Entradas

Fran Bueno faise co Premio Castelao de BD

A VIII Edición do Premio Castelao de Banda Deseñada, que convoca a Deputación da Coruña, foi para un veterano da novena arte galega. O compostelán Fran Bueno, que xa ten publicadas diferentes obras en España e en Estados Unidos, fíxose co galardón polo seu traballo Catálogo oneroso de beleza gratuíta, co que se impuxo entre seis candidatos. O xurado, composto por Miguelanxo Prado, Ángel de la Calle e Carlos Portela, destacou a “capacidade estilística impecable e a variedade de recursos gráficos” así como “a perfección técnica e o desenvolvemento das posibilidades expresivas da historieta”. Bueno verá a súa obra publicada e unha exposición itinerante sobre este traballo, ademais de se facer con 6.500 euros do premio.

O xurado destacou tamén no seu fallo o traballo finalista, O misterio do Pico Sacro, de Rafael Saldaña.

Fonte: Cultura galega

Foto: La Opinión

A Terra acatarrouse

Despois da chuvia sempre sae o sol.

Porque non sempre existen as palabras para abordar os temas sensibles. Roxane M. Galliez achéganos un texto que, traducido por Marica Campo, nos propón, con dozura e fermosura, solucións para capturar o azul dos días grises e dar luz á alegría.

Entre febre e erupción de lava,

A Terra moi fatigada é vítima

dunha gripe moi forte.

Non pode respirar!

Afortunadamente un rapaz

propón unha solución ecolóxica.

MÁIS INFORMACIÓN

As dúas casas de Alicia

Os pais de Alicia sepáranse.

A nena procura o seu sitio nesta nova situación.

Será preciso dividir o seu amor entre o seu papá e a súa mamá?

Pouco a pouco, Alicia vai responder ás cuestións que se formula e descubrir que a alegría pode existir nas súas dúas casas…

MÁIS INFORMACIÓN

A Xunta detecta decenas de carballos ananos no Pindo

O carballo anano (quercus lusitanica), especie protexida que tiña no Pindo o seu único hábitat en todo o norte peninsular, sobreviviu á furia das chamas que arrasaron o vello Olimpo celta. Fontes da Xunta informaron de que «xa están a brotar» decenas de exemplares, segundo puideron constatar axentes de campo do servizo de Conservación da Natureza que tomaron varias fotos dos retoños. O director do Centro de Investigación de Lourizán, José Antonio Vega, explicou que este fenómeno é posible porque o carballo anano ten unha gran capacidade de rebrotar desde a cepa. Durante a primavera acumula gran cantidade de hidratos e se é destruída a planta externa polo lume, necesita sacar follas na superficie para manter a vida a través da fotosíntesis.

Na Xunta opinan, así mesmo, que tanto a temperatura que fixo estes días como o réxime de choivas suaves « permitiron que o chan forme unha costra en lugar de sufrir arrastres». Deste xeito déronse as condicións idóneas para que salga á superficie.

Mentres, no Pindo continuarán durante varios días os labores de aplicación de palla sobre a zona queimada. «Hai que protexer o chan porque é o ben máis sensible», di José Antonio Vega . O desenvolvemento dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas.

Máis información sobre os carballos en: Guía das árbores de Galicia e O carballo.

Fonte: La Voz de Galicia

Unha ollada AFondo sobre o derrubo do ensino universitario

Coordenado por Alba Nogueira, profesora universitaria e presidenta da Xunta de PDI da USC, Sermos Galiza presenta un AFondo arredor do derrubo do ensino superior en Galiza. Unha universidade que comeza novo curso vivendo as súas horas máis baixas por mor dos sucesivos ataques contra a súa autonomía, sistema de financiamento e mesmo, sobre todo, contra o seu capital humano: docente, investigador e estudantil.

A través deste caderno monográfico Sermos fai un bosquexo da situación actual do sistema universitario galego e faino da man daquelas persoas que o coñecen de preto. Desvendan cales están a ser as pancadas letais que deixan as universidades do país sen financiamento mais tamén como as débedas contraídas imposibilitan destinar o aforro á mellora da calidade do ensino.

Asemade, avalian as primeiras consecuencias da implantación do Espazo Europeo de Ensino Superior (EEES), máis coñecido como Plan Boloña.

Entrevista ao reitor Armesto

Da man de Xosé Luís Armesto, reitor da Universidade da Coruña, afondan nos problemas que atinxen o sistema universitario galego e as principais denuncias que desde as reitorías se fan das decisións políticas da Xunta. Este reitor ten claro que a perda de autonomía das entidades deixa pouca marxe de manobra para reverter a situación.

Mais tamén nos achegamos á universidade 2.0 e como as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) abren ás portas á que poderiamos cualificar como universidade de masas neoliberal.

A situación do profesorado –cada vez con menos dereitos– e da investigación, completan esta ollada AFondo arredor dun sistema universitario que comeza o curso baixo a sombra dos conflitos.

O caderno conta coas achegas de Antonio Pérez Casas, membro do consello de goberno e consello social da USC; Xosé Manuel Cid Fernández, vogal do Consello Galego de Universidades; Xosé António Rubal, persoal de Administración e Servizos da USC; Carlos Amoedo, secretario xeral da Universidade da Coruña; e Xavier Vence, catedrático de Economía Aplicada da USC.

Fonte: Sermos Galiza

Baía publica dous novos títulos para público infantil

A Terra acatarrouse e As dúas casas de Alicia son dous dos novos títulos que acabamos de publicar en Baía Edicións para público infantil. Ambos libros foron traducidos ao galego por Marica Campo e, aínda que con temática diferente, teñen características moi similares. Totalmente ilustrados e en tapa dura mostran, no caso da Terra, solucións para capturar o azul dos días grises e dar luz á alegría e, no caso de Alicia, a nova situación á que se enfrenta esta nena despois da separación de seus pais.

Infórmate na nosa web BAÍA EDICIÓNS sobre este libro ou sobre todas as nosas ofertas!

Baía Edicións rumbo á Feira de Fránkfurt

Brasil desembarca fachendoso en Fránkfurt, sabendo que protagoniza a feira do libro máis importante do mundo nun intre fundamental da súa historia, anos de recuperación identitaria, revolucións sociais, economía emerxente e moito, moito bagaxe de traballo intelixente para ser e estar  no mundo. Máis de sete mil stands e 170.000 profesionais están acreditados na Feira do Libro de Fránfurt do ano 2013. Galicia conta cun stand de 16 m2 patrocinado pola Xunta de Galicia e no que se expoñen os libros dos editores que traballan este ano no evento: Baía Edicións, Hércules de Ediciones, Nova Galicia Edicións, Kalandraka e MCSport. A Asociación Galega de Editores leva concertadas diversas citas profesionais con asociacións de editores de diversos países, entre os que está a edición iraní.

Brasil  total 

A diversidade e a mestizaxe da súa cultura son as ideas centrais que Brasil quere exportar ao mundo e se reflicten tanto no lema co cal se presentan en Fránfurt: “Brasil, un país cheo de voces”, como no seu pavillón de 2.500 metros cadrados deseñado pola escenógrafa Daniela Thomas e o  arquitecto Felipe Tassara. Arte, deseño, arquitectura, música, actividade intelectual, cultura popular e relación entre o patrimonio literario e  o xeito de vida en Brasil, dixo Thomas.  O programa brasileño complétase con 480 mostras, obras de teatro, ciclos de cine e recitais antes e despois da feira.

Fonte: AGE

Máis de 5.000 persoas participaron na campaña da CTNL ‘Gústame o galego’

“Gústame…, que me digan “qrt m8″; …que nos pubs poñan música en galego; …que non me traduzan o café con leite, …que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquiño…; …que me entren en galego…”. Son lemas e frases que utilizan centos de galegos; estudantes, camareiros/as, políticas/os, artistas, nais e pais, fontaneiros/as, rapazada, actores e actrices, xornalistas, profesorado… E é que xa son máis de 5.000 persoas de todas as idades que se apuntaron ao “Gústame o galego”,  unha iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).

A campaña consiste en retratarse con algún dos arredor de 50 lemas propositivos da campaña “Gústame o galego”. Desde que se puxo en marcha en decembro do ano pasado, xa fixo máis de 50 paradas, e que aínda nos próximos meses vai seguir percorrendo o país para sumar apoios para o proceso de normalización da lingua galega. Ademais, esta semana a súa páxina en Facebook (www.gustame.gl) superou as 10.000 persoas seguidoras.

Éxito nas redes sociais

Precisamente, un dos éxitos desta campaña é o photocall en que as persoas se poden retratar e apoiar así esta acción. Xa pasou polas sete cidades e por un bo número de municipios. Por iso, a repercusión desta campaña nas redes sociais é moi alta, con algunha foto que foi compartida por unhas 1.000 persoas, con algúns álbums vistos por máis de 20.000, e cunha páxina en Facebook que supera as/os 10.000 seguidoras/es e que ten un alcance que, nalgunhas semanas, rolda as 70.000 persoas.

Nun comunicado remitido por esta organización, suliñase que a campaña vai seguir a desenvolverse nos vindeiros meses para achegarlle á cidadanía mensaxes a prol do galego e, no marco dela, hanse desenvolver algunhas novas accións, que se irán anunciando proximamente.

Fonte: Galicia Confidencial

Baía debullará o funcionamento do traballo editorial na escola privada de ilustración ‘O neno amarelo’

O neno amarelo, o personaxe creado a finais do século XIX polo norteamericano Richard F. Outcault, pioneiro do cómic, dá nome á escola privada de ilustración que vén de iniciar a súa andaina en Santiago de Compostela. A iniciativa arranca con dez alumnos que se achegarán á ilustración no contexto do mundo editorial, tanto de xeito teórico como práctico.O neno amarelo, que celebra as súas sesións cada venres en San Martiño Pinario, nace da colaboración de Xosé Tomás, Miguel Vázquez Freire e Diego Rosales. Os tres coincidiron na revista Golfiño e dende anos desenvolven diversos proxectos conxuntos arredor da ilustración e o seu significado pedagóxico. Xosé Tomás, profesor e ilustrador, ocúpase da parte práctica, pero avanza que a teoría tamén ten unha cota do 50?% no programa deseñado pola escola. «O debuxo é unha técnica, que practicando se perfecciona, pero igualmente importante é que o traballo naza da reflexión e dos coñecementos da comunicación mediante a imaxe», explica Xosé Tomás. En consonancia, as sesións inciden moito nos conceptos de semiótica visual, de historia da arte e do valor da imaxe en proxectos de carácter formativo.

No programa do curso figuran cuestións de índole narrativa, como a elipse, a formación dun criterio propio para discriminar as ilustracións malas das boas, ou o traballo do debuxante ante a chegada da edición electrónica, entre outras materias. Ademais das sesións con Xosé Tomás e Vázquez Freire, están previstas varias clases maxistrais. O escritor Xabier P. DoCampo e o ilustrador Xosé Cobas visitarán O neno amarelo para detallar como é a relación creativa que se establece entre o autor das palabras e o das ilustracións dunha obra.

Edición e dinamización

Outras achegas abordarán aspectos máis centrados na xestión, pero igualmente importantes. Mercedes Cerdeiras, directora da Biblioteca Infantil e Xuvenil da Coruña, falará do percorrido dunha obra xa publicada, mentres que a directora de Baía, Belén López, debullará o funcionamento do traballo editorial. Precisamente Baía colabora tamén con O neno amarelo elixindo a un dos alumnos -que realizarán un proxecto final baixo a titoría dos profesores- para ilustrar un álbum de xeito profesional.

O neno amarelo supón a aparición da segunda escola privada galega orientada á ilustración, xunto con O garaxe hermético, posta en marcha en Pontevedra por Kiko Da Silva, máis orientada ao mundo do cómic.

Fonte: La Voz de Galicia

Abadesas de Sobrado de Trives

Mulleres no exercicio do poder público, social e económico na Galicia medieval

Cunhas orixes vinculadas ao monacato dúplice da Galicia altomedieval, o mosteiro de San Salvador de Sobrado de Trives aparece ben documentado como centro dirixido exclusivamente por mulleres a partir de 1175. Dende aquela e até comezos do século XVI, sucedéronse no cargo diversas abadesas –a maioría elixidas entre as relixiosas do propio cenobio e algunhas tras desempeñar o cargo de prioresas– que levaron a cabo un conxunto de actuacións que lle permitiron á comunidade afianzarse sobre a súa contorna, trazando unha ampla e complexa rede de relacións socioeconómicas e de poder.

Máis alá da vida no claustro e das prácticas relixiosas ás que as obrigaba a elección ou a imposición por parte das súas familias do ingreso no mosteiro, as abadesas tiveron unha ampla proxección pública ao converterse nas reitoras do conxunto de monxas –entre 18 e 6 segundo as épocas– que residían nas dependencias monásticas. Consecuentemente, eran as encargadas de velar polo benestar espiritual e material daquelas. Iso esixíalles, en primeiro lugar, actuar conforme á súa condición relixiosa para servir de modelo de perfección ao conxunto da comunidade e dos fieis. De feito, parece que as abadesas de Trives mantiveron unha disciplina rigorosa, non recibindo acusacións de libertinaxe similares ás dirixidas, no contexto da reforma dos mosteiros femininos galegos de finais da Idade Media, contra dona Constanza Vázquez de Somoza, abadesa de San Xillao de Lobios, da que se dicía que era manceba pública de clérigos e leigos, que tiña fillos e que consentía comportamentos similares ás monxas do mosteiro.

Ademais de ser un referente espiritual –o que derivou na concesión de diversas doazóns e mandas testamentarias de particulares a favor do mosteiro–, as abadesas de Trives convertéronse en señoras de terras e vasalos, en definitiva, en auténticas señoras feudais. Gran parte da documentación conservada sobre elas é de carácter económico e responde á realización de aforamentos, compravendas ou permutas, é dicir, actos xurídicos que revelan o interese e capacidade de actuación destas mulleres en prol da obtención dunha serie de propiedades coas que conformar e asentar o dominio monástico, así como a vontade de procurar as rendas necesarias para o sustento material da comunidade. Especial dinamismo mostra nese sentido o século XIII, cando os foros, que constitúen a metade da documentación conservada para ese período, permiten ver a cesión do dominio útil das propiedades monásticas a diversos particulares –fosen homes, mulleres ou parellas– a cambio dunha serie de rendas –segundo o momento e os casos podían ser en especie ou en diñeiro– que se vían acompañadas moitas veces polo recoñecemento do vínculo de vasalaxe e a obriga de coidar ou incluso reparar os bens aforados. Habitualmente eran contratos de longa duración, por varias voces ou amigos, que afectaban a viñas, montes e sobre todo a casais, que podían aforarse completos ou só partes deles debido á reiterada fragmentación que experimentaba a propiedade ante as divisións hereditarias. As abadesas, e noutros casos as prioresas ou outras monxas, podían actuar per se ou a través de procuradores ou procuradoras e as súas xestións, tanto no relativo ás propiedades persoais como ás comunitarias, parece que non foron desacertadas. De feito, mentres a crise baixomedieval se viu incrementada en moitos mosteiros femininos polos abusos dos encomendeiros e as malas actuacións das súas superioras, as abadesas de Sobrado do século XV, ademais de lonxevas, souberon loitar contra as dificultades a través de diferentes medidas que lles permitiron manter unha economía monástica suficientemente saneada.

A procedencia aristocrática dalgunhas abadesas de Trives contribúe a explicar en parte a súa capacidade de influencia sobre os diferentes axentes sociais cos que o mosteiro estableceu relacións. Precisamente, diversas abadesas actuaron acompañadas polos seus familiares en actos xurídicos relacionados co mosteiro, sobre todo nos primeiros tempos e até ben avanzado o século XIII. Foi o caso de María Sánchez, quen en 1189 declaraba actuar nun foro cum omnibus parentibus meis; o de dona Teresa Fernández, emparentada con don Rodrigo Fernández, tenente de Trives e Caldelas, que en 1233 actuou cum toto convento et cum clericis et cum militibus; ou tamén o de dona Marina Rodríguez, quen outorgou un foro en 1264 en sembra con meu sobrino Fernan Martinez, cavaleyro. Outra abadesa de procedencia aristocrática foi dona María Vázquez, filla de Xoán Afonso de Sanabria e de dona Beatriz de Sober. Antes de ser abadesa de Trives fora freira no mosteiro lucense de Santa María a Nova, ao que doou en 1389 os bens que tiña na terra de Lemos por herdanza da súa nai e dos seus irmáns. Grazas á súa xestión e ás doazóns de diversos membros da nobreza, pasou ao mosteiro de Sobrado o couto de Paredes, o que amosa a importancia das relacións establecidas entre a aristocracia e os mosteiros rexidos por mulleres. Esta mesma abadesa aforoulle a Álvaro Fernández, clérigo, sobriño seu e criado do mosteiro, diversos bens, ao igual que a súa predecesora lle doara, en 1382, un conxunto de propiedades á súa sobriña Inés López, filla de Lopo Rodríguez de Lor.

O mantemento das relacións familiares ao longo da vida das relixiosas constátase de forma especial nos testamentos conservados, caso do da abadesa dona Urraca Pérez, quen, en 1280, pediu a Gonçalvo Yanes de Rovreda, meu parente et meu amigo, que amparase e defendese o mosteiro. Esta mesma abadesa legoulle á súa compañeira touquinegra María Iohanis a súa colcha cardea (…), mias contas e a mi maiastade que trouxera de San Xoán da Cova, o que confirma non só a mobilidade das relixiosas dunha institución a outra, senón tamén a creación de fortes lazos de amizade entre as freiras. Ademais, dona Urraca tamén deixou uns bens para Maria Perez, mia hermaa touquinegra de San Fiz. Daquela, comprobamos que o ingreso en relixión supuña a reordenación das relacións sociais das mulleres chamadas a converterse nun futuro en abadesas, mais, dende logo, non implicaba de ningún xeito o seu illamento do mundo.

De todos os modos, as relacións sociais das abadesas non se limitaron nin aos seus familiares nin ao conxunto de relixiosas da comunidade. Na documentación de Sobrado de Trives é habitual a asociación das monxas cun amplo número de clérigos que, ben actuando en nome do mosteiro ou ben confirmando os documentos das freiras, tiveron un papel esencial na proxección exterior do poder das abadesas. Noutros casos os documentos aparecen outorgados por estas non só co acordo do resto das relixiosas senón tamén de omnis clericis meis, o que revela un papel esencial destes homes na vida monástica. Supeditados ás abadesas, os clérigos responsabilizáronse da cura de almas das igrexas pertencentes ao mosteiro, ademais de actuar ás veces como notarios ou procuradores, contribuíndo á xestión do patrimonio monástico. Ao mesmo tempo, semella que algunhas abadesas tiveron capeláns e mordomos propios, do mesmo xeito que baixo a súa dependencia traballaban diversos servidores do mosteiro, tanto homes coma mulleres. Eran os mançebos e mançebas, os omes da abadesa ou os encargados de traballos especializados.

A proxección social das abadesas de Sobrado sobre a contorna viuse fortalecida de forma especial grazas á concesión do couto xurisdicional en 1228 por parte do rei Afonso IX, confirmado posteriormente por Sancho IV e Xoán I. O favor rexio permitiulles obter o poder político sobre un espazo perfectamente delimitado, no que pasaron a exercer competencias señoriais. Nese labor e no desexo de facer valer os seus dereitos, destacou a abadesa dona Sancha Rodríguez, ao non dubidar en preitear ante a xustiza e ante o rei contra os veciños de Pareisás e tamén contra o concello da Pobra de Trives, cando trataron de cuestionar os seus dereitos e privilexios, ademais de invadir o couto monástico a finais do século XIII. Así mesmo, nos tempos desta abadesa realizouse unha expresiva carta de vasalaxe, concretamente en 1287, pola que omes e mulleres, todos foreiros de Sobrado, prometemos e outorgamos de ser boos vasalos e leaes e obidientes ao moesteyro (…) e abadessa a cambio de recibir o amparo e a defensa de dona Sancha e do resto das relixiosas.

O conxunto de relacións económicas, sociais, relixiosas e políticas que trazaron as abadesas de Trives explica o funcionamento do mosteiro ao longo da Idade Media e tamén un dos últimos episodios vividos no cenobio antes de perder a súa independencia. No contexto da reforma monástica promovida polos Reis Católicos, houbo unha ampla oposición das relixiosas a aceptar a orde de que todas as monxas bieitas de Galicia se reunisen no mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares. Entre elas destacou a abadesa de Sobrado de Trives, quen se encastelou no mosteiro en 1499, impedindo a visita do reformador frei Rodrigo de Valencia a causa de mucha gente armada que en dicho monasterio estaba a favor de la abadesa. Dona Inés García de Lousada, documentada como abadesa até 1504 aproximadamente, era apoiada polos seus. Sen dúbida, as relacións tecidas ao longo dos séculos polas súas predecesoras son as que permiten comprender o ascendente que tiñan as abadesas de Trives sobre as xentes da contorna, así como o apoio recibido na súa resistencia á reforma. Nese sentido, dona Inés de Quiroga, a última abadesa de Sobrado, continuou coa rebeldía da súa homónima e decidiu preitear ante Roma, conseguiu manterse á cabeza do mosteiro até que, en 1528, chegou a un acordo polo que renunciou ao seu cargo a cambio de quedar en Trives en descargo de su conciencia cunha renda vitalicia de 15 000 marabedís anuais, como se establecera nun acordo inicial en 1514.

En síntese, as abadesas do mosteiro feminino de San Salvador de Sobrado de Trives, entre as que atopamos a María Sánchez, María Martínez, Teresa Fernández, Marina Rodríguez, Urraca Pérez, Sancha Rodríguez, Maior Arias, Maior Pérez, Elvira Fernández, Aldonza Pérez, Constanza Pérez, María Vázquez de Sanabria, María Sánchez, Inés García de Lousada e Inés de Quiroga, foron mulleres que exerceron o poder público, económico, social e espiritual ao longo da Idade Media. Grazas ás amplas redes que foron tecendo ao seu redor dende o punto de vista individual e institucional, lograron unha ampla proxección sobre as xentes e os espazos da contorna, o que lles permitiu afianzar progresivamente o seu poder, autoridade e influencia sobre a sociedade medieval.

Autor/a da biobibliografía: Miguel García-Fernández

Fonte: cultura galega.org //álbum de mulleres