Entradas

Un engadido facilita a consulta do dicionario da RAG desde Firefox

A publicación do dicionario da Real Academia Galega na súa páxina web levou a que certos axentes que promoven a nosa lingua nas TIC apostasen por esta nova ferramenta de consulta, de xeito que dende GalApps actualizaron o seu dicionario para dispositivos móbiles Android e iOS, mentres que a xente do proxecto Trasno (concretamente Antón Méixome) publicou un engadido para o navegador Firefox que permite configurar a caixa de busca da aplicación informática para realizar consulta no dicionario en liña da RAG.
Unha vez instalado o novo engadido podemos realizar a caixa de busca do Firefox para realizar consultas no noso buscador web favorito ou en servizos como o dicionario da Real Academia Galega, o que facilita a súa consulta, podendo sempre conmutarse entre os distintos buscadores configurados no navegador web segundo as nosas necesidades en cada momento.

Fonte: Codigocero

Contacontos sobre ‘O meniño Nito. Entón, os homes choran ou non?’

Contacontos sobre O meniño Nito. Entón, os homes choran ou non? Ese é o dilema no que se encontra Nito, e que lle trae non poucos problemas até que por fin, coa axuda do Doutor Aymoré, consegue resolver as súas dúbidas.

Coa colección Contos da igualdade, Baía Edicións pretende romper coa tendencia nos contos infantís de asignar roles estereotipados a nenos e nenas, que condicionan a capacidade de soñar sen límites no propio futuro, de imaxinar un mundo de igualdade entre homes e mulleres.

Unha incidencia deixa a parte dos usuarios de R sen acceso á Internet durante varias horas

Boa parte dos usuarios do norte de Galicia do operador R padeceron durante a xornada de onte unha incidencia xeralizada, de xeito que quedaron sen conexión á Internet provocada pola perda da configuración do seu router de acceso, o que comezou a experimentarse durante a mañá e alongouse durante boa parte da tarde para desesperación dos usuarios que empregaron conexións alternativas para acceder ás redes sociais, onde o persoal de R informaba puntualmente, aconsellando non acudir ao servizo de atención telefónica a clientes (por estar saturado).
O problema comezou a solucionarse ás 17:30 horas, pero o restablecemento do servizo foi gradual, polo que nalgúns casos a desconexión prolongouse ata a noite, o que levou á compañía a desculparse, lembrando que, como en ocasións anteriores, indemnizarán aos afectados cun desconto na vindeira factura que reciban.

Imaxe: R

Fonte: Codigocero

Ferrín non fala “nun espazo que se pecha á xente”

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, decidiu este xoves solidarizarse cos afectados polas participacións preferentes e abandonar o Auditorio de Novagalicia Banco en Pontevedra, onde se están a celebrar conferencias da Semana Galega de Filosofía, tras o peche deste espazo por parte da fundación do banco.

Afectados polas referentes manifestáronse esta tarde, antes da conferencia, fronte o Auditorio de Novagalicia Banco. A policía e outros axentes de seguridade privada do espazo decidiron, entón, pechar as portas.

Ofrecer os micros

A Aula Castelao, que é un foro aberto, negociou entre representantes dos afectados e os responsables da seguridade, co fin de ofrecer os micros e permitir que os afectados se expresaran e comunicaran o que lles parecera oportuno. Sen embargo, Méndez Ferrín decidiu trasladar a conferencia prevista por negarse a falar “nun espazo que se pecha á xente”.

Os afectados polas preferentes levan toda a semana de mobilizacións. Tamén se manifestaron no Parlamento de Galicia e diante da CRTVG. Con todo, o presidente da Xunta aínda non os recibiu.

Frases destacadas

Estas foron algunhas das frase da conferencia de Ferrín:

Os fascismos empregaron sempre con fruición o termo Occidente.

O capitalismo sen freo chegou á perfección da catástrofe.

Hoxe no mundo existe só unha civilización, pola unificación da ciencia. Polo tanto non se pode falar de Alianza de Civilizacións.

Despois da explicación do mundo dende o mito, despois dende o pensamento libre e agora dende unha ciencia positiva que homoxeneiza ao humano baixo o patrón de Occidente, claro. Morreu a diversidade.

En Europa houbo revolucións que derivaron nun proceso de pensamento que despois se constituíron como universais.

A humanidade prodúcese en forma de nación: non existe un ser humano a-nacional.

A lingua é a forza e sentido profundo da cultura dunha nación.

O populismo planetario pode ser unha alternativa ao capitalismo que campa actualmente polo mundo.

O proceso marxista pasa polo acto de expropiación da ciencia burguesa e por poñela ao servizo da humanidade.

Literatura e ciencia

Imaxe: S. Beckwith (STScI) Hubble Heritage Team, (STScIAURA), ESA, NASA

Quen escribe busca entender o mundo que o rodea, como calquera ser viviente, e amais comunicarse con el. Faino cunha peculiaridade: segrega linguaxe en forma textual, e aí cifra unha parte –a que pode- do que comprende, do que da por feito sen comprendelo, do que ignora.

Se deixamos a un lado os textos estritamente técnicos -manuais diversos, corpus lexislativos, dicionarios- e cinguímonos aos que tentan expresar pensamento con emoción e reflexión, podemos considerarnos no eido da literatura e arredores (xornalismo, ensaio, historia). Aí o tema pode ir da denuncia das condicións de vida dun colectivo á procura de sentido nas experiencias vividas polo autor, pasando pola exposición dos avances na neurociencia. O xénero textual pode abalar da poesía ao guión audiovisual e recalar no conto fantástico. Pero todos han de partillar unha premisa básica para captar a nosa atención: que nos digan algo sobre nós mesmos e o mundo que habitamos e facemos.

E aí a ciencia sempre ten algo que dicir, e moitas veces algo revolucionario para as nosas vidas e o noso concepto do mundo. Emile Bréhier dixo que, en cada época, tanto ou máis ca o modelo económico de producción, inflúe a imaxe astronómica. E de ser así, malia non ter relación laboral directa cun área científica ou tecnolóxica, simplemente por vivir no mundo que vivimos, como alguén curioso non se vai interesar pola teoría da evolución, o funcionamiento do sistema nervioso, a estrutura da materia ou a computación?

A min esa curiosidade levoume a ler ensaios de divulgación científica -algúns verdadeiros clásicos modernos- que me apaixonaron e dos que se cadra falarei máis adiante. E esas e outras lecturas máis literarias leváronme hai un tempo a escribir unha serie de relatos –algún dos cales poderedes ler aquí- e logo unha novela, onde mesturei ciencia e literatura canto me foi posible. Ciencia-ficción logo? Sí, se é un termo no que tanto caben W. Gibson como I.Calvino, R. Bradbury como Borges, U. K. Leguin como Orwell. Quen me dera estar nese grupo, no que me faltan mulleres!

Texto: Cristina Pavón

Presentación de ‘O penalti de Fuco’ en Chantada

O escritor e xornalista chantadino Afonso Eiré presentou na súa vila natal (Chantada, 2012) -no Círculo Recreativo e Cultural, ás 20.30 horas- a súa nova novela, O penalti de Fuco, na que explora o mundo do fútbol. Neste acto contouse coa presenza de Xosé Manuel Rodríguez Aguiar (directivo da S.D. Chantada), Kiko Novoa (xornalista da Radio Galega) e Patricia Gómez Uzal (coordinadora editorial Baía Edicións).

A novela é, ao tempo, un ensaio literario sobre o mundo do fútbol, no que se pon de relevo como unha actividade deportiva devén en fenómeno que traspasa a barreira do puramente deportivo para constituírse nunha auténtica manifestación cultural que abarca os campos da literatura, da filosofía, das artes plásticas etc alí onde é considerado o “deporte rei”, e un traballo de investigación xornalística, no que se incide especialmente na transformación dun deporte nunha mercadotecnia posta ao servizo dos intereses económicos que esta práctica deportiva xera na actualidade.

Visita ao humidal das Brañas de Sada coa ‘Guía das libélulas de Galicia’ na man

Esta actividade tivo lugar o domingo 7 de agosto de 2011 pola mañá e foi aberta a todo o público, especialmente deseñada para familias, no humidal das Brañas de Sada, guiada polo naturalista e biólogo Miguel A. Fernández-Martínez; autor da Guía das libélulas de Galicia.

Esta actividade constituiu o acto de presentación da Coordinadora Tizón para o Estudo e Conservación das Libeliñas e os seus Hábitats. Realizouse en colaboración co grupo local da Sociedade Galega de Historia Natural das Mariñas, comprometido coa conservación deste importante espazo natural. A actividade dou comezo ás 10:30 ao pé do Edificio da Terraza en Sada, desde onde se partiu xuntos ás Brañas. Pola tarde, ás 19:00 horas, coordenado por Baía Edicións presentouse o libro Guía das libélulas de Galicia na Carpa da Feira do Libro da Coruña. No acto participaron, ademais do autor, Miguel A. Fernández-Martínez, o ilustrador da guía Calros Silvar, e o especialista na conservación de zonas húmidas Alberto Gil responsable da coordinadora Tizón, acompañados de Belén López, en representación de Baía Edicións.

Presentación do libro ‘Prenderei a lareira’ na tradicional festa de Ferramulín

Poesía, música galega, polvo e bolos cletas na primeira fin de semana de agosto en Ferramulín (2011). Despois da tradicional partida de bolos celtas, Vicente Reboleiro reuniu no campo da festa toda a veciñanza e fixo a presentación do seu libro Prenderei a lareira, na que se leron poemas que homenaxean o seu Courel sentido, vivido e amado, con esa rica linguaxe courelá, harmoniosa e musical, que nos transporta ao seu mundo, seguindo a tradición do seu mestre, Uxío Novoneyra. Houbo bágoas de emoción das veciñas e veciños, que vían os seus nomes e costumes inmortalizados neste seu libro que xa no poema preliminar é toda unha declaración de intencións:

Prenderei a lareira

e arderei de amor

aos devanceiros

Felicitar a veciñanza por ser quen de organizar por segundo ano consecutivo a tradicional festa que levaba máis de 30 anos sen celebrarse e na que, ademais da alborada, misa de campaña e sesión vermut, puidemos gozar do campeonato de bolos celtas, poesía, gaitas galegas, polbo e a popular verbena. Ao final da presentación, Uxío, un rapaciño de cidade que descubriu esta terra e xa non pode facer outra cousa que querela, leu un poema do libro que representa moi ben o que alí ocorreu:

A Patria

ARREDOR do lume da lareira

soaban as gaitas galegas,

danzaban as lapas,

brincaban as moxenas!

Xornadas: Historias da Coruña. A memoria da cidade

Con motivo das Xornadas: Historias da Coruña. A memoria da Cidade organízase o día 20 de novembro de 2008 unha xornada dedicada a “María Casares. Memoria e Vida” sendo María Lopo a que realizou a conferencia. Neste mesmo acto tamén se presentou o último libro editado por María Lopo en Baía Edicións Cartas no exilio que incorpora a correspondencia intercambiada entre Santiago Casares Quiroga e a súa filla, a actriz, María Casares. O acto tivo lugar, como non podía ser doutro xeito, na Casa Museo Casares Quiroga.

Campaña de animación á lectura para promover o emprego do galego coa colección ‘Queremos saber’

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e Baía Edicións iniciaron en El Puerto Centro de Ocio unha campaña de animación á lectura para promover o emprego do galego entre os máis pequenos a través dun programa de contacontos e obradoiros baseados na colección de libros infantil Queremos saber, escrita por Teresa Sabaté e ilustrada por Carme Solá. Dirixida a rapaces de máis de 4 anos, a campaña tivo unha duración de mes e medio (todos os venres e sábados ata o 15 de novembro ás 18 horas) e tivo como eixo as aventuras de dous irmáns, Alba e Xaquín, que son moi curiosos e queren saber de todo: as distintas formas de obtención do pan, o leite, o azucre, o mel, o aceite, o sal e o viño, desde a súa orixe, pasando pola súa transformación até que chega ás nosas mesas.

Cunha duración que rolda as dúas horas, os monitores encargados iniciaron cada unha das sesións cunha presentación dos personaxes protagonistas e deseguido dase paso ao apartado do contacontos do capítulo no que se centre esa fin de semana, apoiándose sempre en elementos que fagan amenas estas sesións, como teatriños ou figuras. A continuación comeza o apartado de obradoiros con actividades que pretenden ser sinxelas ao mesmo tempo que creativas e que fomentarán a interrelación entre os pequenos a través de simulacións e outras accións, relacionadas co capítulo do día. Deste xeito, os pequenos poden facer con materiais de refugallo alimentos, aprenden a elaborar unha felicitación, un libro ou receitas de cociña entre outras moitas actividades. Ao final das sesións, os monitores entregan a cada rapaz un exemplar do libro que corresponda ese día e unha camiseta identificativa da campaña.