Case 2.500 escolares estrearán o libro electrónico o próximo curso
Educación creará para os seus centros unha plataforma de contidos dixitais
No marco do proxecto Abalar, un programa de informatización dos colexios que arrincou no 2010, o Consello da Xunta deu onte o primeiro paso para implantar en Galicia o ensino dixital integral. O Goberno autónomo aprobou un programa para os próximos tres anos que, xa o curso que vén, suporá para case 2.500 escolares da comunidade a desaparición dos manuais de texto tradicionais, os de papel. No seu lugar, empezarán a utilizar os chamados libros electrónicos. Almacenarán, lerán, repasarán e estudarán as leccións en pequenos ordenadores portátiles que a Administración facilita ás clases adscritas ao Abalar, nestes momentos, 2.296 pertencentes a 536 centros.
Cun custo de 3,6 millóns de euros, a Consellería de Educación creará unha plataforma virtual de contidos curriculares completos desde a cal os nenos, en horario lectivo e usando a conexión a Internet dos seus colexios, poderán descargar aos seus computadores todos os materiais formativos que precisan para cursar as materias correspondentes. Logo en casa, sen necesidade de dispor de liña telefónica, poderán consultalos. E todo iso, de xeito gratuíto.
Para cando o despregamento do sistema alcance o ciclo 2016-2017, a Xunta estarase a aforrar dous millóns de euros en axudas a familias para a compra de libros de texto normais e os pais dos nenos beneficiarios deste avance, outros 2,5. É dicir, en total, de acordo con estimacións oficiais, 4,5 millóns de rebaixa no gasto.
Durante o primeiro curso de posta en marcha da ferramenta, o 2014-2015, os alumnos que traballen só con manuais dixitais sumarán practicamente 2.500, tanto de quinto de primaria como de primeiro da ESO. No segundo incorporaranse outros 7.500 das mesmas idades e tamén do ciclo intermedio (sexto). E no terceiro engadiranse 12.500 máis, incluíndo xa usuarios de segundo de secundaria. En global, polo tanto, serán uns 22.500 dentro de tres exercicios.
¿En que colexios comezará a aplicarse este novo método? Ao longo dos próximos días, Educación publicará no Diario Oficial de Galicia unha convocatoria en virtude da cal esa incógnita empezará a quedar despexada. Iso si, só poderán concorrer aqueles centros que xa se acolleron ao Abalar.
A falta de completar devandito trámite, o xefe do Executivo autónomo xa saca peito. «Estamos iniciando unha nova era no ámbito educativo, a pesar das dificultades económicas», proclamou onte Alberto Núñez Feijoo, en comparecencia de prensa ao termo do Consello.
Fonte: La Voz de Galicia