A Barrié suspende o Festival de Jazz e o Concerto de Reis

Os devotos do jazz en Galicia quedan sen a gran referencia das últimas décadas. O festival que desde hai 17 anos organizaba a Fundación Barrié baixou o pano. A entidade decidiu cancelar temporalmente as súas dúas grandes citas musicais, o Concerto de Reis e o Festival de Jazz, para centrar os seus esforzos nas áreas de acción social e educación.

Desde a fundación subliñaron onte que ante «a gravísima situación que atravesa a sociedade galega, que está a comezar o sexto ano de crise», decidiron revisar as prioridades da súa programación. Tamén recalcaron que se trata dunha suspensión temporal e que non se debe a un recorte nos orzamentos da entidade (no 2013 manterase a cifra de 12 millóns de euros do actual exercicio), senón a unha reasignación dos fondos. «Isto suporá un reforzo das actividades vinculadas á educación, o fomento do talento e a acción social, e a suspensión temporal de actividades non tan prioritarias nesta conxuntura, como os concertos», explicaron fontes da entidade.

Na edición deste ano o Festival de Jazz ofreceu actuacións de Matthew Simon, Patti Austin, Robert Glasper, Steve Kuhn e Chico Freeman na Coruña, Vigo e Lugo. En anteriores citas o certame incluíu concertos xa históricos, como os de Chick corea, John McLaughlin, John Zorn, Diana Krall ou o mesmísimo Woody Allen, que se deixou caer no 2008 por Galicia co seu clarinete e a súa banda de jazz.

O Concerto de Reyes, que tradicionalmente organizaban a fundación e o Banco Pastor nas vésperas do 6 de xaneiro, reunía no Palacio da Ópera da Coruña á Orquestra Sinfónica de Galicia e a destacados solistas internacionais. En xaneiro do 2011 o invitado foi Michael Nyman.

Fonte: La Voz de Galicia