A calculadora, o futbolín e ata o primeiro libro electrónico se inventaron en Galicia
Galicia é terra de inventores e os feitos confírmano. Desde o futbolín ata o primeiro libro electrónico, os galegos demostraron saber adiantarse ao seu tempo e facer realidade aparellos -rudimentarios na súa esencia- que a día de hoxe seguen de plena actualidade. Un dos máis descoñecidos é o caso da primeira calculadora, obra dun veciño da Estrada chamado Ramón Verea e cuxo primeiro modelo consérvase na sede das oficinas de IBM en Nova York. A Calculating Machine pesaba 22 quilogramos, estaba construída en ferro e aceiro amarelo e servía para facer multiplicacións e divisións.
Ao nivel do mítico Alejandro de Fisterra e do pontevedrés Verea debe estar tamén unha muller visionaria, Ángela Ruiz Robles. En 1949, esta profesora de escola ferrolá ideou un complexo libro, antecesor das tabletas actuais, que funcionaba a través duns carretes e que permitía aos seus alumnos alixeirar o peso das súas mochilas e enfrontarse á aprendizaxe dun modo máis ameno. Revolucionario no seu momento, o invento -que agora se pode visitar na sede do Museo de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña (Muncyt)- mostraba os seus contidos baixo unha lámina irrompible que ata incorporaba luz para que puidese lerse na escuridade.
Pero a contribución dos galegos ao mundo dos inventos non decae e na actualidade son moitos os que saltan aos titulares da prensa polas súas innovadoras ideas. É o caso dun galego que ideou un sistema para evitar atropelos. Trátase dun sistema que eleva un pivote cando o semáforo se pon en vermello e que blinda o paso de peóns impedindo que o vehículo invada este espazo. Diversos colectivos aplaudiron xa unha idea que, só na Comunidade galega, evitaría máis de 30 mortes ao ano.
O pasado ano, 188 galegos presentaron as súas solicitudes de patente ante a Oficina Española de Patentes e Marcas. A maior parte das invencións que se rexistran na Comunidade son froito do traballo de persoas anónimas que non están vinculadas ao mundo da empresa.
Fonte: ABC
Foto: A primeira calculadora inventada por Ramón Verea. Galicia Espallada