Entradas

O número de persoas monolingües en galego baixou trece puntos

A extrapolar datos do Censo de Poboación de Vivendas do INE, o Instituto Galego de Estatística acaba de publicar no seu web os datos relativos ao coñecemento e uso do galego entre as familias do noso país. Segundo esta análise, o número de persoas monolingües en galego baixou trece puntos fronte aos datos de 2001 a ficar nun 43,5% do total de falantes. A cifra verifica o apuntado no Mapa Sociolingüístico de Galicia, que xa en 2009 alertaba de que o galego deixara de ser lingua maioritaria da poboación.

Diminúe tamén, no entanto, o número de persoas monolingües en castelán, que fica nun 10,9%, mentres se incrementa a poboación que emprega en diferentes momentos as dúas linguas, a chegar a un 45,3%.

Desde a Consellaría de Educación e Cultura considéranse positivos estes datos ao sinalar que a suma de bilingües e de monolingües en galego “supón un incremento de dous puntos con respecto ao obtido na mesma enquisa no ano 2001”. Segundo a Consellaría “así, son cada vez máis numerosas as persoas que se expresan de xeito natural e espontáneo en calquera das dúas linguas, por considerarse con competencia para facelo, o que consolida tendencias que se viñan presentando noutras enquisas anteriores”.

En canto a competencias na lingua, o 98,6% da poboación apunta que comprende o galego e máis do 90% atópase a si mesma capacitada para o falar.

Fonte: Culturagalega

Foto: Porcentaxe de poboación de 5 ou máis anos que fala sempre en galego por concellos. Galicia

Case 2.500 escolares estrearán o libro electrónico o próximo curso

Educación creará para os seus centros unha plataforma de contidos dixitais

No marco do proxecto Abalar, un programa de informatización dos colexios que arrincou no 2010, o Consello da Xunta deu onte o primeiro paso para implantar en Galicia o ensino dixital integral. O Goberno autónomo aprobou un programa para os próximos tres anos que, xa o curso que vén, suporá para case 2.500 escolares da comunidade a desaparición dos manuais de texto tradicionais, os de papel. No seu lugar, empezarán a utilizar os chamados libros electrónicos. Almacenarán, lerán, repasarán e estudarán as leccións en pequenos ordenadores portátiles que a Administración facilita ás clases adscritas ao Abalar, nestes momentos, 2.296 pertencentes a 536 centros.

Cun custo de 3,6 millóns de euros, a Consellería de Educación creará unha plataforma virtual de contidos curriculares completos desde a cal os nenos, en horario lectivo e usando a conexión a Internet dos seus colexios, poderán descargar aos seus computadores todos os materiais formativos que precisan para cursar as materias correspondentes. Logo en casa, sen necesidade de dispor de liña telefónica, poderán consultalos. E todo iso, de xeito gratuíto.

Para cando o despregamento do sistema alcance o ciclo 2016-2017, a Xunta estarase a aforrar dous millóns de euros en axudas a familias para a compra de libros de texto normais e os pais dos nenos beneficiarios deste avance, outros 2,5. É dicir, en total, de acordo con estimacións oficiais, 4,5 millóns de rebaixa no gasto.

Durante o primeiro curso de posta en marcha da ferramenta, o 2014-2015, os alumnos que traballen só con manuais dixitais sumarán practicamente 2.500, tanto de quinto de primaria como de primeiro da ESO. No segundo incorporaranse outros 7.500 das mesmas idades e tamén do ciclo intermedio (sexto). E no terceiro engadiranse 12.500 máis, incluíndo xa usuarios de segundo de secundaria. En global, polo tanto, serán uns 22.500 dentro de tres exercicios.

¿En que colexios comezará a aplicarse este novo método? Ao longo dos próximos días, Educación publicará no Diario Oficial de Galicia unha convocatoria en virtude da cal esa incógnita empezará a quedar despexada. Iso si, só poderán concorrer aqueles centros que xa se acolleron ao Abalar.

A falta de completar devandito trámite, o xefe do Executivo autónomo xa saca peito. «Estamos iniciando unha nova era no ámbito educativo, a pesar das dificultades económicas», proclamou onte Alberto Núñez Feijoo, en comparecencia de prensa ao termo do Consello.

Fonte: La Voz de Galicia

 

Nace en Carballo o primeiro festival galego dedicado a webseries

Carballo Interplay é o título do primeiro festival galego e o segundo do Estado dedicado exclusivamente a webseries, segundo apunta a organización do evento. O Concello de Carballo bota a andar esta iniciativa que se desenvolverá entre o 24 e o 27 de abril e distribuirá un total de 5.000 euros en premios. O prazo de inscrición está aberto para webseries realizadas entre 2012 e 2014 e que teñan un mínimo de tres capítulos editados.

De xeito paralelo, o Boletín Oficial do Estado publicaba o pasado venres a resolución de axudas a festivais de cinema para 2013 a nivel estatal correspondentes á segunda fase de 2013. Na mesma, unicamente o festival Cineuropa, de entre todos os eventos galegos que se presentaron, conseguiu apoio do Ministerio de Cultural, cun total de 5.000 euros.

Fontr: Cultura Galega

AGADIC resolve as axudas ao desenvolvemento audiovisual

Dez producións doutras tantas empresas galegas reparten os 150.000 euros das axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega que acaba de fallar a Axencia Galega das Industrias Culturais. En total trátase de seis novas longametraxes de ficción, tres documentais e unha película de televisión. Migas de pan de Xamalú Filmes, Cen anos de perdón de Vaca Films, A estación violenta de Matriuka Producións, Juana de Vega e a alumna da liberdade de Zenit Televisión ou El secreto de Santa Marta de Camariñas de Dos Treinta y Cinco son algunhas das que recibiron maiores axudas.

Fonte: Culturagalega

Máis de 5.000 persoas participaron na campaña da CTNL ‘Gústame o galego’

“Gústame…, que me digan “qrt m8″; …que nos pubs poñan música en galego; …que non me traduzan o café con leite, …que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquiño…; …que me entren en galego…”. Son lemas e frases que utilizan centos de galegos; estudantes, camareiros/as, políticas/os, artistas, nais e pais, fontaneiros/as, rapazada, actores e actrices, xornalistas, profesorado… E é que xa son máis de 5.000 persoas de todas as idades que se apuntaron ao “Gústame o galego”,  unha iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).

A campaña consiste en retratarse con algún dos arredor de 50 lemas propositivos da campaña “Gústame o galego”. Desde que se puxo en marcha en decembro do ano pasado, xa fixo máis de 50 paradas, e que aínda nos próximos meses vai seguir percorrendo o país para sumar apoios para o proceso de normalización da lingua galega. Ademais, esta semana a súa páxina en Facebook (www.gustame.gl) superou as 10.000 persoas seguidoras.

Éxito nas redes sociais

Precisamente, un dos éxitos desta campaña é o photocall en que as persoas se poden retratar e apoiar así esta acción. Xa pasou polas sete cidades e por un bo número de municipios. Por iso, a repercusión desta campaña nas redes sociais é moi alta, con algunha foto que foi compartida por unhas 1.000 persoas, con algúns álbums vistos por máis de 20.000, e cunha páxina en Facebook que supera as/os 10.000 seguidoras/es e que ten un alcance que, nalgunhas semanas, rolda as 70.000 persoas.

Nun comunicado remitido por esta organización, suliñase que a campaña vai seguir a desenvolverse nos vindeiros meses para achegarlle á cidadanía mensaxes a prol do galego e, no marco dela, hanse desenvolver algunhas novas accións, que se irán anunciando proximamente.

Fonte: Galicia Confidencial

Gústame o galego’ chega á Universidade de Santiago

A campaña ‘ Gústame o galego’ chega a vindeira a semana á USC. Esta iniciativa que ao longo de catro días se achegará aos universitarios de Santiago e Lugo, é unha campaña xeral de fomento da lingua coa que se visibiliza o apoio individual de persoas ao proceso de normalización lingüística a través de fotografías con frases suxestivas sobre o uso do galego en diversos ámbitos e situacións cotiás.
A presentación de ‘Gústame o galego na USC’ celebrouse na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca este xoves 12 da man do reitor Juan Casares e do director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala. Ademais, asistiron representantes das diversas asociacións estudantís que colaboran no desenvolvemento da campaña así como de diversas Comisións de Normalización Lingüística de centros colaboradoras.
Os/as universitarios/as que desexen sumarse a este campaña terán a oportunidade de facelo a través do photocall que se instalará en diversos puntos dos campus de Santiago e Lugo. En Compostela, as citas serán o luns 16 diante da Facultade de Psicoloxía; o martes 17, diante da Biblioteca Concepción Arenal; o mércores 18 diante de Ciencias Económicas; e finalmente o xoves 19 no Campus de Lugo, diante da Biblioteca Intercentros. O horario será de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.
O obxectivo desta iniciativa que promove dende a súa orixe a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua é favorecer que persoas de todo tipo e de todas as idades se impliquen e posicionen a prol do fomento do galego en xeral e na USC en particular, así como provocar a reflexión sobre a necesidade de fomento do galego en distintos ámbitos e situacións e achegar tanto á espazos públicos como á rede e aos medios mensaxes favorables a prol da normalización lingüística en calquera ámbito facéndoas visibles a través de persoas concretas.
Quen se achegue a vindeira semana ao photocall instalado nos Campus, poderá deixar constancia das súas preferencias na utilización do galego de entre un total de 30 lemas xerais e dez máis específicos para apoiar a utilización do galego no espazo universitario. Algúns deste lemas son ‘Gústame...’:


1.         o galego na USC!
2.         que non abandones o galego ao chegares á universidade, aínda que eu non cho dea falado
3.         ter 😉 química en galego (e o resto dos graos, tamén!)
4.         como soa o galego do alumnado que vén doutros países
5.         biblioteca, aula informática, deporte, teatro, residencia… e USC.NOTAS en galego! =:-)
6.         as aulas, as asembleas, os seráns de biblioteca e os xoves de troula… na nosa lingua!
7.         aprender e ensinar en galego e que as clases sexan maXistrais!
8.         que me lembren dando clase en galego
9.         os exames e traballos en galego … e que sexan de matrícula de honra!
10.       poder pescudar, facer ciencia e divulgala no noso país e na nosa lingua

Fonte: Galiciahoxe.com

Díaz Castro, Carvalho Calero, Filgueira e Fiz Vergara, candidatos para o Día das Letras

Son seis as candidaturas presentadas para converterse no vindeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas. Onte remataba o prazo de presentación de propostas que deixaba este número, das que catro son firmes e dúas faltan por comprobar que cumpren os requisitos. As que si os cumpren a día de hoxe son as de Xosé María Díaz Castro, autor de Nimbos, obra influínte en xeracións posteriores; Ricardo Carvalho Calero, unha das pricipais figuras que simbolizan a corrente reintegracionista; Xosé Filgueira Valverde, “O vello profesor”, un dos creadores do Museo de Pontevedra e presidente do Consello da Cultura Galega; e Fiz Vergara Vilariño, poeta pertencente ao colectivo Cravo Fondo.

Fonte: Culturagalega

Todos os días deben ser o Día Mundial do Medio Ambiente

O Día Mundial do Medio Ambiente, creado por acordo da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, celébrase cada 5 de xuño dende 1973; xa que logo, hoxe cumple 40 anos.

O Grupo Ornitolóxico Galego, xérmolo da SGHN, rematou todos os trámites para a súa legalización o 31 de agosto de 1973; xa que logo, faltan só 87 días para que cumpla 40 anos.  GOG-SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando os nosos gobernantes comezaron a decatarse da importancia do medio ambiente (creación do Ministerio e da Consellería homónimas en 1996 e 1997, respectivamente) o GOG-SGHN levaba xa case un cuarto de século estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego. Lamentablemente, para moitos políticos, incluidos os que teñen as máis altas competencias e obrigas en Santiago e Madrid, o medio ambiente non é máis que unha excusa para facerse unha foto cada 5 de xuño; non semella próximo o momento en que, como SGHN, adiquen os 365 días do ano a defender o noso patrimonio natural.

Seguro que xuntos lograremos que todos os días sexan o Día do Medio Ambiente. E para elo nada mellor que inspirarse nos 40 anos de historia da Sociedade Galega Historia Natural, unha afanosa traxectoria guiada pola paixón e o compromiso na que destacan:

– Conseguir o apoio de España á moratoria da caza de baleas.

– Prohibir os vertidos radioactivos na Fosa Atlántica.

– Aportar información básica para a declaración dos 5 humidais galegos de importancia internacional.

– Declarar a Illa de Cortegada como parte Parque Nacional das Illas Atlánticas (o único en Galicia).

– Declarar Parque Natural a Serra de Enciña da Lastra.

– Publicar e actualizar o Atlas de Vertebrados de Galicia.

– Mellorar o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

– Publicar Braña, a primeira revista científica en galego.

– Ser pioneiros na Custodia do Territorio (acordo cos monxes de Sobrado e participación en Fragas do Mandeo).

– Crear, manter e potenciar o Museo de Historia Natural de Galicia (Ferrol)

– Coidado, recuperación e liberación ao medio mariño de exemplares de especies recollidas no seguemento de varamentos na costa (en colaboración coa CEMMA).

– Censos anuais de aves invernates.

– Seguemento de incendios forestais.

– Representación en distintas comisións, comités, etc. de participación cidadá; así como participación moi activa nos trámites de información pública de proxectos que afecta ao medio natural.

– Realización de estudos, comunicacións e informes do medio natural (fauna vertebrada e invertebrada, flora, espacios, paisaxe, …).

En definitiva, moito traballo para facer honra aos obxectivos fundacionais de ESTUDIAR, DIVULGAR E DEFENDER O PATRIMONIO NATURAL GALEGO de xeito que, xunto co resto dos grupos, manteñamos viva a concienciación ambiental en Galicia

Dende estas liñas queremos rendir homenaxe a toda a xente (fundadores, socios, colaboradores, simpatizantes, …) que ao longo destes anos fixeron posible moitos logros co seu esforzo, entrega e adicación desinteresada, porque XUNTOS, con rigor e obxectividade, SOMOS QUEN DE PROCURAR unha VIDA XUSTA e SOSTIBLE para todas as persoas.

Máis información e acceso a todas as reseñas sobre o “Día MENSUAL do medio ambiente” en www.sghn.org

Cine e música ofrecen novas propostas no CGAC

O Centro Galego de Arte Contemproánea é nova estes días por actividades que non teñen que ver exclusivamente coa arte contemporánea. Dunha banda, porque acaba de ser a sede dun ciclo de cinema que exhibiu as relacións entre teatro e cinema por medio de cinco propostas de diversa natureza do audiovisual catalán. Da outra, porque acaba de presentar unha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea que terán lugar do 27 de setembro ao 31 de outubro de 2013 en diferentes espazos da cidade.

Vertixe Sonora Ensemble, Música Práctica, Taller Atlántico Contemporáneo, a Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Galicia, xunto con outros músicos especialmente sensibles á difusión da música actual en Galicia como Florian Vlashi, Berta Fresco, Marcos Escobar, Jesús González, Mario Diz ou Anne Tooming, completan un calendario de concertos que dedica unha atención especial ao compoñente didáctico. O proxecto é froito dunha colaboración interistitucional entre Cultura, Concello de Santiago, Centro Nacional de Difusión Musical, CNDM, Universidade de Santiago, Consorcio para Promoción da Música da Coruña, a Fundación Cidade da Cultura e o Consorcio de Santiago.

Fonte: Culturagalega

‘Música en Branco’ explora as relacións entre música e memoria social no barrio do Orzán na Coruña

Recoller memoria dun barrio a partir da música e do son. Esta é a proposta que se está a desenvolver na coruñesa Agra do Orzán co título Música en branco. Roteiros, programas de radio itinerante, audioguías ou unha exposición fan parte dunha iniciativa que promete amosarlle aos veciños novos xeitos de se relacionar cos seus sons.

Desde o colectivo Sinsalaudio abordan o ambicioso proxecto Música en branco para traballar de xeito exhaustivo a relación dun barrio coa música e coa construción da súa propia historia. “O proxecto nace como unha investigación na memoria colectiva na que a música é protagonista”, explica Julio Gómez, coordinador da iniciativa. A música no fondo da memoria, a fiar lembranzas, conectar xeracións e abrir outros campos de lembranza e de acción escolleuse como base da experiencia xa que “na nosa investigación previa, vimos que a memoria se vencella a unha serie de experiencias do pasado, e comprobamos que a música aparece como unha especie de aglutinante de diferentes experiencias. Ten un valor social, antropolóxico e cultural que vai para alén da propia forma da música e que abrangue tamén o xeito en que se reproduce”.

Alén da música
No entanto, Música en branco desenvolve unha perspectiva de traballo aberta e así, nas actividades propostas vanse introducindo todo tipo de testemuñas e elementos sonoros. “A propia actividade fai parte da exploración e non nos interesa tanto o resultado senón a experiencia en si mesma, o xeito no que se acaba vinculando co obxectivo final”, explica Gómez. Deste xeito, historias sobre a represión, contos ou testemuñas de todo tipo mestúranse nas propostas do proxecto, amosando tamén ata que punto a música está, ou non, a actuar como vehículo para a memoria no lugar. “Se non hai un compoñente musical na Historia non o inventas. O máis importante é a propia experiencia, o traballar en horizontal”, lembra. Así, a iniciativa abre espazos para ámbitos concretos como a historia das mulleres cun “Contedor de feminismos” que a xeito de arquivo móbil, abre un espazo de debate e soporte de coñecemento.

A elección
A aposta pola Agra de Orzán non se debe a que o lugar sexa especialmente fecundo a nivel musical ou sonoro. “O proxecto fai parte do proxecto europeo Urbana-C, que está a se desenvolver alí, de xeito que o lugar veu dado”, explica Gómez. No entanto, a fase de investigación inicial revelou o enorme potencial do espazo. “Non penso que sexa algo exclusivo deste barrio, supoño que en toda a comunidade onde investigues aparecerá algo semellante, mais atopamos unha grande complexidade na configuración da música aquí”. O feito de contar coa maior densidade de poboación da Coruña, a situación do barrio e a súa evolución de área periférica a zona case céntrica, así como as diferentes vagas de inmigración que se deron e se dan ao longo da historia son algúns dos factores que determinan esta variedade. “A isto hai que sumar tamén o elemento xeracional. Diferentes xeitos de vivir a música coexisten segundo a idade ou o lugar. Supoño que as xeracións que están a medrar agora serán máis homoxéneas neste sentido, unidas por compartiren o propio espazo e o mesmo contexto social e xeito de consumir a música. No entanto, na xente maior a música depende máis da procedencia, hai inmigrantes que manteñen as súas raíces musicais, outra xente ten conexións coa música popular ou os cantos de taberna. Cada grupo marca aínda o seu sinal de identidade coa música”. E non só á hora de a escoitar. “Atopamos moitos máis grupos activos arredor da música do que poderíamos pensar nun comezo. Hainos que traballan na recuperación da música tradicional, hai corais, hai moitos grupos de xente nova”, sinala. As músicas urbanas como o hip-hop, o reggae ou o rock e pop predominan nestes últimos.

Son e territorio
A vertebración da memoria co territorio marca, dun xeito ou doutro, a orientación das propostas que se recollen no programa. Así,as Radiografías retratan da man de Xurxo Souto a música que se vive e se lembra en institutos e colexios, autobuses ou centros cívicos deste territorio na forma de programas itinerantes de radio. Ao tempo, as futuras Audioguías e Mapa Sonoro xeolocalizarán testemuños e sons. Pola súa banda, as rutas de sendeirismo urbano, que se crean de xeito participativo, localizan en percorridos a memoria e o coñecemento sobre o contorno ao tempo que achegan alternativas de mobilidade. A evolución do barrio, as lembranzas, os alcuños, os gustos musicais dos veciños de distintas idades ou os sons de coros e grupos máis ou menos formais que existen no barrio mestúranse nas diferentes iniciativas que se abordan no marco do proxecto.

Crear memoria
A memoria non se refire unicamente ao pasado. Música en branco preocúpase de xerar memoria para o futuro. Para comezar faino ao recoller e dispoñibilizar a memoria do pasado, as vellas cancións, a toponimia ou o traballo no barrio. Ademais, tamén se está a atender á música actual, aquela que se está a facer e a escoitar cada día e ás experiencias e xeitos de vida que se vehiculan ao seu arredor. Así mesmo, non podemos esquecer que o propio proceso de investigación do proxecto, as actividades e a experiencia dos veciños a participar no mesmo constituirán un elemento destacado na memoria futura do barrio. A Agra do Orzán será no futuro o lugar onde se desenvolveu Música en branco, unha historia máis que se sumará a todas as que constituíron e constitúen a memoria e a identidade colectiva do lugar. Esta pegada é algo que contemplan os propios promotores. “Non pensamos que o proxecto deba influír nas persoas ou xerar mobilización arredor da música. Pero si pensamos que estamos a amosar outros xeitos de traballar a cultura, e iso parécenos moi importante. As persoas que ata o de agora participaron nas propostas falan da experiencia como moi satisfactoria. Algo como as Barriografías, nas que a xente fala, escoita música do pasado e experiméntaa como algo presente está a ter moi boa acollida”.

Sons para o futuro
Conscientes dos potenciais desta iniciativa, os organizadores abordan con actividades escolares a investigación sobre todos estes ámbitos, animando a propia poboación a se interesar polos sons do pasado. “Interésanos o concepto intemporal do proxecto. Hai actividades centradas no presente, no pasado e no futuro. Documentamos información para que fique como testemuño e non queremos que quede en arquivos, senón darlle un valor presente e que se poida traballar con ela desde unha perspectiva social. E logo esa documentación que se está a xerar aproveitarase de cara ao proxecto de Smart City da Coruña, e estará dispoñible na propia rúa”. A audioguía xeolocalizada ou o mapa sonoro do barrio son propostas neste sentido que xa fan parte do proxecto. “A realidade aumentada xa está aquí, e desde logo nos vindeiros anos será aínda algo moito máis potente”, completa Gómez.

Novas propostas
Unha das máis curiosas innovacións do programa, e como parte da perspectiva de traballo aberta co que naceu, é a existencia dunha liña de financiamento orientada a novos proxectos que queiran afondar noutras perspectivas arredor do son e da música no barrio. “A idea é que outros colectivos e persoas poidan achegar outras perspectivas sobre a cuestión, pensamos que é algo que enriquece moitísimo o proxecto”, salienta Gómez.

A cantidade de actividades desta proposta, que se prolongará ata o vindeiro mes de outubro, resumirase cunha grande exposición no centro Ágora na que se dará conta do material recollido e da experiencia resultante. Ata entón, Agra do Orzán constrúe e reconstrúe o seu son.

Fonte: Culturagalega