Máis de 5.000 persoas participaron na campaña da CTNL ‘Gústame o galego’

“Gústame…, que me digan “qrt m8″; …que nos pubs poñan música en galego; …que non me traduzan o café con leite, …que intentes falar galego, aínda que che custe un pouquiño…; …que me entren en galego…”. Son lemas e frases que utilizan centos de galegos; estudantes, camareiros/as, políticas/os, artistas, nais e pais, fontaneiros/as, rapazada, actores e actrices, xornalistas, profesorado… E é que xa son máis de 5.000 persoas de todas as idades que se apuntaron ao “Gústame o galego”,  unha iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).

A campaña consiste en retratarse con algún dos arredor de 50 lemas propositivos da campaña “Gústame o galego”. Desde que se puxo en marcha en decembro do ano pasado, xa fixo máis de 50 paradas, e que aínda nos próximos meses vai seguir percorrendo o país para sumar apoios para o proceso de normalización da lingua galega. Ademais, esta semana a súa páxina en Facebook (www.gustame.gl) superou as 10.000 persoas seguidoras.

Éxito nas redes sociais

Precisamente, un dos éxitos desta campaña é o photocall en que as persoas se poden retratar e apoiar así esta acción. Xa pasou polas sete cidades e por un bo número de municipios. Por iso, a repercusión desta campaña nas redes sociais é moi alta, con algunha foto que foi compartida por unhas 1.000 persoas, con algúns álbums vistos por máis de 20.000, e cunha páxina en Facebook que supera as/os 10.000 seguidoras/es e que ten un alcance que, nalgunhas semanas, rolda as 70.000 persoas.

Nun comunicado remitido por esta organización, suliñase que a campaña vai seguir a desenvolverse nos vindeiros meses para achegarlle á cidadanía mensaxes a prol do galego e, no marco dela, hanse desenvolver algunhas novas accións, que se irán anunciando proximamente.

Fonte: Galicia Confidencial