Chega o novo Culturgal cun presuposto ‘adelgazado’
Onte presentouse a convocatoria dirixida ás empresas galegas do eido cultural cara a súa participación en Culturgal 2012, a feira galega das industrias do sector que se celebrará en Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro. O departamento de Cultura, que dirixe Xesús Vázquez Abad apoiará este encontro profesional e lúdico a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que colaborarán deste xeito co evento por terceiro ano consecutivo, desta volta cunha achega total de 170.000 euros.
A presentación tivo lugar hoxe no Pazo da Cultura pontevedrés –recinto que acollerá o espazo expositivo e de mercado e outras actividades do vindeiro Culturgal– nun acto que contou coa participación dos representantes da organización Xulio Amigo e Serxio Lago, presidente da Asociación Culturgal e director da feira, respectivamente; ademais de Juan Carlos F. Fasero, director da Agadic; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Anxos Riveiro, concelleira de Cultura de Pontevedra.
Feira “imprescindible”
Fernández Fasero explicou o apoio da Consellería ao proxecto. “É imprescindible –dixo–que as industrias culturais de Galicia teñan unha gran feira na que amosar os seus produtos e servizos” e defendeu o modelo de Culturgal pola “representatividade sectorial da asociación organizadora”, pola “solvencia, arraigo e consolidación” que lle outorga a residencia estable en Pontevedra e máis polo “camiño cara ao autofinanciamento” que hai anos que vén desenvolvendo. Neste sentido, Fasero cifrou nun 25% a redución neste ano da contribución de Agadic a Culturgal, motivada pola crise, pero incidiu en que “o maior peso da industria na súa organización dota de independencia e continuidade á feira”.
Pola súa banda, Valentín García recordou que “Culturgal é o gran escaparate da cultura galega” e que “a cultura é unha parte moi importante da nosa economía”. “Neste sentido, cómpre recordar que nestes tempos máis que en ningún outro, hai que arranxar a tenda por dentro, pero ao mesmo tempo hai que poñer máis bombillas no escaparate, para que o noso público nos coñeza”, asegurou.
O programa oficial de Culturgal 2012 conformarase cos proxectos empresariais ou creativos procedentes de calquera empresa, persoa, asociación ou entidade, sempre e cando teñan participación galega e se presenten antes do día 20 de setembro. No caso dos expositores para a zona feiral, o prazo de contratación esténdese ata o 10 de outubro.
Criterios de calidade e novidade
As propostas serán seleccionadas atendendo á súa calidade, viabilidade e adecuación ao contexto cultural galego, ao programa de actividades da feira e aos valores e obxectivos da Asociación Culturgal, entre os que destaca a promoción e o desenvolvemento da lingua e da cultura galegas.
A organización explicou que dará prioridade ás accións que experimenten con formatos de presentación singulares, non estandarizados, que incidan na participación do público, así como a aquelas que acheguen os espectadores aos procesos creativos, impliquen a colaboración intersectorial e supoñan a estrea de produtos ou a presentación de proxectos recentes. Tamén se valorará o adianto de proxectos en proceso, especialmente no ámbito musical, escénico e audiovisual.
Co apoio a Culturgal 2012, a Consellería de Cultura e Educación incide na súa aposta na materialización de puntos de encontro entre creadores, profesionais e consumidores culturais, co que se busca favorecer sobre todo a perspectiva de relación profesional e mesmo de transacción comercial. Recoñece tamén o importante papel que neste sentido xoga Culturgal para o noso territorio e para un sector, ademais, no que a defensa e utilización da lingua galega funciona como valor engadido fundamental.
Fonte: El Correo Gallego