Ramón Nicolás e Begoña Caamaño gañan os premios AELG de ensaio e narrativa
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este sábado a súa Gala das Letras, na que volveu entregar os premios ás mellores obras publicadas durante o último ano logo da elección dos gañadores realizada polos 420 socios da agrupación.
Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, recibiu o premio á mellor obra narrativa. Un novo premio para o segundo libro da autora, tras os da Asociación Galega de Editores, o Premio da Crítica Española e o Losada Díeguez. Ademais, o Caderno da Crítica, de Rramón Nicolás, foi elixido como o mellor blog literario. O autor tamén foi o gañador na categoría de ensaio por Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro.
En canto ao galardón do xornalismo cultural, a premiada foi Ana Romaní, en recoñecemento á súa traxectoria na radio desde o Diario Cultural da emisora pública e que leva emitindo desde 1990. No de tradución, Darío Xohán Cabana por Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Petrarca. Banqueiros, de Edicións Laiovento, foi o distinguido no apartado de teatro.
Por outra banda, no apartado de poesía, o premio foi ex aequo para Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, e Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal, mentres que como mellor obra de literatura infanto-xuvenil foi escollida O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas.
Tamén se concedeu por primeira vez o galardón Mestres e Mestras da Memoria, un recoñecemento que foi para Manuela Cortizo Medal e Ángel Rivas Veiga pola súa “dedicación exemplar á transmisión oral dos saberes e valores da nosa cultura popular tradicional”, segundo xustificou o xurado.
Os humoristas gráficos Siro López, Xaquín Marín, Pepe Carreiro, O Carrabouxo e Gogue levaron a distinción Bos e Xenerosos, mentres que Lídia Jorge recibía a súa distinción de Escritora Galega Universal. Por último, as asociacións culturais que naceron nos anos 60 e 70 e que continúan vivas foron merecedoras do Premio Institucións por contribuír á divulgación da lingua e a cultura.
Fonte: Praza