Manuel Rivas e X. M. Pereiro “resucitan” a revista Luzes
Na historia de xornalismo hai cabeceiras que teñen varias vidas. Reencárnanse, toman novos formatos, collen folgos e botan a andar de novo. Manuel Rivas e X. M. Pereiro animan a saída de “Luzes” unha revista mensual que quere ser “un ecosistema favorábel para o xornalismo”
O escritor e xornalista Manuel Rivas non tardou na presentación do novo proxecto editorial na Feira do Libro da Coruña en evocar o espírito de Loia. Tendo a X. M. Pereiro á beira era fácil que a memoria persoal remitise a aquel momento inicial na que os dous, en Madrid, botaban a andar aquela revista literaria-cultural de poucos números e moito entusiasmo. Son outros tempos, pasaron anos, mais Rivas e Pereiro volven animar a saída dunha nova cabeceira, como cando eran estudantes, como cando o xornalismo non era só un desexo senón tamén un proxecto de futuro. “O fracaso é non facer nada, non fracasa quen non se arrisca” dixo Manuel Rivas e esa é explicación que xustifica idear un proxecto en papel, en galego e para ler de vagar en tempos nos que a crise convida ao pesimismo.
“O fracaso é non facer nada, non fracasa quen non se arrisca” dixo Manuel Rivas
Loia na memoria, mais tamén, e de maneira especial, Luzes de Galicia, aquela revista dirixida por Rivas que tiña sede no Centro de Información de Isaac Díaz Pardo e que estaba conducida polo seu mesmo espírito libertario e “conservador” -de consevar o bo, o patrimonio, o medioambiente, a lingua…-, como a revista defendera na súa liña editorial. Referencia de igual maneira á desaparecida sección cultural da edición galega de El País, con que compartía iluminador título.
Presentouse na Coruña o número 0 que definiron como un exemplar inicial particular que non queren considerar definitorio. Sen embargo, apunta maneiras. Tratarase dunha revista mensual, con xornalismo de calidade e demorado, non para facer e ler ás presas, sen os límites que fragmentan e reducen os textos. Se unha reportaxe ou unha entrevista merece oito páxinas, pois terá oito páxinas afirmaron os promotores. “Trátase dun primeiro paso dun proxecto a construír entre todos, xornalistas, libreiros, inversores e sobre todo lectores” comentou X.M. Pereiro para quen Luzes responde á “perda de autoestima e confianza do xornalismo” e buscará convencer a quen quere “que lle conten cousas distintas”.
“Trátase dun primeiro paso dun proxecto a construír entre todos, xornalistas, libreiros, inversores e sobre todo lectores” comentou X.M. Pereiro
“Non estamos pretendendo encher ningún grande baleiro. Queremos intervir no proceso fronte á fatalidade, ao pesimismo aportando os nosos depósitos de esperanza” dixo o autor de A corpo aberto, o seu libro de xornalismo “indie” que ten na edición en español unha capa ilustrada cunha foto de Manuel Vilariño da mesma serie que a portada do número 0 de Luzes. Nos dous casos, unha muller co torso núo mirando á fronte de maneira decidida e porta sobre a súa cabeza material de traballo, na maneira tradicional de trasladar pesos. Para o escritor, o xornalismo non está en crise e diso dará conta Luzes, unha aposta por “combater a suspensión das conciencias”, explicado en vocabulario propio de Rivas.
Se Rivas e Pereiro se presentan como directores da nova publicación, o coordinador é o xornalista Iago Martínez, director tamén do programa radiofónico cultural Disimulen. Martínez falou do número 0 como “prototipo” co que se está a testar case todo, desde os materiais á organización dos contidos. Será unha revista de información xeral cunha importante sección de cultura que responde ao título de “República”.
Iago Martínez falou do número 0 como “prototipo” co que se está a testar case todo, desde os materiais á organización dos contidos.
Contan que as subscricións, as vendas, o apoio publicitario e a colaboración dalgunhas empresas abonden para que a conta de resultados permita longa vida a Luzes. O que si quixeron deixar claro é que a eles tres, o proxecto lles “presta”, teñen “alegría” de botalo a andar e, cos tempos que corren, iso é, ao seu ver, un valor en alza.
Luzes nace cun consello de redacción no que se atopan, entre outros, Tati Mancebo, Manuel M. Barreiro, María Yáñez, Juan Janeiro, Antón Lado ou Julio Gómez e un consello editorial con Antón Patiño -tamén “descendente” de Loia-, Xoán Antón Pérez-Lema, Fermín Bouza, Lino Braxe, Xabier Seoane, Jonathan Dunne, Martine Siber, Ramón Chao, Débora Campos ou Suso Iglesias.
Fonte: Sermos Galiza