Literatura, música e terra na Praza dos Libros de Carballo

Festa das letras en pleno agosto.

Dende este xoves e ata o domingo día 25 o Xardín Municipal de Carballo acolle unha nova edición da Praza dos Libros, a feira da creatividade que pretende achegar a cultura “a pé de rúa” durante catro días. Desta volta a Praza dos Libros “conta con dous autores de maior proxección e recoñecemento da literatura galega” e “coas dúa scantantes máis internacionais e de maior proxección”, explican dende a organización: Manuel Rivas e Xosé Neira Vilas, por unha banda, e Mercedes Peón e Uxía Senlle, pola outra.

A escritora María Canosa será a encargada de pregoar a feira ás 13:00 horas do xoves e dende ese momento botará a andar un programa que presta especial atención ao público infantil, con actividades como contos, a Ciclobiblioteca, teatro con grupos como Migallas ou Fantoches Baj ou o espectáculo Rosalía pequeniña. O público adulto poderá gozar, máis contra o serán, por exemplo, da música da galego-palestina Najla Shami e o seu disco Na lingua que eu falo.

O domingo repetirase a experiencia ‘Un libro, un pan’ e a compra do libro implicará o agasallo dun pan de Carballo

Música e espectáculo convértense así en boa compaña para as verdadeiras protagonistas: as letras. Recitais, presentacións de libros ou sinaturas sucederanse ao longo de toda a feira con autores e autoras como Paco Souto, Rosalía Fernández Rial, Xosé Pumar Gándara ou os devanditos Rivas e Neira Vilas. “Hai que se alimentar coa palabra, mais tamén con patacas, queixo, froita…”, advirten dende Carballo. Por iso, explican, “ao lado dos libros estarán os mellores produtos da zona”, xa que o día 22 e o 25 “a Praza dos Libros convivirá coa Feira Tradicional de Carballo” e “os libros virán cun paz debaixo do brazo”, xa que “durante toda a maña’do domingo repetirase por oitava vez a experiencia Un libro, un pan, e todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pan de Carballo”.

Fonte: Praza Pública