A cultura de base implícase nas celebracións do Día das Letras Galegas 2013
O Día das Letras Galegas 2013 ameaza con chegar moi para alén das homenaxes institucionais habituais nesta celebración. A pegada de Roberto Vidal Bolaño, homenaxeado nesta xeira, está a motivar múltiples propostas feitas desde o asociacionismo e a base cultural. Entre estas, destaca o nacemento da Asociación Roberto Vidal Bolaño, que quere recuperar a memoria do dramaturgo e desenvolver toda unha serie de accións que chegan moi para alén deste ano.
Aínda que se deu a coñecer o pasado mes de novembro e tivo a súa posta de longo a pasada semana, o proxecto da asociación vén de moito tempo atrás. “Xa desde que Roberto nos faltou un grupo de xente próximo a el tivemos a preocupación de que non se perdera a súa obra e todo o seu legado, que vai para alén da escrita. Entón levamos anos a traballar xuntos, indo de editora en editora buscando quen editase as obras completas, presentando proxectos de documentais e de ficción audiovisual, movendo espectáculos ou tentando que se representase”, lembra Belén Quintáns, presidenta da asociación de viúva do dramaturgo. “Cando chegou a declaración das Letras vimos que precisabamos unha estrutura legal para nos relacionar coas institucións e a fórmula de asociación pareceunos forma máis rápida e axeitada”. Naquel momento, a propia Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro e Camilo Franco botaban a andar o proxecto.
Incorporación
Coa presentación da segunda semana abríase unha segunda fase para o colectivo. Agora, a participación está aberta a todos os interesados, que se poden facer socios vía web, aproveitando así que o formato permite artellar unha ampla participación social. “Buscamos que todos os colectivos que dun xeito ou doutro tiveron que ver con el se impliquen. Por unha banda buscamos xente que podería colaborar con nós, pero pola outra sabiamos que hai moita máis xente que estarían interesados e que non sabían como acceder a nós ou como facerlles chegar propostas”, lembra Quintáns. A amosar o interese e a implicación de diferentes sectores, incorporáronse e participaron na presentación Antonio Durán “Morris”, en representación do colectivo actoral; Jorge Rei, en representación dos titiriteiros; Antón Dobao, en representación do audiovisual; Luis Rei e Luciano Fernández, en representación do colectivo Land Rober de programadores culturais; Roberto Pascual, da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia; Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego; Laura Ponte, de Teatro Antroido; e un representante da Federación Galega de Teatro Amador (Fegatea).
Propostas sociais
Así pois, a implicación social na celebración do Día das Letras 2013 semella clara, e Quintáns recoñece que están ter coñecemento de múltiplas iniciativas que, en ocasións, acaban dando acubillo no seo da Asociación. “Hai moitísimas cousas. Dalgunhas mándannos información á asociación de doutras enterámonos cando están en marcha, desde pequenas representacións ata o roteiro de viños da Santa Bolaña” que percorreu a zona vella compostelá o pasado 15 de decembro. “Enterámonos que desde o Conservatorio de Santiago están a preparar un acto reunindo os músicos que traballaron con Roberto e queren interpretar algunhas da pezas que se fixeron para as obras. Entón estarán Roberto e Uxía Bolaño, que son sobriños del e que estudan no centro, canda a Rodrigo Romaní, Emilio Cao ou Bernardo Martínez”. A esta proposta sumouse “o conservatorio de Culleredo, que tamén quería facer algo semellante, entón imos ver de preparar algún tipo de circuíto”. Desde as universidades, pola súa banda, estaba previsto desenvolver unha serie de lecturas dramatizadas de obras do homenaxeado. “Semella que agora iso evoluíu e que se van montar espectáculos, entón a ver se tamén os facemos circular polas universidades. E logo nos centros de ensino os rapaces están a traballar como tolos. Hai documentais, montaxes, obradoiros de teatro, de todo. É incrible a acollida que tivo nos centros, están implicados desde os máis pequenos aos últimos”. En xeral, Quintáns recoñece que “hai relativamente pouco que Roberto desapareceu. Era un personaxe en si mesmo e resulta moi coñecido e reivindicado por xente que ao mellor nin ía ao teatro. E logo está o seu público, que en todo este tempo xa viña reclamando que se programase”.
Actividades
Desde a Asociación, pola súa banda, pretenden que “este ano sexa algo festivo e de exhibición, tentando chegar a todo tipo de xente e de públicos”. Nese sentido “parécenos fundamental pór os seus textos nos escenarios”. Deste xeito, a escena ocupará unha parte fundamental da programación prevista para este ano. Destacan nestas propostas as montaxes de obras do homenaxeado que xa anunciou o Centro Dramático Galego, Días sen gloria, para a primavera e Touporroutou da lúa e do sol, para o segundo semestre do ano. Ademais, está xa en marcha o ciclo Vidal Bolaño recuperado. Citas audiovisuais que recupera gravacións das representacións de obras do autor. Ademais está previsto para o vindeiro outono levar ás táboas Bailadelas, un texto de Roi Casal, fillo de Roberto, que recolle varios dos personaxes femininos do dramaturgo. Sen esquecer que está en xira a montaxe Criaturas, de Teatro do Aquí. O colectivo ten claro que quere que haxa propostas ao longo de 2013. “Estanos custando moito conseguir que haxa actividades ata decembro. Polo xeral semella que logo do 17 de maio acabou todo o relacionado co Día das Letras”, lembra Quintáns. Con este obxectivo “para o vindeiro outono queremos organizar, en colaboración coa SGAE unha mostra de teatro afeccionado no que se recoñeza a mellor montaxe da obra de Roberto que se fixese ao longo do ano, para animar tamén a que os grupos de teatro amador monten os seus textos”. Canda a isto “un dos obxectivos que pretendemos é que se comece a recoñecer a literatura dramática ao mesmo nivel que a narrativa e a poesía. Pensamos que é o que máis lle interesaría a Roberto desta celebración e era unha das súas grandes preocupacións. O Día das Letras é un impulso importantísimo neste camiño”. Unha exposición é outra das actividades que pretenden divulgar este ano a figura do dramaturgo.
Reivindicacións
Dado o carácter social que están a adquirir as homenaxes a Vidal Bolaño, resulta inevitable que estas celebracións reflictan dalgún xeito a difícil situación que está a pasar a escena na actualidade, precisamente cando a profesionalización era unha das grandes teimas do autor. Así se puido ver na posta de longo do colectivo, no que non faltou o elemento de denuncia sobre o perigo que corre o sector teatral do país. Segundo recoñece Quintáns, “poida que estas homenaxes chamen a atención sobre a situación, pero non vexo a administración sensible con este tema. A profesionalización que comezou con Roberto alá no comezo dos tempos está a se desmantelar. Hai pouco orzamento e a crise afecta a todos os sectores, pero no caso galego está a se desviar todo á cidade da cultura. Ao tempo a programación dos concellos está a ser cada vez menos, desprezando o traballo dos técnicos de cultura. Voltaremos ao que contaba Roberto dos seus primeiros tempos de ir actuar por un bocadillo”. Malia á crítica coa actuación, polo momento “a colaboración coa administración é boa, semella que hai interese en facer cousas, o que pasa é que a estas alturas seguimos sen contratar orzamentos, e moitos concellos non saben aínda se van poder contratar obras”.
Melloras
Fronte a esta problemática, a presidenta da asociación salienta a evolución na última década, desde a morte de Vidal Bolaño, do traballo que se fai en Galicia . “A nivel de actores houbo un subidón de calidade importantísimo, tanto de xente nova que se incorpora á profesión como dos actores de antes, que se lle vai notando a práctica. Nomes como Evaristo Calvo, Belén Constenla ou Víctor Mosquera xa eran bos, pero están a chegar a niveis que non teñen nada que lle envexar a ninguén”. Fronte a isto, sinala que “a nivel de propostas artísticas, penso que a xente continúa a funcionar un pouco por ocorrencias, ou ben opta por autores e fóra con algo de renome. Síntoo moito pero é o que penso. Poño en dúbida mesmo que moito do teatro que se fai se lle poida chamar galego para alén do emprego da lingua. Aínda que hai excepcións, falta algo que nos parece tristísimo que é que Vidal Bolaño non crease escola”.
Alén do Día das Letras
Para alén dos fastos deste ano, a Asociación ten claro que quere seguir traballando pola memoria do dramaturgo. “Aínda que semella que hai un efecto Día das Letras que mata o autor por segunda vez. A xente queda saturada dos homenaxeados e non se volta falar deles en anos salvo que haxa alguén que teña interese en que se coñeza a súa figura”. Deste xeito, de cara ao futuro está na mesa a creación dunha fundación que manteña o legado de Vidal Bolaño. “Xa é a idea inicial desde que comezamos a asociación”. Con esta perspectiva sinala que “sabemos que hai traballo que non collen en 2013. Un que resulta inmenso é a compilación e a catalogación de todo o material audiovisual, literario e fotográfico ou de cartelería que ai arredor del. Falamos de grupos afeccionados que montaron obras súas e de todo tipo de documentación. Entón aí hai un reto importante. Logo parécenos moi importante que se estude en serio a súa obra e o seu traballo, que salvo no caso da tese que fixo Fernández Castro, é algo que non analizou en profundidade. Por exemplo, poderían darse bolsas para investigar esta obra, e parécenos que é algo que cómpre facer. Logo seméllanos incrible que, por exemplo, o director da Escola Superior de Arte Dramática puidese dicir, hai cousa dun ano, que non estaba seguro de que todos os alumnos soubesen quen era Vidal Bolaño, cando debía ser unha materia obrigatoria nun centro que se supón que tenta formar profesionais do teatro galego”, lembra Quintáns.
Fonte: Culturagalega