Entradas

A Fundación Manuel María homenaxea o poeta en Lúas de outono

O Teatro Colón da Coruña acolle mañá ás 20:30 horas Lúas de Outono, a gala coa que a Fundación Manuel María homenaxea o poeta chairego que lle dá nome. O evento servirá para presentar a videocreación Danza do poema emocionado realizado por Anxa G. Refoxo para Pixel Films sobre poemas do autor. Pola súa banda, Uxía cantará en directo temas do disco Andando a Terra. Uxía canta a Manuel María, que tamén se presenta nesta gala. A celebración coincide co cabodano do poeta, falecido en 2004.

Fonte: Cultura galega

RedeCom comeza o 25 de setembro

O 25 de setembro ás 16:30 dará comezo a primeira sesión da Rede de Coñecemento Compartido posta en marcha pola AGE. O instrumento pretende establecerse como unha arañeira permanente de intercambio entre os diferentes actores do sector, e os editores non descartan espallala ao resto dos sectores cos que interactúan. A actividade terá lugar nas instalacións do Consello da Cultura Galega.

Os sectores da industria cultural atopan cada día máis dificultades para enfrontar os retos da coxuntura económica máis negativa de casi toda a súa historia, da pouco menos que esquecida e inexistente política cultural, da inusitada transformación do sector pola irrupción dos novos soportes, que protagonizan e concitan o interese xeral e político e que afastan dese foco á raíz creadora que lles confire sentido.

As redes sociais e a internet e a súa utilidade para promover e promocionar os contidos e a creación, as marcas culturais e a interacción co público atento, serán o tema desta primeira sesión na que participarán tres editores con experiencia nese ámbito.

                                                                 Creación de libros dixitais      

Hoxe dará comezo, con máis de trinta participantes, o primeiro seminario de Creación de libros dixitais. A docencia estará a cargo de Antón Lado.

Fonte: AGE

“A cultura galega está sometida a uns malos tratos constantes hoxe en día”

O teatro de Novacaixagalicia comeza o seu outono teatral en Vigo os próximos 13 e 14 de setembro coa obra de produción galega “Tres non Bambán”. Arturo López, un dos actores e tamén director, tanto da obra como da compañía coruñesa que a leva a cabo (Espello Cóncavo), móstrase contento e agradecido por poder inaugurar este ciclo e quere que a súa comedia sirva de revulsivo para que as demais teñan unha gran acollida.

–Que lle parece abrir o novo ciclo de teatro de Novacaixagalicia en Vigo?

–Paréceme ben. Evidentemente, ir de primeiros non indica nada de seu. É un ciclo un tanto limitado e o feito de estar aí xa o consideramos importante. Ademais, esperamos que coa nosa presenza á hora de abrir o ciclo e o noso traballo incentívese ao público e acuda masivamente. Creo que temos un espectáculo ameno, divertido e moi interesante.

–A obra, “Tres non Bambán”, xa a representaron desde Espello Cóncavo no ano 2001. Por que a retoma?

–Repite porque foi un espectáculo para nós moi grato. Tanto pola calidade do texto como polas experiencias que acumulamos na primeira fase. Nós, os actores, pasabámonolo/pasabámosnolo estupendamente ben á hora da representación. Entón, pensando un pouco nos tempos nos que vivimos, vimos a posibilidade, xa que é un espectáculo que funcionaba moi ben co público, que nolo pasabamos ben, que o texto da obra é boa e intelixente e claro, dixemos: “Perfecto”. Ademais, egoístamente, creo que foi máis que nada porque o pasabamos moi ben nas representacións.

–Hai algún motivo especial polo que recorre a estes actores?

–Somos un pouco os habituais. Por exemplo, a Fernando Morán, Xavier Pan e Teresa Horro téñoos en case todos os meus espectáculos. Son amigos de toda a vida e claro, formamos todos xuntos Espello Cóncavo, a pesar de que o titular sexa eu.

–O próximo ano, Espello Cóncavo celebrará o 20 aniversario. Haberá algún tipo de celebración?

–Si, vai haber algo especial. Xa temos o proxecto para montar “Azos de Esguello”, unha obra de Euloxio Ruibal, que foi premio Álvaro Cunqueiro en 1989. É unha obra que, curiosamente, está de plena actualidade. Trata a fondo os problemas que hai dentro do mundo dos negocios, a banca e a política desde unha perspectiva de denuncia. Creo que está á orde do día e, a pesar de que non a escollemos por iso, atópasche coa realidade cando empezas a ver as similitudes. Parece que nos estaba dando un aviso do que estamos a vivir agora.

–O compromiso coa cultura galega que manifesta a súa compañía teatral é inalterable, verdade?

–Si. Un non nace onde nace. Se cría onde se cría. Eu nacín en Arzua, o centro xeográfico de Galicia. Vivín alí cinco anos e funme para A Coruña, pero uno é de onde é. Hoxe en día a cultura galega está sometida a uns malos tratos e agresión constante. Os que estamos inmersos nela, sobre todo no mundo do teatro, onde están a pechar moitas compañías, temos que resistir e aguantar ata o final.

–Outra das premisas polas que se rexe Espello Cóncavo é a de facer alcanzable para todo o mundo as obras que respresentan. Como se traduce iso?

–Si claro. Parécenos que o teatro debe de ir sempre dirixido a un público maioritario, aínda que respecto moito que se requira certa preparación previa para abordalos. Pero bo, nós buscamos que chegue a un espectro moi amplo de espectadores. Iso non quere dicir que tiremos polo facilón e ramplón. Por exemplo, “Tres non Bambán”, ao dicir que é intelixente, é unha comedia na que se trata de todo: humano, divino, laboral, político? Pero dunha forma desenfadada e tangencial. Resulta unha obra que ten ata unha clave de misterio. A mirada do autor, Luigi Lunari, é moi irónica.

Fonte e foto: Faro de Vigo

A Xunta de Galicia presenta en Santiago de Compostela o novo corrector de galego Imaxín Galgo 2.0

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe na Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia a nova versión do corrector de galego Imaxín Galgo 2.0.

Durante a súa intervención o conselleiro lembrou que o corrector Galgo é un dos máis eficaces e completos do mercado, do que dixo que “facilita enormemente a escrita no noso idioma”. Ademais, mostrouse satisfeito de poder presentar unha ferramenta que facilita a aprendizaxe e progresiva autonomía no uso correcto do noso idioma e axuda a superar as inseguridades de quen aposta por escribir en galego no ámbito público e profesional.

No acto participaron tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira Álvarez; a concelleira de Educación de Normalización Lingüística de Santiago, Rebeca Domínguez Iglesias; Manuel González González, membro da Real Academia Galega e director científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) e Diego Vázquez Rey, representante da empresa que desenvolveu o corrector, Factoría de Software e Multimedia, S.L.

Lingua TIC

Vázquez Abad indicou que o corrector Imaxín Galgo 2.0 é unha contribución máis da Xunta de Galicia a conseguir as metas marcadas no Plan xeral de normalización da lingua galega con relación ás tecnoloxías da información e da comunicación. Sobre isto o conselleiro dixo que fomenta a presenza do galego nas TIC, ao tempo que logra unha oferta máis ampla e competetitiva de produtos e recursos informáticos en galego, e que favorece a opción positiva polo galego no mercado da información e da comunicación e mais a libre circulación do galego nos sistemas avanzados da vida moderna.

Outros proxectos

Así mesmo, lembrou outros proxectos do seu departamento que inciden nos mesmos fins, coma o Dicionario de pronuncia da lingua galega en liña; os cursos de galego a distancia; o Dicionario xurídico, que estará proximamente en internet a disposición da cidadanía; todo o traballo en lingüística informática do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e o apoio á candidatura para o dominio puntoGal.

No relativo ao puntoGal a directora da Amtega, Mar Pereira, indicou desde a Axenda Dixital 2014.gal, se está apoiar a construción dunha comunidade con identidade de seu na era dixital. De aí o apoio do Goberno galego a iniciativas como punto.gal, para conseguir un dominio galego en Internet ou á Campaña por un twitter en galego.

Ademais noutra liña de actuacións, Mar Pereira destacou que a Amtega vén colaborando económicamente e prestando apoio, nos derradeiros anos as Asociacións de Usuarios de Software Libre, na tradución de Software Libre ao galego e se está a traballar tamén na posta a disposición das administración públicas galegas dun sistema de tradución automática galego-castelán.

En definitiva, iniciativas que aproveitan a tecnoloxía para facilitar o uso do galego e contribuír a súa dinamización.

Por outra banda, Xesús Vázquez Abad aproveitou a ocasión para animar a cidadanía a sumarse á campaña da Xunta de Galicia Redes sociais en galego e á iniciativa cidadá Twitter en galego XA! En relación con isto, congratulouse de que no ámbito das tecnoloxías en lingua galega conflúan os esforzos da cidadanía, cos do goberno de Galicia e de entidades privadas coma Factoría de Software e Multimedia, S.L.

Imaxín Galgo 2.0.

O corrector Imaxín Galgo 2.0, que pode descargarse da páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/galgo, é unha actualización do corrector Galgo que presenta, con respecto á versión anterior, tres novidades fundamentais: está adaptado á normativa da Real Academia Galega de 2003, está actualizado para as novas versións de Microsoft Word para Windows e conta con versión para Mac.

A diferenza doutras ferramentas semellantes, ofrece a vantaxe de solucionar, a canda erros de carácter tipográfico e ortográfico, outros de carácter léxico e mais a de que as correccións e suxestións de vocabulario ante unha palabra incorrecta están especialmente pensadas para a lingua galega e a súa situación de contacto co castelán.

Fonte: Xunta de Galicia

Galicia gaña este curso máis de 2.000 alumnos en Infantil e Primaria

A matrícula nas primeiras etapas educativas crece, un ano máis. O curso escolar en Infantil e Primaria empezará o mércores e serán un total de 201.363 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos os que estreen e desempoen mochilas tras o descanso estival. Se o ano pasado (2011-2012) a inscrición superou os 3.000 alumnos novos, nesta ocasión serán 2.108 máis: 821 na primeira etapa e 1.287 de 6 a 12 anos.

O sistema educativo galego segue gañando alumnos nas primeiras etapas, ano tras ano, fronte á tendencia “á baixa” en Secundaria. No curso 2010-2011 eran en total 195.867 estudantes e o ano pasado a cifra situouse en 198.911. Comparando entre anos consecutivos, en Infantil había o curso pasado 67.304 alumnos e este ano serán 68.125. En canto a Primaria, Galicia pasa de 132.025 estudantes no curso 2011-2012 a 133.238.

Os centros públicos son os que máis alumnado novo matricularon e, no cómputo xeral de matriculados, acaparan o 70% dos estudantes, fronte 27% os concertados e un 3% os privados.

Por provincias, a que aglutina un maior número de alumnos é A Coruña (83.906), seguida de Pontevedra (78.390), Lugo (19.934) e Ourense (19.133). En canto ao alumnado estranxeiro cae o número de escolarizados tanto en Infantil como en Primaria. De 3 a 6 anos hai 159 nenos e nenas menos con nacionalidade non española, pasando de 1.262 o curso anterior a 1.103 no que agora empeza. En Primaria, o número de estudantes estranxeiros era de 5.516 no curso 2011-2012 e a cifra baixa a 5.410.

A apertura das aulas será pasadomañá e está prevista unha manifestación da plataforma en defensa da educación pública durante a xornada inaugural polos recortes. Hoxe concentraranse fronte á Consellería de Educación, convocados pola CIG, profesorado interino e substitutos para protestar “pola redución de 1.000 docentes”.

Son 985 en total os centros educativos de Galicia que imparten Educación Infantil (161), Educación Primaria e primeiro ciclo de Infantil (653) e Educación Primaria e Secundaria con segundo ciclo de Infantil (171), tal e como especifica a información enviada onte pola Consellería de Educación. O ano pasado por estas datas as estatísticas recollían 1.002 escolas e colexios nas mesmas etapas educativas.

Segundo a comparativa, pasouse de 381 a 378 unidades na provincia da Coruña; de 374 a 366 en Pontevedra; de 127 a 124 en Lugo e de 120 a 117 en Ourense. Educación avanza que este curso escolar haberá 3.000 novas prazas de comedor, de forma que o servizo chegará en total a 69.000 alumnos e, en canto ao transporte escolar, o número de usuarios ascende a 90.000 en toda a comunidade.

Fonte: La opinión Coruña

O presidente dos editores reclama una saída da cooperativa para o sector do libro

O Presidente dos editores manifesta en Brétemas a súa compartida preocupación con Joaquín Rodríguez  polo futuro do sector do libro. Manuel Bragado reflexiona sobre as consecuencias da enorme crise de consumo que está afectando dun xeito desolador ás vendas de toda a cadea de valor do libro. Esa coxuntura incrementa a dependencia dos resultados da campaña de libro de texto e das lecturas prescritas polos centros escolares.

O director de Xerais explicita a súa preocupación polas previsións da campaña de Nadal, pola desparición da paga extra dos  funcionarios, máis de dous millóns de persoas que son boa parte dos lectores; subliñando ademais que é un feito incuestionable “que o ecosistema de lectura dixital muda os protagonistas na cadea do libro, ao tempo que o mercado da distribución dixital se concentra nun 85 % arredor dos dous xigantes estadounidenses que operan en España (Amazón co 38 % e Apple co 20 % xa hexemonizan o mercado de e-books) e das tres cadeas de librarías (FNAC, Casa del Libro e El Corte Ingles), deixando apenas un 15 % ao resto de plataformas dixitais e iniciativas de editores e libreiros independentes”.

“Nese entorno de mudanza e incerteza” concorda coa apelación de Joaquín Rodríguez na necesidade dunha saída cooperativa poñendo en valor o procomún dos sectores do libro, destacando que as estratexias individuais e mesmo sectoriais amósanse insuficientes para facer fronte aos novos retos e indicando que cómpre unha experiencia cooperativa de todos os sectores que integran a cadea de valor do libro.

Fonte: AGE

A cultura galega clama contra a subida do IVE en cinema e música ao 21%

A entrada para un festival como Portamérica que este ano custou 50 euros, podería superar na súa próxima edición os 55 calculando só o incremento do IVE, que pasará no sector da cultura do 8 ao 21% en cuestión de horas. A subida en 13 puntos deste imposto aprobada polo Goberno entrará en vigor mañá sábado co consecuente aumento do prezo de entradas en cinemas, teatros e concertos, polo menos que ocorra un milagre no Consello de Ministros de hoxe. Algúns afectados do sector cultural non gardan esperanza; outros cruzan os dedos para que o Executivo dea marcha atrás. Entre estes últimos, a Unión de Asociacións Empresariais da Industria Cultural Española, que onte demandou ao presidente español, Mariano Rajoy, que suspenda a entrada en vigor do aumento do IVE no sector e que estableza unha moratoria.

Se Rajoy desatende a proposta, os cidadáns afrontarán desde o sábado un aumento xeneralizado nas entradas de cinema, concertos e actuacións teatrais. Entre todas as fontes consultadas, existe “temor” a unha perda masiva de público. De feito, gran parte están convencidas de que será así. “Se ultimamente xa era difícil vender entradas para concertos, a partir do sábado máis. Cremos que vai diminuír bastante. Ao ter menos poder adquisitivo a xente, esta compra menos”, explicaban onte desde a empresa galega Esmerarte, promotora de concertos e festivais como PorAmérica ou Vigo Transforma.

Sen política cultural firme

No caso desta firma, as entradas postas á venda con antelación aínda que o día do directo sexa posterior ao 1 de setembro non sufrirán variacións. O resto si rexistrará o incremento do IVE, do 8 ao 21%. Artistas como Tony Lomba farán o mesmo. “Encareceranse as entradas. Neste país, non hai maneira de conseguir unha industria cultural debido aos vaivéns das políticas culturais de quenda”, queixábase o músico quen confesou que “me resulta imposible comerme eu a subida do IVE” á vez que vaticinaba “unha baixada do despacho de billetes”.
As empresas de cinema confésanse expectantes ao que ocorra no Consello de Ministros de hoxe e ao que decida ´a competencia´. “O negocio do cinema é como o dos caramelos; hai que vender moitísimo para que sexa rendible”, sinalaba un responsable de Coruña Films, empresa que conta con 33 pantallas, máis de 30 anos de experiencia e salas como as de Praza Elíptica en Vigo.

“O incremento do IVE desbórdanos; é unha barbaridade”, agregaba esta mesma fonte quen engadía que “nunca afrontamos algo como isto, que é máis duro que o paso das pantallas grandes ás pequenas. En cultura así como en alimentación, non se poden aplicar estas cifras de IVE; noutros países europeos non pasa do 9 ou 10%; mentres que aquí vai chegar ao 21%. Está claro que a xente vai ir menos ao cinema e que o Goberno, ao final, recadará menos”.

No sector do teatro, a Coordinadora Estatal de Salas Alternativas, que preside Pedro Fresneda, da sala viguesa Teatro Ensalle, “falou de non subir o entradas pero non hai unha visión oficial”.

Ensalle conxela tarifas

No caso de Ensalle, “o incremento do IVE ímolo a asumir nós. Cando abrimos, a entrada custaba nove euros e o IVE era do 6%. Agora, serán 9 euros con ese imposto ao 21% O que non sei é canto aguantaremos”, detallaba Fresneda onte, quen confía na complicidade do público para que a sala e a súa programación sigan existindo.

“Nestes tempos de crises, aumentamos entre un 30 e un 35% o público. A cidade (Vigo) respondeu vindo ao teatro, polo que esperamos que agora ocorra igual”, engadiu.

Respecto da hipotética posibilidade de que o Goberno anuncie unha moratoria ou renuncie a aplicar o aumento do IVE no sector cultural, Fresneda recoñeceu que “esperanzas hai poucas. O incremento dese imposto é un atentado contra o consumidor final”. Por último, concluíu: “Cultura somos todos”

Cinemas de Vigo exponse ofrecer máis días do espectador

O futuro do cinema non pintaba de cores en España. A partir do día 1 de setembro e coa subida do IVE será máis que incerto. Desde a SGAE e a Federación de Cinemas temen que a subida das entradas “obrigue a pechar” case a cuarta parte das salas existentes e a despedir a 3.500 empregados. Firmas como Yelmo Cinemas Vigo aplicarán o 21% desde o sábado. No entanto, para loitar contra a posible perda de espectadores xa pensan en ´promocións´ como elevar a dúas os días do espectador.

Aínda así, traballadores e responsables de salas de proxección galegas non esconden o seu “medo” á medida do Goberno Rajoy.

A Sociedade Xeral de Autores (SGAE) está convencida de que “a subida do imposto ten unha repercusión negativa no acceso da cidadanía á cultura. A medida limita o acceso á oferta cultural, propiciando unha brecha social”.

Segundo o informe da Federación de Cinemas, “se a subida do IVE fose de dous puntos, destruiríanse 540 postos de traballo fronte aos máis de 3.500 que se esperan”.

Fonte: Faro de Vigo

O COAG pretende que a sociedade aprenda a respectar os territorios

A xente debe ter unha maior capacidade para entender o territorio, xa que coñecer é o primeiro paso para a súa conservación”, así o afirmou o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Jorge Duarte, no acto de presentación do proxecto “ambicioso” Xentes, espazos e lugares.

O seu obxectivo principal é ofrecer unha visión completa dos lugares, da man non só de arquitectos, senón de todos aqueles que teñan algo que dicir sobre a complexidade de habitar no noso país.

Nace a raíz do proxecto Terra, que leva máis de dez anos de divulgación na educación primaria e secundaria, e pretende ser un proxecto con certa continuidade, que logre a implicación da sociedade en conceptos relacionados con urbanismo e arquitectura.

Fonte: El Correo Gallego

Foto: F. Blanco. No centro, Jorge Duarte, decano do COAG, na presentación do proxecto.

O ‘Lolapop’ múdase a Redondela

Un ano máis, e van cinco, Ernie Producións pon en marcha o festival Lolapop, unha cita imprescindible en Galicia para os amantes do pop. E faino cunha importantísima novidade: múdase a Redondela. Deste xeito, o escenario trasladarase o 8 de setembro ao porto de Cesantes, onde despregará un apetitoso cartel encabezado polos granadinos Niños Mutantes, que atracarán na vila para presentar o seu último traballo, Náufragos, e que seguro non se esquecerán de repasar algúns dos seus temas máis emblemáticos.

O menú do Lolapop tamén inclúe nesta ocasión o suculento rock indie de Supersubmarina, que veñen co seu Santacruz baixo un brazo e, baixo o outro, as guitarras. Dentro do panorama independente nacional, ao cuarteto de Baeza non lles ten nada que envexar a colosal proposta musical de Bigott. O zaragozano chegará en moi boa forma ao Lolapop tras os seus últimos concertos e con ganas de deixar claro por que cultiva as excelentes críticas que cultiva.

O porto de Cesantes tamén poderá gozar da enerxía dos vigueses Maryland, que nos achegarán os temas de Get Cold Feet e repasarán os mellores temas da súa discografía; do mesmo xeito farano Rusos Blancos, que están de estrea de mans do EP Hijo Único, que conta  con cinco novos temas gravados por Brian Hunt e masterizados por Joaquín Pascual.

Pola súa banda, os vigueses de Munich porán sobre as táboas as doses de rock e baile ás que nos teñen afeitos nos seus concertos pola súa/nosa terra. Pero a festa non acabará con eles, xa que o broche final para a cita correrá a cargo de Virginia Díaz (coñecida polo seu traballo en 180 Grados, de RNE) e Charli-e DJ (da sala Karma).

OS MÁIS PEQUENOS TERÁN O SEU PROPIO FESTIVAL
Do mesmo xeito que sucedese nas tres últimas citas, este ano a organización tamén celebrará o Lolapop para Nenos. Este espazo lúdico e musical dedicado e pensado para os pequenos de entre 3 e 14 anos permanecerá aberto na alameda de Redondela o 1 de setembro.

Máis información e venda de entradas para o evento, aquí.

Fonte: Galiciaé

Amplían ata o día 30 o prazo para visitar o Códice

A exposición no Pazo de Xelmírez de Santiago do orixinal do Códice Calixtino, recuperado en xullo desde que fóra roubado o pasado ano, ampliarase ata o vindeiro xoves, 30 de agosto, por mor da alta afluencia de público desde que se abriu a mostra, na tarde de onte.

Os responsables da catedral compostelá decidiron hoxe ampliar o tempo de exposición do manuscrito orixinal, previsto inicialmente ata o domingo, debido a esta gran afluencia.

Deste xeito, sinala unha nota de prensa da fundación Catedral de Santiago, preténdese facilitar o acceso ata o manuscrito ao maior número de persoas posible. A partir do venres 31 de agosto, no lugar do Códice orixinal colocarase un facsímile.

A mostra abriu onte as súas portas e ata o mediodía foron unhas dúas mil as persoas que se achegaron a ver este valioso libro do século XII. Por iso, a catedral de Santiago decidiu ampliar os catro días de exposición inicialmente previstos do manuscrito orixinal.

O limitado tempo de exposición do Códice Calixtino débese ao elevado custo do dispositivo de seguridade posto en marcha para protexer a obra durante o tempo que permanece exposta ao público. No entanto, a mostra permanecerá aberta, coa substitución do orixinal por un facsímile, ata o 31 de decembro, con entrada gratuíta.

Esta mesma mañá, o conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez, confirmou que unha exposición que se celebrará na Cidade da Cultura previsiblemente a finais de setembro xuntará doce valiosos códices, entre eles o Calixtino.

Esta obra, custodiada e conservada pola Catedral de Santiago, é un monumento e reflexo da devoción a Santiago e da peregrinación ao seu sepulcro na cristiandad do século XII. Máis que unha obra unitaria é o resultado de compilar cinco libros diferentes enlazados mediante prólogo e apéndice.

Fonte: Galiciaé