VIAXE A NINGUNHA PARTE de SARABELA TEATRO e TOKIO 3 de VOADORA son as favoritas dos MARíA CASARES

O pazo da Peregrina en Bertamiráns volveuse vestir de gala para acoller unha nova edición da Festa dos nomeados, unha celebración na que se coñecen os finalistas dos premios María Casares. Son eses galardóns que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia convoca para premiar a mellor produción teatral do ano. As grandes favoritas para a XVII edición deste certame son, dunha banda, Viaxe a ningunha parte de Sarabela teatro, con dez candidaturas; e da outra, Tokio 3 de Voadora con nove.

Onte foi un día redondo para Voadora, o seu espectáculo Tokio 3 co que pechaba unha triloxía sobre o tempo e os lugares comúns, era finalista a premio Max como mellor espectáculo revelación. E horas despois, recibía outras nove candidaturas dos seus compañeiros de profesión por esa mesma montaxe. Entre elas, as máis cotizadas, mellor dirección e mellor espectáculo. Enfronte terá un duro rival, xa que unha das compañías máis laureadas da nosa escena, Sarabela Teatro, acumula dez candidaturas, tamén a mellor dirección e mellor espectáculo.

Por detrás están O método Ghönholm, a adaptación da coñecida obra de Jordi Garcelán, que opta a cinco galardóns (entre es mellor dirección e mellor actor protagonista); e Galicia Caníbal, o musical de FIlmanova Invest, dirixido por Quico Cadaval, que opta a tres galardóns (mellor maquillaxe, mellor vestiario e mellor actor secundario).

Optan a mellor actriz Marta Pazos (Tokio 3), Marián Bañobre (Pequenos actos pseudorrevolucinonarios…), Iolanda Muíños (Malos hábitos), Camila Bossa (Malos hábitos), Ana Santos (Desfeitos). E a mellor actor, Artúr Trillo (O método Ghönholm), Hugo Torres (Tokio 3), Manuel Manquiña (A Función do Tequila), Víctor Mosqueira (Románticos! e Xosé Manuel Olveira “Pico” por Kafka e a boneca viaxeira.

En total son 17 espectáculos os que optan a algunhas das xerras que se entregarán o vindeiro 27 de marzo, Día Mundial do Teatro. Será no Teatro Rosalía de Casto da Coruña coa retransmisión da Televisión de Galicia.

Fonte: Culturagalega

Foto: Gabriel Tizón. NOMEADOS XVII PREMIOS TEATRO MARÍA CASARES. 27-02-13