Autores galegos visitan o Saló del Còmic de Barcelona

Unha nutrida representación da banda deseñada galega visitará o Saló del Còmic de Barcelona que arrinca mañá. O evento contará, por suposto, con Miguelanxo Prado e David Rubín, que optan ao premio á Mellor obra de autor español publicada en España en 2012. Os dous autores participarán en diferentes sesións de sinaturas e actividades no evento, e Rubín ademais participará nas IX Jornadas Comiqueras SD/FNAC que se celebran en paralelo ao evento.

Pola súa banda, Lola Lorente e José Domingo achéganse ao encontro onde protagonizan senllas exposicións monográficas e asinarán exemplares dos seus traballos en diferentes postos.

A buscar novas oportunidades profesionais, visitarán o Saló tamén Norberto Fernández, Alex Cal ou Xermánico. Kiko da Silva tamén se achegará ao evento cos seus alumnos da escola de BD O Garaxe Hermético. A intención da visita é participaren nas actividades de formación e aulas maxistrais que se programan neste evento, así como coñecer diferentes autores e editores. Da Silva participa na exposición sobre o Western que se poderá ver no Saló. David Braña, pola súa banda, asinará exemplares das revistas El arca de las historietas e Cthulhu, nas que colabora con historias cortas.

Un clásico da zona de fanzines do evento como é Mariano Casas declinou este ano a súa presenza. Casas estará cos seus traballos en Graf, encontro de cómic de autor e edición independente que se celebra por vez primeira este ano na Cidade Condal.

Fonte: Culturagalega