Entradas

O MARCO continúa fiel á súa liña de traballo malia os recortes

Para este 2013 o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o MARCO, redimensiona o proxecto acorde coa rebaixa de orzamento, pero profundamente coherente coa súa traxectoria, coa calidade e co contorno no que se insire. As claves da programación do ano pasan por apostar polos novos nomes da creación (Marta Alvim, Christian García Bello, Jacobo Bugarín, Federico Vladimir Strate Pezdirc, entre outros), polas relacións da arte co son (HUM de Massimo Bartolini abre o ano expositivo) e, por suposto con creadores, comisarios e centros galegos (Os Veraneantes ou O bosquexo do mundo). Iso si, sen descoidar a produción que se está a facer fóra, coa exposición individual de Patricia Esquivias.

O vindeiro 1 de marzo abrirá oficialmente o ano expositivo do MARCO. Dúas exposicións colectivas, dúas individiduais máis a exposición do Premio MARCO/FRAC Lorraine para novos comisarios compoñen o formato dun centro que segue a exhibir unha atención moi clara e decidida cara o contexto galego. Hai artistas, comisarios e centros galegos no listado de nomes que protagonizarán este centro no 2013.

Visión internacional
Dúas exposicións individuais para dar conta de dous creadores coñecidos a nivel internacional. O caso de Massimo Bartolini, con comisarioado de Anna Cestelli que coñece a realidade galega da súa colaboración co CGAC, insírese na liña de traballo de proxectos expositivos orientados a indagar na relación da arte sonora e artistas que traballan co son. Proxectos que xa exhibíu o centro en Escoitar (2007) ou Loreto Martínez Troncoso (2011). A outra é para achegar o traballo textual de Patricia Esquivicas (Caracas, Venezuela, 1979), unha creadora que chega logo de expor no Museo Nacional Reina Sofía (Madrid) ou Tate Modern (Londres) e cuxa obra cuestiona o medio rural que queremos no futuro, no marco das relación campo-cidade.

Colectivas e propias
Para as exposiciósn colectivas, o MARCO afondará nos novos nomes da creación galega. Primeiramente (abril-setembro) cunha mostra comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre. Nela unha vintena de artistas pretenden traer ao visible o a idea inicial do seu traballo, ese “bosquexo” entre documentalista ou proxectual que dará lugar á súa obra. O bosquexo do mundo xorde da colaboración entre o MARCO, o Auditorio de Galicia e a Fundación Seoane.

Para a outra mostra colectiva, o MARCO parte da exposición Urbanitas coa que en 2006 se achegou a unha xeración de trinta artistas galegos nados a partir de 1970. Desta volta, para revisar o máis novo coa intención de “investigar e mostrar o que está a suceder nun tempo e lugar determinados, de asumir riscos, de encher certos baleiros na percepción”, segundo detalla a nota de prensa de avance da programación. Esta mostra, “Os veraneantes”, chegará de outubro ata marzo de 2014.

Fonte: Culturagalega

Recorta e fai unha careta da túa personaxe favorita de Rodribico!

Rodribico é unha pega marza á que lle encanta estar forte e vivir todo tipo de aventuras. Rodribico habita nunha inmensa árbore, con grandes pólas, e no seu niño ten todas as comodidades que unha ave pode desexar.

Ademais de voar, xogar, e divertirse, o que máis feliz o fai é compartilo todo cos seus amigos e amigas.

Queres coñecelo?

Visita a súa web: RODRIBICO

Recorta a túa careta e disfrázate da túa personaxe favorita: RODRIBICO e HUGO LÓPEZ.

 

O segredo do lagarto arnal, de Andrea Maceiras

VISUALIZA UN CAPÍTULO DO LIBRO

Despois de dársenos a coñecer coa súa primeira novela, Violeta tamurana, gañadora do IV Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2010, Andrea Maceiras sorpréndenos de novo cunha obra que procura, tamén nesta ocasión, romper cos tabús e achegarnos a unha realidade vista aínda co receo pola sociedade.

Despois dunha visita ao que será o seu instituto no curso próximo, David sente que algo non vai ben. As sombras dos lagartos perségueno na rúa, na escola e mesmo na casa, facéndoo lembrar intensamente a aldea dos seus avós, Santo Antón de Piñeiro. David sabe que só alí pode volver ser el mesmo e responder ao seu nome verdadeiro: Arnal. Tampouco pode esquecer a persoa que lle puxo ese alcume, o seu curmán Marcos, un rapaz introvertido que desapareceu misteriosamente e de quen ninguén quere falar. Por iso David está disposto a dedicar todo o verán a procurar a luz nas sombras do seu pasado. Quizais así poida reencontrarse cos seus amigos da primeira infancia, esquecer un pouco o divorcio de seus pais, revelar un segredo familiar oculto e dicir, ben alto, que todas as persoas teñen o dereito de decidiren o seu destino, sexa este o dos lagartos, o das avelaíñas ou mesmo o das bolboretas.

Máis información

Unha comisión europea vén a Galicia para estudar sobre o terreo varias denuncias de contaminación das rías

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo viaxará ás rías de Vigo, Ferrol e o Burgo entre o 12 e 13 de febreiro para analizar  once denuncias presentadas por diferentes asociacións cidadás sobre os altos niveis de contaminación que sofre a zona, que poderían vulnerar as leis europeas de protección ambiental.

A delegación parlamentaria estará composta polo eurodeputado conservador francés Philippe Boulland, a austriaca do Grupo ALDE Angelika Werthmann e a letona do Grupo Verdes/EFA Tatjana Zdanoka. Acompáñanos ademais os eurodeputados españois Francisco Millán Mon (PPE), Carlos Iturgaiz (PPE), Antolín Sánchez Presedo (S&D), Ana Miranda (Verdes/EFA) e Willy Meyer (GUE/NGL).

Os membros da delegación reuniranse cos denunciantes, coas comunidades locais máis afectadas por esta situación e coas autoridades locais e rexionais, como o alcalde de Vigo Abel Caballero, o Conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández e a Conselleira de Mar e o Medio Rural, Rosa Quintana.

Entre as asociacións e grupos de cidadáns que presentaron estas denuncias en Bruxelas atópanse a Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo, a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón, as confrarías de pescadores e mariscadores de Ferrol, Barallobre e A Coruña, O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e o partido Esquerda Unida, entre outros.

Queixas de asociacións galegas

A Comisión de Peticións da Eurocámara recibiu un total de 11 peticións de cidadáns e asociacións galegas, que denuncian os altos niveis de contaminación da auga en diversas zonas costeiras, sobre todo en varios estuarios incluídos na lista de enclaves da biodiversidade protexidos pola directiva europea Natura 2000. A maioría das denuncias foron previamente discutidas en Bruxelas cos denunciantes, denominados “peticionarios”.

As causas da contaminación da auga parecen estar relacionadas na súa maioría co tratamento deficiente das augas residuais urbanas en varios puntos, así como a existencia de diversas instalacións industriais na zona. Os eurodeputados realizarán visitas sobre o terreo para coñecer as áreas xeográficas principalmente afectadas: a baía de Vigo e os dous estuarios de Ferrol e O Burgo (A Coruña).

Tres de once peticións ou denuncias estudadas polo Parlamento desembocaron xa en procedementos de infracción abertos pola Comisión Europea en Vigo e o estuario do Burgo. Tras este encontro coas partes interesadas e as visitas sobre o terreo, os membros da delegación elaborarán un informe con recomendacións que serán debatidas pola comisión parlamentaria máis adiante.

Fonte: GaliciaHoxe

Preescolar na Casa véndese por 118.000 euros

A Fundación Preescolar na Casa, promotora dun programa educativo sen precedentes en Galicia, está en fase de liquidación. Véndese por uns 118.000 euros. Ese o prezo total dos cinco lotes que saca a poxa o Xulgado do Mercantil de Lugo como consecuencia do concurso abreviado que afectou a devandito colectivo.

O programa, nacido no ano 1977 por iniciativa de Cáritas Diocesana, foise ao tacho entre outras razóns porque a Xunta retirou as axudas que outorgaba para un modelo pionero en Europa, en opinión dalgúns expertos. A principios de xuño do ano pasado, o patronato anunciou que presentaría concurso de acreedores ao non dispoñer de fondos suficientes para o desenvolvemento de actividades. O recorte imposto desde a Xunta supuxo que a organización tivese que levar a cabo un ERE que supuxo despedir a 11 traballadores.

A presentación do concurso motivou que o xulgado puxese en marcha unha serie de trámites. A fundación está xa en fase de liquidación e o próximo día 21 de marzo terá lugar póxaa de bens por un importe de de uns 118.000 euros.

Os dous primeiros lotes que figuran na convocatoria da poxa son a marca Preescolar na Casa, por 100 euros e o local da entidade que sae a poxa por 100.000 euros. Esta gravado cunha hipoteca de 144.500 euros e a débeda actual é de 38.811.

A continuación figuran os lotes de mobiliario, que ascende a un importe total de 3415 euros e o denominado proceso de información que se compón de 11 ordenadores de diferentes tipos e tres impresoras que se poxarán por 3.850 euros. Existen, ademais, outros artigos que sairán á venda por un total de 10.695 euros.

Os postores deberán consignar o 30% do valor dos bens para poder participar na poxa.

Fonte: La Voz de Galicia

O 68% dos españois que ‘baixan’ libros de Internet non paga por iso

Só o 32% dos españois que descargan libros de Internet paga por iso. Ou, visto desde o outro lado, o 68% báixase os textos gratis da Rede. Así o sostén o Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros en España 2012, divulgado hoxe pola Federación de Gremios de Editores de España. “Crebouse a dinámica nunha parte da cadea do consumo cultural”, denunciou na presentación o presidente da entidade, Javier Cortés.

“O grave é que queda clara a ineficiencia do modelo oficial contra a piratería”, engadiu Cortés. Segundo calcula a industria editorial, o diñeiro que se deixa de ingresar debido a descargas non autorizadas ascende a 70 millóns de euros anuais, un 13% dos beneficios totais do sector, de 2.900 millóns: “É en grao sumo problemático, especialmente para os creadores e os pequenos autores que non poderían vivir sen unha remuneración xusta pola súa obra”.

Entre tramas policiais e fantasías sexuais anda o xogo dos lectores españois que si pagan os seus textos. E non cun libro senón con tres do mesmo autor e tema: Millenium e 50 Sombras de Grey. As dúas triloxías de Stieg Larson (editorial Destino) e E. L. James (Grijalbo) son as máis lidas e compradas polos españois, respectivamente, segundo o barómetro. Un estudo que sinala que a lectura de libros aumentou ao 63% dos españois (1,6% máis que en 2011), aínda que a media europea é do 70%. Os motivos que argumentan para non ler son principalmente a falta de tempo (48,8%) e porque non lles gusta ou non lle interesa (29,9%).

Esas son as preferencias literarias dun público cuxos índices de lectura xeral aumenta: o 92% (1,6% máis que en 2011) di ler, polo menos unha vez ao trimestre, nalgún medio, chámese libros, xornais, revistas, cómics ou en webs, blogs, foros en Internet e demais medios do ciberespacio. E o 58% xa o fai en soporte dixital, cun aumento do 5,5% respecto de 2011.

O que máis din ler os españois son periódicos (79,4%); séguenlle os libros (63%), logo revistas (47,6%), despois webs, blogs e demais espazos de Internet (46,9%) e finalmente cómics (13,2%). A lectura aumenta en todos estes medios pero especialmente no que ten que ver co ciberespacio onde creceu un 4,5%, respecto de 2010, cando era do 42,4%. Nesta liña de tecnoloxías emerxentes hai que destacar que o número de lectores de ebooks chega xa ao 11,7% entre os maiores de 14 anos.

A enquisa, que se realizou por teléfono a 6.700 persoas maiores de 14 anos, indica que no apartado de libros o 59,1% di ler no seu tempo libre e o 47,2% faio cunha frecuencia semanal ou diaria. Todas as cifras nas súas diferentes categorías aumentan e o único estable, pero tamén en ascenso, é o perfil do lector español: “É unha muller con estudos universitarios, nova e urbana que prefire a novela, le en castelán e faio por entretemento”.

Fonte: El País

Comezan os preparativos para o Correlingua 2013

O Correlingua 2013 está xa se preparar. Abriu xa o prazo para se presentar aos catro certames, Manifesto, Banda Deseñada, Vídeo e Cantalingua, que se celebran como parte desta carreira a prol do noso idioma. Galego, a chave do mundo é o lema escolleito para esta edición, que se desenvolverá ao longo do mes de maio en 12 cidades galegas.

Fonte Culturagalega

Foto www.galizacig.com

Porto capta negocio con publicidade en galego

O aeroporto do Porto agrandase e non ten complexos ningún en facelo cun pouco galego. Mentres nas terminais galegas é difícil atopar reclamos en portugués, e mesmo na nosa lingua, Sá Carneiro non tivo problemas en iniciar unha campaña en galego. “Oporto, o aeroporto de tódolos galegos”, rezan varios paneis publicitarios.

Non é a primeira vez que os portugueses se lanzan a conquistar o mercado galego. Nos últimos anos intensificaron as campañas publicitarias, especialmente, no Sur de Galicia. En Vigo lanzan periodicamente campañas con valados publicitarios, carteis e anuncios que chaman a elixir o aeroporto portugués para facer as súas viaxes.

Sala “galega”

Ademais, Sá Carneiro tenta atraer aos galegos coa súa lingua, a súa cultura e os seus medios. No aeroporto existe tamén unha sala vip con xornais galegos, a TVG nas televisións e outras vías de información sobre Galicia.

O obxectivo está claro, captar o máximo número de viaxeiros posible. Mentres as tres terminais galegas perden viaxeiros, o Porto gáñaos. Xa ten tantos viaxeiros xuntos como Alvedro ou Peinador. En 2011, Sá Carneiro superaba o seis millóns de usuarios, cun crecemento do 13,7%.

O 13% xa son galegos

ANA, o organismo que xestiona os aeroportos de Portugal, cifra nun 13% a porcentaxe de usuarios do aeroporto portugués que procede de Galicia. Esta porcentaxe aplicada por exemplo ao mes de agosto de 2012, en que a terminal lusa marcou unha nova marca de pasaxeiros, suporía que máis de 83.000 persoas cruzaron a fronteira para coller un voo.

Por iso, é lóxico que cando un galego utiliza este aeroporto vexa publicidades como as que remite Daniel (@ourensan); “os portugueses teñen moi claro cal é o aeroporto dos galegos”.

Fonte: Galicia Confidencial

Foto: Publicidade en galego no aeroporto de Porto/ @ourensan

O centro Ágora da Coruña cumpre un ano

Logo dun ano da apertura do centro social Ágora na Coruña, a concelleira de Cultura, Ana Fernández, salientou o éxito deste espazo cultural. En total, pasaron polo espazo 230.000 e desenvolvéronse nas súas instalacións preto de 300 actividades, das que preto da metade foron conferencias e actividades de formación. A nivel de público, as propostas musicais foron as que tiveron máis éxito entre o público. Ademais, Fernández destacou a rápida aceptación da nova biblioteca aberta no centro, á que se adheriron tres de cada dez novos socios da rede de centros municipais do concello.

Fonte: Culturagalega

A cultura galega pide un Día de Rosalía á altura da poeta

CIG-Ensino apoia a iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega (AELG) para a celebración do Día de Rosalía e súmase á proposta de celebrar a data agasallando un libro en galego e unha flor. O sindicato reclama que o 24 de febreiro, aniversario da publicación de Cantares Gallegos en 1863, se inclúa oficialmente no calendario escolar “como unha conmemoración centrada no recoñecemento e na difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e da nosa literatura”. A CIG reclama que “a Consellaría mude a súa postura insensíbel e inexplicábel cara ao idioma galego e admita esta proposta”. Este ano, ademais, conmemórase o sesquicentenario da publicación da obra, 150 anos dun dos fitos que marcaron o inicio do rexurdimento da lingua e cultura galegas

A AELG celebrará lecturas colectivas en numerosas cidades e vilas o sábado 23 de febreiro e está organizando un acto nacional que se celebrará o domingo 24 no Panteón dos Galegos Ilustres. De igual xeito o 22 de febreiro haberá lecturas colectivas de poemas de Cantares Gallegos en moitos centros de ensino e todo o país.

Fonte: Praza