Dúas novas firmas súmanse ao panorama editorial

As estrambóticas viaxes de Gulliver, de Pinto e Chinto e De profesión inventor de Kike Gómez e Irene Sanjuán, son os títulos cos que debuta Bululú. Esta nova editora nace da man da libraría Crebanoces e pretende especializarse no álbum ilustrado tanto para nenos como para adultos. Canda a estas dúas obras, que terán edición en galego e en castelán, lánzase tamén o calendario 2013 de David Pintor.

Ao tempo, coñecemos o nacemento de Quequeres Edicións, que debuta cun volume duplo no que se poden ler o pomeario Primavera de Navallas, de Xurxo Chapela, e Solpor en Waterloo unha obra de teatro de Xosé Manuel Garcia. A firma quere centrarse na edición de autores novos e abordar obras de temáticas actuais. Ademais de libros, Quequeres tamén traballa a edición musical, e ten en catálogo discos como os últimos traballos de Quant ou Walrus.

Fonte: Culturagalega