Entradas

A AELG conmemora o Día de Rosalía de Castro

Do 23 de febreiro de 2020 ao 28 de febreiro de 2020 terán lugar actos relacionados coa conmemoración do Día de Rosalía. Co apoio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Para a edición de 2020 Daniel Asorey é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o domingo 23 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións e centros de ensino.

Compartimos as palabras do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2020, Ricardo Carvalho Calero, sobre a nosa poeta, a quen dedicou gran parte do seu rigoroso traballo crítico: “A realidade rosaliana é particularmente complexa -mesmo, a nível superficial, contraditória, ainda que, a nível profundo, se conciliem as contradiçons na raiz unitária da singularidade pessoal de Rosalia. […] Enfim, Rosalia é umha rosa de cem folhas.”

Na Coruña, o luns 24 de febreiro, a partir das 18:00 horas, na Sala de exposicións Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10), en colaboración coa Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, terá lugar a lectura do Manifesto e de poemas de Rosalía de Castro.

Fonte: AELG

A AELG conmemora o Día de Rosalía de Castro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Para a edición de 2019 Ana Romaní é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, que terá lugar o propio domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións, centros de ensino.

Alén deste acto central, a AELG, en colaboración coa súa base asociativa, organiza lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.

A Coruña

A AELG e a A. C. Alexandre Bóveda realizan unha lectura pública da obra de Rosalía, o domingo 24 de febreiro, ás 18:00 horas, diante do teatro que leva o seu nome, na rúa Rego de Auga, o Teatro Rosalía de Castro.

Convidámoste a achegarte para participar lendo a obra da nosa poeta máis universal. Se tes escollido o poema que queres ler fáinolo saber neste correo: secretaria.xeral@aelg.org e xa cho reservamos.

Visita a web da AELG para visualizar os actos das diferentes cidades.

AELG conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro

Segundo avanza a Asociación de Escritoras e Escritores de Lingua Galega para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, propoñen desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.

Cada ano a AELG encomenda a un autor/a o texto do manifesto que se propón ler en cada un dos actos que calquera entidade ou colectivo queira organizar para celebrar o Día de Rosalía de Castro. Este ano foi María Reimóndez a encargada da elaboración do seguinte manifesto:

Fonte: AELG

Manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro 2017, texto de Ledicia Costas

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai público o seu manifesto do Día de Rosalía de Castro de 2017, que foi encomendado a Ledicia Costas, quen foi tamén a encargada de darlle lectura o domingo 19 de febreiro, no acto central co que a AELG conmemorou a data de nacemento da nosa autora no Panteón de Galegos Ilustres.

Este manifesto será tamén lido en todos os actos que esta entidade celebrará por todo o país entre hoxe domingo e o propio Día de Rosalía de Castro, o vindeiro venres 24 de febreiro.

O manifesto pode descargarse aquí: Manifesto do Día de Rosalía 2017 AELG, por Ledicia Costas.

Propostas da AELG para o Día Rosalía de Castro 2016

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) disponse a conmemorar un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da web da AELG.

Mércores 24 de febreiro n’A Coruña

12.00 Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña. A Deputación da Coruña organiza unha lectura colectiva pública e participa activamente a través das redes sociais coa etiqueta #mobilizaRosalía.

19.00 Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n)

 

ACTIVIDADES DO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2016

Propostas da AELG para o Día Rosalía de Castro 2015

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove desde 2010 a conmemoración o 24 de febreiro, aniversario do nacemento da autora, do Día de Rosalía de Castro, data na que esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor.

Nos últimos anos foron varias as accións promovidas desde a AELG que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade e, moi especialmente, polo sector educativo, tal e como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da  web da AELG.

Neste 2015 a AELG propón celebralo baixo o lema “Eu son Rosalía” e convidamos os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”

A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria.

En calquera caso, serán moi benvidas todas aquelas propostas orixinais que se nos fagan chegar para difundir desde a web da AELG, que poidan experimentar coa combinación dos formatos audiovisual e musical.

A AELG pon a disposición da cidadanía os seus medios dixitais de comunicación e difusión nas redes sociais para recompilar todas aquelas ligazóns que aloxen os contidos das actividades de celebración desta data, para amplificar así a súa visibilidade. O enderezo electrónico ao que enviar as ligazóns é oficina@aelg.org.

Por outra banda, desde 2011 a AELG vén solicitando aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron nun número de 33, sumándose tamén as Deputación da Coruña e Lugo. A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.

AELG está elaborando o seu manifesto anual para esta celebración, que se lerá o domingo 22 de febreiro no acto central no Panteón de Galegos Ilustres; e para o 24 de febreiro promoverá, a través da súa base asociativa, outros en diversas cidades e vilas do país, alén de propoñer unha franxa horaria e un cancelo (#) para compartir nas redes sociais as particulares homenaxes á insigne poeta galega Rosalía de Castro, voz para todo o presente porque “Todas somos Rosalía!

Fonte: Axenda Cultural AELG

Día de Rosalía 2014

Rosalía de Castro é unha fenda.

Unha ferida aberta nas conciencias.

A voz que sempre nos asombra.

 

Querémola viva,

sabémola ceiba.

 

Querémola pola rúa,

nos barrios e nos arrabaldes,

nas aldeas e nas prazas,

nas fachadas brancas dos edificios.

 

Queremos que os seus versos nos invadan,

fender con eles o mutismo das paredes.

Para que a súa voz ilumine os muros.

Alta e clara como murmurio e como berro.

Por iso, convidámosvos a participar en graffitiRosalía.

  • A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) comeza xa a preparar un amplo programa de actividades
  • A AELG busca ademais institucionalizar ese Día de Rosalía de Castro como unha xornada de celebración da nosa literatura promovendo entre a cidadanía o agasallo dun libro en galego e unha flor

A AELG promove unha serie de actos organizados por concellos, asociación culturais e a propia AELG para celebrar o Día de Rosalía de Castro o vindeiro 24 de febreiro, no que se conmemora o nacemento da nosa autora. A seguir, os actos xa confirmados, aos que se irán sumando outros.

Máis información

NOVE POETAS GALEGAS HOMENAXEAN A ROSALíA NO CCG

Foron Lupe Gómez, Luz Pozo, Mª Xosé Queizán, Olalla Cociña, Xiana Arias, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Ana Romaní e Lorena Souto as protagonistas. Nove poetas galegas, introducidas por Comba Campoy, que celebraron o xoves pasado no CCG un recital que pretendía establecer un diálogo coa obra poética de Rosalía de Castro. Aquí presentámoche o vídeo enteiro do recital, realizado no marco do Congreso Internacional Rosalía de Castro que organiza o Consello da Cultura Galega.

Fonte: Culturagalega

Catrocentos nenos e nenas cantarán a Rosalía o vindeiro 7 de xuño

Dentro das actividades para celebrar os 150 anos de Cantares Gallegos o Consello da Cultura Galega e mais a Consellaría de Cultura presentaban esta mañá a actividade No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía. O proxecto reunirá 400 nenos e nenas na praza da Quintana o vindeiro 7 de xuño para cantar en coro catro poemas musicados de Rosalía de Castro. Maio Longo,Rosa de abril, En Cornes e Negra Sombra serán os temas que soarán, e os interesados en participar teñen dispoñibles as partituras no web do Consello da Cultura. Para o proxecto contarase co alumnado de conservatorios, escolas de música e coros infantís de toda Galicia.

Fonte: Culturagalega

Galicia honra os seus ´Cantares gallegos´

Centos de gaiteiros participaron onte na chamada “Alborada para Rosalía” celebrada de forma simultánea en máis de cincuenta cidades e municipios das catro provincias galegas e organizada pola Fundación Rosalía de Castro, a Real Academia Galega (RAG), a Universidade de Vigo e a Asociación de Gaiteiros Galegos para conmemorar o 176 aniversario do nacemento da escritora nun ano ademais en que se cumpren 150 anos da súa obra “Cantares gallegos”, poemario que fixou o comezo dunha nova etapa para a poesía galega. Da praza de Vigo de Santiago, onde naceu a insigne literata, a Vigo, que galegos”, Galicia rendeu tributo a unha das súas escritoras máis universais con lecturas dos versos deste poemario e a música da gaita.

En Vigo, os actos do Día de Rosalía celebráronse en dous emprazamentos: a antiga imprenta de Juan Compañel, situada no número 12 da rúa Real, onde se imprimiu a primeira edición de “Cantares galegos”, e a praza da Constitución, onde a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, leu o manifesto escrito para esta conmemoración e recitou un dos poemas da escritora homenajeada, “Campás de Bastabales”. Neste acto interviñeron tamén Isaura Abelairas, concejala de Benestar, e o presidente da Asociación de Veciños do Casco Vello, Cándido Pérez Betanzos, que recitaron senllos poemas, así como gaiteros de distintas formacións, entre elas a Escola de Gaita da Asociación de Veciños do Casco Vello, que, dirixidos por Anxo Pintos, interpretaron a “Alborada”, peza musical de Rosalía, e outras como “Sárdoma”. Así mesmo, o Orfeón Mariñeiro do Berbés actuou na praza de Almeida.

A cita da praza da Constitución contou tamén coa participación, improvisada, da poetisa Carmen de Jesús García, Carmeliña, que recitou “A xustiza pola man”, un dos poemas que forman parte do repertorio que a escritora emprega nos seus recitales. “Cando dou un recital fóra de aquí sempre hai algún galego que me pide algún poema de Rosalía de Castro porque non se pode entender Galicia sen Rosalía nin Rosalía sen Galicia”, asegurou a poeta trala súa intervención.

Con esta “Alborada” multitudinaria arrincaron os actos que se celebrarán ao longo de todo o ano en Galicia para conmemorar o 150 aniversario de “Cantares galegos” e nos que Vigo terá un peso importante. Un dos seus eixes centrais será a exposición “O Cantar dos cantares”, que se organizará co patrocinio da Xunta e o Concello de Vigo coa colaboración do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Así mesmo, o concello vigués celebrará a publicación de óbra cume de Rosalía de Castro con 42 actos ata o 17 de maio noutros tantos puntos da cidade.

Fonte: Faro de Vigo