Empezou a Feira do Libro da Coruña

A Coruña, 1 de agosto de 2015.- A cidade herculina acolle desde hoxe e ata o vindeiro 10 de agosto a cuadraxésimo cuarta edición da Feira do Libro Novo da Coruña, que foi inaugurada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo alcalde do municipio, Xulio Ferreiro; e mais pola presidenta e o vicepresidente  da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez e Pedreira.

As novidades editoriais que ofrecen as librarías participantes xunto con preto dun cento de actividades para lles achegar o libro e lectura a todos os públicos centran a nova edición deste evento, da que o secretario xeral de Cultura destacou o nivel e o importante número de escritores e escritoras que volverán participar, un ano máis, nesta cita de referencia co libro e a cultura en Galicia.

O acto de apertura da feira, que contou co pregón de Mercedes Queixas Zas e mais coa actuación da Banda Municipal de Música da Coruña, dará paso a partir desta tarde ao inicio do programa de actividades. Os xardíns de Méndez Núñez serán o escenario durante os próximos días de numerosas presentacións e sinatura de libros.

Stands
Berbiriana, Editores Coruñeses, El Faro de los Tres Mundos, IGN-CNIG, Espazo do Lector Nobel, Librería Cascanueces, M. Moleiro Editor, Libraría Couceiro, Praza do Libro, Komic Librería, Ediciones del Viento/Reino de Cordelia, 7 Mares Libros, Brea, Edelvives-Tambre, Aenea, Santos Ochoa, Consorcio Editorial Galego, Nobel Burela, Libraría Pedreira, Libraría Cartabón, Luzes, Áncora Libraría, Hegar, Alita Comics, Librería Molist, A Serpe Edicións, Librería Arenas, Xiada, Nova Galicia Edicións, Ler Probra do Caramiñal, Librería Formatos, Siloé, Librería Roget, M. Couceiro Librarías e Editorial Eneida participarán na nova edición da feira, que permanecerá aberta en horario de 11:00 a 14:00 horas pola mañá (agás na fin de semana, que se amplía ata as 14:30 horas) e de 18:00 a 22:00 horas.

A Biblioteca Pública Miguel González Garcés, de xestión autonómica, volve contar cun espazo propio na feira, a través do que lle achegar ao público os seus servizos e no que as persoas interesadas terán ocasión de realizar in situ o carné da biblioteca.