habitan na nosa contorna, do seu hábitat e ecoloxía, como da súa importancia económica ou mitolóxica nas diferentes culturas europeas.
- Visitaches moitos centros educativos presentando o teu libro, verdade? Que reacción atopaches no alumnado?
Si, xa levo varios Centros visitados e, polo xeral, despértase a curiosidade logo dun inicio tinxido de certa incredulidade… iso de que che vaian “soltar o roio” sobre unha árbore, así de primeiras, non soa moi ben!.
- E falando nun ámbito máis global, como ves o papel da ilustración galega neste momento?
No mellor momento da súa historia, cun importante número de autores dunha calidade excepcional. Hai moita creatividade e calidade no país, mesmo recoñecida a nivel mundial.
- E a situación no mercado editorial hoxe en día?
Pois nun dos peores momentos, hoxe a situación é case de parálise, e só nos salva a diversificación ou traballo no exterior. Supoño que os ilustradores de “Infantil-xuvenil” aínda van zafando, pois é o eido que mellor terma, pero o descenso radical das vendas e o estrangulamento da produción propia é letal para o ilustrador.
- Se queres comentarnos algo máis sobre ti ou sobre a túas obras deixamos este oco…
Sobre min pouco máis podo dicir do que aireo na miña web, que logo todo se sabe!, e da miña obra, pois é o público quen a xulgará como mellor lle preste. A min só me resta centrarme nos meus proxectos e tentar facer o que máis me gusta o mellor que sei.
Grazas Calros polas túas respostas! Foi un pracer!