Entradas

Calros Silvar realizará un obradoiro de debuxo da natureza sobre O CARBALLO na Galería Sargadelos

A Galería Sargadelos e Baía Edicións convidan a todo o público a participar no obradoiro de debuxo da natureza para público infantil, impartido por Calros Silvar, que nos presentará o libro O carballo. A aventura de vivir na Galería Sargadelos Ferrol (Rúa Rubalcava 30-32, esquina rúa María) o sábado día 22 de decembro, ás 12:00 horas.

Con esta obra, Baía Edicións pon en marcha unha nova colección (en formato grande e encadernación en capa dura) de divulgación de elementos singulares do noso medio natural, dirixida, fundamentalmente, a nenas e nenos de ensino primario, baixo o lema xenérico de A aventura de vivir.

Nesta primeira entrega, Calros Silvar, cun texto moi sinxelo e de fácil comprensión para as lectoras e os lectores aos que vai dirixido e mesmo cunha presentación do protagonista, humanizado ao modo dos contos clásicos e tradicionais dos animais falantes, como guía do seu ecosistema para os visitantes que acoden a coñecelo. Asemade, vai explicando quen son as árbores e, concretamente, os Quercus e as  diferenzas máis singulares entre as distintas especies,  como nacen, se desenvolven e como evolucionan durante o seu longo período de vida. Alerta tamén dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza. Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén e de forma moi especial o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.

ACTO DE PRESENTACIÓN D’O CARBALLO, DE CALROS SILVAR EN CULTURGAL

O acto de presentación terá lugar mañá sábado día 1 de decembro, ás 17:30 horas, na Tenda do Culturgal (Pazo da Cultura de Pontevedra, R/ Alexandre Bóveda, s/n. Tel.: 986 800 471), d’O carballo, da autoría do escritor e ilustrador ferrolán Calros Silvar, quen, asemade, asinará exemplares da súa obra. Esta obra está editada por Baía Edicións na versión galega, por Cossetania na edición catalá e conxuntamente por Ártabro e Lectio Ediciones, para edición en castelán.

Breve comentario sobre a obra:

Con esta obra, Baía Edicións pon en marcha unha nova colección (en formato grande e encadernación en capa dura) de divulgación de elementos singulares do noso medio natural, dirixida, fundamentalmente, a nenas e nenos de ensino primario, baixo o lema xenérico de A aventura de vivir.

Nesta primeira entrega, Calros Silvar, cun texto moi sinxelo e de fácil comprensión para as lectoras e os lectores aos que vai dirixido e mesmo cunha presentación do protagonista, humanizado ao modo dos contos clásicos e tradicionais dos animais falantes, como guía do seu ecosistema para os visitantes que acoden a coñecelo. Asemade, vai explicando quen son as árbores e, concretamente, os Quercus e as  diferenzas máis singulares entre as distintas especies,  como nacen, se desenvolven e como evolucionan durante o seu longo período de vida. Alerta tamén dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza. Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén e de forma moi especial o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.

A desvergoña da Xunta cos residuos non ten límites: se non se recicla máis, é porque a Xunta incinera e enterra o lixo en troques de reciclar!

A campaña que SOGAMA está a desenvolver en cidades e vilas galegas para promover a reutilización e o reciclado, debido aos ridículos índices que amosa a xestión dos refugallos en Galiza, é un exercicio de esquizofrenia e desvergoña sen límites. Se é precisamente debido ao modelo SOGAMA (incineración + verdido) que a reciclaxe acada os níveis máis baixos do estado e de Europa! Por outra banda, a Xunta gábase de que a xeración de refugallos diiminuíu un 6,4% dende a aprobación en 2010 do Plano de Resiuduos (PXRUG)… Non será máis ben que ao igual que caeu a actividade económica e o consumo, a xeración de residuos diminuíu sobre todo pola crise? Así o recoñece no documento de modificación do PXRUG 2010-2020que está a tramitar, cualificando a crise como un “avance” na redución da produción de lixo. En definitiva: outra campaña-trampa de SOGAMA deseñada para vender como virtudes as súas vergoñas, mostra da incompetencia e o cinismo sen límites da Xunta.

Analisemos algunhas das “pérolas” que conteñen os materiais desta campaña:

SOGAMA pona en marcha coa fin de “captar o interese dos transeúntes e orientalos sobre mellores prácticas ambientais”: Non sería millor que primeiro se orientaran eles? A incineración e o vertido que praxctica SOGAMA non son os millores xeitos de tratar os refugallos, nin os que a lexislación fixa como prioritarios (redución, reciclaxe e compostaxe). SOGAMA só recicla o 8% do total dos refugallos recibidos fronte ao 32% que conxuntamente amosan Nostián e O Barbanza. Ademais disto, as plantas de compostaxe reciclan moita máis cantidade de residuos que SOGAMA en TODAS as demáis fraccións da recollida selectiva: Vidro, 9 puntos máis; Papel/Cartón, 4 puntos máis; e Envases, 31 puntos máis, tanto nas áreas de alta xeración de residuos (A Coruña-zona urbana), como en áreas máis rurais cunha máis baixa xeración de residuos (comarca do Barbanza). Informe sobre a recollida selectiva.

SOGAMA di que pretende “aplicar con efectividade o principio dos 3Rs”. Nós preguntámonos que fan para aplicar o 1º e 2º “R”, isto é, Reducir e Reutilizar? E sobre todo, que fan para aplicar o 3ºR, isto é Reciclar, particularmente a materia orgánica que supón o 50% do lixo que xeramos a diario? Resposta: Nada. SOGAMA recicla o 0% da materia orgánica: Como pretenden acadar o nível do 50% que fixa a Lei 2272011 de Residuos e a Directiva 2008/98/CE?

SOGAMA di que pretende acadar a “xestión sostible dos nosos refugallos, velando por que esta sexa respetuosa co medioambiete e a saúde”. A “xestión sostible” dos nosos refugallos pasa por reciclar a material orgánica. Queimala ou eliminala no vertedoiro como fai SOGAMA non é respectuoso nin co medio ambiente, nin coa saude, nin respecta a lexislación e resulta moito máis caro. Precisamente a respeito dos cartos, e no que vai de ano, SOGAMA soterou no vertedoiro de Cerceda nada menos que 42 millóns de €.

Resulta chamativo tamén atopar no libelo de SOGAMA a seguinte frase: “A confusion en torno á separación de residuos en orixe está moi extendida”. Dende ADEGA estamos dacordo: Son precisamente eles quenes a fomentan! Vexan senón o seguinte gráfico aparecido nos materiais desta campaña e que “informa” que ao contentor verde debe ir a materia orgánica e outros refugallos… que non se poden reciclar!

Á vista destes datos, recomendamos á poboación estar alerta fronte á propaganda tóxica da Xunta sobre os residuos: Con SOGAMA e a incineración, que non che conten contos!

Fonte: ADEGA

Acto de presentación D’OS COGOMELOS NA COCIÑA E OUTRAS COUSAS en Santiago de Compostela

O acto de presentación terá lugar mañá mércores día 28 de novembro, ás 19:30 horas, no Restaurante Pedro Roca (Rúa Domingo García Sabell, 1 – Baixo, semiesquina coa Rúa Galeras. Teléfono: 981 585 776), d’Os cogomelos na cociña e outras cousas, da autoría do escritor, profesor e presidente da Asociación Micolóxica Viriato, Xosé Manuel Fernández Costas e de Pedro Roca, recoñecido cociñeiro de fama internacional e actualmente xerente do Restaurante Pedro Roca.

Breve comentario sobre a obra:

Os cogomelos na cociña e outras cousas é unha singular achega á literatura gastronómica. Atopamos pratos que podemos encadrar na ‘nova cociña’ e outros que adaptan receitas tradicionais, convertendo os cogomelos no ingrediente principal ou no substituto dos produtos empregados habitualmente, tratándose tanto unhas como outras de composicións innovadoras.

Valorando a importancia do coñecemento do que a natureza pon nas nosas mans, a súa utilización para fins gastronómicos e o papel da conservación, a obra está concibida en tres partes:

Na primeira, Na cociña cos cogomelos, preséntase un pequeno mostrario dos cogomelos máis apreciados na cociña e unhas notas sobre conservación e precaucións básicas a ter en conta cando estes se recollen para comer.

Na segunda, Receitas, propóñense diversas preparacións do cociñeiro Pedro Roca, un dos maiores e mellores divulgadores da excelencia dos cogomelos na cociña, Paco Bernabeu, Manolo Costas, Quico Fraguela, José Andrés Moure e Andrés Roca.

Na terceira, Da nosa Asociación, faise un repaso das actividades da Asociación Micolóxica Viriato nos seus trinta anos de andaina.

SGHN colabora con Baía Edicións no espazo ‘Encontro coa Natureza’ informándonos das súas actividades e problemáticas

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) é unha entidade ambientalista sen ánimo de lucro e independente, fundada en 1973 baixo o nome de Grupo Ornitolóxico Galego (GOG) que, a pesar do que o seu nome indica, non restrinxía o ámbito de actuación á ornitoloxía e, por iso, en 1976 xestionou a súa conversión na actual SGHN (1977).

GOG – SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando se crean o Ministerio de Medio Ambiente e a Consellería homónimas, en 1996 e 1997 respectivamente, a SGHN levaba case un cuarto de século estudando e defendendo o patrimonio natural galego.

A SGHN ten representación no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e pertence á Federación Galega de Mergullo; participa no programa anual Coast Watch de avaliación ambiental da beiramar e nas campañas Clean the World.

Participa na custodia do territorio a través da Fundación Fragas do Mandeo e fundou e xestiona o Museo da Natureza, situado en Ferrol, sede da colección de mamíferos mariños máis importante do Estado.

Dende 1973 realiza anualmente o Censo Invernal de Aves Acuáticas e en 1995 publicou o Primeiro Atlas de Vertebrados de Galicia.

Coordinou o Programa de Conservación do Arao Ibérico da Unión Europea.

Participa nos trámites de información pública e Avaliación de Impacto Ambiental dos proxectos públicos ou privados e presenta denuncias por delitos contra o medio natural.

Dende 1978 publica a revista Brañas, o voceiro Paspallás e monografías e boletíns divulgativos. Á par desenvolveu unha intensa actividade loitando contra a caza das baleas, a ameaza nuclear, as mareas negras, os incendios forestais, a persecución do lobo, a protección de espazos naturais, a depuración das augas, as minicentrais, as especies invasoras e tantas outras ameazas que penden sobre medio natural galego.

A SGHN organiza Xornadas, Congresos e actividades de educación e divulgación ambiental a través da súa sede central en Santiago de Compostela, das delegacións territoriais (Ferrol, As Mariñas, Ourense, Pontevedra) e seccións (Antela, Astronomía e contaminación lumínica, Entomoloxía, Herpetoloxía, Ornitoloxía e Vertebrados mariños).

Podes obter máis información e contactar coa SGHN a través da súa páxina web: www.sghn.org

DOUS ANOS DE FRAGAS DO MANDEO

A Sociedade Galega de Historia Natural e a Fundación Fragas do Mandeo ofreceremos unha conferencia en Santiago sobre a custodia do territorio titulada “Fragas do Mandeo: O fondo de conservación da natureza de As Mariñas”, que impartirá o Presidente da Fundación, Fernando Bandín, o mércores 28 de novembro ás 7 da tarde na sala da Galería Sargadelos.

A custodia do territorio é unha fórmula de conservación da natureza que busca preservala biodiversidade mediante acordos cos propietarios de fincas. A Fundación Fragas do Mandeo – constituida por Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Naturalista Hábitat e a asociación cultural O Rabo do Galo – é unha entidade non lucrativa declarada de interese galego que practica a custodia do territorio na comarca coruñesa de As Mariñas.

Na conferencia vaise falar das características da custodia do territorio, da súa eficacia como fórmula para protexe-la natureza, da súa implantación no estranxeiro e no conxunto do Estado, das fórmulas legais para aplicala (compra-venda, doazón, legado testamentario, cesión, etc.) e das actividades de Fragas do Mandeo nos seus dous primeiros anos de vida.

ADEGA participará en Terractiva coa exposición ‘Rir por non chorar’ e cunha charla sobre a evolución do proxecto ‘Eira da Xoana’

A vindeira fin de semana, días 17 e 18 de novembro, ADEGA participará na feira ecolóxica máis importante do país coa mostra de humor gráfico “Rir, por non chorar” que se enmarca dentro da campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio”. O obxectivo deste proxecto é concienciar sobre as ameazas e as agresións que se cernen sobre o noso patrimonio natural e cultural. Por outra banda, intenta buscar solucións e propostas realmente sostibles e equilibradas de respecto ao noso entorno.

“Rir, por non chorar” amosará 36 obras elaboradas para tal fin por preto dunha vintena humoristas gráficos e ilustradores de toda Galiza, tales como Pinto & Chinto, Leandro, Guitián, Calros Silvar, Alberto Okidoki, Almudena, Dávida, Idoia de Luxán, Mª Carmen Ferrín, Rooster, Sergio Covelo, Marcos Beltrán, Quico, Zamudio, Miguel Fernández, Jorge Alba, Alfredo López “Tokio”.

O acceso á exposición, que estará situada no recinto feira de Arzúa, será libre e permanecerá en Terractiva os dous días.

Por outra banda, ADEGA levará a Terractiva o seu habitual posto de divulgación sobre as actividades que está a desenvolver a organización, as súas publicacións, guías e manuais, camisetas reivindicativas, no que tamén se recollerán sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular a prol da redución, reutilización e reciclaxe, no canto da incineración.

O domingo 18 pola tarde tamén ofrecerá unha charla sobre a evolución do centro de recuperación dos saberes tradicionais de ADEGA que está situado na parroquia de Ramil (Agolada), na comarca do Alto Ulla e que leva por nome A Eira da Xoana. Este proxecto, logo de 5 anos de actividade estase a consolidar como un dos centros de referencia de Galiza do ecoloxismo, da cultura tradicional e das boas prácticas ambientais. Recentemente, tivo lugar alí a II Feira de produtos naturais e artesáns que conseguiu xuntar na Eira da Xoana unhas mil persoas.

Para máis información:

Anxo Manoel Lamelo (coordinador): 667096124, 982240299 ou no correo electrónico; culturaeterritorio@adega.info

ADEGA colabora con Baía Edicións no espazo ‘Encontro coa Natureza’ informándonos das súas actividades e problemáticas

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) é unha asociación ecoloxista democrática, independente e sen ánimo de lucro, que traballa en defensa do medio ambiente galego e o global, do que depende a nosa calidade de vida.

ADEGA avoga por un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto, un modelo sen destrución ambiental que reduza as desigualdades dentro de cada país e entre os diferentes países.

ADEGA é unha das máis veteranas entidades ecoloxistas galegas, fundada en 1976, e posiblemente a máis implantada no territorio galego.

Centra o seu traballo en Galiza sen por iso deixar de ter unha visión global da problemática ambiental e de exercer a solidariedade coas loitas ambientalistas doutros pobos.

ADEGA entende que a diversidade biolóxica ten o seu reflexo na diversidade cultural e que ambas as dúas deben ser preservadas. Isto supón asumir un compromiso coa defensa da cultura e a lingua propias de Galiza.

ADEGA forma parte da Federación Ecoloxista Galega (FEG) que agrupa á maioría das asociacións ecoloxistas galegas, da Oficina Europea do Ambiente (OEA), a federación constituída polas organizacións de defensa do ambiente máis importantes da Unión Europea, tamén da Federación de Transporte e Medio Ambiente Europea, da Plataforma Nunca Máis, da Coordenadora para a Defensa dos Ríos (COGADER) e da Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

Podedes informarvos polo miúdo ou contactar con ADEGA nos seguintes enderezos:

Web ADEGA

Correo electrónico: adega@adega.info

Travesa dos Basquiños, nº 9 baixo

Tlf. 981 570 099

adegalugo@adega.info

R/ Fontiñas nº 180 Ent. Lugo.

Tlf. 982 240 299

 

ADEGA-Lugo inicia o seu programa de roteiros

Este domingo, 11 de novembro, ADEGA-Lugo inicia o seu programa de roteiros, adicado á Galiza Máxica, co seu xa tradicional roteiro inaugural pola Serra do Courel. O Apalpador será a figura mítica sobre a que se vertebre a ruta, xa que andaremos polos camiños que o carboeiro transita polo Nadal, cando baixa dos cumes da súa serra nai até os vales para apalpar as barrigas das crianzas.

Roteiro de 10 quilómetros, de dificultade media para a xente habituada a andar. Comeza en Savane (Seoane) e remata na aldea de Ferreirós de Abaixo, no bar O Pontón, onde celebraremos o magosto. O treito máis difícil, de 3 quilómetros de longo, estará entre o paso do río Pequeno (km 2) e o Castro de Brío (km 4); que salva unha diferenza de altitude de 300 metros. Aínda así, subiremos moi amodiño e axudándonos entre todas e todos. Logo do castro, o roteiro é todo cara baixo até as inmediacións de Ferreirós.

RESERVA DE PRAZA.As persoas interesadas en participar deberán reservar praza chamando con antelación ao 679113718 ou 9822402299.
 O bus sairá de diante da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 horas da mañá.

PREZOS

Xeral: 15 €

Estudantes/ parados/as: 12 €

Socios/as: 10 €

Menores de 17 anos: 5 €

Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de todos/as.

Descarga aquí o PROGRAMA DE ROTEIROS 2012-2013

O COAG pretende que a sociedade aprenda a respectar os territorios

A xente debe ter unha maior capacidade para entender o territorio, xa que coñecer é o primeiro paso para a súa conservación”, así o afirmou o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Jorge Duarte, no acto de presentación do proxecto “ambicioso” Xentes, espazos e lugares.

O seu obxectivo principal é ofrecer unha visión completa dos lugares, da man non só de arquitectos, senón de todos aqueles que teñan algo que dicir sobre a complexidade de habitar no noso país.

Nace a raíz do proxecto Terra, que leva máis de dez anos de divulgación na educación primaria e secundaria, e pretende ser un proxecto con certa continuidade, que logre a implicación da sociedade en conceptos relacionados con urbanismo e arquitectura.

Fonte: El Correo Gallego

Foto: F. Blanco. No centro, Jorge Duarte, decano do COAG, na presentación do proxecto.