O Álbum da Ciencia do CCG achéganos á vida e obra de máis de douscentos científicos da nosa terra

Estes días de celebración tecnolóxico-científica (xa estamos nas celebracións da Semana da Ciencia e mañá celébranse importantes actividades do Día da Ciencia en Galego nos centros educativos) colle especial pulo o Álbum da Ciencia, unha enciclopedia virtual galega cuxa principal toma de contacto coa comunidade internauta celebrouse hai máis dun ano pero que retomamos agora co obxectivo de ir dando conta (estes días) das principais achegas da nosa Rede ao proceso divulgador. A iniciativa, que vén da man do Consello da Cultura Galega, tivo o seu xermolo no Diccionario histórico de científicos galegos, cuxa elaboración foi un dos obxectivos básicos do Grupo de Traballo de Historia das Ciencias constituído en 1987 (Seminario de Estudos Galegos).

Semellantes arelas foron as que levaron ao CCG, en 2007, a crear o Álbum da Ciencia, un espazo destinado a recoller as biografías dos principais protagonistas da nosa investigación científica. O proxecto cobrou nova vida estes últimos anos, cunha “nova etapa na que atende en exclusiva ao ámbito científico e amplía substancialmente o tramo temporal analizado”. Trátase, en palabras dos seus responsábeis, dunha liña de traballo máis ambiciosa e novidosa, partindo da base de actualizar e reformular fondamente as 201 biografías elaboradas para o devandito Dicionario histórico. “A iso”, sinala o CCG, “engadiuse a incorporación de novas entradas, correspondentes a outros autores, nomeadamente aos que desenvolveron o seu labor entre 1936 e 1970, e as relativas a institucións científicas salientables”. E engade o Consello, facendo mención da metodoloxía seguida: “O principal criterio que utilizamos para a selección de autores foi a relevancia da obra no momento histórico que viviron e o seu vínculo con Galicia”. A idea foi que en 2011 se abordase a revisión e actualización das biografías publicadas en 1993 e 2005. Nun segundo momento, en 2012 afrontouse a incorporación das novas entradas. O resultado final permite ofrecer aos usuarios máis de duascentas biografías online, “unha parte substancial do I+D histórico do país, unha especie de panteón virtual da excelencia científica que proporcionará unha valiosa e actualizable información a públicos diversos”.

Fonte: Codigocero