Entradas

Os usuarios das bibliotecas públicas galegas aumentan un 15% desde 2010

A colección da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia alcanzou os 5.136.587 exemplares en 2012, o que supón un crecemento do 7,3% nos tres últimos anos, segundo os datos facilitados pola Consellería de Cultura, onde tamén revelan que o número de usuarios aumentou un 15,56% desde 2010 e xa superan os 698.000.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez presentaron onte un balance estatístico da actividade das bibliotecas que revela que os préstamos durante o ano pasado superan os 2.448.000, rexistrando un aumento do 7,5% respecto de 2011. A maioría dos usuarios aposta polo libro (69%), aínda que cada vez máis se acode á biblioteca para buscar produtos noutros soportes, como o audiovisual (27%).

Doutra banda, os usuarios aumentaron un 15,56% desde 2010 e rexistran un total de 698.797. Anxo Lorenzo sinala que a incorporación de “novas persoas” é unha das “tarefas máis importantes nas que se está traballando” desde os centros da rede, co obxectivo de converterse en “referencia” para o acceso aos libros e á información.

Fonte: La Opinión

A ciencia ten nome de muller

Fai xa máis dun século que se eliminaron as últimas barreiras que impedían á muller o acceso aos estudos universitarios. A súa chegada ao ámbito das ciencias, a tecnoloxía e a investigación foi máis lenta, talvez polo peso secular da suposta inferioridad intelectual.

O século XX abriunos as portas aos estudos superiores e o percorrido desde entón foi enorme. Actualmente máis do 60% das persoas tituladas das universidades en España son mulleres. Con todo, a existencia dun imaxinario teito de cristal impide aínda que elas accedan en igualdade de condicións aos postos de máxima responsabilidade no mundo científico e tecnolóxico. As cifras falan por si soas: en Galicia o 61% de directores de grupos de investigación son homes mentres que o 62% dos becarios son mulleres. Capaces e brillantes, cos mesmos niveis educativos -nalgúns casos superiores- concéntranse nos estamentos inferiores da escala laboral e teñen dificultades para alcanzar postos máis cualificados e mellor pagos que eles: a presenza das mulleres vaise perdendo nos niveis de maior responsabilidade.

Ademais, o peso cultural e histórico fai que o noso papel sexa case inexistente en certas ramas. É o caso das ingenierías en Galicia, onde só una de cada dez estudantes opta por este tipo de estudos, malia que desde fai xa moito tempo sabemos que son as carreiras con maior saída laboral e mellor retribuidas. O 26% dos homes do mundo científico e tecnolóxico percibe máis de 2.500 euros mensuales e só un 15,5% das mulleres alcanza esa cifra. E nas franxas máis baixas en materia de salarios neste sector, o 11% das mulleres recibe menos de 900 euros ao mes, fronte a un 5% dos homes.

Todos estes elementos lévannos a resaltar a importancia de recoñecer o traballo das científicas e investigadoras e poñer todos os medios para corrixir os desequilibrios existentes. Ese é o obxectivo da Unidade da Muller e Ciencia da Xunta de Galicia. O premio María Josefa Wonenburger que cada ano outorga esta entidade e que se entrega hoxe pretende destacar as traxectorias das mulleres máis relevantes do sector. Este ano o galardón, que xa cumpre a súa cuarta edición, recae na catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica María José Alonso. Esta investigadora da USC foi pionera na nanotecnoloxía aplicada á biomedicina. Vacinas contra a hepatite B, a investigación dunha vacina antitetánica dunha soa dose e grupos de investigación contra o cancro son algúns dos proxectos nos que esta catedrática, investigadora e científica desenvolve o seu traballo. Ao outorgarlle este premio recoñécese o seu labor persoal, pero tamén se impulsa e estimula a toda a comunidade científica feminina. E con ela a todas as mulleres que na sombra traballan para derribar as últimas barreiras para unha igualdade plena.

Fonte: Galiciaé

Unha semana de actividades para conmemorar o Día das Bibliotecas

Aínda que o Día Internacional das Bibliotecas propiamente dito se celebra o vindeiro 24 de outubro, os centros deste tipo que dependen da Consellaría de Cultura preparan unha programación especial que se estende toda esta semana. O departamento da Xunta anunciaba esta mañá actos que se celebrarán nas bibliotecas nodais da Coruña, Ourense, Lugo, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela, así como na Biblioteca de Galicia. Así ciclo Da tábula á tablet: o libro e as bibliotecas a través do tempo para os máis novos, levará ao Gaiás a evolución da lectura na historia. Canda a isto, haberá monicreques, contacontos, conferencias ou proxeccións audiovisuais. Na Coruña e en Pontevedra realizaranse sesións de bookcrossing mentres os diferentes centros ofertarán xornadas de portas abertas e visitas guiadas.

Fonte: Culturagalega

Arranca a semana de protestas contra a LOMCE e os recortes en toda España

A semana de mobilizacións contra a política educativa do Goberno arranca este martes 22 de outubro coa folga de alumnos de Secundaria e universitarios de centros de toda España, convocada polo Sindicato de Estudantes, que se prolongará durante o mércores 23 e xoves 24. Este último día, a Plataforma Estatal pola Escola Pública emprazou pais de alumnos, profesores e traballadores do ensino a un paro xeral.

Trátase da primeira semana de protestas deste curso escolar 2013-2014, que conclúe cunha folga xeral do ensino no que, por terceira vez, convocan tamén os pais de alumnos. Xa o fixeron o 18 de outubro de 2012 contra o decreto de racionalización do gasto educativo e o 9 de maio contra a reforma.

Os estudantes de Secundaria e universitarios farán tres días de paro — 22, 23 e 24 de outubro — e celebrarán unha manifestación o 23 pola mañá en varias cidades españolas. A de Madrid percorrerá o centro da capital dende Atocha ata a Porta do Sol.

Os docentes e pais farán tamén paro o xoves 24 e a xornada culminará con manifestacións pola tarde, convocados pola Plataforma –integrada por FAEST, Sindicato de Estudantes, CEAPA, MRP, FE-CC.OO, FETE-UGT, STRES-i, e CGT–. En Madrid, a marcha comezará as 18.30 na praza de Neptuno e rematará na rúa Alcalá fronte ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

O calendario de ‘mobilizacións en verde’ — en alusión á cor das camisetas que inicialmente levaron os docentes da Comunidade de Madrid contra a política educativa do Goberno desta rexión — comezou o pasado 23 de setembro co inicio da consulta cidadá, impulsada pola Plataforma Estatal pola Escola Pública, sobre a futura lei, os recortes e o decreto que endurece os requisitos para acceder ás bolsas.

O resultado da consulta, que finaliza o próximo 27 de outubro, foi rexistrado o xoves 17 pola Plataforma en La Moncloa. Ata agora, máis dun millón de persoas participaron nesta enquisa na que o 99 por cento dos asinantes votaron en contra da política educativa do Goberno. Ademais, os voceiros desta organización entregaron na sede do Goberno unha carta dirixida ao presidente Mariano Rajoy pedíndolle o cesamento do ministro de Educación, José Ignacio Wert, e a paralización do proxecto da LOMCE.

Fonte: Galicia Hoxe

CC BY-SA CIG

Finaliza a xornada de loito pola ciencia coa esperanza dun compromiso político

O colectivo “Carta pola Ciencia” puxo fin á xornada de loito convocada para onte en toda España coa lectura de textos de Santiago Ramón e Cajal e coa reivindicación dun pacto pola ciencia, que recupere os niveis de investimento para a I+D+i, fundamental para o futuro do país.

O acto de peche celebrouse na Facultade de Medicina da Universidade Complutense de Madrid e nel investigadores e reitores deron lectura a algúns textos do nobel español.

Carlos Andradas, da Confederación Española de Sociedades Científicas (Cosce), explicou que se reuniu cos grupos políticos para que no trámite parlamentario dos orzamentos presenten emendas co obxectivo de incrementar a I+D+i.

No entanto, augurou que a maioría do PP impedirá a aprobación destas emendas e pediu un pacto pola ciencia.

Neste sentido, dixo que están a traballar para que a oposición firme un documento no que se comprometa a modificar as cousas”, cando a correlación de forzas cambie no Parlamento.

Nese documento queren pedir a eliminación do límite do 10 % na oferta pública de emprego e inxectar fondos adicionais que eviten “o colapso de institucións craves” como universidades, o CSIC ou o Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas.

Andradas asegurou percibir “boa receptividade” por parte dos partidos e confirmou que tamén falarán co PP.

Pola súa banda, neste acto, o reitor da Universidade de Alcalá de Henares, Fernando Galván, reivindicou un modelo de financiamento sostible para as universidades madrileñas, que desde 2008 deixaron de percibir 500 millóns de euros, denunciou.

“Isto afecta os equipamentos, tamén aos científicos”, lamentou este reitor, quen tamén solicitou que se amplíe a oferta pública de emprego, porque está a provocar o “exilio intelectual e científico dos nosos mozos máis capacitados”.

María González Veracruz, do PSOE, criticou, en declaracións aos medios de comunicación, “a falta de apoio” do Goberno á ciencia, o que desembocou no “colapso” do sistema de I+D+i.

Tras asegurar que o seu partido comparte cento por cento as reivindicacións dos científicos, González advertiu de que a investigación é indispensable para o presente e futuro do país.

Este acto na Complutense de Madrid tivo lugar logo das concentracións de silencio convocadas nas portas dos centros en moitas cidades españolas, entre elas Barcelona, Oviedo, Toledo, Valencia, Murcia, Salamanca, Santander ou A Laguna.

Fonte: Galiciaé

O colexio de Rois, campión dun concurso europeo de robótica

Unha vez máis, o nome do municipio coruñés de Rois chega ao espazo, grazas a alumnos do Centro Público Plurilingüe dos Dices. O equipo TecnoRoisTres converteuse onte en campión de Europa de Volare Space Robotics Competition, que organiza a Axencia Espacial Europea (ESA, polas súas siglas en inglés) e que se celebrou na localidade holandesa de Noordwijk.

O equipo formado por Sergio Baleirón, Andrea Conde, Sandra Conde, Sara Iglesias, Alba Sorribas e Fabián Vázquez, de terceiro curso de ESO, dirixidos polo profesor de Tecnoloxía Javier Méndez Zunzunegui, enfrontouse a outros seis grupos, quedando en primeiro lugar con máis de 200 puntos, mentres que o seguinte non alcanzou os 100, segundo explicaba o docente desde o hotel no que se hospeda a expedición escolar.

O robot que construíron e perfeccionaron durante meses para transportar subministracións á Estación Espacial Internacional (ISS) convenceu ao xurado, despois de que os alumnos o manexasen en tres ocasións desde un centro de control situado a vinte metros e tendo como única referencia unha pantalla.

Conforme ás bases do concurso, os escolares de Rois demostraron como o seu robot carga e move caixas de distinto tamaño, que supostamente conterían a subministración alimentaria e doutro tipo dos astronautas que están no complexo orbital, desde un punto de saída ata o módulo denominado Columbus, que é a achega europea á Estación.

Fonte: La Voz de Galicia

O humor gráfico será o eixe do X Encontro Galego de Ilustración

O Encontro Galego de Ilustración, que organiza cada ano a AGPI, chega o sábado 26 de outubro á súa décima edición, circunstancia que se celebrará con actividades especiais. O lugar do Encontro será, como sucedeu nas anteriores ocasións, o Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia en Santiago (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela). O título, «Armados de humor», quere pór de relevo a capacidade da profesión para afrontar con filosofía a situación de crise actual, ao tempo que sinala a temática desta edición, o humor gráfico.

O Encontro propiamente dito será pola mañá, con actividades abertas a todo o público interesado e totalmente gratuítas. Ás 10:15 h farase a presentación oficial, e logo dela comezará unha charla de Manel Fontdevila. Despois dun pequeno catering de café para os presentes, ás 12:00 retomarase a actividade coa mesa redonda «Armados de humor», que contará coa presenza de Xaquín Marín e Luís Davila, e será conducida por Santy Gutiérrez.

Ás 13:30 farase un acto de homenaxe a Suso Cubeiro, que pola súa traxectoria profesional como pioneiro do sector profesional da ilustración en Galicia e por ser membro fundador e un dos máximos impulsores da AGPI será nomeado socio de honra.

A mañá terminará co tradicional Fotomatón de todos os presentes, na praza da Quintana. Xa pola tarde decorrerá a partir das 17:00, no Centro Cultural, a Asemblea Xeral, só para os socios da AGPI.

Finalmente, ás 22:00 h comezará a Festa do Décimo Aniversario do Encontro Galego de Ilustración, que terá lugar no pub Cachán Clube (rúa dos Loureiros 16, 15782 Santiago de Compostela). Nela haberá presentación do novo número do fanzine Compota de Manatí, un concerto do grupo de blues e soul Banda Aparte, sorteos e concursos, ademais de cervexas e descontos nas copas para socios da AGPI. A festa estará aberta a todas as persoas, e a entrada será tamén gratuíta.

O programa completo do Encontro pode lerse ou descargarse nesta ligazón.

Ilustración do cartel: Xaquín Marín.

 Fonte: AGPI

Galicia, Euskadi e Cataluña reúnense para impulsar accións conxuntas de promoción do uso das linguas cooficiais

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiron hoxe na Cidade da Cultura de Galicia os titulares de Política Lingüística dos gobernos do País Vasco e de Cataluña, Patxi Baztarrika e Ester Franquesa, respectivamente. Fixérono no marco da reunión anual de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística no que participan a Xunta de Galicia, a Generalitat de Cataluña e o Gobierno Vasco-Eusko Jaurlaritza.

A orde do día da xuntanza de traballo centrouse na ratificación do interese das partes en acadar os obxectivos establecidos no Protocolo de colaboración en materia de política lingüística, asinado en 2007 polos gobernos de Galicia, do País Vasco e de Cataluña, dentro do que se outorga o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado, que ten como obxectivo recoñecer o labor realizado por persoas, entidades ou empresas que contribúen á promoción e á incorporación da diversidade lingüística en España.

Así mesmo, abordáronse outros temas de interese común a prol da promoción do uso das linguas galega, catalá e vasca, tales como un futuro acordo co Goberno do Estado, por medio do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación, para o recoñecemento mutuo das probas de acreditación de competencias para o exercicio da profesión de tradutor/a xurado/a e intérprete; o indicador lingüístico ISBN ou o informe sobre o cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias durante o período 2010-2013, acordando neste punto facer un seguimento conxunto do informe final ao Consello de Europa.

Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD)

A Xunta de Galicia, o Gobierno Vasco-Eusko Jaurlaritza e a Generalitat de Cataluña participan tamén na Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (Network to Promote Linguistic Diversity, NPLD), proxecto no que levan a cabo diferentes accións conxuntas que redundan na promoción do uso das linguas galega, vasca e catalán cuxo seguimento foi tamén tratado na orde do día da xuntanza de hoxe. Valentín García, Ester Franquesa e Patxi Baztarrika puxeron en común diferentes vías de impulso ás linguas propias dos seus respectivos territorios no mapa de ruta europeo para a diversidade lingüística.

Cooperación autonómica a prol do galego, catalán e éuscaro

A Consellería de Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e mais os departamentos homólogos de Cataluña e Euskadi, manteñen un diálogo permanente no tocante á promoción das respectivas linguas propias no marco dunha participación conxunta en diversos proxectos.

Fonte: Xunta

O Simposio anual do libro e a lectura acada a súa décima edición

O simposio anual sobre o libro e a lectura chega a súa décima edición co mesmo ánimo e gañas cos que iniciou o seu percorrido, alá polo ano 2003. Todo un privilexio e unha fortuna nos tempos que corren. No transcurso destes dez anos ininterrompidos pasaron por este evento máis de 1.500 profesionais entre conferenciantes, relatores e asistentes de todas as edicións.

Nesta renovada xeira, centrada nas bibliotecas, a organización prantexouse abordar os retos que estes espazos de promoción e dinamización do libro e a lectura, deberán enforntar nun próximo futuro, retos que non son alleos ao mundo editorial; fundamentalmente no eido do novo paradigma dixital e tamén no que atinxe ás dificultades derivadas da coxuntura económica de todo o ámbito do libro.

O futuro da biblioteca no entorno dixital é o título baixo o cal se elaborou un programa que contempla unha xornada de traballo intenso e reflexivo, na cal os asistentes e os participantes como relatores e conferenciantes, van ter ocasión de expoñer e debater sobre a actuliadade e o futuro, unha realidade que se albisca che ade incertezas.

Aberta insrición: Formulario

                                                               As nove edicións anteriores

  • I Simposio  ‘A historia da edición en Galicia: O libro galego e a lectura no século XXI’.
  • II Simposio ‘O libro e as novas tecnoloxías’.
  • III Simposio ‘Biblioteca, lectura e edición’.
  • IV Simposio ‘Libro e mercado’.
  • V Simposio ‘O libro galego no mundo: Presente e futuro’.
  • VI Simposio ‘O libro dixital: Presente e futuro’.
  • VII Simposio ‘O fomento da lectura: Unha fronteira para o libro’.
  • VIII Simposio ‘A propiedade intelectual na sociedade dixital’.
  • IX Simposio ‘O futuro das librerías’.

Fonte: AGE

Nova Galega de Danza celebra a súa primeira década con ‘Dez’

Dez, dez anos despois, Nova Galega de Danza celebra este aniversario cun número, se podería dicir, redondo, xa que Dez é precisamente o nome deste espetáculo conmemorativo que xa foi presentado o pasado 27 de setembro na Coruña.

Trátase dunha actuación na que a danza se atopa coa música ao vivo, nunha mestura de tradición e modernidade na que instrumentos tradicionais e autóctonos como a zanfoña ou a gaita entran a formar parte nunha escea de danza contemporánea. A produción inclúe 17 pezas que conteñen a tradición galega máis pura e as doses de experimentación e mestizaxe que a fan única.

A produción consiste nunha representación de aproximadamente 90 minutos dividida en dous actos. A dirección musical corre ao cargo de Pedro Lamas e Xosé Lois Romero, mentres que a posta en escena está encabezada polo director artístico da compañía, Jaime Pablo Díaz, mais outros seis bailaríns e sete músicos xunto co equipo técnico. O show inclúe no programa de man aplaudidas pezas da compañía como Ser é terra ou Introito.

Fonte: Galiciaé