Entradas

Crise económica + crise cultural.

Con 6 millóns de parados, España superou  a países como Reino Unido ou Francia en venda de ‘smartphones’ segundo datos da consultora Comscore. O dato non deixa de ser sorprendente tendo en conta que o noso país está á cabeza de Europa en desemprego e a crise económica provocou un descenso importante no consumo.

Seis de cada dez móbiles no noso país son intelixentes, é dicir, serven para moito máis que escribir mensaxes de texto ou realizar chamadas. A boa saúde do sector en España tradúcese en preto de 20 millóns de usuarios con teléfonos intelixentes. Destacar tamén que os 8 móbiles máis vendidos en España o ano pasado, custan todos máis de 400 euros e 2 deles chegan a 600 euros. A este custo incial hai que engadir o consumo mensual, entendo que dificilmente por debaixo de 20 euros.

Segundo un estudo publicado polo Chupete.com (festival de publicidade e comunicación infantil) baixo a lema: Smartphones para nenos e  adolescentes, ensinan ou distraen? , sabemos que case un 40 por cento de todos eles prefiren ter un smartphone; é dicir, un móbil intelixente. É máis, na carta aos Reis Meigos así consta. Nese mesmo estudo, o uso podería catalogarse da seguinte maneira: principalmente para xogar, seguido do seu uso para aplicacións educativas ou, simplemente, para conectarse a Internet.

Nos dous últimos anos, en España creceu a demanda de dispositivos móbiles tipo smartphones e tabletas táctiles, outro dos sectores do mercado que segue aumentando cota de mercado e que os usuarios prefiren para visitar páxinas de Internet dunha maneira máis cómoda. É máis, o trafico de Internet aumentou considerablemente respecto dos seus irmáns máis pequenos: os móbiles intelixentes.

Ademais, este tipo de clientes, adolescentes, son moi rendibles para os operadores; son un grupo de consumidores con moita actividade desde o móbil: ademais de usar as diferentes plataformas de mensaxería instantáneas, estes envían unha media de 60 mensaxes de texto ao día. Así mesmo, como nota curiosa do estudo, a diferenza do que se poida crer, Facebook non é a rede social que máis se usa: esta queda en terceira posición tras Twitter en primeiro lugar e Tuenti en segundo.

Por outra parte, o servizo de estatísticas online  Alexa(un dos máis importantes xunto con Compete) nos ofrece métricas bastante fiables sobre os principais aspectos da analítica web (tráfico, usuarios únicos, páxinas vistas, etc). Métricas que nos permiten analizar a evolución das páxinas web máis importantes. As  primeiras son referidas a buscadores e redes sociais e hai que agardar ao posto 11 para encontrar un referido a contido. Non parece, por tanto, que o que está a ocorrer coa cultura en España sexa unha substituciñon da canle de transmisión (analóxica por dixital, como din os gurús do electrónico), senón que simplemente, a información e o coñecemento está deixando de ter interese, por que? Tívoa algunha vez? Somos un país de incultos?

O día 28 de agosto reproducía nunha nova no noso espazo editorial, aparecida en la Voz de Galicia, según a que o 70% dos españois nunca visitaban un museo, que no noso país son maioritariamente de acceso gratuíto, ou case. As bibliotecas tamén son gratuítas e cal é o seu uso?

 

O alumnado baixa na escola privada este curso e sobe na pública

Un total de 200.710 estudantes de infantil e primaria empezarán a mediados desta semana o ciclo 2013-2014 en Galicia, segundo información «provisional» difundida onte pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Suman 256 máis que o curso pasado. De feito, trátase da cantidade máis elevada no que vai de século XXI, de acordo coas bases de datos do departamento que dirixe Jesús Vázquez, o cal, con todo, non deu a coñecer «aínda» o número de profesores que pensa mobilizar para atender esa marca de nenos nas aulas. Observando en detalle as cifras si facilitadas pola Xunta, aprécianse outros dous feitos de certa relevancia: en plena crise, sobe o alumnado no ensino público mentres que baixa na privada e a concertada, e o parque de colexios descende un pouco, a pesar de ascender levemente o grupo de usuarios.

Fronte aos 985 do período 2012-2013, a partir do mércores abrirán as súas portas na comunidade 18 centros menos, ou sexa, 967: 151 de educación infantil, 644 de primaria e infantil e 172 de primaria e secundaria obrigatoria. Por provincias, 369 das devanditas instalacións sitúanse na da Coruña, por 362 que se achan na de Pontevedra, 122 na de Lugo e 114 na de Ourense. «Neste punto, cómpre destacar que a consellería volve garantir a axeitada atención docente a todo o alumnado galego, prestando especial atención e apoio aos estudantes con necesidades específicas», valorou onte a través dunha nota de prensa, a pesar do peche de infraestruturas, o equipo de Vázquez.

Marca de matriculados

Desde pasadomañá, a eses edificios comezarán a chegar un 0,13 % máis de menores que os 200.454 que estaban matriculados no sistema hai apenas uns meses. Ese volume de nenos acollidos contrasta co do 2001-2002 (190.626), o do 2002-2003 (187.967), o do 2003-2004 (186.172), o do 2004-2005 (185.451), o do 2005-2006 (183.450), o do 2006-2007 (184.833), o do 2007-2008 (187.438)… De feito, non atopa parangón con ningún curso da serie histórica dispoñible.

Dese total, nas escolas concertadas e privadas formaranse tres de cada dez, exactamente, 60.281, un 0,7 % menos que os 60.713 rexistrados no 2012-2013. No polo oposto, nas públicas farán o propio 140.429, medio punto porcentual máis que na tempada anterior (139.741). Consultada respecto diso, a Administración dixo onte non dispor dunha explicación oficial para esa circunstancia, «máis aló de que se estea producindo unha maior aposta pola educación pública», en expresión dunha portavoz.

A crise de natalidade

Aínda que en termos xerais se detecta un tenue incremento de escolares, discriminando entre o ensino infantil (de 3 a 6 anos de idade) e a primaria (ata os 12) obsérvanse comportamentos diferentes. Na primeira baixan de 67.716 a 67.591 os inscritos, cando na segunda ocorre xustamente o contrario: soben desde 132.738 ata 133.119. Dito doutro xeito, hai unha caída do 0,2 % contra un repunte do 0,3. Iso débese á crise de natalidade que padece a comunidade autónoma, un argumento cuxa validez a Xunta tamén recoñece.

Sumando ambas as etapas de formación, por territorios, o volume de matriculados soamente mingua en terras pontevedresas, ao retroceder un 0,5 % (de 77.713 a 77.321). En cambio, avanza en chan coruñés (de 83.748 a 84.279) e, xa en menor medida, tanto no lucense (de 19.937 a 19.992) como no ourensán (de 19.056 a 19.118).

Fonte: La voz de Galicia

Manuel María xa ten a súa casa museo

Manuel María xa ten a súa casa museo. En Outeiro de Rei, inaugurouse este sábado a Casa das Hortas, o nome polo que se coñece a vivenda, e que voi rehabilitada grazas ao inxente labor da fundación que leva o nome do poeta lucense, e que tamén contou con diferentes achegas de diversas institucións.

A delegada territorial da Xunta na provincia, Raquel Arias, destacou que a casa será “un punto de encontro, o aleph para comprender o universo deste humanista galego”. Pola súa banda, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro, salientou a achega de 330.000 euros do ente provincial “para que o poeta nacional de Galiza tivese un museo que dese a coñecer a súa obra e a súa vida”.

Neste acto que serviu tamén de homenaxe á memoria de Manuel María convocou na casa unha morea de escritores e escritoras que compartiron momentos e amizade con el. . Marica Campo, Pilar García negro, Mercedes Queixas, Margarita Ledo, Dario Xohán Cabana, Francisco Rodríguez, Paco Martín, Xosé Lois García, María Reimóndez, Méndez Ferrín, Fernán Vello, Luz Pozo ou Marta Dacosta foron algúns dos presentes.

Saleta Goi, compañeira de vida de Manuel María, sufriu para conter a emoción a ver cumprido un dos soños, tanto dela como de manuel María. De feito, lembrou o poema Sonetos á Casa das Hortas, o mesmo no que o poeta se preguntaba polo futuro desta vivenda. Agora xa ten resposta.

“A navalla de Manuel María, este ano para o Paco Ramón Martín Lamote”

Fonte: prazapublica

España produce menos ciencia de máximo nivel que en 2009

A pesar da crise, a produción científica de España seguiu aumentando, pero cando se pasa a aquela de máis calidade mundial, a que se denomina de excelencia, compróbase que España se estancou en 2009 e comeza unha tendencia á baixa.

O número de estudos publicados leva anos crecendo e, a xulgar por ese dato, poderíase dicir que o sistema de I+D+i goza de boa saúde, ou, polo menos, que aínda non se viu afectado pola crise. Pero cando se pasa da ciencia por xunto a aquela de maior calidade mundial, a que se denomina de excelencia, compróbase que España se estancou en 2009 e comezou unha tendencia á baixa desde entón. Así o indican os últimos datos dos que dispón o grupo SCImago, que cada ano realiza pormenorizado informe da produción científica en todo o mundo.

A gráfica que mostra a traxectoria de España en ciencia de excelencia desde 2003 non deixa lugar a dúbidas: tras anos de crecemento sostido, o sistema reséntese en 2009 e comeza a caer

Os informes anuais desta institución recollen o nivel de excelencia dunha institución ou un país en ciencia. O indicador mostra a porcentaxe de estudos españois que figuran entre o 10% dos máis citados en todo o mundo, algo así como a elite da investigación a nivel mundial. En 2009, España alcanzou o seu nivel máis alto, cun 12,7% de toda a súa produción incluída entre a máis excelente do mundo, explica a Materia Félix de Moya, investigador do Instituto de Políticas e Bens Públicos do CSIC e fundador do grupo SCImago. Desde entón a porcentaxe foi baixando ano a ano até quedar en 12,5% en 2011, o último con datos definitivos. A gráfica que mostra a traxectoria de España en ciencia de excelencia desde 2003 non deixa lugar a dúbidas: tras anos de crecemento sostido, o sistema reséntese en 2009 e comeza a caer.

Cambio de liderado

“Se se manteñen os programas públicos de excelencia para financiar os mellores centros neste aspecto é posible que se consiga estabilizar o nivel e que non baixe, pois o razoable é que caia se non hai un investimento adicional”

Seguirá facéndoo nos próximos anos? De Moya di que é “unha cuestión política”. “Se se manteñen os programas públicos de excelencia para financiar os mellores centros neste aspecto é posible que se consiga estabilizar o nivel e que non baixe, pois o razoable é que caia se non hai un investimento adicional”, advirte. Neste sentido será importante coñecer os datos de 2012 en adiante, onde os efectos da crise e os recortes en I+D+i poden cobrar máis relevancia.

informe 2013 de SCImago (SIR), que analizou a produción científica entre 2007-2011, mostra cales son os mellores centros de I+D de España de acordo cos seus niveis de excelencia. O gañador é o Instituto Catalán de Investigación Química (ICIQ), que tamén foi líder absoluto no período 2006-2010. Tras el chama a atención a presenza de cinco centros asociados ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Até agora, os estudos de SCImago consideraban este mastodonte da ciencia (é o maior organismo público de investigación en España) como unha soa institución, a pesar de estar formado por 125 centros cuns niveis de excelencia moi dispares. Isto resultaba inxusto para os mellores pois non lles permitía destacar nos rankings. Ao desagregar os datos, este ano destacan cinco centros do CSIC (algúns son centros mixtos creados xunto a universidades) entre os 15 mellores do país. Todos eles clasifícanse por diante mesmo de xoias da coroa da ciencia española como o Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO). No período 2005-2009, este centro era o máis excelente de España, segundo os datos de SCImago. Agorao CNIO foi desbnacado polo ICIQ e o número de traballos seus que alcanzan o máximo nivel baixou desde o 33% en 2007 ao 28% en 2011, explica Moya.

En canto ao volume total de produción, o CSIC segue sendo a primeira institución de España e a oitava do mundo. Polo de agora o consello tampouco se resente no terreo da excelencia, asegura Moya, se se atende a outro indicador da calidade científica coñecido como impacto e que identifica a capacidade de estar por encima da media mundial. Neste indicador, o CSIC está por riba da media española e supera os seus homólogos francés e italiano, o CNRS e en CNR,  respectivamente, conclúe Moya.

Fonte: prazapublica

Imaxe destacada: Luis Davila obichero.blogspot.com/

 

O incendio de Oia puido danar o meirande petróglifo de círculos concéntricos de Europa

O incendio que nos últimos días queimou máis de dúas mil hectáreas no Baixo Miño puido causar un gran dano, medioambiental e patrimonial, que aínda de ser avaliado.

O Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) amosou nos últimos días a súa preocupación polo estado dos petróglifos do Monte Tetón. Valminor.info informa este venres sobre os prexuízos que puideron sufrir estes valiosos elementos patrimoniais, en especial o das Portaxes, que garda o gravado rupestre de círculos concéntricos máis grande de Europa.

O chan da zona segue ardendo polo subsolo, e as brigadas e o helicóptero traballan para enfríar o chan e impedir novos rebrotes pola acción do vento

Nin os responsables do IEM nin os xornalistas de Gondomar TV puideron aínda acceder á zona do ecoparque arqueolóxico do Monte Tetón, en Tomiño, para comprobar o seu estado. Xilberte Manso, do IEM, sinalou o pasado mércores que estes petróglifos atopábanse cubertos de maleza nos días previos ao incendio e denunciaba que “esta falla de conservación do patrimonio fai que sexan máis vulnerables aos efectos do lume, polo efecto directo do lume que produce a fragmentación das capas superficiais das rochas (termoclastia), e a posible desaparición parcial ou total dos mesmos, como xa sucedera no ano 2006”. Como lembra Valminor.info, o chan da zona segue ardendo polo subsolo, e as brigadas e o helicóptero traballan para enfríar o chan e impedir novos rebrotes pola acción do vento.

As lapas tamén ameazaron os muíños do Folón; ningunha das 67 construcións, algunha datada nos século XVII e XVIII, foi destruída, pero o lume rodeou a zona durante horas e si queimou completamente o camiño de acceso e toda a vexetación da contorna. O guía deste emblemático espazo, que cada ano é visitado por máis de 20 mil persoas, laiábase en Faro de Vigo de que a destrución do entorno e a falta de vexetación provoca que o lugar non sexa “o que era”. As lapas afectaron tamén valiosos ecosistemas, fauna e flora da Serra da Groba.

O BNG do Rosal solicita que a Xunta e o Goberno central implementen “de maneira urxente” as medidas necesarias dirixidas a paliar os danos causados e a recuperación do monte afectado pola vaga de incendios e revise de xeito inmediato o dispositivo de defensa contra incendios forestais. O voceiro local do BNG, Alonso Pereira, critica que “cinco días despois do maior incendio sufrido no noso concello”, o alcalde do Rosal “aínda non suspendera as súas vacacións e se puxera ao fronte destas demandas”. Pereira indica que “todo o mundo ten dereito a vacacións, o alcalde tamén, pero ante a gravidade do ocorrido, o normal sería que o máximo mandatario do concello exercera as súas responsabilidades”.

Nese senso denuncia que o pasado martes de madrugada, despois de que algunhas familias foran desaloxadas das súas casas polo perigo que corrían de que foran pasto das lapas, non houbo un dispositivo para realoxalas e tiveron que “buscar a vida” por elas mesmas en casas de veciños ou familiares.
“Afortunadamente”, conclúe Alonso Pereira, “a cooperación e solidariedade veciñal estivo a altura das circunstancias”, cousa que “bota en falla” por parte do alcalde.

Que vai pasar coa colección de arte de Novagalicia Banco?

O patrimonio artístico das antigas caixas, suma case sete mil elementos valorados en 116 millóns de euros.

Este corpus atópase dividido en dous grandes bloques, debido a que os fondos de Caixanova pasaron á Obra Social de Novagalicia, mentres que as pezas da extinta Caixa Galicia se transferiron directamente ao banco. Neste momento, cando o proceso de venda da entidade semella inminente, increméntase a preocupación polo futuro deste patrimonio, sobre todo cando está en dúbidas que o banco manteña o seu carácter galego.

Por exemplo, unha petición online leva semanas reclamando a súa declaración como Ben de Interese Cultural e o seu traslado á Cidade da Cultura. A petición lembra que estas obras de arte “poden fuxir de Galicia ou ser posteriormente vendidas a particulares, acabando en lugares insospeitados e fóra do alcance da cidadanía galega” e reclama “rescatar para os galegos esa colección, que é dos galegos”.

Os fondos da antiga Caixanova, xestionados agora pola Obra Social de Novagalicia, suman 5.596 pezas (2.437 pinturas, 392 esculturas e instalacións, 2.130 gravados, 563 debuxos e 74 fotografías), reunindo a máis importante colección de artistas plásticos galegos do século XX, con obras de Sotomayor, Pérez Villaamil, Castelao, Colmeiro, Seoane, Maruja Mallo, Granell, Urbano Lugrís, Jorge Castillo, Antón Lamazares, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Manuel Vilariño ou Vari Caramés.

Por outra banda, os fondos da antiga Caixa Galicia, agora xestionados directamente por Novagalicia Banco, suman ao redor de 1.350 obras, pero cun valor superior ao outro conxunto, ao conter, canda á produción de importantes autores galegos, obras de Picasso, Chagall ou Dalí, entre outros autores, que foron adquiridos no seu momento como unha forma de investimento da caixa do norte de Galicia. Estes fondos son os que terían máis posibilidades de abandonar o país, unha vez que o banco sexa vendido.

Fonte: Praza

Efectos dos incendios forestais. A fauna edáfica

Existe un mundo fascinante baixo os nosos pés do que case nunca somos conscientes, trátase da fauna edáfica, formada por animais que viven nos primeiros 5 cms do solo, zona afectada directamente polo lume nos incendios forestais.

Trátase de ecosistemas en miniatura, nos que se producen nacementos e defuncións, hai especies que se alimentan de vexetais, outras son detritívoras, é dicir, consomen materia orgánica en descomposición, e tamén existen feroces cazadores que consomen ás súas presas con afán.
Esta fauna está constituída por distintos grupos de animais: lombrigas, nematodos, larvas de insectos, formigas, termites, cempés, caracois, larvas de moscas e bolborteas, ácaros,  etc. Fauna de vital importancia para a calidade do solo, polas diversas funcións que realizan: actúan como descompoñedores incrementando  a materia orgánica, melloran a textura e estrutura do solo, favorecendo o seu mantemento. Detacamos os efectos benéficos das formigas no chan, pois reducen e dispersan sementes, descompáctano e favorencen  o enriquecemento en nutrientes e a maior retención da auga.

O proceso de formación dos solos é un fenómeno que está a producirse de seguido, polo que nunca chega a completarse. Lembremos que nese proceso é vital, entre outros elementos, a fauna edáfica, tan atacada de comúns cos pesticidas e que  sofre moito cos incendios.

Todas estas especies deberían ser conservadas e aproveitadas nos sistemas agrícolas.

Descargas eléctricas contra a adicción a Facebook

Descargas eléctricas contra a adicción a Facebook

Dous estudantes estadounidenses desenvolveron un curioso dispositivo que permitirá combater a adicción a Facebook a través de descargas eléctricas.

O equipo, que se conecta ao teclado do computador, colócase debaixo da boneca do usuario e envía unha descarga eléctrica cando a persoa pasa «demasiado tempo» na rede social, segundo informa o diario británico Daily Mail.

A ferramenta denominada Pavlov Poke foi desenvolvida coa intención de que o usuario que teña a intención de traballar evite distraerse con Facebook ou outras páxinas que lle rouban a súa atención.

Os estudantes de doutoramento Robert R. Morris e Dan McDuff, do prestixioso Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, explicaron a través dun vídeo que publicaron en Internet que a descarga eléctrica é moi desagradable pero non é perigosa. A idea é que o choque lles advirta que están perdendo o tempo en Facebook e deben enfocarse nos seus labores.

Pavlov conéctase ao PC a través dunha entrada USB e require dun software para monitorizar e rastrexar os programas e sitios que os usuarios deberían evitar. Un aviso en pantalla alertaralles que están a pasar moito tempo en Facebook pero se persiste a actividade lanzaralle unha descarga eléctrica.

O 70 % dos españois afirma que non frecuentan museos

O número de visitantes que reciben estas institucións creceu en dez anos de 42 a 57 millóns

As inmensas colas para ver unha exposición no Prado, o Thyssen ou o Reina Sofía poden inducir a engano. É certo que as grandes coleccións e centros de arte adoitan estar abarrotados, pero este feito contrasta con que un 70 % dos españois non frecuenta os museos. A pesar de que o número de visitantes a estas institucións creceu de forman exponencial nunha década, de 42 millóns a 57 millóns entre os anos 2000 e 2010, acudir a un museo séguese asociando ao desenvolvemento dunha actividade cultural que incita á aprendizaxe, pero tamén ao aburrimento e o cansazo, segundo reflicten as enquisas.

Quen non pisan os museos ven aos que si o fan con evidentes prexuízos. Ao principio evocan trazos positivos, como a súa cultura e preparación académica, pero cando se profunda un pouco de súpeto xorden no imaxinario colectivo os estereotipos negativos. Así, os que teñen aversión a estas entidades endosan atributos despectivos aos visitantes dos museos, que son vistos como persoas solitarias, «grises, con lentes e bohemias». Non é un chiste, así figura nas respostas dun estudo que encargou o Ministerio de Cultura. Este informe destaca que os que visitaron no último ano un museo só representan o 30,5?%, mentres que os que fixeron hai máis dun ano constitúen o 33,8?% e os que se absteñen de acudir a eles o 33,5?%. É dicir, os visitantes frecuentes dos museos encarnan o grupo máis minoritario. O perfil do público que acode a estas institucións é predominantemente feminino, mentres que a idade media é de 42 anos. O prototipo responde ao dunha muller, adulta nova, que traballa e ten estudos superiores.

Aínda que en España proliferaron os grandes museos deseñados por arquitectos de renome, como Santiago Calatrava ou Óscar Niemeyer, as enquisas revelan que ao público profano, pouco amigo do silencio case relixioso que se gasta no Prado ou o Louvre, agrádanlle outras cousas. Ao público ocasional gústanlle excesivamente os pequenos museos de cera, así como outros monográficos, como os dedicados á aviación, as motos ou os saberes culinarios. O Museo de Chocolate de Astorga é o paradigma deste avultado grupo de persoas pouco amigas das pinacotecas. Porque, de acordo co estudo, son lexión os que identifican de forma errónea a palabra museo co centro de arte. Como ocorre xa co cine, o público novo está a desertar das exposicións. Nos últimos anos, os visitantes de 15 a 19 anos e de 20 a 24 anos descendeu un 3,1 % e un 12,2?%, respectivamente.

Fonte: La Voz de Galicia

Cando a nosa historia é cousa da xente

A Comunidade de Montes de Mougás, sen a axuda do concello, impulsa un proxecto de arqueoloxía social no que traballa a empresa Rock Art Conservation S.L. e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Os visitantes xa poden disfrutar dun espectacular castro e varias estacións de petróglifos.

Hai un país oficial que vive de costas as súas riquezas patrimonias, un país que se fixo ao longo da historia e que é o que é grazas os pobos que nel se asentaron e que moldearon a súa cultura. Ese país, lonxano, oculto, disque no fin do mundo, chámase Galicia e, desde hai anos ve como durmen, cando non son destrozados, os seus máis preciados bens, os que levan o seu ADN e que se configuraron durante centos e milleiros de anos.
Pero, como en todo conto, sempre hai heróes e antiheróes. Uns que loitan contra o esquencemento e os outros que queren borralo ou, cando menos, ignoralo. Os protagonistas deste conto están na Mariña, en Mallou (Carnota), no Alto Támega, nos fermosos edificios románicos de Lugo ou Ourense e tamén en Oia. A todos eles os une o seu amor polo país, polos alicerces da súa cultura e polo coñecemento do pasado para poder actuar no presente e mellorar o futuro.
E os cartos públicos?
Hai algúns anos había cartos públicos. Algúns viñan de Europa, outros da Xunta, e os menos da deputación ou do concello de turno. Entón se utilizaron eses cartos para obras faraónicas, como a Cidade da Cultura, ou para parques arqueolóxicos que aínda non están rematados. E outros, que non foron poucos, utilizaronse para pagar favores e facer obriñas en forma de roteiros artificiais, restauración de muíños ou áreas recreativas que hoxe xa son case ruínas esquencidas.
Agora, o argumento oficial é que non hai diñeiro, ese que antes corría coma fervenzas polos catro recunchos do país e, por iso, son moi poucos os proxectos arqueolóxicos sustentados cos cartos de todos. Pero ante ese esquencemento oficial, xurdiu neste país chamado Galicia un novo exército de xentes armadas de razón, corazón e, sobre todo, vontade, para evitar que ese ADN desapareza.
En GC xa temos falado destes pequenos e grandes homes e mulleres que loitan só polo amor do seu país; dos proxectos do Sorriso de Daniel, dos de Mariña Patrimonio ou dos proxectos arqueolóxicos de Mallou ou o Alto Támega, entre outros. Agora, un deses pequenos exércitos de xente vondadosa e loitadora está en Oia. Alí levan traballando desde a pasada semana cóbado con cóbado, estudantes, profesionais do mundo da arqueoloxía e veciños da comunidade de montes de Mougás.
Veciños, profesionais e voluntarios
Precisamente, foi esta entidade e a carraxe do seu presidente, a que recuperou un dos máis fermosos castros deste concello miñorano; o da Cabeciña, en Mougás. Puxeron cartos do seu peto para que un grupo de voluntarios e de arqueólogos traballen na limpeza e recuperación deste espazo arqueolóxico no que hai un imponente castro e varias estacións de petroglifos, algúns, únicos en Galicia.
E alí, nesa “cabeza” de terra, elevada máis de 150 metros por riba do mar, andan estes días estudantes, profesionais e veciños coma Jose, Floren, Luis, Enrique e Cesario, da comunidade de Montes; María, Natalia e Carmen, da empresa RAC- Rock Art Conservation S.L.  ou Álvaro, profesor da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais coas súas estudantes voluntarias Rocío, Sandra, Natalia e Carmen.
Grazas a ese traballo conxunto conseguiron que o que era un espazo case perdido e esquencido no alto do monte de Mougás volva, agora, a recuperar o seu esplendor de antano. A limpeza das estruturas sacou a relucir varias estacións de petróglifos, algúns case únicos en Galicia, en forma de media espiral, e uns foxos e parapetos propios dunha impoñente fortaleza castrexa.
Fonte: Galicia Confidencial