A Eurocámara intenta salvar as linguas minoritarias da UE, entre elas o galego

O PNV espera que o informe “axude a despolitizar” o debate lingüístico, “cheo de tópicos”

O pleno do Parlamento Europeo aprobou este mércores un texto que reclama fondos comunitarios e medidas específicas dos Estados membros para protexer as linguas minoritarias da Unión Europea, como o galego, o catalán e o euskera, co obxectivo de favorecer o multilingüismo e evitar que desaparezan.

O documento inclúe varias emendas promovidas polo PNV e CiU, entre elas a idea de que a definición de linguas en perigo de desaparición contemple aquelas en zonas transfronteirizas que estean en risco “en parte do territorio en que son propias, aínda que dispoñan de protección noutras zonas do continente, e teñan ou non recoñecemento oficial”.

A eurodeputada do PNV Izaskun Bilbao celebrou o sentido do voto porque considera que supón unha chamada de atención aos Estados membros ou rexións que “están a poñer en perigo, coas súas políticas, a supervivencia de linguas” no seu territorio. Unha alusión que Bilbao interpreta como unha “clara referencia” a políticas lingüísticas como as aplicadas por Francia e Navarra sobre o euskera.

A representante jeltzale na eurocámara confiou en que o informe “nos axude a despolitizar” o debate lingüístico que, ao seu xuízo, está “cheo de tópicos”, ao tempo que destacou que o Parlamento Europeo ve no multilingüismo que inclúe linguas minoritarias “un valor europeo”.

O texto da eurocámara apunta que a diversidade lingüística e cultural é un dos principios fundamentais da Unión Europea e considera que “numerosas” linguas europeas deben ser consideradas como linguas “ameazadas de desaparición”, polo que insta a tomar medidas.

Tamén pide aos Estados membros e ás institucións europeas que “sexan máis conscientes da grave ameaza que pende sobre o futuro de numerosas linguas en Europa” e reclaman esforzos para salvagardar e fomentar a diversidade do patrimonio lingüístico e cultural da UE, por exemplo apoiando políticas de salvagarda no seo das comunidades afectadas.

Neste sentido, apostan por empregar os fondos que permita a UE no período 2014-2020 para apoiar estas linguas, a través de programas para educación e formación, xuventude e deporte, os fondos estruturais e de cohesión ou outro instrumentos relacionados coas novas tecnoloxías e as plataformas multimedios.

Ademais formulan que a UE avale os programas que permitan “a adquisición de dúas linguas maternas dende a infancia” porque axudará á persoa na aprendizaxe ulterior doutros idiomas e porque ofrecería un respaldo concreto para “revitalizar a transmisión interxeracional alí onde estea ameazada

Fonte: Galicia Hoxe