Os editores galegos ven no libro electrónico unha «oportunidade»

Os editores galegos consideran que o libro electrónico é unha «oportunidade» de futuro en convivencia simultánea coa edición tradicional, a pesar de que, tal e como sinalan os libreiros, as súas vendas son «aínda moi residuais» na Comunidade. «Estamos nun proceso de tránsito, de cambio, temos que apostar pola innovación», asegurou, en declaracións a Ep, o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, con motivo da celebración onte do Día do Libro.

En relación coa introdución en Galicia da edición en formato electrónico, Manuel Bragado evidenciou dous polos de acción. Por unha parte, destacou o «grande esforzo» realizado no ámbito educativo, coa «dixitalización» de materiais a través, en boa medida, do Proxecto Abalar. «Aí é onde se están a invertir a maior parte dos esforzos», explicou. Non obstante, fixo fincapé no desenvolvemento tamén importante da edición galega externa ao material curricular, un crecemento relevante porque se está a desenvolver «sen ningún tipo de axuda pública».

«Galicia non pode quedar fóra deste proceso, que é imparable», sinalou Manuel Bragado, que apostou, de cara ao futuro, por unha situación «híbrida» na que «convivirán ambos os dous soportes». Ademais da «coexistencia» do papel e o formato electrónico, o presidente da AGE instou a ver este cambio como unha modificación «non dos soportes, senón da lectura e a forma que a sociedade ten de acceder aos contidos e á creación literaria».

Con todo, a pesar da evolución da edición en formato dixital, Bragado recoñeceu que se trata dun proceso máis ben a nivel empresarial, dado que as vendas, tanto en Galicia coma en España, son «testemuñais».

Na mesma liña, o presidente da Federación Galega de Libreiros, Xurxo Patiño, recoñeceu a edición dixital como «emerxente», aínda que, «a día de hoxe» é «residual» en materia de vendas. «As porcentaxes de comercialización son baixas en España e en Galicia aínda moito máis», sentenciou Patiño, que cifrou as vendas nun 2% do total en Galicia. Entre os problemas do proceso de dixitalización, os libreiros alertan de que a maior parte dos libros que se consumen en formato dixital «son piratas».

Fonte: ABC