Artigos

Marta María Lado Ínsua gaña o III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

O Xurado do III Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade estivo formado por Charo Baleirón Soñora, coordinadora do Departamento de Innovación Pedagóxica das Escolas Católicas en Galicia e dos recoñecidos Premios Frei Martín Sarmiento; María Jesús Fernández Fernández, socia fundadora de Gálix, colaboradora de revistas como CLICJ, Revista Galega de Educación, Platero e Criaturas, nas que centra o seu interese na divulgación da literatura infantil e xuvenil; Esther Gómez Suárez, propietaria da Libraría Moito Conto (A Coruña); Ángeles Roca López, Bibliotecaria, actualmente xubilada, gañou o Premio Nacional de Animación á Lectura, pola súa creación do Moucho Leroucho, auténtico dinamizador da lectura e do libro para xeracións de nenas e nenos de Cambre e Tania Vázquez García, profesora de ensino secundario, filóloga, investigadora e colaboradora de diversos plans de lectura e igualdade.

Aberta a plica correspondente, resultou ser a gañadora do premio a obra de Marta María Lado Ínsua, que leva como título definitivo A pita xefa.

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:

“A temática axústase estritamente ás bases, criticando os roles de xénero tan asentados na nosa sociedade e loitando contra os estereotipos, cunha historia orixinal, divertida e reivindicativa sen caer en dogmas nin estereotipos.

Enmárcase nun mundo animal-natureza co que é doado que se identifiquen as lectoras e lectores aos que vai dirixida, considerando un acerto o emprego da imaxe do galiñeiro, que ilustra perfectamente as leis que rexen o comportamento dos distintos individuos que o forman, piramidal e dominada polo galo.

Abre a porta a unha mudanza dos comportamentos estabelecidos dun xeito lúdico sen caer no dirixismo e tratando á rapazada con intelixencia. Anima a romper cos esquemas sexistas dominantes, pon de manifesto  a utilidade da unión e anima  a loitar por un obxectivo igualitario.

O emprego do galego está moi coidado, presentando estruturas e léxico do noso, resultando un texto, fresco, divertido, con musicalidade, conectado con refráns e bastante retranca. A linguaxe é clara e está ben adaptada a primeiras lectoras e lectores.

Trátase, á fin, dun texto rico en imaxes, o que favorecerá o traballo de ilustración da obra. Ambos rexistros, texto e imaxe, poderán perfectamente complementarse e dar lugar a un fermoso álbum ilustrado”.

A obra será publicada por Baía Edicións en álbum ilustrado a toda cor na colección Contoxconto e a autora recibirá 2 500 € cos que está dotado este premio.

O Premio Fina Casalderrey de Literatura pola Igualdade trátase do primeiro destas características que se convoca en Galicia, xurdido a raíz das carencias percibidas dalgunhas temáticas nos contos infantís, temáticas  que poden axudar á construción dun imaxinario en igualdade entre mulleres e homes xa desde a infancia, necesario para un mundo máis xusto.

Concha Blanco participa na Xornada sobre «Rosalía na Costa da Morte», no Parador de Muxía

O sábado, día 31 de outubro, ás 18:00h tivo lugar no Parador da Costa da Morte, en Punta Lourido – Muxía, un recital poético organizado pola Fundación Rosalía de Castro. No mesmo participaron seis poetas da Costa da Morte, entre os que estaba Concha Blanco, quen abriu a súa intervención lendo o poema A galega universal, dedicado a Rosalía . Este poema é o primeiro dos doce que forman parte do libro FEMININO SINGULAR, EN PLURAL.

 

Finalistas do XVII Frei Martín Sarmiento

Felices de comunicar que A banda de Raimunda, de Pablo Nogueira Campo e Manuel Uhía é unha das finalistas da 1ª categoría dos XVII Frei Martín Sarmiento.

Tras convocarse a próxima edición do certame literario que cada vez suma máis lectores e lectoras entre o alumnado da rede de colexios de Escolas Católicas, estas son as obras que resultaron finalistas na súa décimo sétima edición. No mes de abril de 2021 coñeceremos os gañadores e terá lugar o acto de entrega de dito galardón aos recoñecidos:

INFANTIL

A fraga do meu avó. Mamá Cabra. Galaxia.
Se che pica un mosquito. Jordi Gastó. Kalandraka.

1ª CATEGORÍA (1º, 2º EP)
Hércules e o xigante. Unha torre de lenda. Henrique López. Hércules de Ediciones
A banda de Raimunda. Pablo Nogueira e Manuel Uhía. Baía Edicións.

 

2ª CATEGORÍA (3º, 4º EP)
Animalia. 2 Branco. Xosé Tomás. Xerais.
Astro Rato e Lampadiña en Patacator Cocido. Fermín Solís. El Patito Editorial.

 

3ª CATEGORÍA (5º, 6º EP)
Conta nove estrelas. Andrea Maceiras. Xerais.
Os peloteiros. Patricia Mallo. Galaxia.

 

4ª CATEGORÍA
Unha cidade chamada perfecta. Helena Duggan. Traducida por Moisés Rodríguez. Sushi Books.
Maneiras de vivir. Luis Leante. Traducida por Belén Rodríguez Suárez. Rodeira-Edebé.

 

5ª CATEGORÍA
Aqueles momentos que perdemos. Xavier Estévez. Oqueleo.
Ardora. Beariz Maceira Abeleira. Urco Editora.

 

6ª CATEGORÍA
Beleza Vermella. Arantza Portabales. Galaxia.
Os nomes do vento. Juan Andrés Fernández. Fervenza.

Baía Edicións convoca o 9º PREMIO MEIGA MOIRA de Literatura Infantil-Xuvenil

O prazo de recepción de orixinais do 9º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil remata o 20 de abril e a resolución do xurado darase a coñecer o 25 de xuño de 2020.

PARTICIPA!!

Recordamos as bases do concurso e as obras gañadoras do ano 2018:

 

Entrega do I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

Baía Edicións fixo entrega o venres 19 de outubro de 2018 do I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade ás autoras gañadoras, Antía Yáñez por A reconquista e Sabela Losada Cortizas, por Vermella!. O acto foi presentado por Rocío Fraga, Concelleira de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña e contou coa participación das autoras dos libros premiados, de Ana Luísa Bouza e da madriña do premio, Fina Casalderrey. Tivo lugar na Biblioteca Infantil do Fórum Metropolitano da Coruña ás 18:30 horas.

O Xurado considera as dúas obras merecedoras do Premio en igualdade de condicións, manifestando que atenden a ámbitos moi distintos e complementarios e defendendo o especial interese de cada unha delas polos seguintes motivos:

«A reconquista, por un acaído tratamento da ocupación do espazo central, o liderado feminino e a solidariedade.
Ademais, a combinación de dúas voces narrativas diferentes, que aluden ao humano e animal, e ao ámbito da ficción e do libro divulgativo, fan da obra unha proposta literaria moi atractiva e interesante para as nenas e para os nenos, ao resaltar tamén por ser un exemplo de resolución positiva dos conflitos que xorden no propio contorno».

«Vermella! por ser quen de sacar á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista.
Igualmente, a historia consegue manter a súa intriga, mesmo coa axuda de trazos do humor natural característico do mundo infantil, na procura da descuberta, que lle dá sentido á trama e que ten que ver coa propia e progresiva descuberta do corpo da nena».

No acto fíxose entrega do Premio de 5.000 € ás gañadoras así como da súas obra publicadas por Baía Edicións en álbums ilustrados a toda cor na colección Contoxconto.

Baía Edicións fará entrega do I Premio Fina Casalderrey o próximo 19 de outubro

Baía Edicións fará entrega do I Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade ás autoras gañadoras, Antía Yáñez por A reconquista e Sabela Losada Cortizas, por Vermella!. O acto será presentado por Rocío Fraga, Concelleira de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña e contaremos coa participación das autoras dos libros premiados, do xurado e da madriña do premio, Fina Casalderrey. Terá lugar na Biblioteca Infantil do Fórum Metropolitano da Coruña o venres día 19 de outubro ás 18:30 horas.

Reunido o Xurado do I Premio Fina Casalderey de Literatura Infantil pola Igualdade resolveu, despois de moitas deliberacións, conceder por unanimidade e ex aequo o premio ás obras presentadas baixo os lemas “Gerbillo” e “Vermello”.

Abertas as plicas, as mesmas resultaron ser da autoría das escritoras Antía Yáñez Rodríguez e Sabela Losada Cortizas, baixo os títulos A reconquista e Vermella!.

O Xurado considera as dúas obras merecedoras do Premio en igualdade de condicións, manifestando que atenden a ámbitos moi distintos e complementarios e defendendo o especial interese de cada unha delas polos seguintes motivos:

«A reconquista, por un acaído tratamento da ocupación do espazo central, o liderado feminino e a solidariedade.
Ademais, a combinación de dúas voces narrativas diferentes, que aluden ao humano e animal, e ao ámbito da ficción e do libro divulgativo, fan da obra unha proposta literaria moi atractiva e interesante para as nenas e para os nenos, ao resaltar tamén por ser un exemplo de resolución positiva dos conflitos que xorden no propio contorno».

«Vermella! por ser quen de sacar á luz un tema tabú e pouco tratado na literatura infantil, como é o da menstruación desde unha perspectiva de indagación case que policial e de divertimento por parte da rapazada protagonista.
Igualmente, a historia consegue manter a súa intriga, mesmo coa axuda de trazos do humor natural característico do mundo infantil, na procura da descuberta, que lle dá sentido á trama e que ten que ver coa propia e progresiva descuberta do corpo da nena».

O Xurado estivo formado por Ana Luísa Bouza Santiago, socióloga, Montse Pena Presas, profesora da USC e crítica literaria, Patricia Porto Paderne, xerente da libraría compostelá especializada en temática feminista Libraría de Mulleres Lila de Lilth, Pilar Sampedro Martínez, mestra e vicepresidenta de Gálix, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, que actuou ademais como secretaria do mesmo.

As obras serán publicadas por Baía Edicións en álbums ilustrados a toda cor na colección Contoxconto antes de finalizar o ano e o Premio de 5.000 € repartirase a partes iguais entre as dúas escritoras merecedoras do galardón.

Presentación de ‘Nube Branca quere ser astronauta’ na Feira do libro de Ourense

O xoves 31 de maio ás 18:00 horas tivo lugar a presentación, lectura e dramatización do libro Nube Branca quere ser astronauta na Feira do Libro de Ourense. Na presentación contamos coa participación de Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións) e de Pablo Nogueira, autor do libro.

Contido do libro:

Nube Branca devece por ver as estrelas de preto e coñecer a Lúa e os planetas do sistema solar. Tras o fracaso da construción dun foguete espacial, procura a axuda de Clarisa, Cacharrante, Antón e o sabio Octavio. Conseguirá, por fin, ser astronauta?
O especial tratamento da historia está concibido para a estimulación da linguaxe oral na educación infantil.

Autor: Pablo Nogueira

Ilustrador: Manuel Uhía

 

Baía Edicións presenta en Ourense ‘Nube Branca quere ser astronauta’

Baía Edicións ten o pracer de comunicar a presentación, lectura e dramatización do libro Nube Branca quere ser astronauta na Feira do Libro de Ourense, o próximo xoves, 31 de maio ás 18:00 horas.

Na presentación contaremos coa participación de Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións) e de Pablo Nogueira, autor do libro.

Contido do libro:

Nube Branca devece por ver as estrelas de preto e coñecer a Lúa e os planetas do sistema solar. Tras o fracaso da construción dun foguete espacial, procura a axuda de Clarisa, Cacharrante, Antón e o sabio Octavio. Conseguirá, por fin, ser astronauta?
O especial tratamento da historia está concibido para a estimulación da linguaxe oral na educación infantil.

Autor: Pablo Nogueira

Ilustrador: Manuel Uhía

Convocado o Premio Internacional de Ilustración

A finalidade deste certame é escoller a ilustración do cartel da XIX edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará no Pazo da Cultura da cidade entre o 6 e o 29 de abril de 2018 e que terá a temática central de: MULLERES DE CONTO.

A ILUSTRACIÓN GAÑADORA será premiada con 3.000 €.

Coa imaxe gañadora e as 12 finalistas farase unha exposición durante o Salón e a área de Cultura da Deputación de Pontevedra editará un catálogo en forma de calendario do libro e da lectura 2018.

Prazo de entrega: 5 de novembro de 2017.

Máis información

Chegan os especialistas a Baía!

Baía Edicións acaba de abrir unha nova colección ESPECIALISTAS con tres títulos:

O CORPO HUMANO

O TEMPO E AS ESTACIÓNS

OS CASTELOS

Estes libros presentados ao xeito dos documentais nos que un animal, que actúa como presentador, descobre e mostra ás nenas e aos nenos o universo apaixonante que nos rodea e períodos que foron conformando a historia da humanidade e, en concreto, de Europa.

Todos eles finalizan, como recapitulación do lido e aprendido, cun léxico que recolle os termos e/ou aspectos máis significativos tratados na publicación.

Un material que de seguro non deixará indiferente a nais/pais e educadores/as.