Preséntase o Culturgal 2012
A casa da cultura galega é a túa casa. Tí tes a chave é o lema da edición 2012 do Culturgal, Feira das Industrias Culturais. O evento, que se presentaba esta mañá en Pontevedra, desenvolverase no Pazo da Cultura da Cidade do Lérez entre o 30 de novembro e o 2 de decembro e contará con 70 entidades de diferentes ámbitos representadas e máis de 140 actividades. Presentacións de libros, discos e novos proxectos de difusión así unha programación especial para nenos son algúns dos puntos fortes do programa, que trascende a sede o evento e leva propostas ás rúas de Pontevedra.
Na presentación, os responsables do evento destacaron que esta edición conta con 250.000 euros de orzamento, o que supón un 15% menos do que na última edición. Sergio Lago, director da feira, destacou a continuidade das conversas de salón, na que diferntes xornalistas entrevistarán ao vivo a Luís Tosar, Ignacio Escolar, Agustín Fernández Paz, Manuel Lourenzo González, Teresa Moure, María Reimóndez e Rexina Vega.
A nivel de música, agárdase a presenza de Uxía, Xacobe Martínez Antelo, Xurxo Souto, Xabier Díaz, Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero, Sés, O Leo, Bocixa, Emilio Rúa, Xoán Curiel, Silvia Penide, Linho do Cuco ou Os da Ría.
Fonte: Culturagalega