A banda de Vilagarcía traduce unha obra do galego ao castelán «para que se entenda»

O concerto que a banda de música de Vilagarcía ofreceu o domingo, 30 de decembro, no auditorio municipal pasará aos anais da capital arousá por máis dunha razón. Para empezar, porque rompeu a tradición de gratuidade deste tipo de eventos, posto que o público tivo que pagar unha entrada de 3 euros por cabeza. Pero, sobre todo, gañará transcendencia polo ocorrido cos Heroes do Orzán, un poema musicado que a agrupación incluíu no programa. A pesar de que a peza foi concibida e desenvolvida en galego, o director da banda, Suso Nogueira, decidiu traducila ao castelán. A razón que comunicou ao seu compositor, Antón Alcalde, á hora de xustificar tan drástico cambio foi, segundo o músico rianxeiro, a seguinte: «Dixo que era para que se entendese mellor».

O propio Nogueira quixo restar onte importancia á tradución dunha obra composta por encargo da banda de música da Coruña. É máis, na súa opinión profundar neste asunto non constitúe máis que un exercicio de «buscar polémica» de forma gratuíta. En calquera caso, o técnico, que dirixe tamén a escola municipal de música, explica que a súa intención, ao envorcar a parte literaria da peza ao castelán, era «adaptala ao tipo de público que asistía a un concerto destas características». Penetrándose no terreo da sociolingüística cunha peculiar teoría debaixo do brazo, o director distingue entre os espectadores «adoitados ao galego», aducindo o exemplo da peza infantil Pedro e ou Lobo, e aqueles que non gozan de suficiente familiaridade co idioma para o que Cunqueiro quixo gañar mil primaveras máis. Entre estes últimos, Suso Nogueira situaría, seguindo a súa liña argumentativa, aos asistentes á interpretación do Nadal.

Chama a atención o feito de que, a diferenza do acontecido en Vilagarcía, Os Heroes do Orzán estreásese o 4 de novembro no Palacio da Ópera da Coruña respectando escrupulosamente o orixinal en galego. A súa escenificación prolongouse durante unha semana, a fin de que os alumnos dos centros escolares da cidade coñecesen a obra. Nela, Antón Alcalde debuxa unha homenaxe musical aos tres policías nacionais que faleceron hai un ano no areal coruñés ao intentar salvar a vida dun mozo. Deseñada para unha agrupación sinfónica, a peza acompáñase dunha narración da traxedia, a mesma que Nogueira traduciu.

Fonte: La Voz de Galicia

Foto: Banda de Vilagarcía na súa web.