Día Mundial do Medio Ambiente
Cada 5 de xuño desde 1972 celébrase o Día mundial do Medio Ambiente. A data foi establecida pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na Conferencia de Estocolmo, co Medio Humano coma tema principal. O mesmo día, a Asemblea Xeral da ONU aprobou tamén a creación do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA).
A través do Día Mundial do Medio Ambiente a ONU tenta sensibilizar á opinión mundial con respecto ás problemáticas ambientais, intensificando a atención e a acción política e co obxectivo principal de motivar ás persoas para que se transformen en axentes activos do desenvolvemento sostible e equitativo; promover o papel fundamental das comunidades no cambio de actitude cara os temas ambientais, e fomentar a cooperación e solidariedade entre os países, para garantir así que tódalas as persoas e as nacións podan gozar dun futuro prospero e seguro.
O Día mundial do Medio Ambiente da pé á realización de múltiples actividades: concentracións, concertos, actividades escolares, plantacións de árbores, campañas de reciclaxe e de limpeza, entre outras moitas.
Alén máis, é un suceso que desperta o interese da prensa e os medios audiovisuais acerca do ambiente e que leva á celebración de múltiples actividades.
A celebración é unha oportunidade de asinar ou ratificar convenios internacionais e, ás veces, establecer estruturas gobernamentais permanentes relacionadas co manexo ambiental e a planificación económica.
A desforestación os Desertos e a Desertización , o Desxeo ou a consecución dunha economía baixa en carbono, foron algúns dos temas tratados neste evento ao longo dos anos… por desgracia non faltan motivos para continuar a celebralo e a demandar a atención dos organismos públicos, dos gobernos e da poboación en xeral, sobre cuestións vitais para a subsistencia do planeta e de cantos nel habitamos.
A conciencia real dos problemas ambientais e a nosa aportación para eliminalos ou amortecelos é fundamental: a nosa actitude diaria, a presión que exerzamos para que se tomen en consideración os problemas e se aporten solucións efectivas e duradeiras por parte dos nosos gobernantes, fará posible que o mundo siga a ser habitable. Un dia de conmemoración semella algo fútil, pero menos é nada: aproveitémolo para deixarnos ouvír e actuar, reivindicando accións concretas, solucións reais, fondos para solventar os problemas: é moito máis importante que salvar os beneficios dos banqueiros.
Texto: Calros Silvar