O Museo do Pobo Galego aborda a problemática demográfica nos Foros Natalidade e Vellez en Galicia

Cómpren persoas para facer un pobo. A cultura ten un soporte material de transmisores e de consumidores que somos nós. O perigo da desaparición física dos galegos como colectivo motivou ao Museo do Pobo Galego a abordar a nosa problemática demografía nos Foros Natalidade e Vellez en Galicia. Continuamos a nosa serie sobre o fenómeno poboacional a repasar co coordinador destes encontros as principais cuestións que se abordaron nos mesmos.

“Se non hai xente non hai pobo. Moita xente identifica a idea de Galicia co territorio ou cos símbolos, pero Galicia é basicamente a súa xente”. Así resume Manuel Blanco, coordinador dos foros, o interese desta entidade por abordar a problemática demográfica do país. A proposta fai parte das actividades que o Museo desenvolve a través do Instituto de Estudos da Identidades, co que pretende desenvolver unha serie de debates sobre cuestións importantes para a sociedade. En total foron sete encontros nas cidades galegas, que transcorreron entre abril de 2012 e o pasado mes de xaneiro. “A nosa perspectiva foi non restrinxir o debate a especialistas, tentamos que houbese pluralidade e acoller a perspectiva da xente como a que vén da medicina ou a xeriatría, que é moi enriquecedora de xorde un traballo de campo moi intenso coa xente”, lembra Blanco. O agro, o mundo da empresa, a medicina, a perspectiva das nais e das familias ou a dos sindicatos compartiron mesas con economistas, antropólogos ou sociólogos.

Múltiples causas

A busca de achegas plurais que se produciu neste ciclo deu tamén unha multiplicidade de posibles causas e, sobre todo, o convencemento de que non se pode atopar unha única explicación á situación galega a nivel poboacional. “A conclusión clara é que non hai unha causa única, senón que é un complexo no que pode haber tantas como grupos sociais hai no país. Non se pode esquecer que a nosa sociedade, como todas, é plural”. Canda a isto, apunta que a grande “coincidencia básica foi non entender como non se contempla este tema como un problema básico pola sociedade, aínda que houbo tamén que negou a gravidade da cuestión ou seu carácter estrutural”, advirte o coordinador.

Economía e historia

Nos encontros repasáronse as múltiplas causas que se adoitan relacionar co devalo demográfico común ao mundo occidental. “Unha maioría de xente enfoca disto desde unha vertente económica, e sitúa as causas na situación socioeconómica e laboral. Aínda que pode ter influencia, debemos pensar que nos mellores momentos da economía galega, antes da crise, tamén había pouca fecundidade”, lembra Blanco. Nesta mesma liña, tampouco hai unha correlación clara entre posición socioeconómica e fecundidade. “Sábese que os profesionais liberais con altos ingresos non teñen moitos fillos, e non están limitados por problemas económicos, aínda que pode ser que se vexan limitados por unha alta dedicación ao traballo e o factor tempo. E logo acontece que a xente cando ten cartos quere gozar deles e ten outras prioridades”. Fonte a isto, a economía si semella actuar como elemento limitador da fecundidade noutros casos. “A estabilidade vese cono un factor importantísimo noutros grupos. E aí está tamén a dificultade de compatibilizar maternidade e traballo. Os horarios do sector comercio, por exemplo, fano moi complicado”. Buscando as causas na historia, apareceu a influencia da emigración e a sangría en termos de poboación que supuxo, para explicar o devalo demográfico do país. “No entanto, lugares que tiveron taxas de emigración maiores, como Irlanda, Italia ou mesmo o Norte de Portugal, non están tan mal coma nós”.

O espazo cultural

“Logo de asistir a todas as mesas aínda lle dou voltas á cuestión de por qué, sendo tan parecidos a outras sociedades obtemos estes resultados”, recoñece Blanco. “Ten que haber un factor cultural, moita xente chegou a esta conclusión e eu mesmo quedei convencido. Se a analizar factores económicos, laborais ou outros parámetros vese semellanza con outros países e en troques hai peor fecundidade, entón pode haber un factor cultural, aínda que algo etéreo e que non se sabe o que é”, explica. “Tivemos propostas de xente vencellada ao mundo da socioloxía e da etnografía, pero non deron identificado unha causa motriz”. Dentro das intervencións do foro nesta liña houbo quen sinalou a influencia do dereito sucesorio tradicional. “Temo unha especie de herdanza cultural que premiaba a concentración dos bens nun só herdeiro. Entón isto provocaba que en moitas zonas de Galicia houbese unha tradición de varóns que ficaban solteiros. Canda a isto, tamén se daba un éxodo de mulleres maior que os homes, que se sentían máis vencellados á terra por seren vinculeiros. Entón isto pode ser unha explicación plausible para certas comarcas do país”.

A mudanza social

De xeito paralelo, ao baleirado demográfico, parte das intervencións nos Foros do Museo do Pobo coincidiron en sinalar o acelerado éxodo rural que se deu no noso país e que si constitúe un elemento diferencial a nivel social e cultural a respecto doutras áreas. “Trátase dun fenómeno que noutras zonas de Europa se deu ao longo de todo un século, pero aquí o transvase concentrouse en practicamente trinta anos. Nos anos 60 o 40% da poboación estaba ligado ao sector primario, e en tres décadas a situación homologouse con Europa nese sentido. No entanto, Blanco advirte que “falamos de dous fenómenos que están correlacionados pero non de xeito exacto. Por unha banda está a caída da natalidade e pola outra o éxodo rural, que aínda que sexa máis agudo, non deixa de ser un fenómeno xeneralizado en toda Europa. Pódense relacionar como as taxas de mortandade e o tabaco. Teñen que ver, pero non toda a xente morre do tabaco”.

O éxito do avellentamento

Noutra liña, nos foros salientouse de xeito especial, sobre todo da man de profesionais da xerontoloxía e da sanidade, que o avellentamento en si non é un problema. “O avellentamento é un medidor de éxito social. Que teñamos unha esperanza de vida maior do que o estándar europeo desenvolvido resulta un éxito socioeconómico no noso país superior do que a renda per cápita. Iso implica que temos un xeito de organización que garante máis esperanza de vida”. No entanto recoñece que “o problema xorde se non podemos darlle a toda esa xente os servizos que merecen”.

Efectos da mingua na cultura

Como efectos directos da mingua demográfica, o coordinador dos foros advirte sobre a dimensión da sustentabilidade da nosa cultura. “Para a industria editorial, por exemplo, a redución acelerada da masa de potenciais clientes resulta un drama. Chegará un momento no que será imposible soster unha industria que se autofinancie, porque o espectro de xente que poida interesada neses produtos será cada vez menos. E o mesmo acontece co audiovisual, cómpre pensar necesariamente nos mercados exteriores, recorrer a unha demanda ficticia sostida en boa medida por fondos públicos non é unha opción de longo percorrido”. De xeito semellante, os riscos dunha desaparición como colectivo está como fondo de todo o debate. “Cómpre ir pensando nos fenómenos da identidade como pode ser a inmigración. A Galicia do futuro, desde logo, non será a de hoxe, tampouco desde o punto de vista demográfico”, explica. “Hai quen sostén que o fenómeno non é tan preocupante porque sinalan que a natureza se autorregulará, como acontece cos seres vivos. Segundo esa lóxica, nós desapareceremos, e virá outro colectivo que se instalará aquí. O pobo precisa xente, iso é algo evidente”.

Peso político

Canda a isto, apunta a perda do peso do noso país no conxunto do Estado. “Estamos a perder deputados en Madrid a un ritmo dun menos cada dúas lexislaturas desde 1977. Isto, canda a integración plena como cidadáns de 4 ou 5 millóns de inmigrantes que acabarán obtendo a nacionalidade suporá unha influencia cada vez menor sobre as políticas públicas. Segundo o país vai avellentando faise cada vez máis feble e dependente, con menos posibilidades de ter unha identidade vizosa no futuro”.

Conclusións

Sobre o futuro do país á luz destes datos, Blanco apunta que “se non fósemos optimistas non fariamos nada disto. Cómpre facer exame de consciencia, pór esta cuestión sobre a mesa para que a sociedade pense, porque este problema non se amaña só con medidas políticas. As institucións non se poden meter na vida privada da xente, e moitas das decisións sobre a reprodución son individuais. Implica unha mudanza de actitudes”. Logo dos diferentes encontros, a coordinación dos foros artellou unha xuntanza en Compostela a xeito de primeiras conclusións ás que se convidou a todos os participantes. “Viñeron os que se puideron achegar, non podemos esquecer que todo este traballo foi de balde”, lembra Blanco. A seguinte fase é pór nun libro, que se prevé editar para o vindeiro outono, as intervencións e conclusións do encontro, “de xeito que fique como peza de debate para o futuro”.

Fonte: Culturagalega