Entradas

Culturgal alentou á “corresponsabilidade” no mantemento desta industria

Hoxe pola mañá presentouse o programa dunha nova edición de Culturgal, a principal feira de produtos culturais galegos. A organización alentou á “corresponsabilidade” no mantemento desta industria e se introducirá o pagamento dunha entrada “voluntaria”. A feira presentou o programa con novos espazos para a música e o cine.

Xosé Manuel Aldea, coordinador de Culturgal, sinalou que a idea da corresponsabilidade materialízase nunha maior implicación das asociacións e empresas que forman parte de Culturgal canda ao patrocinio público da Xunta, AGADIC e o Ministerio de Cultura. O público poderá pagar unha entrada voluntaria e a cambio os asistentes recibirán unha chapa distintiva de micropatrocinio. A organización quixo dotar de máis relevancia aos asistentes á Feira, creando un Premio do Público con tres candidaturas: Asociación puntoGAL, Festival de Cans e Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Un 25% do espazo feiral estará dedicado a propostas emerxentes non vinculadas á industria.

Víctor López, presidente de Eganet, sinalou en representación da directiva da Asociación Culturgal que, malia a suba do IVE e a desaparición de apoios no patrocinio, Culturgal é un escaparate de primeira orde para a actividade cultural en Galicia. ” Culturgal supón expoñernos diante do público, o gran destinatario final do noso esforzo. Ese público que ten a posibilidade de comprobar durante os dias de Culturgal a diversidade de creacións, de formatos, de perspectiva, etc. Culturgal debe ser nese sentido avanzadilla e inevitablemente espello da actividade cultural galega”, sinalou.

Unha cita “imprescindible”

O director da Agadic Jacobo Sutil subliñou que Culturgal é un evento necesario para a dimensión económica da actividade cultural, ademais dunha “gran festa da cultura galega”. A concelleira de Cultura Anxos Riveiro centrou a súa intervención na satisfacción que para o concello é a coller a Feira. “Os grandes proxectos de país tamén deben buscar o dinamismo das cidades”, dixo. No peche da rolda de prensa, o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzos afirmou que Culturgal é un cita “imprescidible” para a Administración autonómica. “Por varias razóns: porque é punto de encontro do sector profesional e poque está dirixida ao público, para estimular o coñecemento e tamén o consumo cultural. É moi interesante o achegamento directo do público aos procesos de creación e produción cultural”, remarcou.

Fonte: Culturagalega

Galicia contará cun Arquivo Dixital único para todas as administracións públicas grazas ao Proxecto ARPAD

Na mañá deste 4 de novembro tiña lugar a reunión de lanzamento do Proxecto ARPAD, un Arquivo Dixital para Galicia, que contribuirá á conservación e difusión do patrimonio documental conxunto, á habilitación de servizos dixitais e á eliminación do papel nas relacións administrativas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ao encontro asistían o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda e a directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, líder da iniciativa. Cómpre dicir que no Proxecto ARPAD participan sete socios, amais de AMTEGA.

Así, interveñen a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; a Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza; o Centro Informático para a Xestión Tributaria a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable (CIXTEC) da Consellería de Facenda; a Comunidade Intermunicipal do Minho-Lima (CIM Alto Miño), que integra dez concellos do norte de Portugal; o Concello de Tui e a Deputación de Pontevedra.

É preciso sinalar que esta idea se atopa inserida no Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) e está dotada con 4,7 millóns de euros, cofinanciados nun 75% por fondos FEDER.

E que achegará este Arquivo Dixital? Pois permitirá eliminar paseniño o papel na Administración e xestionar e conservar con todas as garantías de seguridade e dispoñibilidade a documentación dixital durante todo o ciclo de vida administrativa. É chave para garantir a interconexión dos servizos coas entidades locais e coas iniciativas previstas coa Eurorrexión no marco deste proxecto. Co ARPAD reforzarase o Centro de Proceso de Datos do Gaiás como nó central de custodia de toda a información do Arquivo Dixital Integrado, desde onde se facilitarán máis de 200 procedementos administrativos, amais de emprestarlles servizos de aloxamento documental ás entidades locais galegas. Sobre este arquivo organizarase unha rede de rexistros interconectados, que permitirán a cidadáns e empresas de ambos lados da fronteira entregar documentación en calquera rexistro. O obxectivo é habilitar servizos públicos online (como a e-factura ou a plataforma electrónica tributaria) para empresas que teñan actividade comercial coas administracións de ambos lados da fronteira, e pór en marcha un proxecto piloto de Rexistro Administrativo na Eurocidade de Tui-Valença para poder estender este modelo a outros municipios fronteirizos.

Engadir que outro dos eixos de actuación do ARPAD é a creación dun Arquivo Histórico Documental, inserido no Arquivo Dixital Integrado, o cal dará acubillo aos fondos dixitalizados do patrimonio documental. Será compatible con proxectos europeos como EURPEANA (punto común de acceso aos fondos das bibliotecas, arquivos e museos de toda Europa).

Fonte: Codigocero

Resposta do Valedor do Pobo ás queixas polo proxecto mineiro de Corcoesto

SGHN ven de recibir a resposta do Valedor do Pobo respecto ás 628 queixas que recibiu (incluida a de SGHN) relativas a diferentes aspectos do proxecto de explotación mineira de Corcoesto. Un dos paragrafos máis trascendentais é o que se inclúe na páxina 4: “A través de manifestacións en sede parlamentaria coñecemos que a administración finalmente rexeitou o proxecto, … e dado o rexeitamento global do proxecto, este ten como consecuencia que decaían todos os actos de trámite do mesmo, entre eles a avaliación ambiental”.

Xa que logo, caso de concretarse finalmente nunha resolución oficial firme as “manifestacións en sede parlamentaria” do Presidente da Xunta de Galicia durante o debate do Estado da Autonomía, quedaría automáticamente anulada a Declaración de Impacto Ambiental positiva do proxecto, como ven reclamando insistentemente SGHN dende que se fixo pública hai 10 meses.

Sobre o arsénico

“Así pois, sendo acertada -e concordante cos estudos- a afirmación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de que a orixe do arsénico é natural, no entanto debe tamén afirmarse que a actividade mineira e os procesos de explotación non resultan neutros a estes efectos, senón que aumentan os niveis dispoñibles… resultaba unha obriga derivada do principio de prevención que, antes dunha eventual aprobación -o que agora se descarta-, se determinaran con exactitude as posibles relacións de causa e efecto entre as concentracións de arsénico e a anterior explotación.”

“Relacionado coa presenza de arsénico … Aínda de non coñecerse a relación causa-efecto entre a actividade mineira e a contaminación, o feito indiciario da súa coincidencia debería obrigar a facer efectivo o principio de precaución para o caso de continuar a tramitación -cousa que, como vernos, non sucede-, de tal forma que se estude adecuadamente o sucedido e se asegure que se adoptan medidas adecuadas, cousa que non se aclaraba”.

Sobre o cianuro

“…á hora de avaliar as moitas queixas recibidas o Valedor do Pobo tivo moi presente a resolución [do Parlamenteo Europeo sobre a prohibición do cianuro], dada a natureza parlamentaria desta institución. Sería conveniente que se examine e resolva sobre a proposta, a prohibición do cianuro.”

Sobre a avaliación ambiental e a autorización ambiental integrada

Ao contrario do feito pola Xunta de Galicia, “A tramitación simultánea é a práctica mais adecuada”.

Sobre a afectación a zona ambientalmente protexida

“A afectación, aínda que sexa indirecta ou posible, de zonas ambientalmente protexidas (neste caso L1C e ZEPA) debería ser obxecto de avaliación específica; debería constar de forma expresa que se acredita o plus de protección que require a circunstancia.”

Sobre as consecuencias do proxecto nos sectores económicos da zona

“…debería terse valorado a incidencia nas persoas afectadas, non só nos aspectos sanitarios ou estritamente ambientais, senón en calquera dos ordes da súa vida, entre os que se atopan de forma destacada o social e o económico, que resultan inseparables dos demais, como se desprende do texto legal citado.”

Sobre a protección do patrimonio cultural

“A través dunha queixa (0/2122/12) confirmouse que o estudo arqueolóxico achegado pola empresa era antigo… Os estudos posteriores non emendan o defecto que supón a carencia do estudo de impacto, que saíu a información pública sen incluír unha parte preceptiva de forma adecuada. Por esa razón formulamos unha recomendación para que se esixa que o previo estudo teña o contido legalmente establecido, de tal forma que cando saia a información pública se atope completo; e que, para tratar os efectos do estudo incompleto coñecido na queixa, se avalíen as consecuencias xurídicas do tratado.”

Máis información en www.sghn.org

O estudantado non bolseiro fica fóra das axudas Erasmus

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte publicou, o pasado martes 29 de outubro a través do Boletín Oficial do Estado, unha modificación da súa achega económica ao estudantado no referente ás bolsas Erasmus para este curso 2013/2014. Unha modificación, denuncian desde Comités que supón “deixar sen axudas ao estudantado que non obtivera a bolsa xeral de estudos do MEC o pasado curso 2012/2013”. Aliás, din desde esta organización estudantil, “sen ser isto suficiente, aquel@s estudantes beneficiari@s (que si obtiveran bolsa no curso pasado) unicamente poderán obter como máximo 300 euros ao mes na súa estancia no estranxeiro”.

Esta medida do Ministerio de Educación enmárcase, para os Comités, na liña impulsada polo goberno popular de que excluír “@s fill@s da clase traballadora do ensino público universitario”. Eliminar do programa de bolsas Erasmus a tod@s aquel@s alumn@s que non sexan capaces de cumprir cos novos requisitos do decreto de bolsas e, manter unha contía irrisoria para o estudantado que si as manteña, “deixará as prazas da Erasmus unicamente para aquelas persoas de rendas máis altas que poidan pagar a súa estadía nun país do estranxeiro”.

‘Tirad@s no estranxeiro’

Os Comités pregúntanse tamén que pasará co@s estudantes que actualmente se atopan con prazas Erasmus no estranxeiro e contaban con poder acceder a estas axudas. “Estes novos requisitos nas bolsas Erasmus poden supor un problema tanto económico como académico n@s estudantes afectad@s”.

Fonte: Sermos Galiza

Antón Reixa dimite da xunta directiva da SGAE

Antón Reixa soltou as últimas amarras que o vinculaban á Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE). O expresidente deste colectivo presentou hoxe a súa dimisión da xunta directiva na que permanecía como representante do Colexio de Pequeno Dereito que aglutina aos músicos. A súa renuncia coincide coa aprobación (por 27 votos a favor fronte a dous en contra e 10 abstencións) da readmisión do exrepresentante da SGAE para o Noroeste, Juan Carlos Fernández Fasero, que fai apenas uns días gañou un xuízo por despedimento improcedente contra a entidade que quedaba obrigada a readmitilo ou indemnizalo. A SGAE púxoo na rúa ao difundir este diario que, sendo director da Axencia galega dás industrias culturais (Agadic), dependente da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Fasero subvencionou con 142.000 euros do ente que dirixía á empresa de Reixa Filmanova Invest, entón presidente da SGAE, que o contratou nesta entidade 23 días logo de recibir a axuda pública.

Reixa declinou facer declaracións a este diario máis aló de confirmar a dimisión e atribuíla a “un cúmulo” de circunstancias que anuncia que explicará por escrito. Fontes próximas a el aseguran que a súa ruptura definitiva coa sociedade de autores, aínda que coincidente coa readmisión de Fasero (a sentenza pon en evidencia o proceder do produtor e músico galego), está máis relacionada coa decisión da directiva de abrir unha investigación dos gastos do organismo durante a etapa na que el estivo á fronte. “Xa sendo presidente era unha tortura diaria para el asistir ás xuntas, pero os insultos e as presións non cesaron sequera tras a súa destitución: non lle compensaba continuar”, sosteñen na súa contorna.

Corresponde a Nacho Campillo, o exlíder do grupo Tam Tam Go! cubrir a vacante que deixa Reixa na directiva da SGAE. Campillo non recibiu notificación oficial aínda e sostén que se tomará uns días antes de decidir se acepta esa responsabilidade. Se Campillo renuncia, a lista correrá e sería Luís Bolín, o baixista da Unión, próximo a Fernández Sastrón, quen tería que ocupar a vacante.

A dimisión de Reixa da directiva da SGAE súmase ás aínda recentes de Miguel Ríos e José Luís Cuerda.

Fonte: El País

A representación das obras de teatro en Galicia en 2012 foi a metade que en 2009

A crise do sector cultural é evidente, ou a crise dentro da crise, agravada polos recortes nas axudas e nas programacións públicas e por outras decisións, coma a suba do IVE cultural do 8% ao 21% en setembro de 2012. A Fundación SGAE presentou este luns o seu Anuario 2013, que lle pon cifras e titulares ao momento que atravesan as industrias culturais en España e en Galicia. O estudo fai unha valoración global negativa en todos os sectores e, malia recoñecerque será cos datos de 2013 cando se poderá saber o impacto da suba do IVE, sinala que “pódese afirmar que, lonxe de producirse un incremento na recadación (derivado do incremento nos prezos tras a aplicación do novo tipo impositivo), todos os indicadores globais de recadación en música en vivo, artes escénicas ou cinema experimentaron descensos nas cifras”. E engade que “a recadación reduciuse, como o fixo, en maior medida, o número de espectadores, agravando os efectos que a crise económica está a producir sobre a demanda cultural, engadíndose aos descensos orzamentarios que dificultan o financiamento da cultura”.

Afondando nos datos galegos, chama a atención, sobre todo, o continuado descenso no número de representacións escénicas, no número de espectadores e na súa recadación, unha tendencia semellante, pero máis acentuada, que a que se rexistra no conxunto do Estado. En España, dende 2008, o teatro viu diminuída a súa oferta de funcións nun 25,87%, o número de espectadores, nun 30,73%, e a recadación en despacho de billetes, nun 14,07%. Porén, os descensos en Galicia roldan o 50%.

En Galicia en 2012 houbo 1.611 representacións de artes escénicas, fronte ás 1.977 de 2011, e ás 3.164 de 2009, ano no que se acadaron as mellores cifras. Galicia pasou de representar o 4,4% do mercado español das artes escénicas a tan só o 2,9%, coa metade de representacións que Aragón ou Castela e León, que contan con menos poboación. Estas funcións atraeron a 447.740 espectadores en Galicia, fronte aos 488.279 do ano anterior, e os 639.046 de 2009. Estas cifras sitúan Galicia por debaixo de Madrid, Catalunya, Andalucía e Comunidade Valenciá, pero tamén de Castela e León,  Aragón e País Vasco. Dentro das artes escénicas o teatro suma o groso das representacións en 2012 (1.506), algo máis da metade das obras representadas tres anos antes (2.944). O número de espectadores chegou a 396.624, lonxe dos 548.935 de 2009. Pola súa banda, en 2012 só houbo 91 representacións de danza en Galicia, setenta menos que en 2009.

A música, con mellor saúde

A música en directo goza de mellor saúde en Galicia que as artes escénicas. Hai descensos nos concertos de música clásica, é certo, pero a perda é menor. Houbo 1.221 en Galicia en 2012, fronte aos 1.431 de 2009. Unhas boas cifras que nos indican que Galicia suma máis do oito por cento dos concertos de toda España. Estas actuacións atraeron 251.485 espectadores en 2012, noventa mil menos que en 2009 (340.023).

O mesmo sucede cos concertos de música popular, sobre todo se se compara cos datos do conxunto de España. A música popular en vivo fora obxecto dun crecemento continuado, que se veu interrompido en 2008, momento a partir do cal os seus indicadores mostran un cambio de tendencia. En España os concertos caeron un 16% dende 2008, unha caída que é do 23,6% no caso dos espectadores, e do 6,6% na recadación, aínda mantida por algúns grandes eventos.

En Galicia, as cifras son mellores. Os concertos de música popular chamaron en Galicia a 1.320.209 persoas en 2012, un descenso de case 400 mil dende os 1.713.453 de 2009, na liña da evolución seguida no resto do Estado. Porén, houbo 5.206 actuacións en directo, máis das rexistradas en 2009 (4.857), e a recacación mantívose (6.992.891 euros) en cifras semellantes ás de 2009 (6.645.586) e mesmo aumentou un chisco. Con todo, as cifras fican lonxe dos datos rexistrado en 2010, ano Xacobeo (2.388.684 espectadores e 8.612.168 euros). En Galicia o 91% dos concertos adscríbense ao xénero de pop-rock en xeral, moi por riba da media do Estado (76,9%). Tamén se supera a media española en ‘Jazz, blues, soul’ (3,5%) e ‘electrónica‘ (1,7%).

A mala saúde do cinema

No que respecta ao cine, o número de funcións en España diminuíu nun 10,95% dende 2008, acumulando caídas paulatinas producidas cada ano. O indicador que presenta unha maior evolución á baixa é o correspondente a espectadores, que diminúe desde 2008 nun 13,51%, mentres que a evolución da recadación experimentou unha redución moi inferior, un 1,82%. Este comportamento explícase polo incremento no prezo das entradas, suba que recolle ademais os novos prezos asociados ás proxeccións en 3D. Durante 2012 houbo 4.397.917 sesións (un 2,90% menos que en 2011) ás que asistiron 93.353.847 espectadores (cun descenso do 4,94% respecto de 2011) e obtívose unha recadación de 612,29 millóns de euros (un 4,08% menos que no ano anterior).

No que respecta a Galicia, o noso país segue por detrás na meirande parte dos indicadores. En Galicia hai 40 cines cun total de 190 pantallas, 0,068 por habitante, un ratio que nos sitúa por debaixo da media española, e por detrás de todas as comunidades autónomas agás Estremadura (0,047), Cantabria  (0,061), Canarias (0,067) e Castela A Mancha (0,067). Iso si, en 2012 o número de pantallas en Galicia creceu, dende as 173 de 2010. Esta oferta atraeu 3.746.961 espectadores, un 4% do total. Os galegos e galegas gastamos 8,9 euros ao ano en ir ao cine, moi por debaixo da media (13 euros), superando só Castela e León, Castela-A Mancha e Estremadura.

Videoxogos e música dixital

O mercado dos videoxogos tamén experimentou un forte retroceso nestes anos, destaca a SGAE. Aínda que este era un sector en constante crecemento ao longo dos últimos anos noventa e dos primeiros da década inicial do século XXI, vemos que desde o ano 2008, o valor das vendas asociadas ao mercado de videoxogos diminúe un total do 41,12%. O mercado dos videoxogos moveu unha recadación de 822 millóns de euros, cifra que descendeu un 16,04% menos respecto ao ano 2011.

En canto á música gravada, o mercado físico acumulou unhas perdas desde 2007 do 66,43%, do 9,25% se o comparamos co ano 2011. O mercado dixital recadou 48,29 millóns de euros, aumentando un 4,12% en relación ao ano 2011. Porén, o mercado dixital aínda representa unha porcentaxe inferior ao mercado físico, un 34,23% do total do mercado da música gravada, aínda que hai que destacar que esta porcentaxe aumenta anualmente.

Fonte: Praza

Exposición que analiza a imaxe da muller e os prexuízos sexuais entre 1930 e 1980

As modernas que nos anos 30 se cortaban o pelo como os rapaces, fumaban e tiñan unha profesión; as que cumpriron no franquismo co ideal de muller casta e obediente; as que protagonizaron o destape e o feminismo dos 70. Todas elas contan a súa historia na exposición “Mulleres baixo sospeita. Memoria e sexualidade (1930-1980)”, que se inaugurou onte na Casa das Artes de Vigo e poderá visitarse ata o 30 de novembro.

Realizada baixo o prisma da memoria, a mostra recolle dende fotografías a vídeos, cadernos de escola, vestidos, revistas femininas, publicidade, libros e carteis que reflicten a imaxe da muller e o tabú sexual entre 1930 e 1980 co obxectivo de “recuperar unha parte fundamental da memoria de España e cubrir a historia de xénero das mulleres no período do franquismo”, afirma Raquel Osborne, doutora en Socioloxía e comisaria desta mostra, resultado dunha investigación na que leva traballando dende 2008 e que xa plasmou tamén nun libro.

A exposición formúlase como un percorrido temático e non lineal entre o íntimo e o público, o anónimo e os personaxes con nome e apelidos. Divídese en cinco áreas temáticas: As modernas, Individuas de dubidosa moral, As domesticadoras, As decentes e As liberadas. – insiste nos contrastes: dous xogos da gansa, un con imaxes relixiosas e outro con debuxos eróticos ou un cilicio fronte a un libro de artes amatorias.

“As domesticadoras” engloba a acción “educativa” que realizaron a Sección Feminina e as monxas durante o franquismo. A Sección Feminina de Falanxe Española Tradicionalista e das J.O.N.S., creou o “Manual da Esposa Perfecta” no que se daban consellos como “Ofrécete a quitarlle os zapatos ao teu marido” ou “Nunca te queixes se chega tarde, ou se sae a cear ou a outros lugares de diversión sen ti. Intenta, en cambio, comprender o seu mundo de tensión e as súas necesidades reais”. A mostra inclúe fotografías e documentos da Sección e un uniforme de gala.

Tamén hai historias persoais como a da escritora feminista Carlota O’Neill, viúva dun militar republicano que pasou catro anos en prisión. E algunhas galegas como a de Elisa e Marcela, un dos primeiros matrimonios homosexuais documentados en España que conseguiu pasar polo altar convertendo a Elisa en Mario, ou á excepcional Maruja Mallo, que se asoma á mostra a través dunha das súas pinturas. “Maruja Mallo, Margarida Manso e a poeta e ximnasta Concha Méndez, foron amigas de andanzas nos anos vinte e trinta e pioneiras na utilización do bikini, a práctica do deporte e o baile do charlestón,” describe a comisaria.

As mulleres postas baixo sospeita durante a ditadura franquista, a pesar de estar duramente reprimidas, en ocasións encontraron espazos nos que expresarse con voz propia. “Queriamos mostrar como houbo mulleres que se burlaron dos mandatos e que había moita vida nas aberturas”, conclúe Osborne.

Mulleres dóciles e castas – Para crear esta muller “dócil e casta” ao servizo do varón e da patria, a Sección Feminina de Falanxe, dirixida por Pilar Primo de Rivera, recibiu o encargo de formar as mulleres españolas en todos os campos de actuación.

A desexada Xoaniña – Durante os corenta e cincuenta, o boneco máis desexado entre as nenas españolas foi Mariquita Pérez. Creada por Leonor Coello, tiña un prezo desorbitante para un país completamente desolado, pero representaba un status.

Fonte: Faro de Vigo

O Simposio anual do libro e a lectura acada a súa décima edición

O simposio anual sobre o libro e a lectura chega a súa décima edición co mesmo ánimo e gañas cos que iniciou o seu percorrido, alá polo ano 2003. Todo un privilexio e unha fortuna nos tempos que corren. No transcurso destes dez anos ininterrompidos pasaron por este evento máis de 1.500 profesionais entre conferenciantes, relatores e asistentes de todas as edicións.

Nesta renovada xeira, centrada nas bibliotecas, a organización prantexouse abordar os retos que estes espazos de promoción e dinamización do libro e a lectura, deberán enfrontar nun próximo futuro, retos que non  son alleos ao mundo editorial, fundamentalmente no eido do novo paradigma dixital e tamén no que atinxe ás dificultades derivadas da  coxuntura económica de todo o ámbito do libro.

O futuro da biblioteca no entorno dixital é o título baixo o cal se elaborou un programa que contempla unha xornada de traballo intenso e reflexivo, na cal os asistentes e os participantes, relatores e conferenciantes, van ter ocasión de expoñer e debater sobre a actualiadade e o futuro do paradigma dixital no entorno bibliotecario.

Aberto parazo de inscrición: Formulario

                                                               As nove edicións anteriores

I Simposio  A historia da edición en Galicia: O libro galego e a lectura no século XXI.

II Simposio O libro e as novas tecnoloxías

III Simposio Biblioteca, lectura e edición.

IV Simposio Libro e mercado.

V Simposio O libro galego no mundo: Presente e futuro.

VI Simposio O libro dixital : Presente e futuro.

VII Simposio O fomento da lectura: Unha fronteira para o libro.

VIII Simposio A propiedade intelectual na sociedade dixital.

IX Simposio O futuro das librerías.

Fonte: AGE

Coñecemos un pouco máis a Andrea Maceiras

A coruñesa Andrea Maceiras é licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galega. Recibiu en 2010 o cuarto Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil, que convoca Baía Edicións, pola súa obra Violeta tamurana. Unha obra que cualifica como unha “alegoría contra o racismo” na que advirte os seus lectores de que “quen sustenta o dominio sobre os pobos o fai mantendo a ignorancia e o temor ao descoñecido e ao diferente”. Ademais desta obra, publica en 2012 outra coa que procura, tamén nesta ocasión, romper cos tabús e achegarnos a unha realidade vista aínda co receo pola sociedade, O segredo do lagarto arnal. Entrevistamos a Andrea Maceiras para coñecela un pouco máis!

  • Bos días Andrea, cóntanos… cando empezaches a escribir?

Comecei a escribir nas portas da adolescencia. Nun momento dado decateime de que era posíbel situarme do outro lado das letras, como quen repara por vez primeira na existencia dunha ponte sobre un río caudaloso e, nunha intuición fascinada, sábese capaz de chegar á outra orela. Foi un proceso de evolución natural que se viu afectado por estímulos externos: a posibilidade de participar en certames literarios para xente nova (como o de Cambre ou o “Viaductos” de Redondela) foi moi importante. Desde entón, a literatura converteuse en algo imprescindíbel miña maior arela foi transitar as súas dúas beiras tanto canto fose posíbel: a través da lectura, da escrita,da miña vida académica e laboral.

  • Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?

Os meus primeiros referentes foron os da literatura pensada para nenos e mozos da que eu gozaba inmensamente como lectora. Tiven a gran sorte de poder ler, sendo moi nova, a moitos escritores que comprendían a necesidade dunha literatura concibida para os máis xoves: desde os membros da xeración Lamote, como Agustín Fernández Paz ou Xabier Docampo, ata Roal Dahl e Michael Ende, pasando por autores como Andreu Martin, Maria Gripe, Ruíz Zafón e moitos outros. Supoño que o feito de lembrar con gran viveza e agarimo aquelas lecturas fai que me sinta moi cómoda escribindo LIX.

  • Cando e por que xurde Violeta tamurana? Foi a túa primeira obra publicada?

Violeta tamurana é unha obra especial. Xurdiu naquela primeira etapa e foi evolucionando ata o momento no que a escribín, anos despois, de modo que conviviu moito tempo comigo. A novela en si mesma é unha metáfora de moitos aspectos do noso mundo e, como tal, inspírase na observación da realidade. Porén, non foi  a miña primeira obra publicada: tres anos antes vira a luz Proxecto Bolboreta, obra gañadora do I Certame Literario do Concello de Soutomaior, da man de Xerais.

  • É unha historia de aventura e fantasía, mais introduces moitos temas de actualidade como os conflitos xeracionais, a preocupación ecoloxista… cóntanos que nos podemos atopar na obra?

Violeta tamurana recrea un mundo violeta, ficticio só nalgúns aspectos e moi real noutros. Na obra contrástanse dous mundos moi diferentes: o do Arquipélago Perdido, de carácter tradicional e tribal, e o do Continente Luminoso, desenvolvido e tecnolóxico. No desequilibrio existente entre ambos son fundamentais problemas como o racismo, a manipulación da información ou a devastación da natureza a mans do home. Pao, o heroe da obra, emprende unha arriscada viaxe desde a súa illa natal ata o outro extremo do mundo, coa intención de deter a destrución do seu fogar e das extraordinarias flores que alí medran: as tamuranas. O inconformismo da mocidade, a busca de respostas e, sobre todo, a defensa da identidade propia son outras cuestións moi presentes na novela.

  • E despois desta magnífica obra que recibiu o Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil 2010, publicas no 2012 O Segredo do lagarto arnal. Cando xurde a idea desta obra?

O segredo do lagarto arnal xorde da experiencia do paso do colexio ao instituto e afonda nos cambios, medos e esperanzas desta nova etapa. A este proceso, que é común para a ampla maioría dos rapaces, engádense outras cuestións. David, o protagonista, está preocupado polo divorcio dos seus pais e estraña moito a aldea, que identifica coa felicidade da infancia. Neste momento de inestabilidade precisa un referente vital: o seu curmán Marcos, varios anos máis vello ca el e co que mantén unha relación fraternal. Porén, hai catro anos que non sabe del e a súa familia garda silencio ao respecto.O segredo da obra ten moito que ver co descubrimento do mundo, con ese espertar asociado ao inicio dunha nova etapa, coa capacidade de tomar decisións e de ser un mesmo, sen deixarse intimidar, a pesar das circunstancias.

  • Pensas que as mozas e os mozos poden sentirse identificadas coa obra?

A obra aborda moitos conflitos cos que pode atoparse calquera rapaz nesta idade: desde as amizades, as ilusións ou os desenganos ata cuestións de maior gravidade como o acoso escolar e a marxinación e persecución daqueles que son vistos como máis débiles pola sociedade… A novela fala de atreverse a ser diferente e… quen non se sentiu diferente algunha vez?

  • Tratas moitos temas de actualidade: o divorcio, os segredos familiares etc. consideras importante tratar este tipo de temas na literatura xuvenil?

A literatura xuvenil procura atraer os intereses do público mozo, mais estes son moi diversos. As historias afastadas da vida cotiá, xa sexa porque son distantes a nivel xeográfico ou porque recrean mundos de ficción, apelan á curiosidade e ofrecen moitas posibilidades de evasión. No entanto, os relatos que se centran en aspectos máis próximos poden resultar interesantes porque permiten unha maior identificación e dan pé á reflexión sobre cuestións do día a día que non sempre son tan intranscendentes como parecen. O verdadeiramente importante é conectar cos lectores e lectoras tratando de ofrecer historias que inspiren e entreteñan porque estas son as funcións orixinarias e primixenias da literatura.

  • En 2013 publicas Nubes de evolución, na que segues tendo en conta a actualidade e nos indicas que somos nós quen podemos virar a nosa historia e loitar para dar as costas a decepcións e enganos. Que pretendes con esta obra?

Nubes de evolución é unha historia intimista de fríos e soidades.Os seus personaxes principais teñen en común unhas vidas imperfectas que non encaixan na sociedade tal e como está concibida: unha moza de dezanove anos cunha filla pequena, un rapaz problemático e un profesor de secundaria viúvo e frustrado coa súa profesión. Os tres frecuentan a cotío unha estación de autobuses e é nese espazo impersoal e húmido onde se produce o seu encontro. A novela fala das pequenas cousas que son capaces de mudar o noso xeito de ver o día a día, de saber poñerse na pel do outro, da capacidade de transformar os lugares que habitamos e, sobre todo, da vontade de mudar as cousas para conseguir os nosos propósitos.

  •  Poderías indicarnos cales son as túas autoras e/ou autores favoritas/os?

-Quizais porque durante a miña formación tiven a oportunidade de ler a moitos autores clásicos, na actualidade o meu interese pasa por obras máis contemporáneas e achegadas a min no tempo: Murakami, Milan Kundera, Paul Bowles, Orhan Pamuk, Christa Wolf, Clarice Lispector, Amin Maalouf, Don DeLillo… En Galicia considero que temos unha LIX de gran calidade e hai moitas obras coas que gozo moito, como as de Marcos Calveiro ou Ledicia Costas, por poñer algún exemplo. Despois hai textos aos que regreso con frecuencia porque nunca se esgotan, como os de Carlos Casares ou Marica Campo. As miñas lecturas pendentes son igualmente variadas: desde o novo de Pedro Feijoo ata o último de Kazuo Ishiguro. Interésame estar ao día e explorar as novidades.

  • Que farías para fomentar a literatura xuvenil?

-Aínda que en principio poida parecer paradoxal, sabemos que na actualidade os rapaces e rapazas len e len moito e sabémolo porque hai moitos fenómenos de libros que acadan gran repercusión nos medios, o que quere dicir que detrás deles hai un público que desexa historias. Por desgraza no mundo no que vivimos o que non está exposto á vista de todos aparentemente non existe. Nas grandes superficies, que é onde cada vez máis mercan libros os mozos e mozas, a literatura galega está moi difícil de localizar e ocupa espazos moi reducidos. É unha cuestión de visibilidade. Con toda probabilidade os adolescentes aceptarían de forma natural que nos andeis de libros xuvenís se mesturasen os de distintas linguas e literaturas. Esta percepción baséase no feito de que nos clubs de lectura dos institutos (que fan un enorme labor a moi distintos niveis) as lecturas están moi repartidas entre as distintas literaturas porque os profesores se encargan de darlles visibilidade a todas elas.

  • Como ves hoxe en día a situación no mercado editorial?

Vivimos tempos difíciles en todos os ámbitos. Loxicamente os problemas económicos que afectan á maior parte da poboación teñen o seu reflexo tamén neste sector. A pesar diso, as editoriais galegas apostan polo futuro, facendo esforzos por integrar e integrarse nas novas tecnoloxías e iso propicia o interese dos lectores. Como autora, considero que un dos grandes acertos das editoriais galegas é a creación e mantemento de premios literarios que ofrecen moitas posibilidades para calquera escritor, pero sobre todo para aqueles que estamos comezando.

Grazas Andrea! Foi un pracer!

A nova xeración de actrices recoñece o maxisterio de Mabel Rivera

Inventarios é unha das obras que Mabel Rivera levou á escena con Teatro do Malbarate en 1990. Inventarios foi tamén a peza teatral coa que tres novas actrices, recén egresadas da ESAD, homenaxearon na biblioteca do Consello da Cultura á actriz Mabel Rivera, a quen a Comisión de Igualdade dedicou a súa xornada anual na que recoñece o labor dunha muller nun determinado ámbito de actuación.

A interpretación de Melania Cruz, Beatriz Campos e Sheila Fariña das tres mulleres da obra de Philippe Minyana conseguiu emocionar no fin da xornada a Mabel Rivera. A obra dirixida por Cristina Domínguez, tres emocionantes monólogos, pechaba unha xornada dedicada a actriz e fixo abrollar as bágoas de Rivera que foron acompañadas polas das actrices que representaron a obra que ela protagonizara hai máis de vinte anos.

Pechábase así unha xornada na que, durante todo o día, a traxectoria da actriz e a situación do teatro foi debullada por especialistas e protagonistas da escena, con algúns dos nomes que teñen partillado con Rivera as últimas décadas do teatro galego.

A homenaxe comezaba na sesión de tarde cunha entrevista á propia Mabel Rivera realizada pola xornalista Sandra Faginas na que a protagonista recoñeceuse, no seu papel de muller e actriz, como “o elo máis feble da cadea”. Rivera lamentou non ter “nai no artístico” e sinalou que a súa formación debíase a un “autodidactismo” inevitábel. “Autodidacta significa ser mestra dunha mesma, fíxádevos do que falamos, mestra de algo cando carezo de ferramentas” sinalou a actriz que repasou a súa traxectoria desde as orixes como traballadora de Astano.

A actriz comentou tamén o moito que lle custou tirar o mandil que lle puxo o personaxe de Balbina de “Pratos Combinados”. “Durante moitos anos ninguén tivo a percepción e que eu podía ser unha señora sen mandil”, dixo arredor dunha serie da que, segundo comentou, a TVG repetiu algúns dos seus capítulos até en 23 ocasións.

“As forza das herdeiras de Mabel Rivera é imparabel” sinalou Lara Rozados nunha das intervencións da tarde, antes de que as tres actrices ocuparan a Biblioteca do Consello da Cultura  e Inma López Silva, en representación tamén de Dolores Vilavedra como coordenadoras das xornadas, recoñecera en Mabel Rivera a “mestra” dunha nova xeración de actrices e a “nai” teatral que ela, pouco antes, lamentou non ter tido.

Na xornada presentouse tamén a ampla cartografía na que se recollen un amplo conxunto de datos, imaxes e documentación arredor da traxectoria biográfica e artística de Mabel Rivera.

Fonte: Sermos Galiza